Batalla de Muret

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A batalla de Muret consistiu na escaramuza decisiva da chamada cruzada albixense. Tivo lugar o 13 de setembro de 1213 nunha chaira da localidade occitana de Muret, uns doce quilómetros ao sur de Tolosa de Linguadoc.[1] A contenda enfrontou a Pedro II de Aragón, os seus vasalos e os seus aliados, entre os que se encontraban Raimundo VI de Tolosa, Bernardo V de Cominges e Raimundo Roger I de Foix, contra as tropas cruzadas e as de Filipe II de Francia lideradas por Simón IV de Montfort.[2]

O triunfo correspondeulle ás forzas de Simón de Montfort, o cal se converteu, como consecuencia da súa vitoria, en duque de Narbona, conde de Tolosa, vizconde de Béziers, vizconde de Carcasona. As tropas aragonesas e occitanas sufriron unhas perdas de 15.000 a 20.000 homes. Pedro II de Aragón, coñecido como Pedro o Católico, faleceu na batalla. Seu fillo, de cinco anos, o futuro rei Xaime I de Aragón, que estaba baixo custodia de Simón de Montfort, que con unha filla súa se concertara matrimonio nun intento para resolver o conflito,[3] debeu ficar un ano como refén, até que, por orde do papa Inocencio III, Montfort entregouno aos templarios.

Marcou o inicio da dominación dos reis franceses sobre Occitania. Foi tamén o comezo da fin da expansión aragonesa na zona. Antes da batalla, Pedro II de Aragón conseguira o dominio do condado de Tolosa, do de Foix e do de Cominges. Trala súa derrota e morte, seu fillo e herdeiro Xaime I tan só conservou o señorío de Montpellier por herdanza de súa nai, María de Montpellier. A partir deste feito, a expansión aragonesa encamiñouse cara Valencia e as Illas Baleares.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O espazo occitano-aragonés antes da Batalla de Muret.

A principios do século XIII, a herexía cátara instalárase polo territorio de Occitania ameazando a doutrina da Igrexa católica. O papa Inocencio III, despois de ter lanzado unha cruzada fallida contra os cátaros, intentou reconciliarse co conde Raimundo VI de Tolosa. Non obstante, Arnaldo Amalric, legado papal, e Simón IV de Montfort, non estaban de acordo coas negociacións, esixíndolle a Raimundo VI unhas condicións moi duras.

Raimundo VI buscou aliados cunha ortodoxia católica indubidable, e tras entrevistarse con diversos monarcas europeos, aliouse co seu cuñado Pedro II de Aragón, coñecido como o Católico. Este rei actuou como intermediario co fin de encontrar unha reconciliación, pero finalmente o papa Inocencio III púxose de parte de Simón IV de Montfort e proclamou a cruzada pensando que así erradicaría a herexía de forma definitiva. A cruzada empezou coa masacre de Beziers e o sitio de Carcasona de 1209, continuando ao ano seguinte co ataque ás fortalezas de Minerve, Termes e Lastours.

En 1213, Simón de Montfort reiniciou a súa campaña contra o conde Raimundo VI de Tolosa. Este retirouse á súa capital e pediu a intervención papal; o Papa ordenou a celebración do concilio de Lavaur, que empezou o 15 de xaneiro de 1213,[4] e onde se postulou polo retorno dos condados e terras aos seus titulares a cambio da sumisión á Igrexa.[5] A pesar de que os congregados rexeitaron a proposta, o rei Pedro II de Aragón conseguiu que o Papa enviase un legado. Ante a evidencia de que os cruzados estaban determinados a acabar co conde de Tolosa e que a intervención do Papa só lograría retrasar os feitos, Pedro II de Aragón decidiu acoller aos condes de Tolosa, Foix e Cominges,[6] e ao vizconde de Bearn baixo a súa protección, e combater aos cruzados.

