Capela de Rosslyn

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Capela de Rosslyn
PaísReino Unido
Coordenadas55°51′19″N 3°09′36″O / 55.8554, -3.1599Coordenadas: 55°51′19″N 3°09′36″O / 55.8554, -3.1599
DioceseDiocese of Edinburgh
EstiloArquitectura gótica
Páxina webhttp://www.rosslynchapel.org.uk/
editar datos en Wikidata ]
Exterior da capela de Rosslyn

A capela de Rosslyn é un templo cristián e unha atracción turística situado na viliña de Roslin, ás aforas da cidade escocesa de Edimburgo. Construída fundamentalmente no século XV como inicio dun templo de gran tamaño, a capela caeu no abandono e foi recuperada para o culto e para o turismo no século XIX.

Historia do edificio[editar | editar a fonte]

A construción do templo iniciouna en 1446 o cabaleiro William St Clair, un nobre de familia normanda establecido ao sur de Edimburgo, dentro do que daquela era o reino de Escocia. A data rexistrada no muro norte do edificio é 1450, quizais porque os traballos de construción dos alicerces levaran catro anos[1]. O proxecto de St Clair era o levantamento dun grande templo dedicado a San Mateu, e de feito descubríronse alicerces desa extensión prevista a uns 30 metros do actual edificio. Porén, o que se conserva hoxe é unicamente a cabeceira dese proxecto, completada e pechada en séculos posteriores. Crese que a construción durou uns corenta anos, e que se debeu interromper en datas próximas ás do falecemento de William St Clair, en 1484.

Un século máis tarde, en 1571, no medio da Reforma protestante, asaltan a capela e queda en estado de semiabandono. Todas as figuras exteriores de santos e virxes desapareceron daquela. Case un século despois, en 1650, as tropas de Oliver Cromwell atacaron o veciño castelo de Rosslyn e gardaron os cabalos e as bestas no interior dunha capela xa en ruínas.

Desde finais do século XVIII comezan as visitas turísticas ao edificio: o poeta Robert Burns visítao en 1780, en 1803 Dorothy Wordsworth e en 1842 a raíña Vitoria. En 1862 a capela volve ser consagrada, desta vez ao abeiro da Igrexa Episcopal Escocesa, que forma parte da comuñón anglicana. Comezaron daquela os primeiros traballos de reconstrución e reparación, que afectan sobre todo á incorporación dunha estatua da Virxe, que preside a nave principal, e o baptisterio, que lle dá a entrada.

A musealización do edificio, que se inicia a partir da visita da raíña Vitoria, aumenta nos anos finais do século XX, cando aparece o templo mencionado na novela de Dan Brown O código Da Vinci. O filme baseado na novela, protagonizado por Tom Hanks, tamén se rodou no templo, o que aviveceu distintas teorías especulativas sobre algunhas das esculturas que permanecen no interior da capela e as súas conexións coa masonaría, os cabaleiros templarios e o Santo Graal.

Descrición[editar | editar a fonte]

O templo ten catro espazos principais:

  • As naves, que son tres (unha central e dúas laterais), construídas no século XV.
  • O altar e a cabeceira, onde se atopan algúns dos elementos decorativos máis importantes, e que tamén é do século XV.
  • A cripta, situada nun extremo do templo como continuación subterránea da nave sur, e que debeu ser a primeira parte en construírse do edificio. A cripta serviu de obradoiro aos canteiros que ergueron o templo, e vense marcas nos seus muros destes labores de deseño e construción das pezas arquitectónicas do templo.
  • O baptisterio, que é o principal engadido do século XIX, no seu extremo oeste.

A decoración da cabeceira[editar | editar a fonte]

O "piar do aprendiz" en 2003.

Na cabeceira da capela están algúns dos elementos decorativos máis coñecidos. Existen escenas da danza da morte, ou baile dos esqueletos, a representación dun anxo tocado a gaita[2] (un instrumento que debeu de chegar a Escocia naqueles anos), un anxo cos pés para arriba[2], e os dous piares de maior sona, que se coñecen como a columna do canteiro e a columna do aprendiz. A columna do canteiro é unha columna recta, profusamente decorada, e a columna do aprendiz unha columna salomónica, de fuste retorto, apoiada sobre unha base de oito dragóns, quizais de inspiración ou conexión escandinava.

Sobre estas columnas cóntase a lenda do aprendiz e do canteiro, de aí que se chamen así. O mestre canteiro, logo de facer a columna da esquerda da nave, quixo mudar o modelo e construír unha columna salomónica, pero falto de referencias iniciou unha viaxe a Roma. Á súa volta, comprobou que o seu aprendiz xa fixera a columna: levado dos celos, o mestre asasinou o aprendiz dun golpe na cabeza. A lenda continúa explicando dúas pequenas cabezas que se ven no extremo oposto da nave: a do aprendiz, cunha fenda na chola, e a do mestre, condenado a ollar para sempre a columna do seu aprendiz[3].

Entre medias dos dous piares existe unha terceira columna, denominada en datas recentes a columna do oficial, aludindo os estadios da aprendizaxe da masonaría, e que en calquera caso a súa conceptualización foi posterior á construción da capela.

Nesa zona de cabeceira tamén hai, colocados sobre os arcos interiores que subdividen o teito da cabeceira, unha serie de 213 obxectos paralelepípedos, de pequeno tamaño, gravados con marcas e puntos[2]. A interpretación máis habitual é que esas caixas son notacións musicais, e que servirían para reproducir unha melodía. Hai quen mesmo elaborou un motete a partir da combinación dos sons que supostamente reproducirían esas caixas[4].

Un dos homes verdes da capela

Tamén podemos ver na cabeceira, así como no resto do edificio, homes verdes, representacións da fertilidade da natureza que debuxan o rostro dun home do que brotan flores, guenllos e follas pola boca.

A decoración da nave[editar | editar a fonte]

O suposto millo dun dos arcos da capela.

A nave central é de pequeno tamaño, con cinco arcos góticos que a separan de cadansúa nave lateral. O teito que cobre a nave ten unha elaborada decoración, con ducias de elementos florais homoxéneos, separados polos piares.

As naves laterais inclúen tamén algúns dos elementos máis coñecidos, tanto polo detalle da escultura, como polas interpretacións que se lle fixeron a posteriori. Hai, por exemplo, un lintel na nave sur que recolle dun lado os sete pecados capitais e do outro as sete virtudes teologais; mais unha das pezas está virada, de maneira que unha das virtudes está do lado dos pecados e un pecado na beira das virtudes, algo que pode atribuírse a un erro ou dárselle unha significancia maior.

Tamén existen elementos decorativos vexetais que teñen sido identificados como plantas de lugares exóticos (como un arco esculpido con plantas que poderían parecer áloe vera) e mesmo de América, o que abondaría nas teorías de que houbera conexións entre Europa e América previas aos contactos de Cristovo Colón, como trillium e millo[5]. Outros autores interpretan eses deseños vexetais como figuras estilizdas de trigo, amorodos ou lirios.[6][7].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Rosslyn Chapel - Building the Chapel". 2012-02-05. Archived from the original on 05 de febreiro de 2012. Consultado o 2018-10-04. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Rosslyn Chapel - Explore the carvings". 2012-02-04. Archived from the original on 04 de febreiro de 2012. Consultado o 2018-10-04. 
  3. "Rosslyn Chapel - Building the Chapel". 2012-02-05. Archived from the original on 05 de febreiro de 2012. Consultado o 2018-10-04. 
  4. "The music of UK Composer and Producer Stuart Mitchell". Stuart Mitchell Music (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2018. Consultado o 2018-10-04. 
  5. Christopher Knight and Robert Lomas. The Hiram Key. Fair Winds Press, 2001 ISBN 1-931412-75-8.
  6. Mark Oxbrow & I. Robertson. Rosslyn and the Grail. Mainstream Publishing, 2005 ISBN 1-84596-076-9.
  7. Historian Mark Oxbrow, citado en "The ship of dreams" Arquivado 16 de outubro de 2007 en Wayback Machine. por Diane MacLean, Scotsman.com, 13 May 2005