William Bruce

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaSir Editar o valor em Wikidata
William Bruce

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1630 Editar o valor em Wikidata
Blairhall (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte1 de xaneiro de 1710 Editar o valor em Wikidata (79/80 anos)
Lugar de sepulturaKinross (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Member of the Parliament of Scotland (en) Traducir
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEscocia Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de St Andrews Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónarquitecto Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Outro
TítuloBaronete (pt) Traducir
Bruce baronets (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
CónxuxeMagdalen Scott (1700–)
Mary Halkett
FillosSir John Bruce, 2nd Baronet (en) Traducir
 () Mary Halkett (en) Traducir
Anne Bruce (en) Traducir
 () Mary Halkett (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
PaisRobert Bruce (en) Traducir Editar o valor em Wikidata  e Catherine Preston (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

WikiTree: Bruce-3711 Find a Grave: 180021140 Editar o valor em Wikidata

William Bruce de Kinross, 1º Baronete, nado circa 1630 en Blairhall, Fife, Escocia, e finado o 1 de xaneiro de 1710 en Kinross, foi un arquitecto e cabaleiro escocés, «o verdadeiro fundador da arquitectura clásica de Escocia», tal como o describe Howard Colvin.[1] Sendo unha figura clave na inserción do estilo palladiano en Escocia, foi comparado con Inigo Jones e Christopher Wren, os primeiros arquitectos ingleses,[2] e cos seus contemporáneos ingleses Hugh May e sir Roger Pratt, quen incorporaron o estilo francés na arquitectura doméstica.[1]

Bruce participou na Restauración de Carlos II, levando mensaxes entre o rei exiliado e o xeneral Monck; a súa lealdade ao rei foi recompensada con cargos oficiais moi lucrativos, por exemplo o de Inspector Xeral das Obras do Rei en Escocia (o cal equivalería ao posto de «arquitecto do rei»). Entre os seus mecenas atopábase John Maitland, 1º duque de Lauderdale, o home máis poderoso de Escocia nesa época, e Bruce converteuse en membro do Parlamento e, por un curto tempo, participou do Consello Privado.

A pesar da súa falta de experiencia técnica, Bruce transformouse no «cabaleiro-arquitecto» máis importante da súa época en Escocia. Traballou con albaneis competentes e mestres de obras profesionais, a quen impartiu un vocabulario clásico; así, a súa influencia propagouse máis aló do seu propio círculo aristocrático. A partir dos anos 1660 construíu e remodelou varios pazos ingleses, incluíndo o castelo de Thirlestane para o duque de Lauderdale e o pazo Hopetoun. Entre os seus traballos máis destacados atópase a súa propia mansión palladiana en Kinross, construída na rexión de Loch Leven e que comprara en 1675. Como arquitecto do rei realizou a reconstrución do Palacio Real de Holyroodhouse nos anos 1670, dando ao palacio a súa actual aparencia. Trala morte de Carlos II, Bruce perdeu os seus privilexios políticos e logo, despois da ascensión ao trono de Guillerme e María, foi encarcerado en varias ocasións baixo sospeita de xacobitismo. No entanto, logrou continuar a súa obra arquitectónica, a miúdo prestando servizos a xente con simpatía xacobita.

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

É moi pouco o que se coñece acerca da mocidade de Bruce. Probablemente nacera en Blairhall, na parte occidental de Fife, en 1630, sendo o segundo fillo de Robert Bruce de Blairhall e Katherine Preston. Tamén é posible que asistira á Universidade de St. Andrews en 1637-1638, o cal indicaría que a súa data de nacemento estaría máis próxima a 1625.[3] Os Bruce eran unha familia con conexións episcopais, moi leais ao rei e descendentes de Thomas Bruce, un dos curmáns do rei Roberto II, quen recibira terras en Clackmannan e Fife.[4] Edward Bruce, primo de William, foi nomeado earl de Kincardine en 1643.

