Saltar ao contido

Josu Anuzita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Yosu»)
Modelo:BiografíaJosu Anuzita
Biografía
Nacemento13 de xaneiro de 1964 Editar o valor en Wikidata (61 anos)
Bilbao, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1986 Editar o valor en Wikidata - 2001 Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoGardameta Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Deporte base
–1983 CD Getxo
  Equipo Número de eventos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1983–1984 CD Getxo 26(0)
1984–1990 Sestao Sport Club 94(0)
1985–1986 cesión Gernika Club 35(0)
1986–1987 cesión Club Portugalete 33(0)
1990–1993   Deportivo da Coruña 57(0)
1993–1994   Cádiz CF 30(0)
1994–1995 Club Atlético Marbella 30(0)
1995–1996 UD Salamanca 6(0)
1996–1997 Málaga Club de Fútbol 34(0)
1998–2001 Barakaldo Club de Fútbol 44(0)

Josu Anuzita Alegría, tamén coñecido como Yosu, nado en Getxo o 13 de xaneiro de 1964, é un exfutbolista e actual adestrador de fútbol español, que xogaba de porteiro. Debutou co CD Getxo e militou seis anos no Sestao, cinco deles na Segunda División, antes de fichar polo Deportivo da Coruña, co que conseguiu o ascenso á Primeira División en 1991. Despois de tres tempadas no Deportivo, pasou brevemente polo Cádiz, o Atlético Marbella, o Salamanca e o Málaga, antes de volver ao fútbol vasco, onde se retirou en 2001 despois de tres anos no Barakaldo.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Como xogador

[editar | editar a fonte]

Comezou a xogar ao fútbol nun dos equipos da súa vila, o CD Getxo, e pasou por todas as categorías inferiores do club.[1] O 4 de setembro de 1983 debutou co primeiro equipo na Terceira División, na primeira xornada da tempada 1983/84 ante o Anaitasuna en Azkoitia.[2] A pesar da súa xuventude contou coa confianza do adestrador Javier Irureta e foi o gardameta titular na gran maioría de partidos da tempada.

Para a seguinte tempada Irureta levouno con el ao Sestao, co que se proclamou campión do seu grupo da Segunda B, así como da Copa da Liga da categoría, aínda que o porteiro titular era Echevarría. Nas campañas 1985/86 e 1986/87 foi cedido ao Gernika e o Portugalete, ambos de Terceira, onde foi titular indiscutible.[1] En 1987 regresou ao Sestao de Irureta, co que debutou en Segunda División o 6 de decembro, nunha vitoria contra o Real Burgos (0–1). Ocupou a portería do club en case todos os partidos dos seguintes dous anos e medio, acadando os 94 encontros oficiais.

Deportivo da Coruña

[editar | editar a fonte]

Para a tempada 1990/91 foi contratado polo Deportivo da Coruña, onde se fixo coa titularidade dende a primeira xornada, desprazando ao histórico Jorge. Foi aliñado por Arsenio en 37 dos 38 partidos de liga, perdendo só un debido a unha expulsión sufrida en Xerez, e conseguiu o histórico ascenso á Primeira División, ao rematar na segunda posición. Contribuíu ao ascenso sendo o gardameta menos goleado do campionato xunto ao seu substituto no Sestao, Paco Liaño, con 27 goles encaixados cada un, aínda que o Trofeo Zamora foi para o cántabro por ter disputado un partido máis.[3]

Perdeu protagonismo na tempada 1991/92, coas chegadas ao Deportivo de Canales e do propio Liaño, pero tivo a súa oportunidade na segunda volta do campionato, onde xogou 12 partidos (da xornada 20 á 31), aproveitando as lesións dos outros dous gardametas. O seu debut na máxima categoría foi unha derrota pola mínima ante o Valencia en Riazor, sendo Giner o autor do único gol.[4]

A súa participación reduciuse aínda máis na tempada 1992/93, na que estivo á sombra de Liaño, xogando tan só un partido de liga. Foi na 11ª xornada, co equipo ocupando o liderado da táboa, cando o adestrador Arsenio, descontento coas últimas actuacións do gardameta cántabro, decidiu darlle a titularidade a Yosu ante o Atlético de Madrid no estadio Vicente Calderón.[5] O partido rematou en derrota por 2-1, sendo os dous goles atléticos obra de Juanito en xogadas a balón parado.[6] Foi titular nos catro partidos que o equipo disputou na Copa do Rei, ata que o equipo caeu eliminado ante o Mérida na quenda de penaltis.[7] Tras esa campaña rematou a súa vinculación co Deportivo.

Na tempada 1993/94 fichou polo Cádiz, da Segunda División. No club andaluz, pese a que pasaron catro adestradores polo banco (Addison, Hugo Vaca, Naya e Marcelino), mantivo a titularidade practicamente todo o campionato, xogando un total de 30 encontros, pero non puido evitar o descenso do equipo á Segunda División B como último clasificado.

