Abraham Gottlob Werner

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Abraham Gottlob Werner (1749-1817)

Abraham Gottlob Werner, nado en Osiecznica[1] o 25 de setembro de 1749 e finado en Dresde o 30 de xuño de 1817, foi un xeólogo e mineraloxista alemán.

Traxetoria[editar | editar a fonte]

Educouse en Freiberg e en Leipzig (Saxonia), onde estudou dereito, minería e mineraloxía, sendo en 1775 nomeado inspector e profesor da pequena, pero influente, Academia de Minería de Freiberg, onde permaneceu até a súa morte.

Fundador da moderna mineraloxía e da xeognosia, os seus traballos contribuíron na consideración da mineraloxía e a xeoloxía como ciencias distintas, e foi o primeiro científico que clasificou os minerais sistematicamente. Por iso considérase como o pai da mineraloxía moderna.

Foi tamén o propoñente dunha controvertida teoría sobre a estratigrafía e fundou, defendeu e divulgou o neptunismo, outa non menos controvertida teoría que explicaba a orixe das rochas, hoxe obsoleta. Tamén elaborou teorías sobre a estratificación das rochas e a formación das rochas volcánicas.

Orixe[editar | editar a fonte]

Era fillo de Abraham David Werner, un inspector da siderurxia ducal de Solms (Gräflich-Solmsschen Eisenhüttenwerk) e Wehrau e Lorzendorf (Lorenzdorf, hoxe: Ławszowa), pasando a partir de 1764 a traballar como escribán da siderurxia e como adxunto do seu pai.

Em 1769 matriculouse na Escola de Minas da Universidade Técnica de Freiberg (Freiberger TU Bergakademie ou Technische Universität Bergakademie Freiberg). Pasou en 1771 para a universidade de Leipzig (Universität Leipzig), onde estudou dereito e máis tarde ciencias naturais, minería e mineraloxía, sendo alí alumno de Johann Carl Gehler (1732-1796).

En 1775 foi convidado por Carl Eugenius Pabst von Ohain para que ocupara os cargos de inspector e instructor de mineraloxía na Escola de Minas de Freiberg, onde despois sería profesor e onde traballaría até o seu falecemento.

A fama de Werner atraeu estudantes de toda Europa e até de América. Entre os seus alumnos cóntanse nomes como Alexander von Humboldt, Franz von Baader, Leopold von Buch e Friedrich Mohs, entre os alemáns, pero tamén Robert Jameson, que chegaria a ser un afamado profesor na universidade de Edimburgo, o hispano-mexicano Andrés Manuel del Río, descubridor do vanadio, e José Bonifácio de Andrada e Silva, mineraloxista insigne e home político do seu tempo, hoxe mais coñecido como patriota fundador do Brasil.

No ano 1791 Werner foi nomeado director do Servizo de investigación xeológica e mineira de Saxonia (Geognostische Landesuntersuchung Sachsens), unha entidade cuxa creación defendera entusiasticamente. A partir de 1816, xa enfermo, contou coa axuda do seu asistente Carl Amandus Kühn, que chegaría a ser un reputado científico e professor, continuador do traballo de Werner despois do seu falecemento.

Werner nunca casou e non deixou descendencia. Ávido coleccionista, iniciou a súa colección de minerais cando tiña tan só 9 anos de idade. En 1814 xa tiña máis de 10 000 espécimes, legando esta colección á Escola de Minas de Freiberg, que hoxe mantén no seu campus.[2]

Ciencia[editar | editar a fonte]

Werner desenvolveu a mineraloxía como un dos campos máis avanzados e importantes da enxeñaría de minas do seu tempo, e estabeleceu as primeiras teorías con base nas modernas Física e Química para explicar a orixe e características das formacións xeolóxicas, fundando neste proceso a ciencia da xeognosia (coñecemento da Terra), hoxe integrada na moderna xeoloxía estrutural. Baixo o seu impulso, as ciencias que hoxe compoñen a xeoloxía gañaron un novo ímpeto e a observación e estudo da estrutura da Terra pasou a facerse seguindo o moderno método científico.

Débese tamén a Werner o desenvolvemento dun dos primeiros sistemas de clasificación científica dos minerais, que a pesar de ficar hoxe obsoleto aínda marca a actual mineraloxía. A súa nomenclatura dos minerais e moitas das súas descricións aínda se utilizan, sendo hoxe unha apreciada parte da mineraloxía clásica.

A partir de observacións sobre formacións rochosas de Saxonia, que considerou extensíbeis ao resto do planeta, Werner convenceuse de que os estratos xeolóxicos estaban ordenados en sucesións definidas e resultaban dun proceso descontinuo de transformación. Para explicar a suúa orixe, Werner cría que as augas, en particular as dos océanos, tiñan un papel determinante na formación das rochas e na composición e evolución da estrutura xeolóxica da Terra.

Con base nesta crenza, que a moderna ciencia probou non ser verdadeira, Werner propuxo a teoría do neptunismo, defendendo que todas as rochas tiñan a súa orixe na evolución dos océanos, formándose no seu seo nun período remoto en que toda a superficie terrestre fora inundada polas augas dun océano primordial. Os sedimentos depositados polas augas deste océano darían orixe aos continentes e formarían os estratos rochosos hoxe visíbeis na superficie.

Segundo esta teoría, a que Werner asociaba a unha controvertida chegada á estratigrafía, primeiro se formarían as rochas magmáticas, sobre as cales se depositarían secuencialmente as metamórficas e sedimentarias e, finalmente, os sedimentos non consolidados do presente.

Esta teoría tivo numerosos defensores, dando orixe a diversas variantes, e foi moi difundida a finais do século XVIII, especialmente por ser conciliábel coa historia bíblica do diluvio universal.

