Ciclo menstrual

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ciclo menstrual.

O ciclo menstrual é o conxunto de cambios fisiolóxicos dunha muller fértil que teñen como obxecto facilitar a reprodución sexual e fertilización do óvulo. Os cambios afectan o estado dos ovarios, útero e outros órganos, están controlados hormonalmente e teñen unha periodicidade aproximadamente mensual. Os contraceptivos hormonais interfiren cos cambios hormonais do ciclo para así impediren a concepción.

O ciclo menstrual divídese xeralmente en tres fases: a fase folicular, a fase ovulatoria (ovulación) e a fase lútea; aínda que outras fontes falan de fase de menstruación, proliferativa e secretora.[1] O ciclo menstrual empeza a contarse desde o primeiro día de sangrado menstrual.

Despois da menstruación o estímulo de cantidades gradualmente maiores de estróxenos na fase folicular fai que o fluxo da menstruación se faga menor e se deteña, e que o endometrio que reviste o útero engrose. Os folículos ováricos empezan a desenvolverse baixo a influencia dunha complexa interacción de varias hormonas, e despois de varios días un deles (ocasionalmente dous) faise dominante, entanto que o resto dos folículos (non dominantes) que se empezaron a desenvolver se atrofia e morren. Aproximadamente á metade do ciclo, entre 24 e 36 horas despois de que apareza un pico de hormona luteinizante (LH), o folículo dominante libera un óvulo, fenómeno denominado ovulación. Despois da ovulación, o óvulo só vive 24 horas ou menos se non é fertilizado, e os restos que quedan do folículo que ovulou convértense no corpo lúteo. O corpo lúteo ten como misión principal a produción de grandes cantidades da hormona proxesterona. Baixo a influencia da proxesterona, o endometrio (revestimento uterino) sofre unha serie de cambios para prepararse para unha posible implantación do embrión e o establecemento do embarazo. Se non ten lugar a implantación nun prazo de dúas semanas, o corpo lúteo dexenera, causando unha aguda caída dos niveis de proxesterona e estróxenos, e isto provocará o desprendemento da capa superficial do endometrio e o sangrado, proceso chamado menstruación, que dá comezo a un novo ciclo.

No ciclo menstrual os cambios que se observan afectan a diversas partes do aparato reprodutor feminino, mais tamén a outros aparatos (cambios nos peitos ou no estado de ánimo, por exemplo).

Menarquia e menopausa[editar | editar a fonte]

A primeira menstruación dunha muller denomínase menarquia, e ocorre xeralmente entre os 12-13 anos como media. Por exemplo, segundo un estudo de 2008 a idade media da menarquia en España era de 12,43 anos[2], e un estudo de 1980 indica que en Galicia a menarquia producíase como media aos 12,7 anos (e algo antes nas zonas urbanas ca nas zonas rurais) [3] ; dita media en EEUU é de 12,5 anos,[4] en Canadá de 12,72,[5] en Reino Unido de 12,9 anos [6] e en Islandia de 13,06 ± 0,10 anos.[7] Factores como a herdanza xenética, dieta e saúde xeral poden acelerar ou atrasar a menarquia. [8]

O fin da fase reprodutiva dunha muller denomínase menopausa, que ten lugar xeralmente entre os 45 e 55 anos. A media nos países industrializados é de 52 anos e a menopausa antes dos 45 considérase prematura. [9] A idade da menopausa está en gran medida influída por factores xenéticos, pero as enfermidades, certas operacións cirúrxicas ou tratamentos médicos poden causar que a menopausa apareza antes. [10]

Duración do ciclo[editar | editar a fonte]

Aínda que moita xente cre que o ciclo menstrual medio é de 28 días exactos, un amplo estudo de máis de 30.000 ciclos en 2.300 mulleres indicou que o ciclo medio era de 29,1 días cunha desviación estándar de 7,5 días e un 95% de intervalo de confianza entre os 15 e 45 días. [11] Nese estudo, o subconxunto de datos con ciclos con duracións entre 15 e 45 días considerados por separado daban unha duración media de 28,1 días cunha desviación estándar de 4 días. Un estudo menos amplo de 140 mulleres realizado en 2006 encontrou que a lonxitude media do ciclo era de 28,9 días. [12]

A duración do ciclo menstrual dunha determinada muller varía normalmente, e pode ter algúns ciclos curtos e outros longos. É raro que unha muller teña variacións na duración dos seus ciclos de menos de catro días, xa que é normal unha certa variación. Unha muller con variacións de menos de 8 días entre os seus ciclos máis longos e os máis curtos considérase que ten ciclos menstruais regulares. Xeralmente, unha variación na duración entre 8 e 20 días considérase propia dun ciclo moderadamente irregular. [13] Unha variación de 21 días ou máis considérase xa moi irregular. [13]

A variabilidade da duración dos ciclos menstruais é maior nas mulleres de menos de 25 anos de idade e é menor, é dicir, máis regular, nas idades entre 35 e 39 anos. [11] A variabilidade aumenta lixeiramente para as mulleres que están no segmento de idade entre 40 e 44 anos. [11]

Fases[editar | editar a fonte]

O ciclo menstrual pode dividirse en varias fases. A duración media de cada fase móstrase debaixo na táboa; as tres primeiras están relacionadas con cambios no endometrio, e as últimas tres con procesos que ocorren nos ovarios:

Nome da fase Día medio de inicio
asumindo que o ciclo é de 28 días
Día medio de finalización
Fase menstrual (Menstruación) 1 4
Fase proliferativa (Algunhas fontes inclúen a menstruación nesta fase) 5 13
Fase ovulatoria (Ovulación) 13 16
Fase lútea (tamén chamada fase secretora) 16 28
Fase isquémica 27 28
Fase folicular 1 13

Regulación hormonal do ciclo menstrual.

Menstruación[editar | editar a fonte]

A menstruación, tamén chamada período ou regra, é o fluxo de sangue e restos de tecido que se produce ao inicio dos ciclos. Normalmente é un signo de que a muller non quedou preñada, aínda que en raros casos certos factores poden provocar o sangrado vaxinal en mulleres embarazadas durante o primeiro trimestre de xestación. [14][15]

Niveis das hormonas estradiol (o principal estróxeno), proxesterona, hormona estimulante dos folículos e hormona luteinizante durante o ciclo menstrual, tendo en conta as variabilidades entre ciclos e entre mulleres. [16]

Co termo eumenorrea desígnase a menstruación normal regular, que dura uns poucos días (xeralmente de 3 a 5 días, pero entre 2 e 7 días considérase tamén normal). [17][18] A media de perda de sangue durante a menstruación é de 35 mililitros (entre 10 e 80 mL considérase normal). [19] A causa desta perda de sangue, as mulleres son máis susceptibles á deficiencia en ferro ca os homes. [20] Un encima denominado plasmina inhibe a coagulación do sangue no fuído menstrual.

Son comúns as cambras dolorosas no abdome, costas, ou parte superior das coxas durante os primeiros días da menstruación. Unha dor uterina forte durante a menstruación denomínase dismenorrea, e é moi común entre adolescentes e mulleres novas (afecta a un 67,2% das adolescentes). [21] Cando empeza a menstruación, os síntomas da síndrome premenstrual como dor nos peitos e irritabilidade diminúen xeralmente. [18]

Fase folicular[editar | editar a fonte]

Esta fase tamén se denomina fase proliferativa porque as hormonas causan o crecemento ou proliferación do endometrio uterino durante ela. [22]

Baixo a influencia dun aumento da hormona estimulante dos folículos (FSH) durante os primeiros días do ciclo, estimúlase o crecemento duns cantos folículos ováricos. [22] Estes folículos, que xa estaban presentes no momento do nacemento [22] e que se estiveran desenvolvendo durante case todo un ano (proceso chamado foliculoxénese), compiten uns con outros para facerse o folículo dominante. Influídos por varias hormonas, todos agás un deterán o seu crecemento, e só o que se fixo dominante continuará madurando. Este folículo chega á fase madura na que se chama foliculo terciario ou folículo de De Graaf, e nel está o ovocito que ovulará. [22]

A medida que os folículos maduran, segregan cada vez máis estradiol (un estróxeno). O estróxeno inicia a formación dunha nova capa de endometrio no útero, polo que neste estado se denomina endometrio proliferativo. O estróxeno tamén estimula nas criptas do cérvix uterino a produción de moco cervical fértil, que pode ser detectado pola muller. [23]

Ovulación[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Ovulación.
Ovario a piques de liberar un óvulo.

Durante a fase folicular o estradiol suprime a produción de hormona luteinizante (LH) na adenohipófise. Cando o ovocito está case maduro, os niveis de estradiol atinguen un limiar por encima do cal empezan a estimular a produción de LH. Estas respostas opostas do LH e o estradiol poden deberse á presenza de dous receptores de estróxenos diferentes no hipotálamo: o receptor de estróxenos alfa, que é responsable do bucle de retroalimentación negativa estradiol-LH, e o receptor de estróxenos beta, que é responsable do efecto positivo estradiol-LH. [24] Nun ciclo medio esta ondada de LH comeza arredor do día 12 do ciclo e pode durar 48 horas.

A liberación de LH fai madurar o ovocito e debilita a parede do folículo ovárico, causando que o folículo se desenvolva totalmente e libere o ovocito secundario que contén. [22] O ovocito secundario remata a súa maduración transformándose no óvulo maduro. O óvulo maduro ten un diámetro duns 0,2 mm.[25]

O feito de que a ovulación aconteza no ovario esquerdo ou no dereito parece ser casual, e non se coñece que exista coordinación entre ambos os ovarios. [26] Ocasionalmente, ambos os ovarios poden liberar un óvulo; [26] se ambos os óvulos son fecundados, o resultado é a formación de xemelgos fraternos. [27]

Ao ser liberado do ovario, o óvulo pasa ao espazo peritoneal, onde é recollido polas fimbrias das trompas de Falopio e acaba en ditas trompas. Despois de pasado un día, o óvulo non fertilizado desintégrase na trompa de Falopio. [22]

A fertilización do óvulo polo espermatozoide, se ocorrer, xeralmente ten lugar na parte final máis larga da trompa de Falopio, chamada ampola da trompa de Falopio. Un óvulo fertilizado empeza inmediatamente o proceso da embrioxénese humana. O embrión en desenvolvemento tarda uns tres días en chegar ao útero e outros tres días en implantarse no endometrio. [22] Normalmente, o embrión chegou nese momento ao estado de blastocisto, no cal se implanta.

Nalgunhas mulleres, a ovulación produce unha certa dor abdominal. [18] O súpeto cambio hormonal do momento da ovulación ás veces causa tamén un lixeiro fluxo sanguíneo no medio do ciclo. [28]

Fase lútea[editar | editar a fonte]

A fase lútea tamén se chama fase secretora. Nela é fundamental a actuación do corpo lúteo, o cal se orixinou a partir da transformación dos restos do folículo postovulatorio. O corpo lúteo continúa a medrar durante algún tempo despois da ovulación e produce cantidades significativas de hormonas, especialmente proxesterona. [22] A proxesterona é vital para que o endometrio se faga receptivo á implantación do blastocisto e o manteña durante o inicio do embarazo; tamén ten o efecto de facer aumentar a temperatura basal corporal da muller. [29]

A formación do corpo lúteo debeuse á influencia sobre o folículo postovulatorio das hormonas FSH e LH, e a proxesterona que este produce fai que as glándulas adrenais produzan estróxeno. As hormonas producidas polo corpo lúteo tamén suprimen a produción de FSH e LH, que o propio corpo lúteo precisa para manterse. Como consecuencia da baixada rápida de FSH e LH o corpo lúteo atrófiase e dexenera. [22] Ao dexenerar caen os niveis de proxesterona, o que desencadea a menstruación e o comezo do seguinte ciclo. Desde a ovulación ata o comezo da menstruación adoitan pasar unhas dúas semanas (14 días). Nunha determinada muller a duración da fase folicular pode variar de ciclo a ciclo, pero, polo contrario, a fase lútea ten unha duración bastante constante. [30]

A perda do corpo lúteo non se produce se o óvulo foi fecundado, xa que o embrión resultante produce gonadotropina coriónica humana (hCG), que é moi similar á LH e mantén o corpo lúteo durante uns meses, ata que a placenta tome o relevo na produción de hormonas. Como a hCG é exclusiva do embrión, a maioría das probas de embarazo buscan a presenza desta hormona. [22]

Período fértil[editar | editar a fonte]

O período de maior fertilidade (coa maior posibilidade de embarazo ao ter unha relación sexual) está comprendido entre os 5 días antes da ovulación e 1 ou 2 días despois. [31] Nun ciclo de 28 días con 14 días de fase lútea, isto corresponde co período entre a segunda semana e o inicio da terceira. Ideáronse varios métodos para axudar a que unha muller estime os días relativamente fértiles ou relativamente infértiles dos seus ciclos, chamados métodos contraceptivos naturais. Algúns destes métodos baséanse en medir a duración dos ciclos e denomínanse métodos baseados no calendario. [32] Os métodos que requiren a observación dun ou máis dos tres principais signos de fertilidade (temperatura basal corporal, moco cervical, e posición cervical) [33] denomínanse métodos baseados nos síntomas. [32] Existen tests de urina en farmacia, denominados predictores da ovulación, que detectan a ondada de LH que aparece de 24 a 36 horas antes da ovulación. [34]

A fertilidade tamén depende da idade da muller. [35] [36] Como os gametos dos que potencialmente poderá dispoñer a muller se forman na idade fetal,[37] e algúns son ovulados décadas despois, suxeriuse que esta vida tan longa no corpo pode facer que a cromatina dos ovocitos sexa máis vulnerable ca a dos espermatozoides (que se forman continuamente). Porén, malia o que cabería esperar segundo esta hipótese, obsérvase un efecto similar en homes e mulleres en relación coa idade sobre a fertilidade ou anormalidades nos gametos ou no embarazo.

Efecto sobre outros sistemas corporais[editar | editar a fonte]

Algunhas mulleres con trastornos neurolóxicos experimentan un agravamento dos síntomas nun mesmo momento do seu ciclo menstrual. Por exemplo, a caída menstrual dos niveis de estróxenos desencadea xaquecas, [38] especialmente cando a muller que sofre as xaquecas está tamén tomando a pílula anticonceptiva. Moitas mulleres que sofren de epilepsia teñen máis crises cun patrón asociado co ciclo menstrual; e isto denomínase "epilepsia catamenial". [39] Parecen existir diferentes patróns (como ataques epilépticos coincidentes co momento da menstruación, ou co momento da ovulación), mais a frecuencia coa que ocorren non foi aínda firmemente establecida. Seguindo unha determinada definición do fenómeno, nun estudo atopouse que arredor dun terzo das mulleres con epilepsia parcial intratable tiñan epilepsia catamenial. [39][40][41] Suxeriuse que existe un efecto hormonal, no cal a baixada nos niveis de proxesterona e o incremento de estróxenos desencadearían as crises epilépticas. [42] Recentemente, algúns estudos atoparon que as doses altas de estróxenos poden causar ou empeorar as crises, e as doses altas de proxesterona poden ter un efecto antiepiléptico. [43] Outros estudos publicados en revistas médicas indican que as mulleres que están menstruando teñen unha probabilidade 1,68 veces maior de cometer suicidio. [44]

Os ratos utilízanse como modelo experimental para investigar os posibles mecanismos polos cales os nives de esteroides sexuais hormonais poderían regular o funcionamento do sistema nervioso. Durante a parte do ciclo estral do rato no que a proxesterona está a un nivel máis alto, o nivel do receptor GABA subtipo delta das neuronas é tamén alto. Como eses receptores GABA son inhibirtorios, as neuronas con máis receptores delta é menos probable que envíen impulsos ca os que teñen menor cantidade de ditos receptores. Durante a parte do ciclo do rato no que os niveis de estróxenos están máis altos ca os de proxesterona, o número de receptores delta decrece, incrementando a actividade da neurona, o que aumenta a ansiedade e a susceptibilidade ás crises. [45]

Os niveis de estróxenos poden afectar tamén á tiroide. [46] Por exemplo, durante a fase lútea do ciclo (cando os estróxenos están baixos), a velocidade do fluxo sanguíneo na tiroide é menor ca durante a fase folicular (cando os estróxenos están máis altos).[47]

Antes pensábase que entre mulleres que vivían xuntas en estreita convivencia tendía a sincronizarse o comezo da menstruación. Este efecto describiuse por primeria vez en 1971, e propuxose en 1998 unha explicación para el baseada na produción de feromonas. [48] Pero posteriores investigacións puxeron esta hipótese en cuestión. [49]

Ciclos anormais e outros trastornos[editar | editar a fonte]

A menstruación pouco frecuente ou irregular denomínase oligoovulación. [50] A ausencia de ovulación chámase anovulación. O fluxo menstrual normal pode presentarse sen ir precedido dunha ovulación, é dicir, nun ciclo anovulatorio. Nalgúns ciclos, o desenvolvemento folicular pode comezar pero non completarse totalmente; porén, os estróxenos estimulan igualmente a formación do endometrio uterino. O fluxo anovulatorio orixinado pola descamación dun endometrio moi desenvolvido resultante de niveis de estróxenos altos e prolongados denomínase sangrado en medio do ciclo (estrogen breakthrough bleeding). Os ciclos anovulatorios ocorren xeralmente na menopausa (perimenopausa) e nas mulleres con síndrome de ovario poliquístico. [51]

Un fluxo moi pequeno (menos de 10 mL) denomínase hipomenorrea. Os ciclos regulares con intervalos de 21 días ou menos denomínanse polimenorrea; e a menstruación frecuente pero irregular coñécese como metrorraxia. Os fluxos abundantes súpetos ou cantidades superiores a 80 mL denomínanse menorraxia. [52] As menstruacións abundantes que se presentan de forma frecuente e irregular coñécense como menometrorraxia. O termo co que se denominan os ciclos con intervalos que superan os 35 días é oligomenorrea. [53] O termo amenorrea aplícase cando, en mulleres non embarazadas, en idade reprodutora as menstruacións non se producen nun período de tres [52] a seis [53] meses.

Algúns estudos indican que as mulleres con ciclos irregulares regularizan os seus ciclos cando son expostas a extractos das secrecións da axila masculina. [54] Os autores deses estudos hipotetizan que a explicación pode ser que na axila se producen feromonas. [54]

Supresión da ovulación[editar | editar a fonte]

Contraceptivos hormonais[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Contracepción hormonal.
Contraceptivos orais combinados. As pílulas brancas son placebos.

Os contraceptivos hormonais funcionan interrompendo o ciclo menstrual. A retroalimentación negativa exercida polos proxestáxenos fai decrecer a frecuencia pulsátil de liberación de hormona liberadora da gonadotropina (GnRH) polo hipotálamo, a cal fai diminuír a liberación de hormona estimulante dos folículos (FSH) e hormona luteinizante (LH) pola adenohipófise ou pituitaria anterior. A diminución dos niveis de FSH inhibe o desenvolvemento folicular, impedindo así que se incremente a produción de estradiol. A retroalimentación negativa dos proxestáxenos e a falta da retroalimentación positiva dos estróxenos sobre a liberación de LH impide a ondada de LH de metade do ciclo. En consecuencia, a inhibición do desenvolvemento folicular e a ausencia da ondada de LH impide a ovulación. [55][56][57]

Os contraceptivos hormonais poden conter só proxestáxenos ou poden ser contraceptivos combinados, que conteñen estróxenos e proxestáxenos. A dose hormonal que conteñen pode ser baixa, intermedia ou alta.

O grao de supresión da ovulación dos contraceptivos con só proxestáxeno depende da actividade e dose do proxestáxeno. Os contraceptivos de só proxestáxeno de baixa dose (as tradicionais pílulas de só proxestáxenos, os implantes subdérmicos, e o sistema intrauterino) inhiben a ovulación en ~50% dos ciclos e dependen para a súa efectividade como contraceptivos principalmente doutros efectos, como o espesamento do moco cervical. [58] Os contraceptivos de só proxestáxenos de doses intermedias (pílulas de só proxestáxenos e implantes subdérmicos) permiten algún desenvolvemento folicular pero inhiben a ovulación nun 97–99% dos ciclos, e con eles teñen lugar os mesmos cambios do moco cervical ca os producidos polos proxestáxenos de moi baixa dose. Os contraceptivos de só proxestáxenos de alta dose (inxectables) inhiben completamente o desenvolvemento folicular e a ovulación. [58]

Os contraceptivos hormonais combinados conteñen tanto estróxeno coma proxestáxeno. A retroalimentación negativa dos estróxenos sobre a adenohipófise fai decrecer moito a liberación de FSH, o que fai aos contraceptivos hormonais combinados máis efectivos na inhibición do desenvolvemento folicular e para impedir a ovulación. Os estróxenos tamén reducen a incidencia do sangrado en medio do ciclo irregular. [55][56][57] Varios contraceptivos hormonais combinados (pílulas e parches) utilízanse xeralmente dun modo que causa o sangrado (regra) por privación da hormona. Como nos ciclos normais, a menstruación ocorre cando os niveis de estróxenos e proxesterona caen rapidamente, [29] un descanso temporal no uso dos contraceptivos hormonais combinados durante unha semana (tomando pílulas placebo, ou suspendendo o uso do parche) ten o efecto similar de causar a descamación do endometrio. Se non se desexa o sangrado (regra) por privación da hormona, os contraceptivos hormonais combinados poden tomarse continuamente, sen a mencionada interrupción, aínda que isto incrementa o risco de sangrado en medio do ciclo.