Progresivamente, Montfort foi ocupando as vilas próximas a Tolosa, até que esta caeu no seu poder. Entre as vilas ocupadas atopábase Muret, que fora conquistada sen encontrar resistencia en 1212. A súa situación estratéxica, ao estar situada entre os ríos Garona e Loja, determinou que Simón IV de Montfort a elixira como base de operacións, deixando unha guarnición de 30 a 60 cabaleiros,[7] e 700 peóns de infantería.[8]

A partir de agosto, Pedro II cruzou os Pireneos desde Canfranc[6] ou Benasque[9] cuns mil cabaleiros e homes de armas. Mentras se achegaba a Tolosa, os castelos da conca do Garona que se renderan aos cruzados, fóronselle rendendo facilmente. Seguidamente, o rei enviou o seu exército sobre Muret, mentres Simón de Montfort se achaba en Saverdun.[10] Cando este tivo novas do perigo, reuniu as súas tropas e dirixiuse cara Muret rapidamente, ao encontro de Pedro II de Aragón.

Asedio de Muret[editar | editar a fonte]

Plano da cidade de Muret en 1213, obra de F. X. Hernández.

O 10 de setembro, as tropas de Pedro o Católico xuntáronse coas dos seus aliados occitanos e montaron dous campamentos na chaira da ribeira esquerda do Garona. Os campamentos estaban situados a uns 3 km do castelo da localidade e das embarcacións amarradas que chegaran desde Tolosa; estas estaban cheas de provisións,[4] e contaban cuns 2.000 cabaleiros e uns 5.000 peóns de infantería.[11]

Os cabaleiros estaban divididos en tres grupos: o primeiro deles estaba dirixido por Raimundo Roger I de Foix e constaba duns 400 cabaleiros propios e uns 200 da Coroa de Aragón; o segundo grupo, formado por uns 700 cabaleiros da Coroa de Aragón, estaba ao mando do propio monarca, Pedro II, entanto que o terceiro e último grupo, duns 900 homes, estaba ás ordes de Raimundo VI de Tolosa e Bernardo IV de Cominges.

O mesmo día, 10 de setembro, os tolosanos comezaron o asedio con armas de asedio. Deste xeito tomaron unha das dúas portas da cidade, unha das torres e a vila nova, forzando aos cabaleiros franceses a retirarse á vila vella e ao castelo. Cando o rei Pedro tivo noticia de que Simón de Montfort se aproximaba a Muret, ordenou a retirada da infantería que participaba no asedio para evitar que fose atacada pola retagarda. Desta forma, ao chegar ao día seguinte polo oeste con 900 cabaleiros,[5] os cruzados puideron entrar na fortaleza de Muret por unha das portas que non estaba controlada polos tolosanos.[7] Pola tarde chegaría un pequeno continxente baixo as ordes de Payen de Corbeil.[12] Tamén se apunta a posibilidade de que Pedro II deixara entrar aos cruzados coa intención de encerralos en Muret.[13]

Preparación da batalla[editar | editar a fonte]

Raimundo VI de Tolosa, que coñecía as tácticas do inimigo, propuxo fortificar o campamento cunha empalizada,[5] asediar a cidade polo flanco oeste[4] e esperar o ataque francés para defenderse cos besteiros e posteriormente contraatacar co obxectivo de recluílo no interior do castelo.[14] Mais Pedro II, facendo oídos xordos dos consellos ofrecidos polo seu cuñado, plantou batalla sen esperar a que chegara todo o seu exército,[15] xa que os reforzos de Guillerme II de Montcada e de Bearn,[16] Gastón VI de Bearn e Nuño Sánchez estaban de camiño. O rei quería que o seu exército, que participara na vitoria cristiá da batalla de Navas de Tolosa, se comparara en valentía coa até daquela invencible cabalería francesa sen fortificar o campamento, e pretendía vencer en campo aberto.

