Lumbrigante
| Lumbrigante | ||||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Estado de conservación | ||||||||||||||||||||
|
||||||||||||||||||||
| Clasificación científica | ||||||||||||||||||||
|
||||||||||||||||||||
| Nome científico | ||||||||||||||||||||
| Homarus gammarus (Linnaeus, 1758) | ||||||||||||||||||||
O lumbrigante[1] (Homarus gammarus, Linne 1758), tamén chamado cereixo, é un crustáceo mariño decápodo macruro (de abdome ben desenvolvido), moi apreciado pola calidade da súa carne. Carácterízase polo seu primeiro par de patas rematado en grandes pinzas.
Índice |
Descrición [editar]
Caparazón de cor negra azulada, con manchas máis pálidas; de cor amarelada na cara inferior. O bordo lateral dos segmentos do abdome é brancuxa ou vermella. No caparazón coexisten dous pigmentos, un azul escuro, dominante, soluble; e outro vermello, insoluble. A cor vermella viva coa que coñecemo-lo lumbrigante no prato, cociñado, aparece só trala cocción, por desaparición dos outros pigmentos do caparazón, solubles na auga.
O caparazón do cefalotórax é de forma subcilíndrica, comprimido dorsoventalmente, coa superficie lisa, a diferenza do da lagosta, na que é espiñento.
Primeiro par de antenas (anténulas) curtas e divididas en dous flaxelos. Segundo par de antenas longo, da mesma lonxitude có corpo, que nacen dunha base pequena e cunha espiña ben visible.
Posúe cinco pares de patas, coma tódolos crustáceos decápodos. O primeiro par é robusto e carácterístico, moito máis grandes cás outras, e remata nunha forte pinza formada por dúas pezas (quelas) desiguais e provistas de varios dentes romos na marxe interna. Estes abultamentos adoitan ser de cor castaña ou avermellada. Normalmente, unha das pinzas -as máis veces, a esquerda- é claramente maior cá outra, sendo a menor máis rápida e cos dentes máis agudos e aserrados. O lumbrigante utiliza a pinza maior para suxeita-las preas e a menor para esgazala en pequenos anacos.
O segundo e terceiro par de patas tamén rematan en pinzas, moito menores cás anteriores. O cuarto e quinto par de patas rematan nunha uña única.
O abdome está formado por seis segmentos ou aneis, que se sobrepoñen ó dobrarse baixo o cefalotórax. Cada segmento posúe dun par de pequenas patas (pleópodos) de función copuladora e ovíxena. Nos machos, os dous primeiros pelópodos están modificados para trasladar os espermatozoides á femia no momento da cópula.
O abdome remata nun último segmento, que forma o telson, plano e rematando nun peite de sedas amarelas ou castañas, tamén presentes nos urópodos que conforman a aleta caudal.
O tamaño medio do lumbrigante oscila entre os 35 e os 50 cm, chegando a tallas superiores.
Hábitat [editar]
O lumbrigante, coma outros crustáceos superiores, é unisexual. O apareamento ten lugar a finais do verán. A femia garda os ovos pegados ó abdome durante 10-12 meses, ata que se produce a eclosión. As larvas pasan por unha primeira fase natatoria ata que alcanzan unha talla duns 3 cm, momento no que pasan a unha vida bentónica, para chegar á madurez ó cabo duns 4 anos, cuns 20 cm de lonxitude. Durante o desenvolvemento sofre numerosas mudas do caparazón, varias ó ano ó principio, que se van reducindo a unha cada dous anos, cando adultas.
Aliméntase de noite, a base de moluscos, vermes e peixes mortos.
Vive en augas pouco profundas, entre fondos rochosos de 2 a 40 m de profundidade. Atópase no Atlántico oriental, desde a altura do norte de Noruega ata as Azores e Marrocos. Tamén está presente no Mediterráneo, ata o Mar Negro.
Pesca [editar]
Captúrase con nasas especiais, engadadas con peixes ou crustáceos mortos. Ocasionalmente tamén ven enliado nos trasmallos e raeiros.
A talla mínima autorizada en Galicia é de 25 cm, medidos desde o extremo anterior da espiña infraorbitaria ata o extremo da aleta caudal ou telson.
Adoita comercializarse en fresco, vivo, pero tamén pode atoparse conxelado. Boa parte dos exemplares que se poñen á venda nos nosos mercados ou que se serven nos nosos restaurantes proceden do Reino Unido.
Consúmese cocido e con diversas salsas, e tamén simplemente á prancha. Desde hai anos estase estendendo o “arroz con lumbrigante”, prato que parece ser orixinal das illas Baleares.
Denominacións antigas [editar]
- Cancer gamarus (Linne, 1758)
- Astacus marinus (Fabricius, 1798)
- Homarus vulgaris (H. Milne Edwards, 1837)
Sinonimia [editar]
Nos distintos portos galegos recibe tamén os seguintes nomes:
- bugre
- cereixo (por similitude con certas cereixas de cor vinoso, escuro)
- labagante, lobagante, lombrigante, lubigante, lubrigante.
- lagosta francesa (segundo Cornide e o padre Crespo. O adxectivo “francés” utilízase moito para designar variedades de inferior calidade)
Antón Santamarina supón que a denominación castelá “bogavante” é unha deformación popular de “lobagante”.
- castelán: bogavante
- catalán: llamàntol
- vasco: abakandoa
- Santander: lubricante, ollocántaro, abacanto
- Asturias: llocántaro
- Baleares: grimalt, llomanto
- inglés: lobster, common lobster, European lobster
- francés: homard breton (o europeo); homard américain (o canadense)
- portugués: lavagante
- italiano: astice
- alemán: Hummer
Especies semellantes [editar]
No mercado pode atoparse outra especie semellante, o lumbrigante americano (Homarus americanus), máis comunmente denominado canadense, máis grande e de cor máis avermellada. Os gastrónomos aseguran que a súa carne é menos fina e saborosa cá da especie europea.
Estes lumbrigantes canadenses poden alcanzar tallas enormes: segundo o Libro Guinness dos Récords, o exemplar máis grande foi capturado en Nova Escocia (Canadá), cun peso de 20,14 kg.
Ás veces podemos atopar textos que describen esta especie baixo a denominación castelá de lagosta (ou lagosta americana). A razón da confusión pode deberse a unha tradución pouco rigorosa do inglés americano, lingua na que o lumbrigante se denomina lobster, palabra que os dicionarios traducen directamente por lagosta.
Galería de imaxes [editar]
- Artigo principal: Galería de imaxes de lumbrigantes de Galicia.