Amenorrea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A amenorrea é a ausencia de sangrado menstrual durante uns seis meses nunha muller en idade de reproducir.

O ciclo menstrual normal prodúcese regularmente a intervalos entre 25 e 35 días e dura cinco ou seis.

A oligomenorrea é o sangrado menstrual que se presenta a intervalos irregulares, entre 35 días e seis meses.

A amenorrea primaria é a perda do ciclo de sangrado menstrual durante a puberdade ou o feito de que non se presente na idade adecuada.

Chámase menarquía a aparición da menstruación, que se considera o paso da adolescencia á etapa de muller. A aparición da primeira regra prodúcese como media aos 13 anos e medio, oscilando entre os dez e os dezaseis.

Os ciclos menstruais duran 28 días. A perda desta regularidade cíclica traduce trastornos internos. As principais causas de déficit de menstruación débense case sempre a problemas de hipófise ou hipotálamo, que son as zonas do cerebro que regulan a función ovárica. As hormonas que produce o ovario (estróxenos e proxesterona) informan as zonas altas do cerebro por vía sanguínea da situación do ovario e modifican a secreción das hormonas producidas por estas zonas, as gonadotropinas (LH e FSH). Estas, pola súa volta, alimentan e estimulan a formación dos folículos ováricos e, en definitiva, a produción da ovulación. Este fluxo de información constante entre ovario e cerebro é a base fisiolóxica do funcionamento hormonal correcto da muller.

Antigamente, as mulleres case nunca tiñan a menstruación, pois estaban practicamente sempre en fase de xestación ou de crianza, polo cal non se producían tanto como hoxe os problemas relacionados cos ciclos menstruais. A idade reprodutiva era relativamente longa e durante ela as mulleres case sempre estaban embarazadas. As alteracións que se producen no ciclo son unha consecuencia das mudanzas sociais do século XX, que provocaron unha modificación deste comportamento e unha observación atenta do ciclo menstrual propio.

  • Amenorrea primaria é a que se observa cando a muller nunca presentou menstruación.
  • Amenorrea secundaria é a que se observa cando se presentan períodos superiores aos seis meses sen menstruación en mulleres que anteriormente xa menstruaran.
  • Amenorrea hipotalámica é a que se produce por trastornos hormonais altos.

As causas fisiolóxicas máis frecuentes de amenorrea son o embarazo e a lactación. Outras causas inclúen o estrés, trastornos emocionais e o déficit nutricional. Tense observado a perda de menstruación durante os períodos de guerra, nas mulleres internadas en campos de concentración, cando se produce perda nutricional por baixo de determinados niveis ou unha perda de peso considerábel.

Amenorrea primaria[editar | editar a fonte]

Cando non se presenta a menstruación nunha adolescente maior de dezaseis anos, investígase se existen alteracións a nivel uterino ou ovárico. algunhas anomalías ou ausencias do tracto xenital baixo son conxénitas e relativamente frecuentes; ás veces existe hime imperforado ou unha vaxina incompletamente canalizada, que impide o correcto sangrado menstrual. Nestes casos obsérvase un avultamento na zona vaxinal ou unha inflamación na zona da pelve, ademais dunha dor cíclica, debido a que a menstruación non pode saír. Isto pódese corrixir cirurxicamente. Se non se soluciona pódese producir unha conxestión na zona uterina e de trompa de Falopio que pode provocar danos e esterilidade permanente. Tamén se ten documentado a ausencia total de útero, trompas de Falopio e parte superior da vaxina.

Se antes dos dezaseis anos a adolescente non observa a aparición dos caracteres sexuais secundarios na etapa previa á puberdade (velo púbico entre os 11 e os 12 anos, telarquia ou aparición das mamas entre 10 e 12 e velo axilar entre os 13 e os 14), é moi posíbel que exista un trastorno da secreción de hormonas que facilitan a maduración do ovario, que se manifestan pola aparición do velo e pola aparición da menstruación.

Causas[editar | editar a fonte]

A síndrome de Turner, que afecta a unha de cada 2.500 mulleres, é unha insuficiencia do ovario de orixe xenética. Consiste nun cariotipo especial asociado con talla baixa, dilatación de tórax e unha forma especialmente ancha da base do pescozo e, ás veces, unha enfermidade do corazón. A ausencia de secreción de estróxenos e proxesterona produce unha elevación das gonadotropinas hipofisiarias, que intentan estimular o ovario sen conseguir o seu propósito.

Outras causas de insuficiencia ovárica son os trastornos autoinmunes, doenzas suprarrenais (doenza de Adisson), presenza de auto-anticorpos contra células do ovario, infeccións importantes da zona pélvica (p.ex. a tuberculose).

Amenorrea secundaria[editar | editar a fonte]

Glándulas endócrinas[editar | editar a fonte]

As causas da amenorrea secundaria poden ser de moi diverso tipo. Toda doenza que afecte algunha glándula endocrinolóxica pode influír na produción de hormonas tanto a nivel hipofisario como ovárico e, polo tanto, pode conducir á desaparición da menstruación.

Inclúen os problemas da glándula suprarrenal (p.ex. síndrome de Cushing ou hiperplasia suprarrenal) debidos a unha hipersecreción ou hiperfunción que conduce a un aumento da graxa corporal, con estrías cutáneas, aparición de velo e desaparición da menstruación. A doenza de Addison provoca insuficiencia da glándula suprarrenal e adelgazamento, perda de peso, adinamia corporal e astenia, con desaparición da menstruación nas primeiras fases.

Glándula tiroidea[editar | editar a fonte]

A glándula tiroidea, situada na parte anterior da base do pescozo, segrega a hormona tiroxina, que ten efectos metabólicos importantes en todo o corpo e no cerebro. Pode producir amenorrea, tanto por exceso (o máis frecuente) como por defecto de produción. Dáse un adelgazamento rápido acompañado de trastornos diarreicos, sudoración, calores nocturnos, aumento da frecuencia cardíaca, temblor fino e ollos saltóns, mirada fixa e sensación de aumento do tamaño da glándula, e desaparición da menstruación. No hipotiroidismo, aínda que existe algunha etapa na que pode aumentar a cantidade da menstruación con ciclos curtos de tan só vinte días, tamén se presenta amenorrea máis adiante. Obsérvase aumento de peso, inchazón con retención de líquidos, edemas en lugares concretos do corpo (sobre todo nas extremidades inferiores e nas pálpebras), estrinximento, aumento da sensibilidade ao frío, pel seca, rugosa e áspera e problemas co cabelo, somnolencia, lentitude no traballo.

Glándula hipofisaria[editar | editar a fonte]

A glándula hipofisaria, situada na base do cerebro, funciona como colector polo que todas as hormonas segregadas na parte superior hipotalámica se estimulan e distribúen a súa acción ás glándulas endócrinas do corpo. Calquera alteración que se produza nela e que interfira na secreción hormonal (tumores, adenomas, quistes) poderá conducir a trastornos na menstruación. O déficit de secreción de hormona tireotropa (TSH, hormona estimulante da tiroide) induce un hipotiroidismo que pode conducir a unha amenorrea, o mesmo que calquera patoloxía que impida a secreción de hormonas estimulantes do ovario (LH, FSH) ou da hormona estimulante da glándula suprarrenal (ACTH).

O estrés pode causar un aumento de prolactina, unha hormona segregada na hipófise, a cal interfire coa secreción de hormonas estimulantes do ovario e coa secreción de proxesterona, conducindo a amenorreas hiperprolactinémicas. Nun terzo dos casos, prodúcese galactorrea, unha secreción anómala de leite polas mamas.

Amenorrea hipotalámica[editar | editar a fonte]

A cuarta parte das amenorreas prodúcense debido ao déficit de secreción de hormonas do hipotálamo, polo que as mulleres son incapaces de estimular a hipófise. O hipotálamo é unha zona da base do cerebro situada por enriba da hipófise. Está moi condicionada por factores emocionais (sistema límbico), nutricionais e de estres. Os problemas emocionais, afectivos ou o exceso de actividade no traballo poden provocar a perda de menstruación. É moi común nas mulleres que pasan períodos de desnutrición ou de privación como unha das primeiras manifestacións fisiolóxicas.

As atletas de competición, que realizan un exercicio físico extenuante, poden ver atrasada a menarquía (idade de aparición da regra) un ano ou máis, até os trece ou quince anos. Unha cuarta parte delas sofren problemas de atrasos da menstruación que poden chegar até á desaparición da mesma. O baixo peso corporal, a redución da graxa e a nutrición escasa, poden alterar a regularidade da menstruación. Isto débese ás mudanzas que se producen nas concentracións hormonais de prolactina, hormona do crecemento, testosterona, andróxenos suprarrenais e cortisol, que poden chegar a elevarse entre catro e cinco veces por riba dos valores basais. Isto inhibe a secreción hipotalámica da hormona que estimula a liberación de gonadotropinas, que son precisas para a ovulación. Aínda que estes cambios se produzan só no momento do exercicio, son agudos e, de realizárense de forma continuada, poden chegar a inhibir a aparición da menstruación a longo prazo. Tamén poden producir a hipersecreción das hormonas hipotalámicas chamadas Beta-endorfinas (péptidos opiáceos), que tamén inhiben a secreción de hormona hipotalámica liberadora de gonadotropinas. As atletas, as ciclistas e as nadadoras teñen tamén niveis baixos de estróxenos en sangue. As dietas hiperproteicas tamén pode ocasionar a desaparición da menstruación xa que, ao alterar a composición da graxa corporal e diminuír o nivel de graxa na periferia, os estróxenos metabolízanse dunha forma distinta e diminúen os seus niveis de sangue. O 75% das que se dedican profesionalmente ao ballet clásico tamén sofren alteracións da menstruación.

Outros factores que poden incidir na alteración da menstruación son as condicións de traballo que poidan alterar o ritmo circadiano das hormonas. Estes ritmos seguen uns patróns especiais para cada hormona, en conexión coas necesidades do organismo e paralelas a determinadas horas. Os cambios de quenda, con quendas nocturnas e traballos moi intensos en determinados días e outros non tanto, poden provocar amenorrea (enfermeiras, azafatas de voos longos, etc.)

A amenorrea superior aos nove meses pode ter como consecuencia unha osteoporose, a aparición de dores óseos.

O medo a un embarazo pode atrasar a regra se funciona como factor ansióxeno e provoca reaccións neurovexetativas debido a que unha esaxeración do sentimento provoca unha reacción propia daquilo que se teme.

A amenorrea é o signo máis espectacular e concreto de menopausa.