Simón IV de Montfort, en clara inferioridade numérica, con víveres para só unha xornada[6] e a máis de cen leguas da súa base de operacións, decidiu non ficar pechado no castelo de Muret e lanzou un ataque fulminante,[17] utilizando a mellor arma da cabalería pesada, a carga.[18] Organizou a cabalería francesa en tres escuadróns[13] de 300 cabaleiros: o escuadrón de vangarda dirixíano Guillaume de Contres e Guillaume des Barres, o segundo escuadrón estaba mandado por Bouchard de Marly e o terceiro polo propio Simón de Montfort; por outra parte, os besteiros e lanceiros defendían o castelo e protexían o acceso da cabalería. A tropa foi reunida na praza do mercado, onde se lle comunicou a orde de batalla cunha arenga de Montfort.[4]

A batalla[editar | editar a fonte]

Na madrugada do 13 de setembro, a infantería tolosana reiniciou os traballos de asedio, atacando as portas da muralla mentres a cabalería vixiaba a posible saída dos cruzados. Pola tarde, a maior parte da cabalería aragonesa retirouse para descansar[5] e ese foi o momento escolleito por Simón de Montfort para atacar coa súa tropa descansada, saíndo pola porta de Salas,[19] que daba ao río Loja e que os sitiadores non podían ver, dobrando unha esquina da muralla do castelo, cara a ponte de San Sernín e atravesando o río por un bado.

A cabalería cruzada emerxeu de repente, do nivel do leito do río avanzando cara o chairo, sorprendendo aos sitiadores. Os dous primeiros corpos xiraron cara a esquerda, e a primeira das tres acometidas dos franceses foi respondida polas tropas de Raimundo Roger I de Foix,[20][21] pero tiveron que repregarse rapidamente ante a impetuosidade da cabalería francesa, tomando o relevo as tropas do rei aragonés. Os franceses, coa súa gran manobrabilidade e conservando a formación, mantiveron vantaxe numérica nas dúas acometidas seguintes e non permitiron que os aragoneses se reagruparan.

A batalla de Muret no Libre dels fets.
E'N Simon de Montfort era en Murel be ab .DCCC. homens a caval tro en .M., e nostre pare vench sobr'ell prop d'aquel loch on el estava. E foren ab el d'Aragó don Miquel de Luzia, e don Blascho d'Alagó, e don Roderich de Liçana, e don Ladro, e don Gomes de Luna, e don Miquel de Roda, e don G. de Puyo, e don Azmar Pardo, et d'altres de sa maynade molts qui a nos no poden membrar : mas tant nos membre que'ns dixeren aquels que'y avien estat, e sabien lo feyt, que levat don Gomes, e don Miquel de Roda, e Azmar Pardo, e alguns de sa meynade que'y moriren, qu'els altres lo desempararen en la batalla, e se'n fugiren : hí de Catalunya En Dalmau de Crexel, e N'Uch de Mataplana, e En G. d'Orta, e En Bernat dez Castel bisbal, e aquels fugiren ab los altres. Mas be sabem per cert que don Nuno Sanxes, e En G. de Montcada que fiyl d'En G. R. e de Na G. de Castelviy, no foren en la batayla, ans enviaren missatge al Rey que'ls esperas, e'l Rey no'ls volch esperar : e feu la batayla ab aquels qui eren ab el.[22][23][24]
La Batalla de Muret, según el Llibre dels fets.

Pedro o Católico decidira probar a súa valía como cabaleiro cambiando a súa armadura pola dun dos seus homes para enfrontarse como simple cabaleiro a Simón de Montfort, pero o obxectivo cruzado era o de matar ao monarca a toda costa[25] porque a defensa da Igrexa xustificábao todo,[5] e así se lle encargou a dous dos seus cabaleiros, Alain de Roucy e Florent de Ville, que abatiron ao cabaleiro que vestía a armadura real e logo ao propio rei cando este foi descuberto ao grito de "El rei, heus-el aquí!",[14] a pesar de ter este acabado con algúns dos seus atacantes.[26]

A noticia da morte de Pedro II estendeu o pánico entre o resto do exército, que foi completamente derrotado ao ser sorprendido por un ataque polo flanco efectuado polas tropas de reserva de Montfort,[18] emprendendo os cabaleiros aragoneses a retirada. O exército tolosano, que aínda non participara no combate, véndose desbordado pola multitude de aragoneses que retrocedían de forma desordenada, foise igualmente sen ter chegado a atacar, sendo alcanzado polos cabaleiros franceses, que provocaron unhas baixas entre os derrotados que se calculan entre os 15.000 e 20.000 homes.

