Aires da Terra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aires da Terra
Aires da Terra a comezos do século XX.
TipoCoro galego
Data de fundación1883
Data de disolución1914
Fundador(es)Perfecto Feijoo e Víctor Said Armesto
PaísGalicia
Na rede
Musicbrainz: 44b1ec17-0805-493a-b84c-ab45a900294b Discogs: 6484810 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Nado en 1883, Aires da Terra foi un coro popular cuxo nome pode poñerse en relación con Aires da miña terra, de Curros Henríquez. Aires da Terra foi orixinalmente un grupo reducido de coñecidos, que se reunían na botica pontevedresa de Perfecto Feijóo, na praza da Peregrina. Lanzaron á sociedade do seu tempo a mensaxe de que a Galicia rural, non era debedora de condescendencia nin merecía o desdén co que se a trataba: confiaban nos seus valores e querían que fosen coñecidos e respectados[1].

Esta actitude obsérvase na escolla de música tradicional para o repertorio, así como pola vontade de mantelo intacto, sen harmonizacións tan frecuentes en obras anteriores como o Cancioneiro de Inzenga. No ámbito extramusical, o grupo asumiu como parte fundamental da súa actividade o traxe típico, concretamente un modelo dos arredores de Pontevedra composto por calzón de veludo azul, chaleco granate con botón dourado,camisa branca de liño e monteira picuda con borlas vermellas e azuis.[1]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O descubrimento do folclore[editar | editar a fonte]

Durante o século XIX esténdese por Europa a preocupación por atesourar o saber do pobo, ata o punto de que por primeira vez este concepto recibe nome: o folk-lore, o “saber do pobo”; termo acuñado por William Thoms en 1845[2]. Respondendo ás dinámicas europeas, en Galicia inaugúrase a Sociedad del Folklore Gallego en 1884, presidida por Pardo Bazán[3]. A importancia da música popular nas últimas décadas do século XIX e primeiras do XX pódese observar no renacemento literario que se produce na Galicia do XIX, que a toma como referencia habitual en obras tan senlleiras como Cantares Gallegos (1880) de Rosalía de Castro, Queixumes dos pinos (1886), de Eduardo Pondal ou A Gaita Gallega de Xoán M. Pintos.[2]

A pequena vila de Pontevedra, de apenas 20.000 habitantes, non se queda á marxe deste movemento cultural, e no 1883 aparece o primeiro periódico editado na cidade e escrito en galego, O Galiciano, que organizará os xogos florais de 1884 e 1886, desenvolvidos case por completo en galego[1]. Agroman na cidade faladoiros nos que se abordan temas sociais, históricos, xurídicos e folclóricos e nas que participan persoeiros como Casto Sampedro, Castelao ou Concepción Arenal.

Os primeiros coros[editar | editar a fonte]

A primeira experiencia europea con coros levouse a cabo en Francia por Luis Guillermo Bocquillon[4] (1781-1842) e estaba enfocado ó ensino da música entre a clase obreira. A idea esténdese rapidamente pola Europa industrial, e no 1835 aparecen os primeiros orfeóns. En Cataluña agroman os coros Clavé, baseados na redención musical do obreiro propoñendo o modelo dun traballador que desenvolve a súa capacidade artística. O primeiro orfeón en Galicia foi o Orfeón Coruñés (1875) do que foi director Pascual Veiga. Virían despois Orfeón Brigantino (1877), Orfeón Pacheco (1880), El Eco (1882), Unión Orensana (1879) ou Orfeón Republicano de Vigo (1905).[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fotografía de Aires da Terra.No medio, coa gaita, Perfecto Feijoo.

En febreiro de 1901, o centro galego de Madrid nomea presidenta de honra a Pardo Bazán, e Aires da Terra participa nesta homenaxe na capital. Ó día seguinte o coro participa coa carroza do centro galego no desfile de carrozas madrileño. O éxito desta aparición celébrase cunha festa no centro galego e remata cunha representación no Teatro Español, a primeira actuación do coro sobre un escenario propiamente dito. Posteriormente, o coro leva a cabo unha serie de actuacións diante de públicos selectos e reducidos entre 1902 e 1908, compatibilizándoos con recitais máis populares.[1]

Porto é o primeiro destino internacional do coro, onde en 1903 actúan no Palacio de Cristal e interpretan o programa máis longo da súa historia. En 1904 gravan o seu primeiro disco, o primeiro disco gravado en Galicia e o primeiro rexistro sonoro de instrumentos como a gaita e a zanfona[5].

No período que vai dos anos 1904 ao 1909 fan importantes actuacións nas que caben destacar a de Pontevedra ante o exministro de Facenda (1904), a do Teatro Rosalía de Castro (1906), a realizada para o ministro de Fomento González Besada en Caldas de Reis (1907. Destaca a actuación encargada pola Marquesa de Riestra no Teatro Principal de Pontevedra (1908) na que por primeira vez o coro presenta voces femininas sendo un auténtico éxito. No ano 1910 o coro non fai ningunha actuación: aínda que non hai razóns explícitas, poderían estar relacionadas co falecemento do pai de Perfecto Feijoo en novembro de 1909.[1]

É a partir de 1912 cando o coro alcanza o cumio da súa carreira: en febreiro actúan diante dos reis Afonso XIII e María Vitoria no Teatro Jofre de Ferrol, recibindo as felicitacións dos monarcas e sendo a primeira vez que as autoridades galegas agasallan ós reis cun espectáculo representativo do folclore galego. En 1913 o coro é chamado para actuar no Teatro da Zarzuela co gallo da visita a Madrid do presidente da República Francesa, Poincaré.

