Ziryab

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ziryab
Nacemento789
Lugar de nacementoMosul, Califato Abbásida
Falecemento858
Lugar de falecementoCórdoba
NacionalidadeAl-Andalus
Ocupaciónmúsico, xeógrafo, poeta, astrónomo, futbolista e lingüista
editar datos en Wikidata ]

Abu l-Hasan Ali ibn Nafi` (en árabe, أبو الحسن علي ابن نافع) nado en Mosul (Califato Abbásida) cara 789 e finado en Córdoba (Emirato de Córdoba) cara 857,[1] máis coñecido como Ziryab (do persa زرياب, «merlo»), foi un poeta, gastrónomo, músico e cantante musulmán. Alcanzou gran sona na corte abbásida en Bagdad (actual Iraq) como intérprete e discípulo do músico e compositor persa Ibrahim Al-Mausili. Con todo, a súa verdadeira revolución deuse en Córdoba, onde introduciu refinados costumes orientais na corte do emir Abd al-Rahman II e estabeleceu un dos primeiros conservatorios de música do mundo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Monumento a Ziryab en Córdoba (España)

Segundo The Encyclopaedia of Islam, naceu ao redor do ano 790 nunha familia de maulas do califa abbásida Al-Mahdi. As súas orixes étnicas son discutidas; fontes variadas catalógano como persa, árabe, kurdo[2] ou africano.[3] Segundo Ibn Hayyan, Ali ibn Nafi foi coñecido como Ziryab («merlo») debido á cor extremadamente escura da súa face, a claridade da súa voz e o seu carácter doce.[4]

Algunhas fontes árabes indican que Ziryab naceu en Mosul e foi educado na arte da música desde a infancia. Nese tempo Bagdad era un importante centro de música islámica e todas as fontes coinciden en que foi discípulo do músico Ibrahim Al-Mausili, a quen acompañaba por esta cidade.[5] Al-Maqqari relata que ambos se presentaron ante o califa Harun al-Rashid, quen quedou moi impresionado polo mozo músico. Isto desatou os celos do seu mentor, quen o obrigou a abandonar Bagdad.[6] Con todo, outras fontes anteriores e máis fiábeis indican que marchou tras a morte do califa Al-Amin en 813, ao comezo do reinado de Al-Mamun.[7]

Ziryab primeiro viaxou pola rexión de Siria e despois trasladouse a Ifriquía (Tunisia). Alí residiu un tempo na corte aglabí do emir Ziyadat Alá en Kairouan.[8] Ziryab comezou a ter problemas co emir, aínda que o emir omeia Al-Hakam I convidouno a trasladarse a Córdoba. Á súa chegada no ano 822 Al-Hakam I acababa de falecer, aínda que o seu herdeiro Abd al-Rahman II mantivo a invitación.[7] Ziryab asentouse en Córdoba e o monarca ofreceulle un palacio e un alugueiro mensual de douscentos dinares. Converteuse nun personaxe moi coñecido na corte cordobesa e foi considerado o árbitro da elegancia dos dominadores árabes. Influíu na vestimenta, a cociña ou o mobiliario de quen o rodeaban e introduciu novidades tanto no social como no musical. Al-Maqqari declarou que «nunca houbo, antes ou despois ca el, un home da súa profesión máis amado e admirado».[9]

Familia[editar | editar a fonte]

Segundo lbn Hayyan, Ziryab tivo oito fillos e dúas fillas. Cinco destes fillos estiveron relacionados coa música e alcanzaron gran popularidade.[9] Amais, mantiveron aberto o conservatorio do seu pai.[7]

Innovacións na música[editar | editar a fonte]

As súas innovacións musicais tiveron tamén unha forte influencia. Segundo o arabista Emilio García Gómez, con Ziryab entraron en Al-Andalus as melodías orientais de orixe grecopersa. Estas serían a base de boa parte das músicas tradicionais posteriores da Península Ibérica. Engadiu ao laúde unha quinta corda e substituíu o plectro de madeira por outro fabricado coas unllas, o pico ou os canóns das plumas de aguia. Así mesmo, tamén tinxiu as cordas con cores que simbolizaban os humores aristotélicos. A quinta corda representaba a alma.[6]

Segundo Al-Tifashi, Ziryab popularizou unha temperá canción-secuencia, que podería ser precursora da nubah andalusí (orixinalmente un simple intérprete «xiraba» para actuar ante o emir), orixinaria de Al-Andalus. Actualmente é considerada como a música clásica de África do Norte.[5]

Abd al-Rahman II foi un gran mecenas das artes e Ziryab tivo gran liberdade para as súas creacións. Estabeleceu un dos primeiros conservatorios de música do mundo en Córdoba. Esta escola formou mulleres e homes que chegaron a ser moi populares entre a aristocracia. Segundo Ibn Hayyan, Ziryab avaliábaos con probas. Se alguén non tiver gran capacidade vocal, por exemplo, púñalle pezas de madeira na mandíbula para manter a boca aberta ou atáballe unha corda ao redor do van para respirar dunha maneira particular. Desta maneira todo o alumnado debía cantar o máis alto posíbel e manter a nota para observar a súa capacidade pulmonar.[7]

Influencias[editar | editar a fonte]

Ziryab foi considerado un «gran iniciador de modas da súa época». Creou tendencia na vestimenta, os peiteados e a hixiene. O seu alumnado estendeu esas modas por Europa e o norte de África.[10]

Gastronomía[editar | editar a fonte]

Ziryab converteuse en árbitro da gastronomía á moda e «revolucionou a cociña local». Introduciu froitas e verduras como o espárrago, indicou que os pratos fosen servidos en manteis de coiro e asentou o menú de tres pratos separados: a sopa, o prato principal e a sobremesa.[11] Introduciu receitas da cociña bagdadí (unha delas consérvase hoxe en día co seu nome: o ziriabí).[12]

Tamén asentou a utilización da culler e de copas de cristal para as bebidas, máis efectivas có metal.[13] Esta afirmación corrobórase con escritos que confirman que cortaba grandes copas de cristal.[6] Anteriormente a comida servíase en bandexas directamente sobre a mesa, como sucedía na Roma antiga. Amais, atribúeselle o invento das albóndegas, para poder comer un anaco de carne de xeito minucioso mentres se realizaban outras tarefas.

