Interpretación (comunicación)
A interpretación é a actividade de mediación lingüística oral ou intersemiótica (mediante lingua de signos) que permite a comunicación entre persoas que falan linguas diferentes.[1]
Esta modalidade de comunicación consiste en trasladar un discurso dunha lingua de partida a unha lingua meta, de xeito que a mensaxe sexa equivalente á orixinal. A diferenza da tradución, que traballa sobre a lingua escrita, na interpretación trabállase coa lingua oral. Na interpretación, amais, cómpre tamén ter en conta os elementos emocionais ou o rexistro de voz e o ton empregados, polo xeral con pouco tempo para a reflexión e a procura de estilo. O estudo sistemático da teoría, descrición e aplicacións da interpretación e da tradución coñécese como tradutoloxía.
Variantes da interpretación
[editar | editar a fonte]No eido da interpretación cómpre distinguir entre técnicas e modalidades:
- As técnicas son as diferentes actividades implicadas no proceso
- As modalidades céntranse no contexto comunicativo e na situación social da interpretación
Técnicas de interpretación
[editar | editar a fonte]Interpretación simultánea
[editar | editar a fonte]Consiste en traducir a mensaxe á lingua meta o máis rápido posíbel, mentres o orador continúa a falar. A interpretación realízase nunha cabina insonorizada desde onde se pode ver o orador, a quen se escoita mediante auriculares. A mensaxe na lingua meta transmítese a través dun micrófono, e recíbese tamén mediante auriculares. A IS é a técnica comunmente empregada na interpretación de lingua de signos.
Agás na lingua de signos, na IS adoita traballarse por parellas da mesma combinación lingüística e por quendas.
Ás veces non é posíbel utilizar cabinas. Isto pode deberse, por exemplo, a cuestións de espazo ou á necesidade de desprazamento. Unha alternativa son os Infoports, un sistema de interpretación portátil e inalámbrico. A IS realízase mediante un emisor cun micrófono e a mensaxe escóitase a través duns receptores. [1]
Adoita usarse incorrectamente o termo tradución simultánea. Porén, a tradución é a mediación lingüística por escrito.
Interpretación murmurada
[editar | editar a fonte]Tamén é coñecida co galicismo chuchotage. É común cando a maioría do público fala a lingua de partida, agás unha pequena audiencia. Esta minoría recibe a mensaxe mediante unha interpretación simultánea murmurada na lingua de chegada.
Interpretación consecutiva
[editar | editar a fonte]O discurso, neste caso, divídese en partes. A técnica consiste en escoitar o discurso na lingua de partida e tomar notas deste. Nunha pausa ou ao remate, transmítese a mensaxe completa na lingua meta. A IC adoita empregarse en discursos curtos, como declaracións, comunicados gravados, testemuños nun tribunal ou entrevistas médicas ou de traballo.
Interpretación de enlace ou bilateral
[editar | editar a fonte]Consiste en transmitir as mensaxes entre dúas ou máis persoas, que son emisoras e receptoras ao mesmo tempo. Pode realizarse tras un breve discurso, de forma consecutiva o por chuchotage, con ou sen toma de notas.
Interpretación por relé (relay interpreting)
[editar | editar a fonte]Esta técnica pode empregarse cando non é posíbel traballar nunha combinación lingüística concreta, mais pódense enlazar as linguas cunha terceira. É común que esta lingua relé sexa o inglés ou outra lingua franca.
Tradución á vista
[editar | editar a fonte]Trátase, en realidade, dunha técnica de interpretación. Neste caso, lese en voz alta un documento escrito na lingua de partida como se estivese escrito na lingua meta. É frecuente nos ámbitos sanitario e xudicial.
Modalidades de interpretación
[editar | editar a fonte]Interpretación de conferencias
[editar | editar a fonte]A interpretación de conferencias realízase en xuntanzas entre profesionais dun mesmo sector, como congresos, reunións políticas internacionais ou outras situacións.
