Ramón Obella Vidal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ramón Obella Vidal, nado en Bastavales (Brión) en 1888 e finado en Vigo o 11 de agosto de 1951[1], foi un médico e empresario galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Ramón Obella Patrón. Estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela (1905-1912). Emigrou a Arxentina. Foi presidente do Sindicato Agícola y Pecuario de Bastavales (1927). Na Segunda República militou no Partido Galeguista, na III Asemblea do Partido celebrado en Ourense en 1934 presentou a o relatorio Autodeterminación funcional, e formaba parte do Consello Nacional do Partido en 1936. Tamén artellou un grupo chamado Os Fillos do Sol para realizar deportes náuticos e actividades naturistas, que tiña a súa base na praia de Samil. En 1935, asociado co farmacéutico Rubira e Fernando Calvet, profesor de Química Orgánica e catedrático da Facultade de Ciencias da USC, puxo en marcha os laboratorios Miguel Servet en Vigo, coa denominación de Instituto Bioquímico. Con Calvet de director técnico e con Obella de supervisor levouse a cabo a montaxe e a organización dos laboratorios e dos primeiros estudos sobre métodos de conservación, análise e extracción do caruncho do centeo, para obter alcaloides que se empregarían para elaborar o Pan-Ergot, un medicamento indicado para as afeccións como a xaqueca e os glaucomas, e outros produtos como o Piretón, antiálxico e antipirético, e o Pan-Neural, un inxectable tónico-estimulante. A empresa só durou un ano, pola sublevación do 18 de xullo de 1936 Calvet marchou ao estranxeiro e Obella estivo no punto de mira dos sublevados, pero un dos seus socios fixo que non fose obxecto de persecución. Obella obtivo unha licenza de importación e exportación para traer caruncho de Portugal, pois as súas plantacións no Porriño non producían o suficiente para elaborar preparados. En agosto de 1937 rexistrou unha empresa no Porto co nome de Zeltia, que foi o antecedente da razón social coñecida co mesmo nome, creada no Porriño en agosto de 1939 e da cal foi socio fundador con Calvet (que volveu do seu autoexilio preventivo e foi o director científico) e os irmáns Antonio e Xosé Fernández López.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Falleció D. Ramón Obella", La Noche, 13-8-1951, p. 2.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]