Existen cartas atopadas entre os papeis do earl de Kincardine que indican que William Bruce estivo exiliado en Rotterdam durante os anos 1650 xunto co seu primo, Alexander Bruce, irmán do earl de Kincardine. Por tratarse de episcopais, William e Alexander buscarían escapar da Mancomunidade puritana establecida por Oliver Cromwell. En Rotterdam, estiveron en contacto con sir Robert Moray, un soldado e filósofo naturalista próximo a Carlos II, quen nese entón residía en Maastricht. William Bruce era un mercador que, a pesar de estar asentado na comunidade escocesa en Rotterdam, viaxaba moito. Xunto con Alexander Bruce e John Hamilton de Grange eran donos dun barco e estaban involucrados no comercio de viños, carbón e madeira entre Noruega, Francia, Inglaterra, Escocia e os Países Baixos. En 1658, William e Alexander viaxaron xuntos por terra desde Bremen até Maastricht para reunirse con Moray. Alexander Bruce e Moray foron membros fundadores da Royal Society en 1660, e é probable que se falase de arquitectura nas súas discusións, en particular sobre o novo edificio da municipalidade de Maastricht no que Moray actuara como conselleiro do seu deseño.[5]

O xeneral George Monck, retratado en 1665-1666 por sir Peter Lely.

En 1659 Bruce actuou como mensaxeiro entre o xeneral Monck, comandante en xefe de Cromwell en Escocia, e o exiliado rei Carlos II. Aínda existe un salvoconduto estendido a Bruce por parte de Monck en setembro de 1659, onde se lle outorga permiso para permanecer en Escocia até «regresar a Holanda».[6] Ao parecer, as mensaxes que traía de parte de Carlos convenceron a Monck de avanzar co seu exército cara a Londres, un acontecemento decisivo para a Restauración.[7] Non se sabe como foi que Bruce coñeceu a Monck nin a natureza das súas comunicacións, pero Hubert Fenwick especula que Bruce atopábase traballando nos proxectos de Monck de fortificación de Ayr e Leith (é sabido que traballou na cidadela de Ayr a comezos dos anos 1660); doutra banda, Wemyss comenta que sería Moray quen elixiu a Bruce para realizar a tarefa de mensaxeiro.[5][8] Sir Robert Douglas afirma que Bruce «pintou os infortunios e as distraccións» de Escocia ante o xeneral, e suxeriulle que a gloria se obtería restituíndo á familia real».[9]

Carreira política[editar | editar a fonte]

John Maitland, 1.º duque de Lauderdale, pintado por sir Peter Lely. Lauderdale era o home máis poderoso de Escocia e Bruce beneficiouse do seu mecenado.

Despois da Restauración, William Bruce foi designado Secretario de Contas en 1660, e Secretario de Subministracións para os Lores en Consello en 1665.[10] Ambos foron postos lucrativos que involucraban o cobro de estipendios do Parlamento (no primeiro caso) e dos demandantes ao Tribunal de Audiencia (no segundo). En 1667 foi nomeado Superintendente e Supervisor dos Palacios Reais de Escocia. Foi nomeado Inspector Xeral das Obras do Rei en Escocia en 1671, cun salario de 3600 libras escocesas (300 libras esterlinas), co propósito de reconstruír Holyroodhouse.[1] Sendo unha figura importante da Restauración, relacionouse con outras persoas leais aos Estuardo, entre os que se atopaban mecenas poderosos como o duque de Lauderdale, Secretario de Escocia, e o earl de Rothes, cuxa filla casou co único fillo de Bruce.[11]

Entre 1669 e 1674 Bruce participou no Parlamento de Escocia como comisionado do condado de Fife, e entre 1681 e 1682 como comisionado do condado de Kinross. Entre abril de 1685 e maio de 1686 alcanzou a cúspide da súa carreira política, sendo membro do Consello Privado de Escocia.[12] As ganancias obtidas por Bruce nestes cargos permitíronlle a compra de Balcaskie en 1665 e, en 1675, unha facenda maior: Loch Leven, en Kinross, que incluíu o título hereditario de oficial de xustiza do condado de Kinross.[12] Con todo, tralo ascenso ao trono de Xacobe VII en 1685, os privilexios de Bruce desvanecéronse e o novo réxime mirábao con desconfianza.[1] Despois da Revolución de 1688, negouse a ocupar o seu asento no Parlamento e foi considerado unha ameaza xacobita en potencia.[13]