Atlético Marbella

[editar | editar a fonte]

Para a seguinte tempada foi contratado polo Atlético Marbella, que militaba por terceiro ano consecutivo na Segunda División e que viña de ser vendido polo concello de Marbella de Jesús Gil ao serbio Slobodan Petrović.[8] Nunha caótica campaña, con sete cambios de adestradores e falta de pagamentos, Yosu foi o gardameta con máis minutos, disputando 30 partidos, e a pesar dos problemas o equipo conseguiu acabar na 13ª posición da táboa.[9][10]

Salamanca

[editar | editar a fonte]

Na tempada 1995/96 fichou polo Salamanca, que acababa de ascender á Primeira División despois de 11 anos de ausencia, e foi presentado xunto ao seu excompañeiro Claudio Barragán.[11] No equipo charro non tivo apenas oportunidades ante o gardameta titular Aizpurúa. Yosu xogou nas dúas roldas da Copa do Rei ata a eliminación diante o Athletic Club e foi titular nas dúas últimas xornadas, co equipo comandado por Jorge D'Alessandro xa descendido. O partido ante o Sevilla na 42ª xornada, no que encaixou un triplete de Davor Šuker, foi o seu 15º e derradeiro encontro na máxima categoría.

No verán de 1996 baixou dúas categorías para fichar polo Málaga, da Segunda B. No conxunto andaluz recuperou a titularidade, a pesar de coincidir co veterano Roberto, e pechou a campaña con 34 partidos.

Barakaldo

[editar | editar a fonte]

En 1998 regresou ao fútbol vasco, asinando como novo porteiro do Barakaldo, da Segunda B. Xogou tres anos na marxe esquerda da ría do Nervión, contabilizando 44 encontros oficiais, e disputou dúas promocións de ascenso a Segunda. Colgou as luvas en 2001, aos 37 anos e idade.

Como adestrador

[editar | editar a fonte]

Trala súa retirada como xogador iniciou unha carreira como adestrador e tras dirixir o Retuerto Sport de Barakaldo, fichou en 2007 polo Arenas de Getxo, da Terceira División.[12] Estivo só esa campaña no club e posteriormente traballou varios anos en Lezama, como adestrador de porteiros na canteira do Athletic Club.[13] Anteriormente foi adestrador do Arenas Club de Getxo (2007–08).

En 2015 ingresou como adestrador de porteiros no Eibar, formando parte do equipo do técnico José Luis Mendilibar, compañeiro seu na súa época como xogador no Sestao.[14] Realizou esta función durante seis anos, sempre na Primeira División, ata o descenso do club en 2021.[15]

  1. 1,0 1,1 "Yosu: «El domingo lo pasé muy mal escuchando por radio el partido de Riazor»". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de xuño de 1990. p. 48. 
  2. "Anaitasuna-Getxo". BDFutbol (en catalán). Consultado o 11 de maio de 2025. 
  3. "Liaño consiguió el «Zamora»". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 21 de xuño de 1993. p. 36. 
  4. "Deportivo - Valencia". BDFutbol (en catalán). Consultado o 11 de maio de 2025. 
  5. "Yosu defenderá la portería del Deportivo en Madrid". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 21 de novembro de 1992. p. 49. 
  6. Naya, Jesús (23 de novembro de 1992). "La derrota en el Calderón abre un paréntesis en el sueño del Deportivo". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). p. 22. 
  7. "Los Deportivistas, Uno a Uno". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 7 de xaneiro de 1993. p. 49. 
  8. "Marbella, el patrocinio más oscuro del fútbol español" (en castelán). 14 de maio de 2025. Consultado o 14 de maio de 2025. 
  9. "Siete entrenadores en el Marbella 94-95" (en castelán). Consultado o 14 de maio de 2025. 
  10. "De Jesús Gil a Bob Petrovic y Turki Al-Sheikh: devoradores de entrenadores" (en castelán). 28 de xullo de 2020. Consultado o 14 de maio de 2025. 
  11. "El Dépor se asegura el lleno". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de xullo de 1995. p. 47. 
  12. "El Arenas cede un punto en la primera jornada de Liga" (en castelán). 28 de agosto de 2007. Consultado o 14 de maio de 2025. 
  13. "Amorrortu también prescinde de Txirri y Josu Anuzita" (en castelán). 18 de xuño de 2015. Consultado o 14 de maio de 2025. 
  14. "La complejidad de la sencillez, llevada a la excelencia por José Luis Mendilibar" (en castelán). 31 de maio de 2023. Consultado o 14 de maio de 2025. 
  15. "Mendilibar no seguirá en el Eibar tras el descenso a Segunda". Televisión Española (en castelán). 25 de maio de 2021. Consultado o 14 de maio de 2025. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]