E aquí mori nostre pare car axi ho ha fat me linatge totstemps que en les batalles que ells han fetes, he nos farem, deuem vencre o morir.[27] E aquí morreu noso pai, porque así fixo sempre a nosa linaxe nas batallas que eles fixeron, e nos faremos, vencer ou morrer.[13]
Xaime I, Llibre des fets.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Simón IV de Montfort. Ilustración de 1835.

Simón IV de Montfort obtivo o triunfo na batalla, converténdose así en duque de Narbona, conde de Tolosa e vizconde de Beziers e Carcasona. Os condes de Foix e de Cominges volveron aos seus feudos, e o conde de Tolosa viaxou a Inglaterra para reunirse con Xoán I,[28] deixando aos cónsules de Tolosa para que negociaran cos xefes da cruzada. A pesar de que o fillo de Raimundo VI, Raimundo VII, arrebatou ao pouco tempo o poder a Simón de Montfort, esta batalla marcou o preludio da dominación francesa sobre Occitania e a fin da expansión da Casa de Barcelona e da Coroa de Aragón na rexión, xa que Pedro II conseguira a vasalaxe dos condados de Tolosa, Foix e Cominges, e segundo o autor francés Michel Roquebert, o final da posible formación dun poderoso reino aragonés-occitano que tería mudado o curso da historia de España.[29] A Coroa centrouse logo na Reconquista da Península Ibérica, que se repartira unhas décadas antes cos tratados de Tudilén e de Cazorla.

O cadáver de Pedro II, que fora excomungado polo mesmo que o coroara, foi recollido polos cabaleiros hospitalarios de Tolosa, onde foi enterrado, até que en 1217, unha bula do papa Honorio III autorizou o traslado dos seus restos ao Real Mosteiro de Santa María de Sigena, onde foi inhumado fóra do recinto sagrado.[30]

O fillo de Pedro II, o futuro Xaime I, que naquel momento contaba con 5 anos de idade, atopábase baixo a custodia de Simón de Montfort. Tras a morte de Pedro II, Xaime ficou orfo de pai e nai, xa que ese mesmo ano, súa nai, a raíña María de Montpellier, faleceu en Roma, a onde viaxara para defender a indisolubilidade do seu matrimonio.[31] Ante esta situación, enviouse unha embaixada do reino a Roma para pedir a intervención de Inocencio III. O papa, nunha bula, e por medio do legado Pedro de Benevento, obrigou a Montfort a ceder a tutela do infante Jaime aos cabaleiros templarios da Coroa de Aragón.

E ao fillo de Pedro, rei de Aragón, de ínclita memoria, que ti retés, o fagas restituír ao seu reino (...) e porque sería moi indecente que, desde agora en adiante e con calquera razón retiveras ao fillo de dito rei, quen has de entregar en mans de dito legado, por que poida prover como lle pareza oportuno. Doutra forma o legado actuará tal e como recibiu instrucións da nosa viva voz.[32]
Bula de Inocencio III a Simón IV de Montfort.

A entrega de Xaime produciouse finalmente en Narbona, na primavera de 1214, onde era esperado por unha delegación de notables do seu reino, entre os que figuraba o mestre dos templarios en Aragón, Guillerme de Montredón.[32] A tutela do monarca recaeu neste último.[33] Os templarios instruírono para rei no castelo de Monzón, na actual provincia de Huesca, canda o curmán seu Ramón Berenguer V de Provenza. Antes de chegar a Monzón, pararon en Lleida, onde as Cortes lle xuraron fidelidade.

Mentres, o rexente Sancho Raimúndez disputábase a soberanía co tío de Xaime, Fernando de Aragón. No momento máis crítico, no que os nobres cataláns estaban a punto de iniciar unha guerra civil polo control da soberanía en contra dos de Aragón, Xaime, con tan só 9 anos de idade, e aconsellado polos cabaleiros templarios, tomou o control da Coroa e todos os nobres xuraríanlle fidelidade. A partir de aí, a expansión aragonesa de Xaime I e os seus sucesores dirixiuse cara as terras de Valencia e o Mediterráneo.[1]

O dominico Raimundo de Peñafort, un dos principais conselleiros de Xaime I, introduciu a Inquisición na Coroa de Aragón, co fin de perseguir aos cátaros. En Occitania, durante todo o século XIII e principios do XIV, os cátaros sufriron unha dura persecución levada a cabo pola Inquisición e dirixida polos monxes da Orden dos Pais Predicadores, coñecidos como dominicos. Os últimos núcleos de cátaros refuxiáronse no castelo de Quéribus, última fortaleza caída, e en covas e espulgas (covas fortificadas) dos vales altos dos Pireneos, especialmente no Ariège, e moitos escaparon a territorios da coroa aragonesa. Lleida, Puigcerdà, Prades ou Morella convertéronse en centros de cátaros occitanos. En Morella viviu o último «perfecto» cátaro coñecido, Guillaume Bélibaste, até ser capturado na localidade próxima de San Mateo, para posteriormente ser interrogado pola Inquisición, trasladado e queimado na fogueira en Villerouge-Termenès.

Notas[editar | editar a fonte]

Para poder coñecer os feitos que levaron á batalla e a batalla en si mesma, dispóñense diferentes fontes contemporáneas que nos dan o punto de vista aragonés, occitano e francés, aínda que todas elas son tendenciosas:[9] o Llibre dels feits del rei en Jacme, o Llibre del rei en Pere d'Aragó e dels seus antecessors passats, a Cançon de la Crosada e a Hystoria Albigensis, sendo considerada esta última a fonte básica para o estudo dos feitos.[9]