O punto de inflexión é en 1914, cando cruzan o Atlántico para facer unha serie de actuacións en diversos puntos da Arxentina. Tralo rotundo éxito da xira arxentina, Aires da Terra remata a súa andaina no mesmo ano. Non hai datos firmes do por que, soamente hai unha carta entre Perfecto Feijoo e Nicolás de las Llanderas (quen lle propón unha xira por Chile, México, o Brasil e Cuba), na que Perfecto Feijoo lle escribe o seguinte:

Me habla ud. de un asunto y de unas proposiciones de que en realidad no debiera ocuparme, dado el estado de ánimo en que me ha dejado el incalificable comportamiento de alguna de las personas que nos han acompañado en la última excursión (…) en vista de los difíciles compañeros que hemos tenido, acabé por desistir de todo.[1]

Compoñentes[editar | editar a fonte]

  • 1883-1900: Perfecto Feijoo, Víctor Said, Benito Peón, Alejandro Torres, José María Méndez, Carlos Gastañaduy, Victor Cervera Mercadillo, Rafael Calleja, Román Romeu, Leoncio Feijoo, Manuel Martínez Arnau.
  • 1901: Perfecto Feijoo, Victor Said, Carlos Gastañaduy, Victor Cervera Mercadillo, Román Romeu, Rafael Calleja, Leoncio Feijoo, Manuel Castro.
  • 1902: Perfecto Feijoo, Victor Said, Carlos Gastañaduy, Victor Cervera Mercadillo, Alejandro Torres, Leoncio Feijoo, Manuel Castro, Miguel Sánchez de Puga.
  • 1906: Perfecto Feijoo, Victor Said, Carlos Gastañaduy, Victor Cervera Mercadillo, Alejandro Torres, Leoncio Feijoo, Manuel Castro, Miguel Sánchez de Puga, Gonzalo Iglesias, Eduardo Feijoo Mantilla, Diego Pazos Espez.
  • 1907: Perfecto Feijoo, Carlos Gastañaduy, Victor Cervera Mercadillo, Alejandro Torres, Leoncio Feijoo, Manuel Castro, Miguel Sánchez de Puga, Gonzalo Iglesias, Eduardo Feijoo Mantilla, Diego Pazos Espez.
  • 1908: Perfecto Feijoo, Demetrio Durán, Victor Cervera Mercadillo, Alejandro Torres, Manuel Castro, Miguel Sánchez de Puga, Gonzalo Iglesias, Eduardo Feijoo Mantilla, Diego Pazos Espez, José S. Gascuña, Maximino Agra, Enrique Campo, José María Riaza.
  • 11 de setembro de 1908 (actuación en Pontevedra): Señoritas de Solís, Isidora Peinador, Avelina González, Conchita Caballero, Lola Sampedro, María Carrasco, Leopoldina Campo, Rosario Cojo, María del Carmen Riestra, María Meabe, María Riestra Mon, Carmiña Gaite, María Prada, Carlos Feijoo, Leoncio Feijoo, Eduardo Feijoo, Diego Pazos, Miguel Sánchez de Puga, Victor Cervera Mercadillo, Alejandro Torres.
  • 1909: Perfecto Feijoo, Victor Cervera Mercadillo, , Alejandro Torres, Diego Pazos Espez, José S. Gascuña, Gonzalo Iglesias, Leoncio Feijoo, José María Riaza, Miguel Sánchez de Puga, Eduardo Feijoo, Francisco Portela Pérez, Enrique Campo Sobrino, Manuel Castro.
  • 1912: Perfecto Feijoo, Victor Cervera Mercadillo, Alejandro Torres, Diego Pazos Espez, Miguel Sánchez de Puga, Hipólito Reguenga, Gonzalo Iglesias, José S. Gascuña, Carlos Gastañaduy, Eduardo Feijoo, Juan Sesto, Francisco Portela Pérez, Constantino Lorenzo, Manuel Castro, Castelao (Caricaturista).
  • 1913: Perfecto Feijoo, Francisco Portela Pérez, Hipólito Reguenga, Isidoro Millán, Alejandro Torres, Amoedo, Diego Pazos, Juan Sesto, José Cao, Eduardo Feijoo, Gonzalo Iglesias, José Mao, Viñas, José S. Gascuña, Carlos Gastañaduy.
  • 1914: Perfecto Feijoo, Alejandro Torres, Carlos Gastañaduy, Diego Pazos, Gonzalo Iglesias, Juan Sesto, José Cao, Amoedo, Hipólito Reguenga, Isidoro Millán, Moldes, José Mao, Gaudencio Velaz, Antonio García, Doce señoritas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Calle García, José Luís (1993). Aires da Terra. La poesía musical de Galicia. Pontevedra: José Luís Calle García. ISBN 978-84-604-8133-1. 
  2. 2,0 2,1 Groba, Xavier (1998). "El estudio de la música tradicional gallega y el canto.". Galicia-Antropología XXV. A Coruña: Hércules ediciones. pp. 327–359. ISBN 978-84-89468-52-8. 
  3. Costa Vázquez, Luís (1991). La formación del pensamiento musical nacionalista en Galicia hasta 1936. Tese de doutoramento. Santiago de Compostela: USC. 
  4. Defodon, Charles. "Wilhem". inrp.fr (en francés). Consultado o 19-2-2020. 
  5. "El primer disco gravado en Galicia, gratis con el periódico de mañana", en La Voz de Galicia 12.11.2005.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]