En 1693 foi encarcerado durante un curto tempo no castelo de Stirling pola súa negativa a presentarse ante o Consello Privado. Foi encerrado novamente en Stirling en 1694 e, a partir de 1696, no castelo de Edimburgo.[14] Bruce foi expulsado do Parlamento en 1702; o seu posto pasou ao seu fillo, John Bruce, quen votou a favor da Unión e a continuación foi membro do Parlamento en Westminster. Bruce volveu ser encarcerado no Castelo de Edimburgo en 1708, de onde foi liberado pouco antes da súa morte, a comezos de 1710.[14] William Bruce atópase sepultado na parcela da súa familia en Kinross Kirk, cuxas ruínas aínda poden observarse xunto ó pazo Kinross.[1]

Familia[editar | editar a fonte]

Aproximadamente en 1660, William Bruce contraeu matrimonio con Mary Halkett, filla de sir James Halkett de Pitfirrane, Bt. Só dous dos seus fillos sobreviviron:

  • Sir John Bruce, 2.º Baronete (circa 1671-19 de marzo de 1710) casou con Christian Leslie, viúva do marqués de Montrose e filla do duque de Rothes. Non deixou descendencia e, trala súa propia morte, o baronetaxe quedou extinto e Kinross pasou a mans da súa irmá.
  • Anne Bruce, a quen sir William herdaba as súas propiedades no caso que o seu irmán non deixase descendencia. Ela estivo casada en dúas ocasións (unha delas, con sir Thomas Hope, 4º Baronete); tivo fillos con ambos os esposos.[15]

Despois da morte de Mary, en 1700 sir William Bruce casou con Magdalen Scott, viúva dun comerciante de Edimburgo chamado George Clerk. Non tiveron fillos. Magdalen viviu até 1752 e gañou a reputación de xacobita, establecendo unha célula xacobita no seu fogar na cidadela de Leith.[16]

Obras arquitectónicas[editar | editar a fonte]

A fachada sur de Balcaskie, amosando a súa case simetría e socalcos italianos.

En 1663 Bruce realizou unha "viaxe polo estranxeiro", aínda que se descoñece o seu itinerario.[1] Xa sexa que fose unha viaxe de pracer ou estudando gravados, coñeceu varios pazos francesas destacadas, incluíndo o palacio de Vaux-le-Vicomte, o castelo de Blérancourt e o de Balleroy, o último traballo do arquitecto francés François Mansart. Estes deseños franceses modernos, que incorporaban trazos descoñecidos en Escocia como a dobre pila de habitacións principais en dúas filas, aliñadas costas con costas, foron unha inmensa influencia sobre o mozo Bruce.[17] Tamén é seguro que vise a moderna arquitectura holandesa cando estivo nese país previo á Restauración.[1]

Gran parte dos primeiros traballos de Bruce consistiron en aconsellar a clientes e reconstruír pazos máis que deseñar novos edificios do nada. Os pazos Panmure e Leslie (residencia do earl de Rothes) foran proxectos do construtor principal do rei, John Mylne. En Panmure, a pesar de que Bruce recibiu o crédito polo seu deseño anteriormente, as obras foron supervisadas por Alexander Nisbet, e Bruce deseñou só as portas e os seus alicerces.[18] En Leslie, Bruce supervisou as obras despois da morte de Mylne e probablemente efectuara as súas propias emendas. Panmure foi demolida nos anos 1950 e unicamente unha pequena parte do pazo Leslie permanece en pé logo do incendio ocorrido no século XVIII.[19] Máis tarde, Bruce aconsellou ao duque de Queensberry con respecto aos seus plans sobre o castelo de Drumlanrig.[20]

A fronte do castelo de Thirlestane, remodelado cumpridamente por Bruce.

