Aurícula dereita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O atrio dereito, mellor coñecido como aurícula dereita, é unha das catro cavidades do corazón, situada na parte superior dereita deste. Para o seu estudo, é dividida en dúas partes, a orella cardíaca e o aurícula propiamente dita. Esta clasificación é de orixe embriolóxica, é dicir, provén do momento da súa organización no crecemento do embrión no embarazo. Na aurícula dereita desembocan a vea cava superior, a vea cava inferior e o seo coronario. Ademais tamén se atopa perforada polos vasos de Tebesio.

A aurícula dereita está comunicada co ventrículo dereito a través da válvula tricúspide. Recibe sangue venoso pobre en osíxeno procedente de todo o organismo a través de dúas grandes veas, a cava superior e a cava inferior. A superior leva sangue venoso do pescozo, cabeza e membros superiores. A cava inferior trae sangue do tronco, abdome e membros inferiores. O sangue venoso chea a aurícula e esta impúlsao cara ao ventrículo dereito. A aurícula dereita está comunicada coa esquerda a través do foramen oval. Durante a vida intrauterina, o burato permite o paso de sangue venoso da dereita á esquerda. É imprescindíbel, xa que o feto non respira e o sangue que iría aos pulmóns é desviado cara a circulación sistémica. Após do nacemento, a presión exercida polo sangue na aurícula esquerda, provoca o peche do foramen. A persistencia do foramen é unha severa patoloxía que hoxe en día é atendida polos servizos de cirurxía cardíaca ou cardioloxía intervencionista.

Ademais na aurícula dereita atópanse o nó sinusal e o nó aurículo-ventricular, vitais no sistema de condución do impulso cardíaco.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]