Proxestáxeno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esteroidoxénese, cos proxestáxenos no cadro de fondo amarelo.

Os proxestáxenos [1] ou xestáxenos son un grupo de hormonas esteroides entre as que se inclúe a proxesterona. Os proxestáxenos son un dos cinco grupos principais de hormonas esteroides, xunto cos estróxenos, andróxenos, mineralocorticoides, e glicocorticoides [2] [3]

Todos os proxestáxenos caracterízanse por ter un esqueleto básico de 21 carbonos, chamado esqueleto de pregnano (C21). De igual maneira, os estróxenos posúen un esqueleto de estrano (C18), e os andróxenos un esqueleto de andrano (C19).

Os proxestáxenos denomínanse así pola súa función no mantemento do embarazo (función proxestacional), aínda que están presentes tamén noutras fases do ciclo menstrual ou estral. A clase das hormonas proxestáxenas comprende todos os esteroides que teñan esqueleto de pregnano, tanto naturais como sintéticos. [1] As substancias con efecto hormonal similar a este exóxenas ou sintéticas denomínanse xeralmente proxestinas.

Funcións[editar | editar a fonte]

Os proxestáxenos como precursores doutros esteroides[editar | editar a fonte]

Os esteroides sintetízanse a partir do colesterol. A ruta esteroidoxénica comeza cando unha molécula de colesterol se converte en pregnenolona (P5). A pregnenolona e outros membros do grupo dos esteroides proxestáxenos serven de precursores de todos os outros esteroides, incluíndo estróxenos, andróxenos, mineralocorticoides, e glicocorticoides [4]. A P5, P4, 17α-hidroxipregnenolona, e a 17α-hidroxiproxesterona son todos intermediatos desta ruta producidos endoxenamente. Deste modo, todos os tecidos produtores de hormonas esteroides, como as glándulas adrenais, ovarios, e testículos, poden producir proxestáxenos.

Nalgúns tecidos, os encimas requiridos para obter o produto final non están todos localizados nunha soa célula, polo que deben colaborar na síntese varios tipos celulares. Por exemplo, nos folículos ováricos, o colesterol convértese no andróxeno androstenediona nas células da teca folicular, o cal é despois convertido en estróxeno nas células da granulosa próximas [5]. Nalgunhas especies, as glándulas adrenais fetais tamén producen pregnenolona (P5), a cal se converte en proxesterona (P4) e estróxenos pola placenta (como se explica máis abaixo). Nos humanos, as glándulas adrenais fetais producen deshidroepiandrosterona pola ruta da pregnenolona (P5).

Produción de proxestáxenos no ovario[editar | editar a fonte]

A proxesterona (P4) é o principal proxestáxeno producido polo corpo lúteo [6] en todas as especies de mamíferos. As células lúteas posúen os encimas precisos para converteren o colesterol en pregnenolona (P5), a cal é seguidamente convertida en proxesterona (P4) [7]. A secreción de P4 chega ao seu máximo na fase de diestro do ciclo estral dos mamíferos.

Produción de proxestáxenos na placenta[editar | editar a fonte]

O papel da placenta na produción de proxestáxenos varía entre especies. Nas ovellas, cabalos e humanos, unha vez establecido o embarazo, a placenta asume a maior parte da produción de proxestáxenos [6], pero noutras especies o corpo lúteo do ovario segue sendo a principal fonte de proxestáxenos. Nas ovellas e nos humanos, a proxesterona (P4) é o principal proxestáxeno placentario. [8]

A placenta equina produce unha variedade de proxestáxenos, principalmente a 5αDHP e a 20α5P, comezando no día 60 de xestación. O cambio completo lúteo-placentario na produción ocorre entre os días 120-150. [9]

Aplicacións[editar | editar a fonte]

Control da natalidade[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Contracepción hormonal.

As proxestinas, substancias sintéticas con actividade proxestáxena [10], utilízanse na contracepción hormonal nas pílulas anticonceptivas, implantes e no sistema intrauterino (Mirena).

Antiandróxeno[editar | editar a fonte]

A proxestina sintética ciproterona utilizase como antiandróxeno [11]. Outras proxestinas, polo contrario, teñen propiedades androxénicas [12].

