Cadernos da Escola Dramática Galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cadernos da Escola Dramática Galega
PaísEspaña
Lingualingua galega
Fundación1978
editar datos en Wikidata ]

Os Cadernos da Escola Dramática Galega (que até o número 54 foron chamados Cuadernos da Escola Dramática Galega) eran unha publicación periódica de textos e materiais teatrais en lingua galega que viu a luz por primeira vez en maio de 1978. Xurdiu como unha iniciativa da Escola Dramática Galega e foi impulsada por Manuel Lourenzo e Francisco Pillado Maior. Continuaron baixo o nome Cadernos de Teatro a partir de 1994.

Contexto[editar | editar a fonte]

Para entender a creación destes cadernos hai que ter en conta a situación política e cultural do momento. Alén disto, foron de gran relevancia no ámbito teatral galego, xa que este estivo moi descoidado até o momento e había unha serie de baleiros por encher.

No ano 1978, data na que tamén aparece o primeiro número, apróbase en referendo a Constitución Española que establecía un réxime democrático descentralizado que abría as portas ás “nacionalidades históricas” da creación duns estatutos de autonomía que lles concederían uns poderes políticos moi ansiados, incluíndo os referentes á cultura.

Esta publicación tamén foi importante por contribuír a converter o teatro galego nun teatro “nacional” e á “normalización” do teatro en galego, suxerindo así liñas estéticas e temáticas.

Obxectivos[editar | editar a fonte]

A principal pretensión dos Cadernos era cubrir unha serie déficits do teatro galego a través das seguintes accións:

A publicación[editar | editar a fonte]

Francisco Pillado.
Manuel Lourenzo.

Os cadernos foron dirixidos desde o seu comezo por Francisco Pillado Maior, coordinados por Manuel Lourenzo e administrados por Xosé M. Vázquez (substituído por Xoán M. López Eirís a partir de 1987).

Nos seus inicios a publicación era mensual, mais desde 1980 comezou a ser bimensual. En 1993 xa se alcanzaran os 100 números, chegando aos 105 en maio de 1994, a última das publicacións. Alcanzaron un grande éxito, chegando á publicación de 2.000 exemplares e contando cun gran número de subscritores (arredor de 500)[2] e sendo a única publicación regular e continuada de teatro a nivel estatal, non só en Galiza.

Seguindo os seus obxectivos publicaron textos de autores galegos e estranxeiros, tanto obras inéditas como reedicións de diferentes dramaturgos (clásicos e modernos); algúns deles foron por exemplo: Luís Seoane, Rafael Dieste, Antonio Benito Fandiño, Ramón Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez etc. Tamén publicaron textos críticos de diferentes autores, entre eles: Ricardo Carballo Calero, Laura Tato Fontaíña, Daniel Cortezón, Xoán Manuel Carreira etc; ademais diferentes grupos e traballos da emigración apareceron nos Cadernos.

Tiveron un importante labor na divulgación de traducións de textos dramáticos de autores como Federico García Lorca, Anton Chekhov, Oswaldo Dragún, Salvador Espriu, Llorenç Villalonga etc., realizadas por Francisco Pillado Maior, Henrique Harguindey ou Xosé Luís Grande Grande entre outros. Textos portugueses tamén foron recollidos, así como estudos sobre o teatro portugués moderno. Ademais, o teatro infantil estivo moi presente nos Cadernos.

A calidade de impresión era moi relevante, con pequenas ilustracións de artistas como Luís Seoane, Urbano Lugrís Vadillo ou Isaac Díaz Pardo por exemplo.

En 1994, coa disolución da Escola Dramática Galega, a supervivencia dos Cadernos estaba en risco, mais puideron continuar publicándose durante dous anos máis adoptando o nome de Cadernos de Teatro e sendo dirixidos polo mesmo equipo directivo.

Premios[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lourenço Módia, Cilha, O Teatro Circo na configuración do Teatro Independente Galego (1967-1978), Santiago de Compostela, Edicións Laiovento, 2013, p. 172-173
  2. Vilavedra, Dolores. Diccionario da Literatura Galega, Vigo, Editorial Galaxia, 1995-2000 (vol. 2) p. 90.
  3. "Cadernos da Escola Dramática Galega | Premios da Crítica Galicia | Web oficial da Fundación Premios da Crítica Galicia". premiosdacriticagalicia.org. Arquivado dende o orixinal o 16 de abril de 2016. Consultado o 2016-04-04. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]