Amenorrea durante a lactación[editar | editar a fonte]

A lactación materna produce unha retroalimentación negativa sobre os pulsos de secreción de hormona liberadora da gonadotropina (GnRH) e de hormona luteinizante (LH). Dependendo da potencia con que actúe esta retroalimentación negativa, as mulleres que están dando o peito aos seus fillos poden experimentar algún dos seguintes fenómenos: unha completa supresión do desenvolvemento folicular, ou ben desenvolvemento folicular pero sen ovulación, ou tamén poden recomezar os ciclos menstruais normais. [59] A supresión da ovulación é máis probable cando a succión do meniño se produce con máis frecuencia. [60] A produción de prolactina en resposta á succión é importante para manter a amenorrea lactacional.[61] Como media, nas mulleres que están alimentando aos seus fillos totalmente dando o peito con succións frecuentes obsérvase unha reaparición da menstruación catorce meses e medio despois do parto. Hai un amplo rango de respostas entre as mulleres que están dando de mamar; a algunhas vólvelles a menstruación aos dous meses e outras permanecen no estado amenorreico durante 42 meses despois do parto. [62]

A lúa e a menstruación[editar | editar a fonte]

A palabra menstruación está etimoloxicamente relacionada con lúa, concretamente coa palabra latina mensis (mes), que á súa vez está relacionada co termo grego mene (lúa). [63]

Algúns autores cren que as mulleres nas sociedades tradicionais doutras épocas históricas nas que non había iluminación artificial nocturna ovulaban coa lúa chea e menstruaban coa lúa nova, [64] e mesmo algúns autores documentan os controvertidos intentos de utilizar esa posible asociación coas fases da lúa para mellorar un "método de calendario" para regular a concepción. [63][65]

Publicáronse algúns estudos en humanos e outros animais [66] que atoparon que a luz artificial nocturna inflúe no ciclo menstrual dos humanos e no ciclo estral dos ratos (os ciclos son máis regulares en ausencia de luz artificial nocturna). Suxeriuse tamén que a exposición á luz pola mañá favorece que os ciclos sexan máis regulares. [67] Un autor mesmo suxeriu que a sensibilidade dos ciclos das mulleres á iluminación artificial nocturna está causada por deficiencias nutricionais en certas vitaminas e minerais. [68]

Por outra parte, en relación coas fases da lúa, se ben se publicaron algúns estudos que mostraban unha correlación entre o ciclo menstrual das mulleres e as fases do ciclo lunar [69] [70] , unha metaanálise de todos os estudos realizados desde 1996 non mostrou que houbese ningunha correlación. [71][72][73][74][75] Fixéronse tamén estudos sobre o pobo africano dogon, que en xeral non utiliza luz eléctrica e pasa a maioría das noites ao aire libre, para ver se, sen a interferencia da luz eléctrica, a lúa influía nos seus ciclos menstruais, pero non se observou que houbese neles ningunha correlación entre as fases da lúa e o seu ciclo menstrual. [76]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Jerrold S.Greenberg, Clint E. Bruess, Sarah C. Conklin (2007). Exploring the dimensions of human sexuality (3rd ed.). Jones & Bartlett. pp. 136–137.
  2. Marco Hernández, M; Benítez, R; Medranda, I; Pizarro, C; Méndez, MJ. Variaciones fisiológicas normales del desarrollo puberal: edad del inicio puberal, edad de la menarquia y talla. An. Pediatr. (Barc.). 2008;69:147-53. - vol.69 núm 02 [1]
  3. Emilio Herrera Justiniano. La pubertad. Google books [2]
  4. Anderson SE, Dallal GE, Must A (April 2003). "Relative weight and race influence average age at menarche: results from two nationally representative surveys of US girls studied 25 years apart". Pediatrics 111 (4 Pt 1): 844–50. DOI:10.1542/peds.111.4.844. PMID 12671122.
  5. Age at menarche in Canada: results from th... [BMC Public Health. 2010] - PubMed - NCBI
  6. http://vstudentworld.yolasite.com/resources/final_yr/gynae_obs/Hamilton%20Fairley%20Obstetrics%20and%20Gynaecology%20Lecture%20Notes%202%20Ed.pdf
  7. Magnússon, T.E. (May 1978). "Age at menarche in Iceland.". American journal of physical anthropology 48 (4): 511–4. DOI:10.1002/ajpa.1330480410. ISSN 0002-9483. PMID 655271.
  8. "At what age does a girl get her first period?". National Women's Health Information Center. http://www.womenshealth.gov/publications/our-publications/fact-sheet/menstruation.cfm#f. Consultado o 2011-11-20.
  9. "Clinical topic - Menopause". NHS. http://www.cks.nhs.uk/menopause#-292420. Consultado o 2 November 2009.
  10. Shuman, Tracy (February 2006). "Your Guide to Menopause". WebMD. http://www.webmd.com/content/article/9/2953_504.htm. Consultado o 16 December 2006.
  11. 11,0 11,1 11,2 Chiazze Jr, L; Brayer, FT; MacIsco Jr, JJ; Parker, MP; Duffy, BJ (1968). "The length and variability of the human menstrual cycle". JAMA : the journal of the American Medical Association 203 (6): 377–80. doi:10.1001/jama.203.6.377. PMID 5694118. [3]
  12. http://epublications.marquette.edu/cgi/viewcontent.cgi?article=1010&context=nursing_fac
  13. 13,0 13,1 John Kippley, Sheila Kippley (1996). The Art of Natural Family Planning (4th ed.). The Couple to Couple League - Cincinnati, OH. p. 92. ISBN 0-926412-13-2.
  14. Anderson-Berry, Ann L; Terence Zach (10 December 2007). "Vanishing Twin Syndrome". Emedicine.com (WebMD). http://www.emedicine.com/med/TOPIC3411.HTM. Consultado o 21 September 2008.
  15. Ko, Patrick; Young Yoon (23 August 2007). "Placenta Previa". Emedicine.com (WebMD). http://www.emedicine.com/emerg/topic427.htm. Consultado o 21 September 2008.
  16. References and further description of values are given in image page in Wikimedia Commons at Commons:File:Hormones estradiol, progesterone, LH and FSH during menstrual cycle.svg.
  17. The National Women's Health Information Center (November 2002). "What is a typical menstrual period like?". U.S. Department of Health and Human Services. http://www.4woman.gov/faq/menstru.htm#4. Consultado o 11 June 2005.
  18. 18,0 18,1 18,2 John M Goldenring (1 February 2007). "All About Menstruation". WebMD. http://www.webmd.com/a-to-z-guides/all-about-menstruation. Consultado o 5 October 2008.
  19. David L Healy (2004-11-24). "Menorrhagia Heavy Periods - Current Issues". Monash University. ABN 12 377 614 012. http://www.med.monash.edu.au/ob-gyn/research/menorr.html.
  20. Harvey LJ, Armah CN, Dainty JR, et al. (October 2005). "Impact of menstrual blood loss and diet on iron deficiency among women in the UK". The British journal of nutrition 94 (4): 557–64. DOI:10.1079/BJN20051493. PMID 16197581. http://journals.cambridge.org/abstract_S0007114505002175. Consultado o 5 October 2008.
  21. Sharma P, Malhotra C, Taneja DK, Saha R (2008). "Problems related to menstruation amongst adolescent girls". Indian J Pediatr 75 (2): 125–9. doi:10.1007/s12098-008-0018-5. PMID 18334791
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 22,4 22,5 22,6 22,7 22,8 22,9 Losos, Jonathan B.; Raven, Peter H.; Johnson, George B.; Singer, Susan R. (2002). Biology. New York: McGraw-Hill. pp. 1207–09. ISBN 0-07-303120-8.
  23. Toni Weschler (2002). Taking Charge of Your Fertility (Revised ed.). HarperCollins. pp. 359–361. ISBN 0-06-093764-5.
  24. Hu L, Gustofson RL, Feng H, et al. (October 2008). "Converse Regulatory Functions of Estrogen Receptor-α and -β Subtypes Expressed in Hypothalamic Gonadotropin-Releasing Hormone Neurons". Mol. Endocrinol. 22 (10): 2250–9. DOI:10.1210/me.2008-0192. PMC 2582533. PMID 18701637. //www.pubmedcentral.nih.gov/articlerender.fcgi?tool=pmcentrez&artid=2582533.