Regulación da hemorraxia menstrual[editar | editar a fonte]

Nun ciclo menstrual normal, a diminución dos niveis de proxesterona desencadea a menstruación. A noretindrona acetato (nome comercial Aygestin) e a medroxiproxesterona acetato (nome comercial Provera) poden utilizarse para regular a hemorraxia menstrual. [13]

Caquexia[editar | editar a fonte]

En moitas persoas que presentan tumores sólidos malignos ou SIDA e teñen caquexia (gran debilidade e perda de peso), especialmente en casos de cánceres gástricos e pancreáticos, as proxestinas poden utilizarse para mellorar o apetito e reducir as perdas de peso. En xeral, utilízanse en combinación con outros esteroides como dexametasona. Os seus efectos tardan varias semanas en facerse apreciables, pero teñen unha duración relativamente longa comparada coa dos corticosteroides. Ademais, incrementan a masa muscular corporal. O mexestrol acetato é o fármaco líder deste tipo para o tratamento da caquexia [14].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Merriam-Webster's medical Dictionary: progestogen (variant of progestagen) Retrieved on Feb 13, 2010
  2. G. P. Moss (1989). "Nomenclature of Steroids (Recommendations 1989)". Pure & Appl. Chem. 61 (10): 1783–1822. doi:10.1351/pac198961101783. http://www.chem.qmul.ac.uk/iupac/steroid/. PDF "IUPAC-IUB Joint Commission on Biochemical Nomenclature (JCBN). The nomenclature of steroids. Recommendations 1989". Eur. J. Biochem. 186 (3): 429–58. December 1989. doi:10.1111/j.1432-1033.1989.tb15228.x. PMID 2606099.
  3. Edgren RA, Stanczyk FZ (December 1999). "Nomenclature of the gonane progestins". Contraception 60 (6): 313. doi:10.1016/S0010-7824(99)00101-8. PMID 10715364.
  4. A. Lehninger. Bioquímica. Omega. 2ª ed. Páxinas 698-699. ISBN:84-282-0211-7.
  5. Medical Physiology, Boron & Boulpaep, ISBN 1-4160-2328-3, Elsevier Saunders 2005. Updated edition. Page 1155
  6. 6,0 6,1 A. C. Guyton. Tratado de Fisiología Médica. Interamericana. 6ª edición. Páxinas 1191-1192, 1212. ISBN 84-7605-029-1.
  7. Chapter 54, The Female Reproductive System > THE OVARIAN STEROIDS, in: Boron WF, Boulpaep EL (2004), Elsevier/Saunders Medical Physiology: A Cellular And Molecular Approaoch, 1300.
  8. Jerome F. Strauss III, Federico Martinez, Marianthi Kiriakidou. Placental Steroid Hormone Synthesis: Unique Features and Unanswered Questions. Biology of reproduction 54, 303-311 (1996). [1]
  9. Silver M. Placental progestagens in the sheep and horse and the changes leading to parturition. Exp Clin Endocrinol. 1994;102(3):203-11. [2]
  10. Combined estrogen-progestogen contraceptives. [3]
  11. A Juul, T Scheike, C T Nielsen, S Krabbe, J Müller and N E Skakkebaek. Serum insulin-like growth factor I (IGF-I) and IGF-binding protein 3 levels are increased in central precocious puberty: effects of two different treatment regimens with gonadotropin-releasing hormone agonists, without or in combination with an antiandrogen (cyproterone acetate). The Journal of Clinical Endocrinology & Metabolism October 1, 1995 vol. 80 no. 10 3059-3067 doi: 10.1210/jc.80.10.3059 [4]
  12. Linn ES. Clinical significance of the androgenicity of progestins in hormonal therapy in women. Clin Ther. 1990 Sep-Oct;12(5):447-55. [5]
  13. DailyMed. AYGESTIN (norethindrone acetate) tablet [6]
  14. Megestrol acetate NCD oral suspension--Par Pharmaceutical: megestrol acetate nanocrystal dispersion oral suspension, PAR 100.2, PAR-100.2. Drugs R D. 2007;8(6):403-6. [7]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]