Saltar ao contido

Estenose mitral

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estenose mitral
Aviso médico.
Aviso médico.
Atención! Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, consúltello ao médico.
Imaxe
 Instancia de
Características
 Especialidade médica
 Localización anatómica
Códigos e identificadores
Freebase/m/02_5cx Editar o valor en Wikidata
MeSHD008946 Editar o valor en Wikidata
Thesaurus do NCIC50654 Editar o valor en Wikidata
DiseasesDB8288 Editar o valor en Wikidata
CIE-112115139779 Editar o valor en Wikidata
CIE-9394.0 Editar o valor en Wikidata
MedlinePlus000175 Editar o valor en Wikidata
eMedicine758899 Editar o valor en Wikidata
OpenAlexC2909823619 e C2780703314 Editar o valor en Wikidata
Wikidata C:Commons
Válvula mitral estenosada

A estenose mitral é unha patoloxía cardíaca resultante do acurtamento do diámetro da válvula mitral, de xeito que o paso do sangue dende o aurícula esquerda até o ventrículo esquerdo vese comprometido. É unha doenza englobada dentro do grupo das valvulopatías. Esta redución do tamaño do orificio valvular é causada na meirande parte dos casos por un proceso inflamatorio que pode afectar ao aparello sustentador da válvula (músculos papilares ou cordas tendinosas), como acontece por exemplo na febre reumática. Porén, tamén pode deberse a causas conxénitas, tumores cardíacos como carcinomas ou mixomas valvulares, ou incluso causas dexenerativas asociadas á idade, que provocan a calcificación das valvas e impiden a súa apertura.

Clasificación

[editar | editar a fonte]

A estenose mitral clasifícase segundo o grao de estreitamento do diámetro mitral.

  • Estenose leve: entre 1,5 e 2 cm cadrados.
  • Estenose moderada: entre 1 e 1,5 cm cadrados.
  • Estenose severa: menos de 1 cm cadrado.

Patoxénese e fisiopatoloxía

[editar | editar a fonte]

O estreitamento da válvula mitral, o cal permite o paso do sangue da aurícula cara ao ventrículo, fai que o ventrículo esquerdo teña serias dificultades para se encher. Para contrarrestar este feito, a aurícula dereita aumenta de tamaño e aumenta tamén a súa presión. Este feito pode levar a unha hipertensión pulmonar. Ao mesmo tempo, ao non se poder encher o ventrículo esquerdo, o gasto cardíaco pode tamén estar comprometido.

O síntoma principal é a dispnea, a ortopnea e a dispnea paroxística nocturna. Esta sintomatoloxía é derivada do aumento de presións na aurícula esquerda e, en última instancia, nos capilares pulmonares. Cando hai reagudizacións ou descompensacións que aumenten a frecuencia cardíaca o cadro pode empeorar, dando lugar a edema agudo de pulmón. Estas reagudizacións poden deberse a patoloxías como hipertiroidismo, fibrilación auricular, infeccións e outras doenzas que causen febre, e mesmo situacións fisiolóxicas como a xestación.

En casos avanzados da doenza, poden darse tamén signos de insuficiencia cardíaca dereita, isto é, edema, hepatomegalia ou esplenomegalia, mesmo síntomas de baixo gasto cardíaco como cianose, fatiga e astenia. Outros signos frecuentes na estenose mitral son a hemoptise (tose sanguinolenta, debido a rotura dos capilares pulmonares), ou mesmo embolia, producida polo estancamento do sangue na aurícula.

Tratamento

[editar | editar a fonte]

Actualmente existe tanto tratamento farmacolóxico como cirúrxico para a estenose mitral. O tratamento con fármacos baséase na prevención da embolia con anticoagulantes e o tratamento da insuficiencia cardíaca con diuréticos. Tamén, de existir fibrilación auricular concomitante, trataríase esta con cardioversión ou control da frecuencia cardíaca con dixital, verapamilo ou beta-blocadores. O tratamento cirúrxico pode ser mediante recambio da válvula ou valvuloplastia.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]