Anhidrita
| Anhidrita | |
|---|---|
| Fórmula química: | CaSO4 |
| Clase: | Sulfatos |
| Subclase: | |
| Sistema cristalino: | Ortorrómbico |
| Cor: | De incoloro a azulado ou violeta. Tamén branco ou rosado. |
| Brillo: | Vítreo a perlado nas caras de exfoliación |
| Dureza: | 3,5 (escala de Mohs) |
| Fractura: | Concoidea |
| Exfoliación: | [010] Perfecta, [100] Perfecta, [001] Boa |
| Raia: | Branca |
| Densidade: | 3,90 g/cm³ |
A anhidrita é un mineral composto de sulfato de calcio anhidro (CaSO4). Está formada por un 41,2 % de CaO e un 58,8 % de SO3. É moi común nos depósitos de sal, sendo moi raro encontrala ben cristalizada. Cando se expón á acción da auga, a anhidrita absórbea e vólvese sulfato de calcio hidratado (CaSO4•2H2O), isto é, xeso.
Ten aplicación na construción na fabricación do cemento, ademais de empregarse para certos fertilizantes ou a fabricación do ácido sulfúrico. A variedade azulada, chamada vulpinito (de Vulpino, en Italia) emprégase como pedra ornamental.
Índice |
Etimoloxía [editar]
A verba anhidrita provén do grego e significa "sen auga". Fai referencia á ausencia de auga na cristalización do mineral, por contraposición ao xeso (hidratado). O nome púxollo A.G. Werner, xeólogo alemán que descubriu este en 1804.
Cristalografía [editar]
A anhidrita cristaliza no sistema ortorrómbico, na clase bipiramidal rómbica (2/m 2/m 2/m ou mmm). O seu grupo espacial é o Amma, o que indica que a cela unidade da anhidrita está centrada nas bases. As dimensións da cela unidade da anhidrita son: a = 6,95, b = 6,96, c = 6,21 Å ; Z = 4. Na natureza, a anhidrita se presenta en forma compacta coa textura do mármore, ou tamén en agregados granulares ou nodulares. Pouco frecuentemente se poden atopar cristais aciculares ben formados.
Formación [editar]
Nos depósitos de sal, a anhidrita ten unha orixe sedimentaria evaporítica. Fórmase a partir de disolucións acuosas de sulfato de calcio cun exceso de sodio ou de clorato de potasio, se a temperatura supera os 40º C. Noutro caso, fórmanse cristais de xeso. Este xeito de formación da anhidrita é un dos que se empregan para obtela artificialmente. Tamén se pode formar a partir do xeso, por perda das moléculas de auga.
É, pois, moi frecuente encontrala anhidrita nos depósitos de sal ao lado de xeso. De feito, a anhidrita descubriuse en 1804 nunha mina de sal en Tirol, Austria. A anhidrita adoita ocupar as zonas máis profundas do depósito, xa que na superficie, a auga transfórmaa en xeso.
Ás veces, a anhidrita pode atoparse en filóns metálicos, asociada con calcita, halita, pirita e sulfitos como galena, calcopirita e molibdenita.
Depósitos [editar]
Hai depósito de anhidrita repartidos por todo o mundo. En España, os máis importantes encóntranse en Cabezón de la Sal (Cantabria), nas concas do Texo e do Ebro e as formacións de Súria e Cardona (Barcelona) e de Alins (Lleida). Na serra de los Ángeles, en Huelva, hai un banco de anhidrita de tons azulados con manchas verdosas.
Véxase tamén [editar]
Outros artigos [editar]
Ligazóns externas [editar]
- Cristamine, da UNED(en castelán)
- mindat.org(en inglés)