  25. Gray, Henry David (2000). "The Ovum". Anatomy of the human body. Bartleby.com. ISBN 1-58734-102-6. http://education.yahoo.com/reference/gray/subjects/subject/3. Consultado o 26 febreiro 2012. [4]
  26. 26,0 26,1 Ecochard R, Gougeon A (April 2000). "Side of ovulation and cycle characteristics in normally fertile women". Human reproduction (Oxford, England) 15 (4): 752–5. DOI:10.1093/humrep/15.4.752. PMID 10739814. http://humrep.oxfordjournals.org/cgi/pmidlookup?view=long&pmid=10739814.
  27. "Multiple Pregnancy: Twins or More - Topic Overview". WebMD Medical Reference from Healthwise. 24 July 2007. http://www.webmd.com/baby/tc/multiple-pregnancy-twins-or-more-topic-overview. Consultado o 5 October 2008.
  28. Weschler (2002), p.65
  29. 29,0 29,1 Weschler (2002), pp.361-2
  30. Weschler (2002), p.47
  31. Weschler (2002), pp.242,374
  32. 32,0 32,1 Medical Eligibility Criteria for Contraceptive Use:Fertility awareness-based methods. Third edition. World Health Organization. 2004. http://www.who.int/reproductive-health/publications/mec/fab.html. Consultado o 29 April 2008.
  33. Weschler (2002), p.52
  34. MedlinePlus - 007062 - LH urine test (home test) [5]
  35. http://www.ingentaconnect.com/content/oup/humrep/2004/00000019/00000007/art01548
  36. http://humrep.oxfordjournals.org/content/19/7/1548
  37. Krock, Lexi (October 2001). "Fertility Throughout Life". 18 Ways to Make a Baby. NOVA Online. http://www.pbs.org/wgbh/nova/baby/fert_text.html. Consultado o 24 December 2006. Haines, Cynthiac (January 2006). "Your Guide to the Female Reproductive System". The Cleveland Clinic Women's Health Center. WebMD. http://www.webmd.com/content/article/51/40619.htm. Consultado o 24 December 2006.
  38. Migraine and Estrogen Officially Linked | The Daily Headache
  39. 39,0 39,1 Herzog AG (March 2008). "Catamenial epilepsy: definition, prevalence pathophysiology and treatment". Seizure : the journal of the British Epilepsy Association 17 (2): 151–9. DOI:10.1016/j.seizure.2007.11.014. PMID 18164632. http://linkinghub.elsevier.com/retrieve/pii/S1059-1311(07)00233-6.
  40. Herzog AG, Harden CL, Liporace J, et al. (September 2004). "Frequency of catamenial seizure exacerbation in women with localization-related epilepsy". Annals of neurology 56 (3): 431–4. DOI:10.1002/ana.20214. PMID 15349872.
  41. Herzog AG, Klein P, Ransil BJ (October 1997). "Three patterns of catamenial epilepsy". Epilepsia 38 (10): 1082–8. DOI:10.1111/j.1528-1157.1997.tb01197.x. PMID 9579954.
  42. Scharfman HE, MacLusky NJ (September 2006). "The Influence of Gonadal Hormones on Neuronal Excitability, Seizures, and Epilepsy in the Female". Epilepsia 47 (9): 1423–40. DOI:10.1111/j.1528-1167.2006.00672.x. PMC 1924802. PMID 16981857. http://www.blackwell-synergy.com/openurl?genre=article&sid=nlm:pubmed&issn=0013-9580&date=2006&volume=47&issue=9&spage=1423.
  43. Menstrual cycle | epilepsy.com
  44. Enrique Baca-García, Carmen Diaz-Sastre, Antonio Ceverino, Jeronimo Saiz-Ruiz, Francisco J. Diaz, and Jose de Leon, E; Diaz-Sastre, C; Ceverino, A; Saiz-Ruiz, J; Diaz, FJ; De Leon, J (March/April 2003). "Association Between the Menses and Suicide Attempts: A Replication Study". Psychosomatic Medicine 65 (2): 237–44. DOI:10.1097/01.PSY.0000058375.50240.F6. PMID 12651991. http://www.psychosomaticmedicine.org/cgi/content/full/65/2/237. Consultado o 2 December 2008.
  45. Maguire JL, Stell BM, Rafizadeh M, Mody I (June 2005). "Ovarian cycle-linked changes in GABAA receptors mediating tonic inhibition alter seizure susceptibility and anxiety". Nat. Neurosci. 8 (6): 797–804. DOI:10.1038/nn1469. PMID 15895085. http://www.nature.com/neuro/journal/v8/n6/full/nn1469.html.
  46. Doufas AG, Mastorakos G (2000). "The hypothalamic-pituitary-thyroid axis and the female reproductive system". Annals of the New York Academy of Sciences 900: 65–76. DOI:10.1111/j.1749-6632.2000.tb06217.x. PMID 10818393. http://www.blackwell-synergy.com/openurl?genre=article&sid=nlm:pubmed&issn=0077-8923&date=2000&volume=900&spage=65.
  47. Krejza J, Nowacka A, Szylak A, Bilello M, Melhem LY (July 2004). "Variability of thyroid blood flow Doppler parameters in healthy women". Ultrasound in medicine & biology 30 (7): 867–76. DOI:10.1016/j.ultrasmedbio.2004.05.008. PMID 15313319.
  48. Stern K, McClintock MK (1998). "Regulation of ovulation by human pheromones". Nature 392 (6672): 177–9. DOI:10.1038/32408. PMID 9515961.
  49. Adams, Cecil (20 December 2002). "Does menstrual synchrony really exist?". The Straight Dope. The Chicao Reader. http://www.straightdope.com/columns/021220.html. Consultado o 10 January 2007.
  50. Galan, Nicole (16 April 2008). "Oligoovulation". about.com. http://pcos.about.com/od/glossary/g/oligoovulation.htm. Consultado o 12 October 2008.
  51. EMedicine|med|146|Anovulation [6]
  52. 52,0 52,1 EMedicine|ped|2781|Menstruation Disorders [7]
  53. 53,0 53,1 Oriel KA, Schrager S (October 1999). "Abnormal uterine bleeding". American Family Physician 60 (5): 1371–80; discussion 1381–2. PMID 10524483. http://www.aafp.org/afp/991001ap/1371.html. Consultado o 12 October 2008.
  54. 54,0 54,1 Looking for love potion number nine, Cathryn M. Delude, Boston Globe, September 2, 2003.
  55. 55,0 55,1 Trussell, James (2007). "Contraceptive Efficacy". Contraceptive Technology (19th rev. ed.). New York: Ardent Media. ISBN 0-9664902-0-7. http://www.contraceptivetechnology.com/table.html. [8]
  56. 56,0 56,1 Speroff, Leon; Darney, Philip D. (2005). "Oral Contraception". A Clinical Guide for Contraception (4th ed.). Philadelphia: Lippincott Williams & Wilkins. pp. 21–138. ISBN 0-7817-6488-2.
  57. 57,0 57,1 Loose, Davis S.; Stancel, George M. (2006). "Estrogens and Progestins". Goodman & Gilman's The Pharmacological Basis of Therapeutics (11th ed.). New York: McGraw-Hill. pp. 1541–71. ISBN 0-07-142280-3.
  58. 58,0 58,1 Anna Glasier (2006). "Contraception". Endocrinology (5th ed.). Elsevier Saunders - Philadelphia. pp. 3000–1. ISBN 0-7216-0376-9.
  59. McNeilly AS (2001). "Lactational control of reproduction". Reprod. Fertil. Dev. 13 (7–8): 583–90. DOI:10.1071/RD01056. PMID 11999309. http://www.publish.csiro.au/journals/abstractHTML.cfm?J=RD&V=13&I=8&F=RD01056abs.XML.
  60. John Kippley, Sheila Kippley (1996). The Art of Natural Family Planning (4th ed.). The Couple to Couple League - Cincinnati, OH. pp. 347. ISBN 0-926412-13-2.
  61. Stallings JF, Worthman CM, Panter-Brick C, Coates RJ (February 1996). "Prolactin response to suckling and maintenance of postpartum amenorrhea among intensively breastfeeding Nepali women". Endocr. Res. 22 (1): 1–28. DOI:10.3109/07435809609030495. PMID 8690004.
  62. "Breastfeeding: Does It Really Space Babies?". The Couple to Couple League International. Internet Archive. 17 January 2008. Arquivado do orixinal o 17 January 2008. http://web.archive.org/web/20080117232155/http://www.ccli.org/nfp/ebf/spacebabies.php. Consultado o 21 September 2008., que cita:
    Sheila K. and John F. Kippley (November–December 1972). "The relation between breastfeeding and amenorrhea". Journal of obstetric, gynecologic, and neonatal nursing 1 (4): 15–21. PMID 4485271.
    Sheila Kippley (November–December 1986 and January–February 1987). "Breastfeeding survey results similar to 1971 study". The CCL News 13 (3): 10. and 13(4): 5.
  63. 63,0 63,1 Allen, Kevin (2007). The Reluctant Hypothesis: A History of Discourse Surrounding the Lunar Phase Method of Regulating Conception. Lacuna Press. p. 239. ISBN 978-0951097427.
  64. Cohen, Sari (February–March 2005). "Melatonin, menstruation, and the moon". Townsend Letter for Doctors and Patients. http://findarticles.com/p/articles/mi_m0ISW/is_259-260/ai_n10299307/pg_1. Consultado o 21 September 2008.
    Knight, Chris; Camilla Power & Ian Watts (1995). "The Human Symbolic Revolution: A Darwinian Account" (PDF). Cambridge Archaeological Journal 5 (1): 75–114. DOI:10.1017/S0959774300001190. http://www.radicalanthropologygroup.org/pub_knight_power_watts_big.pdf. Consultado o 13 December 2006.
    Lacey, Louise (1975). Lunaception: a feminine odyssey into fertility and contraception. Coward, McCann & Geoghegan - New York. ISBN 0-698-10674-1.
  65. "[9]". Fertility and the Moon Phase Cycle Book reviews, information and research on lunar correlates in fertility cycles
  66. Harder, Ben (Week of August 28, 2004). "Bright nights kindle cancers in mice". Science News 166 (9): 141.
  67. Danilenko KV, Samoilova EA (2007). "Stimulatory Effect of Morning Bright Light on Reproductive Hormones and Ovulation: Results of a Controlled Crossover Trial". PLoS clinical trials 2 (2): e7. DOI:10.1371/journal.pctr.0020007. PMC 1851732. PMID 17290302. //www.pubmedcentral.nih.gov/articlerender.fcgi?tool=pmcentrez&artid=1851732.
  68. Shannon, Marilyn M. (2001). Fertility, cycles & nutrition : how your diet affects your menstrual cycles & fertility (3rd ed.). Couple to Couple League International - Cincinnati, Ohio. pp. 71–2.
  69. Friedmann, E (1981). "Menstrual and lunar cycles". American journal of obstetrics and gynecology 140 (3): 350. PMID 7246643.
  70. Law, Sung Ping (1986). "The Regulation of Menstrual Cycle and its Relationship to the Moon". Acta Obstetricia et Gynecologica Scandinavica 65 (1): 45–8. DOI:10.3109/00016348609158228. PMID 3716780.
  71. As cited by Adams, Cecil, "What's the link between the moon and menstruation?" (accessed 6 June 2006):
    George O. Abell, Barry Singer (1983). Science and the Paranormal: Probing the Existence of the Supernatural. Scribner Book Company. ISBN 0-684-17820-6.
  72. Cutler WB (August 1980). "Lunar and menstrual phase locking". Am. J. Obstet. Gynecol. 137 (7): 834–9. PMID 7405975.
  73. Friedmann E (June 1981). "Menstrual and lunar cycles". Am. J. Obstet. Gynecol. 140 (3): 350. PMID 7246643.
  74. Law SP (1986). "The regulation of menstrual cycle and its relationship to the moon". Acta Obstet Gynecol Scand 65 (1): 45–8. DOI:10.3109/00016348609158228. PMID 3716780.
  75. Zimecki M (2006). "The lunar cycle: effects on human and animal behavior and physiology". Postepy Hig Med Dosw (Online) 60: 1–7. PMID 16407788. http://journals.indexcopernicus.com/fulltxt.php?ICID=442883.
  76. Strassmann B.I. (1997). "The biology of menstruation in Homo sapiens: total lifetime menses, fecundity, and nonsynchrony in a natural fertility population". Current Anthropology 38: 123–129.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]