Como reacción, xurdiu a teoría do plutonismo, proposta por James Hutton, producindo entre os defensores de ambas unha radical controversia que se prolongou durante as décadas de 1790 a 1830.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Abraham Gottlob Werner foi homenaxeado en 1851 cun monumento concibido polo Profesor Johann Eduard Heuchler e colocado na prestixiosa Promenaden zu Freiberg (a alameda que á beira do río no centro de Freiberg).

A wernerita é unha variedade de escapolita, un tectosilicato común, que se denominou así na súa honra.

En 1848, tamén a Asociación mineralóxica de Dresde (Mineralogische Gesellschaft zu Dresden) construíu un monumento en honra de Werner no cemiterio de Annen (Annenfriedhof) de Löbtau e conseguiu que aquela cidade dese o nome de Wernerstraße a unha das súas rúas.

A Sociedade Alemá de Mineraloxía (Deutsche Mineralogische Gesellschaft)[3] instituíu na sa honra a "Medalla Abraham Gottlob Werner" [4], un galardón que se outorga aos científicos que alcancen gran distinción no campo da mineraloxía e ciencias conexas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Actual nome da localidade polaca, na Alta Lusacia, denominada en alemán Wehrau-an-der-Queiß e que pertencía daquela á Silesia prusiana.
  2. Technische Universität Bergakademie Freiberg.
  3. Deutsche Mineralogische Gesellschaft
  4. Abraham-Gottlob-Werner-Medaille

Obra[editar | editar a fonte]

Considerando a súa influencia no desenvolvemento das Ciencias da Terra, Werner non publicou moitas obras, proxectando o seu coñecemento a través das súas clases e da influencia que tivo nos seus alumnos. Entre outras, é autor das seguintes:

  • Über die äußern Kennzeichen der Fossilien (Leipzig, 1764);
  • Von den verschiedner Mineraliensammlungen, aus denen ein vollstaendiges Mineralienkabinet bestehen soll (1778);
  • Kurze Klassifikation und Beschreibung der Gebirgsarten (Dresden, 1787);
  • Bekanntmachung einer von ihm am Scheibenberger Huegel ueber die Entstehung des Basaltes gemachten Entdeckung (1788);
  • Neue Theorie über die Entstehung der Gänge (Freiberg, 1791);
  • Von den verschiedenen Graden der Festigkeit des Gesteins, als dem Hauptgrunde der Hauptverschiedenheiten der Haeuerarbeiten (1788);
  • Versuch einer Erklaerung der Entstehung der Vulkanen durch die Entzuendung mächtiger Steinkohlenschichten, als ein Beytrag zu der Naturgeschichte des Basaltes (1789);
  • Neue Theorie von der Entstehung der Gaenge, mit Anwendung auf den Bergbau besonders den freibergischen (1791);
  • Ausführliches und sistematisches Verzeichnis des Mineralienkabinets des weiland kurfürstlich saechsischen Berghauptmans Herrn Karl Eugen Pabst von Ohain (2 vol., 1791-1792);
  • Umfang und Abtheilung der Bergwerkskunde, oder Skitze zu einer Encyclopaedie der Bergwerkswissenschaften (1811);
  • Letztes Mineral-System (1817);
  • Allgemeine Betrachtungen über den festen Erdkoerper (póstumo, 1818);
  • Die Bergbaukunst (póstumo, 1823).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Abraham Gottlob Werner

bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Samuel Gottlob Frisch (1825), Lebensbeschreibung A. G. Werners - nebst zwei Abhandlungen über Werners Verdienste um Oryktognosie und Geognosie, Brockhaus Verlag, Leipzig, XVIII, 275 pp.
  • -----, Abraham Gottlob Werner, in Encyclopedia of World Biography, 2nd ed. 17 Vols. Gale Research, 1998.
  • -----, Abraham Gottlob Werner, in Science and Its Times, Vol. 4: 1700 - 1799. Gale Group, 2001.
  • Abraham Gottlob Werner. Gedenkschrift aus Anlaß der Wiederkehr seines Todestages nach 150 Jahren am 30. Juni 1967. Deutscher Verlag für Grundstoffindustrie, Leipzig 1967, (Freiberger Forschungshefte C 223).
  • Bergakademie Freiberg (Hrsg.): Internationales Symposium Abraham Gottlob Werner und seine Zeit: 19. bis 24. September 1999 in Freiberg (Sachsen). Tagungsband. Verlag der TU Bergakademie, Freiberg 1999.
  • Samuel Gottlob Frisch: Lebensbeschreibung A. G. Werners — nebst zwei Abhandlungen über Werners Verdienste um Oryktognosie und Geognosie. Brockhaus Verlag, Leipzig 1825, (Digitalisat, pdf 6.5 MB)
  • Martin Guntau: Abraham Gottlob Werner. Teubner-Verlag, Leipzig 1984, (Biographien hervorragender Naturwissenschaftler, Techniker und Mediziner 75.
  • Dieter Slaby, Roland Ladwig: Abraham Gottlob Werner — seine Zeit und seine Bezüge zur Bergwirtschaft. Verlag der TU Bergakademie, Freiberg 1999, (Freiberger Arbeitspapiere 1999, 26.
  • Johannes Uray, Chemische Theorie und mineralogische Klassifikationssysteme von der chemischen Revolution bis zur Mitte des 19. Jahrhunderts. In: Berhard Hubmann, Elmar Schübl, Johannes Seidl (Hgg.), Die Anfänge geologischer Forschung in Österreich. Beiträge zur Tagung „10 Jahre Arbeitsgruppe Geschichte der Erdwissenschaften Österreichs“ von 24. bis 26. April 2009 in Graz. Graz 2010, S 107-125.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]