Divídese en dous ámbitos: o institucional e o privado. As institucións internacionais, como a Unión Europea ou a ONU, que celebran encontros multilingües, adoitan favorecer a interpretación de varias linguas estranxeiras. O mercado privado local tende a concentrarse en reunións bilingües. Estes dous ámbitos non se exclúen un ao outro.
A Asociación Internacional de Intérpretes de Conferencias (AIIC) é a única entidade mundial desta modalidade. Fundada en 1953, reúne máis de 2800 profesionais procedentes de máis de 90 países.
Interpretación no ámbito xudicial
[editar | editar a fonte]Mentres que a interpretación xurídica se refire simplemente ao contido do discurso e a interpretación xurada implica unha responsabilidade regulada por lei, a interpretación judicial dáse necesariamente en tribunales de xustiza ou administrativos. Ás veces utilízase a técnica de interpretación consecutiva, se se presenta ante un tribunal unha única persoa de fala estranxeira. Pola súa parte, emprégase a interpretación simultánea en procesos xudiciais cun maior número de participantes de fala estranxeira. Foi o caso dos Xuízos de Núremberg e nos xuízos polos Atentados do 11M.
Considérase fundamental na xustiza o dereito a contar cunha mediación lingüística competente para as persoas que non entendan a lingua empregada no tribunal. Este dereito garántese acotío nas constitucións nacionais, declaracións de dereitos, leis fundamentais que estabelecen un sistema xudicial ou a través de xurisprudencia.
Amás dun dominio práctico das linguas, requírese un amplo coñecemento das lexislacións. A interpretación adoita ser considerada unha parte esencial do testemuño. De feito, unha interpretación incompetente pode provocar que o xuízo sexa declarado nulo.
Interpretación para sesións de grupo
[editar | editar a fonte]Realízase dende unha cabina insonorizada. Adóitase utilizar un espello unidireccional que permite observar os membros do grupo, mentres que estes só poden ver o seu propio reflexo. Escóitase a conversa na lingua de partida a través de auriculares e interprétase de forma simultánea na lingua meta.
Interpretación de acompañamento
[editar | editar a fonte]Nesta modalidade realízase unha interpretación de enlace mentres se acompaña a unha persoa ou un grupo durante unha visita, unha reunión ou unha entrevista.
Interpretación comunitaria
[editar | editar a fonte]Dáse en ámbitos como os servizos sociais, a vivenda, a saúde ambiental e a educación. Existen varios factores que condicionan a comunicación. Algúns deles son o contido emocional do discurso, a contorna social ou o grao de responsabilidade que pode chegar a adquirir a mediación.
Interpretación sanitaria
[editar | editar a fonte]Constitúe un subtipo da interpretación comunitaria. Normalmente, a situación comunicativa reúne unhas condicións e requirimentos concretos. Nalgunhas situacións, o persoal sanitario multilingüe pode colaborar en bancos lingüísticos internos. Cómpren amplos coñecementos de medicina: as prácticas médicas máis comúns, o recoñecemento médico e as tarefas diarias do hospital ou centro médico. Amais, a interpretación sanitaria acotío implica un enlace cultural.
Interpretación de lingua de signos
[editar | editar a fonte]Cando unha persoa cun grao de audición normal está a falar, transmítese a súa mensaxe en lingua de signos para as persoas con xordeira ou con certo nivel de hipoacusia. Cando unha persoa se comunica en lingua de signos, transmítese a mensaxe en lingua oral para as persoas oíntes. Esta comunicación pode realizarse como unha interpretación simultánea ou consecutiva.
Interpretación nos medios de comunicación
[editar | editar a fonte]Por natureza, esta interpretación ten que ser simultánea. Emprégase en particular nas coberturas televisivas en directo, como conferencias de prensa ou entrevistas gravadas ou en directo. A interpretación faise dende unha cabina insonorizada, de ser posíbel cunha pantalla.
Asociacións de profesionais en Galiza
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pöchhacker; Shlesinger, Franz; Miriam (2002). The Interpreting Studies Reader. Londres/ Nova York: Routledge. pp. 2–3. ISBN 0-415-22478-0.
Este artigo sobre lingüística é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |