Fibrilación auricular
Fibrilación auricular | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
As ondas P representan a despolarización das aurículas e no aparecen no ECG da fibrilación auricular. | |
DiseasesDB | 1065 |
MedlinePlus | 000184 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A fibrilación auricular é unha arritmia cardíaca de orixe auricular, na que unha alteración na condución nerviosa ocasiona un contracción ineficiente das aurículas. É a arritmia maligna máis común, especialmente en anciáns.
Base fisiopatolóxica
[editar | editar a fonte]A fibrilación débese a unha aurícula patolóxica, cuxa causa pode ser unha cardiopatía isquémica ou unha insuficiencia cardíaca. Neste último caso hai unha distensión auricular excesiva que provoca a malfunción atrial. Para tratar de compensalo a aurícula incrementa o ritmo de contracción, pudendo chegar ata os 300 latidos por minuto.
Factores de risco
[editar | editar a fonte]Os antecedentes de cardiopatía isquémica, a hipertensión arterial e a insuficiencia cardíaca predispoñen á fibrilación auricular.
Consecuencias
[editar | editar a fonte]A fibrilación auricular per se non é mortal, xa que "unicamente" provoca un descenso aproximado do 20% do volume minuto. O corazón segue funcionando e mantendo un bombeo aceptable. Non obstante, a fibrilación auricular é a primeira causa de trombose. O sangue remansado nas aurículas é propenso a formar trombos e dispersarse polo resto do organismo. Estas formacións poden saír do corazón e producir oclusións vasculares en diversos territorios. O impacto nas arterias xera unha isquemia secundaria, e polo tanto a necrose dos tecidos. O impacto do trombo nas arterias do membro inferior produce unha isquemia da zona afectada. Nalgúns casos, o trombo atasca algunha arteria dixestiva, coma a arteria mesentérica inferior, ocasionando unha isquemia intestinal. Non obstante, unha das consecuencias máis comúns e graves e o atasco da circulación cerebral, causando un ictus.
Diagnóstico
[editar | editar a fonte]O diagnóstico é electrocardiográfico, presentando ausencia das ondas P auriculares, arritmia, con ondas f. Non se observa intervalo PR, e o complexo QRS pode ser ancho ou estreito, mesmo asociarse a un bloqueo de póla.
Tratamento
[editar | editar a fonte]O tratamento inicial busca restaurar o circuíto eléctrico atrial. Para iso poden empregarse medidas farmacolóxicas ou eléctricas:
- Amiodarona: é un antiarrítmico moi empregado na clínica habitual. Pode conseguir reverter á aurícula a un ritmo normal ou sinusal. Prevén ademais a aparición de novos abrochos arrítmicos. Pola contra presenta complicacións a nivel da función tiroide, xa que a pastilla porta gran cantidade de iodo e pode tanto sobrecargar o tiroide de iodo coma inducir unha inflamación desta glándula.
- Flecainida: antiarrítmico alternativo á amiodarona. Mellor para revertir a aurícula, pero con menos efecto preventivo de novos episodios. Carece de efectos antitiroides.
- Procainamida: antiarrítmico de elección nos enfermos do síndrome de Wolf-Parkinson-White.
- Dixital: pode ser útil nalgúns casos.
Cando a reversión do ritmo non se dá conseguido ou cando está contraindicada por outras patoloxías, entón debe administrarse anticoagulación:
- Heparina: o estándar actual é a heparina de baixo peso molecular, inxectada subcutánea, xeralmente no abdome. A heparina fraccionada pode empregarse nalgúns casos agudos con hospitalización, nos que exista un risco alto dalgún sangrado. É unha heparina difícil de regular, que esixe controis cada hora, pero coa gran vantaxe de que os seus efectos son reversibles en segundos ou minutos coa administración de sulfato de protamina. A dose axústase en base ao tempo parcial de activación de tromboplastina (TTPA).
- Acenocumarol ou Sintrom. Adminístrase por vía oral e por iso é de elección para o tratamento domiciliario. A súa dose debe axustarse cada certo tempo en base ao tempo de protrombina ou á súa normalización internacional (INR).
- Novos anticoagulantes orais (NACO): son un conxunto de fármacos orais que están aprobados para fibrilación auricular non debida a alteracións das válvula cardíacas: dabigatrán, rivaroxabán, apixabán e edoxabán.
- Ácido acetilsalicílico. Non é un anticoagulante, é un antiagregante. Impide que as plaquetas se unan unhas ás outras. Debe administrarse conxuntamente un protector estomacal para evitar hemorraxias dixestivas altas. Existe risco de agravar patoloxías renais previas.
- Clopidogrel. Outro antiagregante, de funcionamento semellante á aspirina.