Moda e hixiene[editar | editar a fonte]

Ziryab comezou a moda de levar un tipo determinado de roupa segundo o clima e a estación. Así mesmo, suxeriu diferentes vestimentas para as mañás, tardes e noites.[9] Henri Terrasse, historiador francés expecializado en África do Norte, comentou que algunhas das prendas de roupa achadas en Marrocos seguen a etiqueta de Ziryab, segundo o estilo estival e invernal.[14]

Así mesmo, creou un novo tipo de desodorizante e promoveu os baños matutinos e vespertinos co fin de incidir na hixiene.[9] Crese que Ziryab puido desenvolver unha especie de dentífrico que se popularizou en todo o Emirato de Córdoba. Descoñécense os seus ingredientes, mais algunhas referencias descríbeno como «funcional e de agradable sabor».[4]

Antes da chegada de Ziryab, segundo al-Maqqari, na corte de Córdoba tantos homes como mulleres levaban o cabelo longo e sen floco até os ombreiros. Ziryab puxo de moda o floco liso até as cellas, «novos peiteados curtos deixando ao aire o pescozo, as orellas e as cellas».[6] Así mesmo, popularizou o rasurado e novos cortes de cabelo para os homes. A realeza adoitaba lavar o cabelo con auga de rosas, mais Ziryab introduciu o uso de sal e aceites perfumados para mellorar o estado do cabelo. Algunhas fontes afirman que abriu ao público salóns de beleza para as mulleres da elite cordobesa,[4] aínda que non existe constancia en referencias temperás.

Homenaxe[editar | editar a fonte]

A cidade de Córdoba alberga, entre outros, un monumento e unha rúa adicadas a el. O Conservatorio Profesional de Música de Córdoba é coñecido como «Músico Ziryab» e en 1993 fundouse o Coro Ziryab.[13] O guitarrista Paco de Lucía dedicoulle un disco completo, Zyryab en 1990.[15]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gill, John (2008). Andalucia: A Cultural History (en inglés). Oxford University Press. pp. 81–86. ISBN 9780199704514. 
  2. Sardar, Ziauddin; Yassin-Kassab, Robin (2013). Critical Muslim 06: Reclaiming Al-Andalus (en inglés). Hurst. ISBN 9781849043830. 
  3. Grajter, Małgorzata (2018). The Orient in Music - Music of the Orient (en inglés). Cambridge Scholars Publishing. ISBN 9781527510265. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Lebling, Jr., Robert W.; MacDonald, Norman (xullo-agosto de 2003). "Flight of the Blackbird" (PDF). Saudi Aramco World (en inglés) 54 (4): 24–33. ISSN 1530-5821. 
  5. 5,0 5,1 Constable, Olivia Remie; Zurro, Damian (2012). Medieval Iberia: Readings from Christian, Muslim, and Jewish Sources. The Middle Ages Series (en inglés). Philadelphia: University of Pennsylvania Press. ISBN 9780812221688. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Jayyusi, Salma Khadra; Marin, Manuela, eds. (1994). The Legacy of Muslim Spain (en inglés) (2ª ed.). Brill Academic Publishers. ISBN 9789004095991. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Davila 21, Carl (agosto de 2009). "Fixing a Misbegotten Biography: Ziryab in the Mediterranean World". Al-Masaq: Islam and the Medieval Mediterranean. (en inglés) 21 (2): 121–136. ISSN 1473-348X. doi:10.1080/09503110902875475. 
  8. Epstein, Joel (2019). The Language of the Heart: A musical, fantastical journey through a land of magic (en inglés). Juwal Publications. pp. 234–237. ISBN 9781070100906. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Menocal, María Rosa; Scheindlin, Raymond P.; Sells, Michael (2006). The Literature of Al-Andalus (en inglés). Nova York: Cambridge University Press. ISBN 9780521030236. 
  10. 1001 inventions & awesome facts from Muslim civilization (en inglés). Washington, D.C.: National Geographic Kids. 2012. p. 18. ISBN 9781426312588. 
  11. Große Völker 2: Die Araber (Zweites Deutsches Fernsehen (ZDF)) (en alemán). 30 de outubro de 2016. 
  12. Freedman, Paul H., ed. (2007). Food: the history of taste (en inglés). University of California Press. ISBN 9780520254763. 
  13. 13,0 13,1 "Ali-Ibn Nafi Ziryab, creador de tendencias en Al Ándalus". Zaguán, la revista de bienestar de Hammam al Ándalus (en castelán). 17 de setembro de 2018. 
  14. Terrasse, Henri (1958). "Islam d'Espagne. Une rencontre de l'Orient et de l'Occident". Bulletin Monumental (en francés) 116 (3): 224. ISSN 2275-5039. 
  15. Serrano, Nacho (24 de febreiro de 2019). "Ziryab, el iraquí del siglo VIII al que admiraba Paco de Lucía". ABC (en castelán). Consultado o 10 de agosto de 2023.