Bruce tamén traballou na súa propiedade en Balcaskie, Fife, a cal comprara en 1665 e que aínda se conserva intacta salvo algunhas modificacións posteriores. El duplicou o plano en L da vivenda, transformándoo nun simétrico en U, e poida que construíra as paredes laterais en curva e os pavillóns que conectan coa casa. Gifford, con todo, atribúeos a unha fase posterior na construción.[21] As paredes en curva, unha forma vista con posterioridade en Hopetoun, foron unha innovación en caso que fosen efectuadas por Bruce, inspiradas posiblemente polo traballo do italiano Gian Lorenzo Bernini.[22] Nos xardíns colocáronse parterres e socalcos en chanzos ao estilo italiano, con vista a Bass Rock, todo iso inspirado polos xardíns barrocos franceses como Vaux-le-Vicomte.[22] Internamente, Bruce creou unha nova disposición para as habitacións, e esta disposición interna inspirada no continente europeo, do mesmo xeito que o seu deseño de exteriores, foron os motivos polos cales era requirido como arquitecto.[23]

En 1670 o duque de Lauderdale encargou a Bruce a remodelación do castelo de Thirlestane, a súa casa torre do século XVI no condado de Border. Bruce, traballando xunto ao construtor principal do rei, Robert Mylne, ampliou o edificio agregándolle máis pavillóns e unha nova entrada, e redeseñou a distribución interna. Lauderdale seguiu empregando a Bruce durante os anos 1670, nos pazos que tiña en Brunstane preto de Edimburgo, e Lethington (logo chamada Lennoxlove), e encargándolle o deseño de novos portóns para a súa propiedade en Inglaterra, o pazo Ham, preto de Londres, en 1671. É posible que no pazo Ham Bruce xa estivera involucrado coas obras de remodelación que se estaban levando a cabo baixo a dirección do arquitecto inglés William Samwell.[24] Mentres traballaba en Thirlestane, Bruce tamén deseñou a igrexa na cidade próxima de Lauder, o único proxecto eclesiástico que realizou na súa totalidade. A igrexa en forma de cruz podería estar inspirado na igrexa francesa en Balleroy, Francia, construída por François Mansart.[25]

Holyroodhouse[editar | editar a fonte]

A entrada de Holyroodhouse, tal como foi deseñada por Bruce.

O seu nomeamento como Inspector Xeral das Obras do Rei en Escocia debeuse á reconstrución do palacio de Holyrood. Fóra deste proxecto, só realizou reparacións menores nos castelos de Edimburgo e Stirling, e nas fortificacións en Bass Rock.[26] Carlos I pretendía ampliar e reconstruír Holyroodhouse, polo que se trazaron os planos nos anos 1630. Con todo, as obras non se efectuaron e en 1650 o palacio incendiouse, destruíndose na súa totalidade excepto a parte occidental. Bruce foi contratado para deseñar e supervisar as obras do construtor Robert Mylne. Os planos de Bruce en realidade foron trazados por Mylne, xa que o primeiro ao parecer carecía de calidades para o debuxo arquitectónico.[27]

Carlos II criticou os primeiros planos de Bruce para a distribución interna e, finalmente, aprobouse un esquema mellorado. A construción comezou en xullo de 1671 e para 1674 a maior parte do traballo estaba rematado. Bruce construíu unha segunda torre gótica como reflexo da xa existente, construída por Xacobe IV, e creou o bloque con vista ao patio nun estilo clásico e máis sobrio.[1] En 1676 comezou a segunda fase da obra, cando o duque de Lauderdale ordenou a Bruce demoler e reconstruír a fachada occidental, o que en 1679 acabou sendo a entrada principal tal como pode apreciarse na actualidade.[28]

Ademais, en 1676 Bruce trazou os plans para a finalización do Hospital Heriot en Edimburgo, que fora iniciado nos anos 1620. O seu deseño para a torre central da fachada sur foi levado a cabo en 1693.[29]

Pazos de campo[editar | editar a fonte]

O primeiro encargo recibido por Bruce para a construción dun novo edificio foi o do pazo Dunkeld para o earl de Atholl en 1676.[1] O pazo sufrira graves danos en 1654, durante a guerra civil, e Bruce recibiu a tarefa de edificar a súa substitución (posteriormente demolida). Outro dos primeiros encargos a grande escala foi o do pazo Moncrieffe (1679), que se incendiou en 1957.[30] Todas estes pazos de campo tiñan por modelo o estilo anglo-holandés, o cal fora introducido en Inglaterra por Hugh May e sir Roger Pratt, pero con detalles provenientes do continente, tales como a labra basta sobre a fachada en Mertoun.[31]

A fachada oriental de Kinross, vista a través da porta ao xardín.

En 1675 Bruce mercou a leira de Loch Leven que pertencía ó earl de Morton. O predio incluía unha antiga mansión preto de Kinross, e tamén as ruínas do castelo de Loch Leven, famoso por ter sido o lugar onde María Estuardo foi encerrada. Tras efectuar reparacións na vella mansión e comezar coa organización dos xardíns, en 1686 Bruce comezou a traballar no seu novo fogar, o pazo Kinross, para o cal empregou ó construtor Thomas Bauchop. O edificio palladiano garda certo parecido co pazo Coleshill de Roger Pratt (demolida), pero con aspectos que Bruce tomou de construcións francesas. Estes aspectos, que fundamentalmente teñen orixes clásicas e italianas, inclúen o zócolo rústico de pedra e a orde xigante de pilastras corintias (estas últimas posiblemente estean baseadas nos primeiros deseños de Bernini para o Louvre.[32] Despois de perder os seus privilexios políticos, Bruce atopouse cada vez máis endebedado, o que atrasou a finalización do pazo ata 1693.[33] Kinross foi un dos primeiros pazos de campo de estilo palladiano en Escocia, e era recoñecido como un dos edificios máis exquisitos do país; Daniel Defoe describiuno como «a obra arquitectónica máis fermosa e uniforme de Escocia», e Thomas Pennant chamou a Kinross «o primeiro pazo de arquitectura uniforme do norte de Bretaña».[34]

Últimos traballos[editar | editar a fonte]

Vista oriental de Hopetoun, que foi deseñada por Bruce para Charles Hope. Esta mesma fachada foi agrandada e remodelada por William Adam.

A pesar de perder os seus privilexios e os seus encarceramentos intermitentes, Bruce continuou traballando. Durante os anos 1690 completou Craighall en Fife e Craigiehall preto de Edimburgo. O último, construído para o marqués de Annandale, aínda segue en pé e é utilizado como cuartel do Exército Británico Escocés. A partir de 1698 comezou a traballar nun novo pazo para o mozo Charles Hope, nomeado máis tarde earl de Hopetoun. Pazo Hopetoun, preto de Edimburgo, terminouse en 1702 e representa un dos deseños máis magníficos realizados por Bruce. Unha vez máis, o construtor foi Thomas Bauchop, e novamente inspirouse no estilo anglo-holandés, con labra basta francesa. A maior parte da obra de Bruce agora está oculta polo remodelado efectuado durante o século XVIII por William Adam.[35] Bruce recibiu outro encargo de Hopetoun en 1708 para que construíse un corredor lateral privado na igrexa de Abercorn. O Loft de Hopetoun ten vista ao interior da igrexa e conéctase cun reservado que posúe unha mira ovalada pola cal pode verse o púlpito.[36]

En 1702 o goberno de Stirling encargou a Bruce o deseño dun novo tolbooth para a vila. A construción terminou ao ano seguinte e na actualidade o edificio é empregado con fins recreativos. Os últimos pazos de campo de Bruce foron o pazo Harden (agora coñecido como pazo Mertoun), construído para os escoceses dos Borders, e o pazo máis pequeno en que traballou, Auchendinny en Midlothian. O seu último traballo realizouno en 1706 en pazo Nairne, para o xacobita lord Nairne. O pazo non se rematou até dous anos despois da morte de Bruce e non se coñece con claridade cal foi o alcance da súa participación. O pazo Nairne foi demolido en 1760, aínda que a cúpula foi conservada e instalada no teito do Hospital Rei Xacobe VI na próxima Perth.[37]

Legado[editar | editar a fonte]

A pesar de que Daniel Defoe chamou a Bruce «o Kit Wren de Bretaña do norte», debido ao seu papel como o verdadeiro fundador da arquitectura clásica do país, Gifford insinúa que os seus logros son máis comparables ós de Hugh May e Roger Pratt.[34] Do mesmo xeito que May e Pratt, Bruce popularizou un estilo de pazo de campo entre a nobreza e fomentou o afastamento dos anacrónicos fogares defensivos cara a unha arquitectura máis continental e orientada ao lecer.[1] Sir John Clerk de Penicuik nomeou a Bruce «o principal impulsor da arquitectura neste país»,[20] mentres que para Colen Campbell, compilador do Vitruvius Britannicus, foi «valorado con xustiza como o mellor arquitecto do seu tempo nese reino».[38] A súa obra representou unha das maiores influencias para o deseño de pazos de campo no século XVIII, unha influencia que se estendeu por medio dos construtores e delineantes cos que traballou, incluíndo a Mylne, Bauchop, James Smith e Alexander Edward.[39] En Kinross, a súa aliñación deliberada da vista principal cara ás ruínas do castelo de Loch Leven suxírelle a Howard Colvin «que Bruce, do mesmo xeito que Vanbrugh, ten un lugar reservado na prehistoria do pintoresco».[20]

Predecesor:
Novo título
Baronete de Balcaskie
1668-1710
Sucesor:
John Bruce
Predecesor:
James Murray Jr.
Inspector Xeral das Obras do Rei en Escocia
1671-1678
Sucesor:
Archibald Murray de Blackbarony

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 Colvin, pp. 172-176.
  2. Fenwick, páx. xv.
  3. Dunbar, pp. 1-2.
  4. Fenwick, páx. xvi.
  5. 5,0 5,1 Wemyss, Charles (2005) «Merchant and Citizen of Rotterdam: The Early Career of Sir William Bruce.» Architectural Heritage Vol. XVI.
  6. Citado en Colvin, páx. 173.
  7. Fenwick, páx. 4.
  8. Fenwick, pp. 7-9. Fenwick tamén especula que a prima de Bruce e mecenas, Eliza Murray, máis tarde duquesa de Lauderdale, puido terlle conseguido este emprego.
  9. Douglas, Robert; The Baronage of Scotland, (Edimburgo, 1798) páx. 245. Citado en Gifford (1989), páx. 52.
  10. Bruce renunciou ó cargo de Secretario de Contas en 1681. Colvin, páx. 173.
  11. Fenwick, pp. 9-10.
  12. 12,0 12,1 Gifford (1989) páx. 53.
  13. Fenwick, páx. 72 e Colvin, páx. 173.
  14. 14,0 14,1 Fenwick, pp. 73-78.
  15. thepeerage.com
  16. Fenwick, pp. 8 e 77.
  17. Hubert Fenwick considera que estes pazos francesas influenciaron a obra de Bruce pese a que non existe evidencia concreta de que as visitase en realidade. Fenwick, páx. 14.
  18. Gow, páx. 53.
  19. Fenwick, páx. 16.
  20. 20,0 20,1 20,2 Colvin, páx. 174.
  21. Fenwick considera que as paredes laterais e os pabellóns son obra de Bruce aínda que Gifford sitúaas xunto con outras modificacións realizadas a mediados do século XVIII. Fenwick, pp. 13 & 17, e Gifford (1988) pp. 84-87.
  22. 22,0 22,1 Fenwick, pp. 12-15.
  23. Gifford (1989), páx. 54.
  24. Gifford (1989), páx. 57.
  25. Fenwick, páx. 48.
  26. Colvin, páx. 173.
  27. Gifford (1989), páx. 62. Tanto Robert Mylne como Alexander Edward actuaron como delineantes de Bruce, o cal axudou a dar a coñecer e promover o seu traballo.
  28. Gifford et al. (1984), pp. 126-127.
  29. Gifford et al. (1984), páx. 180.
  30. Colvin, páx. 175.
  31. Gifford (1989), pp. 57-60, Colvin, pp. 172-176.
  32. Gifford (1989), pp. 57-58.
  33. Colvin, pp. 175-176, Fenwick, páx. 87.
  34. 34,0 34,1 Defoe, A tour thro' the Whole Island of Great Britain, Carta XIII. (1724), tamén citado en Gifford (1989), páx. 60.
  35. Gifford (1989), páx. 61.
  36. Fenwick, pp. 106-108.
  37. Colvin, páx. 176, Fenwick, pp. 104-106.
  38. Campbell, Vitruvius Britannicus, citado en Gifford (1989), páx. 61.
  39. Colvin, páx. 173, Gifford (1989), páx. 61.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]