  1. 1,0 1,1 "Pedro II, «el Católico»" (en español). Gran Enciclopedia Aragonesa OnLine. http://www.enciclopedia-aragonesa.com/voz.asp?voz_id=9908. Consultado o 13 de maio de 2011. 
  2. Jordi Bolòs, Diccionari de la Catalunya medieval (ss. VI-XV). Edicions 62, Col·lecció El Cangur / Diccionaris, núm. 284. Barcelona, abril de 2000. ISBN 84-297-4706-0, páx. 180.
  3. Herradón, Jaime I el Conquistador, el rey cruzado.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 "Alfonso II and Pedro II". A History of Aragon and Catalonia. http://libro.uca.edu/chaytor/hac5.htm. Consultado o 13 de maio de 2011. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Sella, La batalla de Muret, pas a pas.
  6. 6,0 6,1 6,2 Cabestany y Bagué, Història de Catalunya, vol. III. Els primers comtes-reis.
  7. 7,0 7,1 "La batalla de Muret (1213)" (en catalán). 3-10-2007. http://www.polemos.org/Members/FXHernandez/la-batalla-de-muret-1213. Consultado o 13 de maio de 2011. 
  8. R. G. Grant afirma que eran 1.200 soldados de infantería en Battle. A visual journey through 5.000 years of combat.
  9. 9,0 9,1 9,2 Hernández, F. X., Historia militar de Catalunya.
  10. Histoire de Languedoc (1648), páxinas 326-327.
  11. R.G. Grant afirma que eran 30.000 soldados de infantería.
  12. Pedro de Vaux de Cernay, Hystoria Albigensis.
  13. 13,0 13,1 13,2 Soldevilla, Historia de Cataluña, páx. 170.
  14. 14,0 14,1 Óscar; Hernández, Antonio. "Desenvolupament de la batalla". Historia del catarisme. http://www.iacobus.net/Muret.Htm. Consultado o 18-09-2008. 
  15. Jerónimo Zurita, Anales de Aragón
  16. "La fi del somni occità". http://in.directe.cat/oriol-junqueras/bloc/la-fi-del-somni-occita. Consultado o 18-09-2008. 
  17. Oldenbourg, La hoguera de Montsegur, pp. 216-217.
  18. 18,0 18,1 "The Myths of Medieval Warfare". http://www.deremilitari.org/resources/articles/mcglynn.htm. Consultado o 19-09-2008. 
  19. Interpretación máis extendida que parte da crónica de Pedro de Vaux-de-Cernay.
  20. Michel Roquebert afirma que a cabalaría cruzada cargou directamente contra o groso da cabalaría aragonesa.
  21. Charles Oman, que consideraba o campamento ao leste da cidade, afirma que os cruzados marcharon cara Sales simulando unha fuxida, xirando noventa graos, cruzando o Loja, e cargando posteriormente.
  22. Xaime I de Aragón. "f. IIIIv" (en catalán). Crònica del rei en Jacme. http://www.lluisvives.com/servlet/SirveObras/jlv/01593185213472861890035/ima0013.htm. Consultado o 13 de maio de 2011. 
  23. Xaime I de Aragón. "f. IIIIv". Crònica del rei en Jacme. http://www.lluisvives.com/servlet/SirveObras/jlv/01593185213472861890035/ima0014.htm. Consultado o 13 de maio de 2011. 
  24. Xaime I de Aragón. "f. IIIIv". Crònica del rei en Jacme. http://www.lluisvives.com/servlet/SirveObras/jlv/01593185213472861890035/ima0015.htm. Consultado o 13 de maio de 2011. 
  25. Aubarbier, Jean-Luc; Binet, Michel (2008), Le pays cathare, Ouest France. ISBN 978-2-7373-4401-5.
  26. "En qual manera mori lo rey En Pere d'Arago, aquell que fon a la batalla de Ubeda". Crònica de Bernat Desclot. http://ca.wikisource.org/wiki/Cr%C3%B2nica_de_Bernat_Desclot/Cap%C3%ADtol_VI. Consultado o 13 de maio de 2011. "E el primer colp feri un cavaller frances ab la llança e abatel mort en terra. Puix veu que la llança no li valia res, tant era la presa quels Francesos li feyen; e mes ma a la spasa; e aqui fe de grans colps, si que ocis tres cavallers ab la spasa" 
  27. Xaime I de Aragón. "fol. 5". Llibre dels feits del rei en Jacme. http://www.cervantesvirtual.com/servlet/SirveObras/34697391092392752454679/ima0010.htm. Consultado o 13 de maio de 2011. 
  28. Xoán I de Inglaterra foi derrotado na Batalla da Roche-aux-Moines o 2 de xullo de 1214, e os seus aliados na de Bouvines o 27 de xullo, polo que non puido axudar a Raimundo de Tolosa fronte aos franceses.
  29. Michel Roquebert (2002). Histoire des Cathares. ISBN 2262018944. 
  30. "El rito de la coronación del rey en Aragón" (en español) (pdf). Revista de Ciencias Sociales del Instituto de Estudios Altoaragoneses (103): 17-40. 1989. ISSN 0518-4088. http://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=652092. 
  31. Stefano Maria Cingolani, en Jaume I. Història i mite d´un rei, páx. 77. data a morte da raíña en abril de 1213, antes que a do seu marido. Por contra, Luis Suárez Fernández, en Historia de España Antigua y Media (1976), Ediciones Rialp, páx. 15 sinala que a raíña morreu despois de Pedro II.
  32. 32,0 32,1 Stefano Mari Cingolani, Jaume I. Història i mite d´un rei, pp. 87-88.
  33. Herradón, Jaime I el Conquistador, el rey cruzado, páx. 14.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Batalla de Muret