Victor Vasarely

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Victor Vasarely
Victor Vasarely.jpg
Nome completoVásárhelyi Győző
Nacemento9 de abril de 1906 e 9 de abril de 1908
 Pécs
Falecemento15 de marzo de 1997
 París
CausaCancro de próstata
NacionalidadeReino de Hungría e Francia
Alma máterUniversidade Eötvös Loránd
Ocupaciónpintor, artista plástico e escultor
FillosJean-Pierre Yvaral
PremiosGoslarer Kaiserring
editar datos en Wikidata ]

Győző Vásárhelyi, (|ˈvaːʃaːrhɛji ˈɟøːzøː|), nado en Pécs o 9 de abril de 1906 e finado en París o 15 de marzo de 1997 foi un artista húngaro-francés coñecido como Victor Vasarely ([viktɔʁ vazaʁəli]), considerado o "avó" e líder do movemento op art.[1] A súa obra titulada Cebra, creada na década de 1930, está considerada un dos primeiros exemplos deste movemento.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Obra de Vasarely no exterior da igrexa de Pálos en Pécs
Tributo a Malevich (1954), Cidade Universitaria de Caracas
Supernovae (1959-61) na Tate Modern

Vasarely naceu en Pécs e creceu en Pöstyén (actualmente Piešťany, Eslovaquia) e Budapest, onde comezou estudos de medicina en 1925 na Universidade Eötvös Loránd. En 1927, abandonou os estudous para aprender pintura académica tradicional na academia privada Podolini-Volkmann. En 1928 e 1929, entrou na escola de arte privada de Sándor Bortnyik chamada Műhely (literalmente, "obradoiro", que existiu ata 1938), entón recoñecida ampliamente como o centro de estudos de Bauhaus en Budapest. Con poucos cartos, o Műhely non podía ofrecer todo o que ofrecía a Bauhaus e no seu lugar concentrábase nas artes gráficas aplicadas e no deseño tipográfico.

En 1929 pintou os seus Estudo azul e Estudo verde. En 1930, casou coa súa compañeira de estudos Claire Spinner (1908–1990). Xuntos tiveron dous fillos, Andre e Jean-Pierre. En Budapest, traballou para unha compañía de rodamentos deseñando carteis publicitarios. Vasarely converteuse en deseñador gráfico e cartelista durante a década de 1930 combinando modelos e imaxes orgánicas entre si.

Vasarely abandonou Hungría e estableceuse en París en 1930. Traballou como artista gráfico e axudante creativo nas axencias de publicidade Havas, Draeger e Devambez (1930–1935). As súas interaccións con outros artistas durante este tempo foron escasas. Pensou en abrir unha institución semellante ao Műhely de Sándor Bortnyik e desenvolveu material de ensino para ela. Tras vivir a maior parte da súa vida en hoteis baratos, estableceuse entre 1942 e 1944 en Saint-Céré (departamento de Lot). Trala segunda guerra mundial abriu un obradoiro en Arcueil, suburbio a uns dez quilómetros do centro de París en Val do Marne. en 1961, estableceuse definitivamente en Annet-sur-Marne (departamento de Sena e Marne).

En outubro de 1967, o deseñador Will Burtin invitou a Vasarely a facer a presentación da súa conferencia "Vision ’67", na Universidade de Nova York.

O 5 de xuño de 1970, inaugurouse o primeiro museo dedicado á súa obra con máis de 500 traballos nun palacio renacentista en Gordes (pechado en 1996). Un segundo gran proxecto foi a Foundation Vasarely en Aix-en-Provence, museo situado nunha estrutura deseñada especificamente por Vasarely. Ese mesmo ano o seu obxecto cinemático Georges Pompidou foi instalado no Centro Pompidou de París e creouse o museo Vasarely na súa localidade natal de Pécs cunha gran doazón de obras de Vasarely. Na mesma década, entou no deseño industrial cunha serie de cincocentas pezas exclusivas da vaixela Suomi de Timo Sarpaneva e que Vasarely decorou co fabricante alemán de porcelana Studio Linie.[2] En 1982, 154 serigrafías especiais foron levadas polo astronauta Jean-Loup Chrétien a bordo da nave franco-soviética Salyut 7 e logo foron vendidas e os beneficios foron para a UNESCO. En 1987, estableceuse o segundo museo Vasarely de Hungría, no palacio Zichy de Budapest con máis de 400 obras.

Faleceu o 15 de marzo de 1997 en París aos noventa anos de idade.

Obra[editar | editar a fonte]

Vasarely seguiu a producir arte e escultura empregando ilusións ópticas. Nas seguintes tres décadas, Vasarely desenvolveu o seu estilo de arte abstracta xeométrica, traballando en varios materiais mais empregando un número mínimo de formas e cores:

  • 1929-1944. "Primeira obra gráfica": Vasarely experimentou con efectos de textura, perspectiva, sombras e luces. O seu primeiro período resultou en obras como Cebras (1937), Taboleiro de xadrez (1935) e Poder das rapazas (1934).
  • 1944-1947. "Les Fausses Routes - No camiño equivocado": Durante este período, Vasarely experimentou con pinturas cubistas, futuristas, expresionistas, simbolistas e surrealistas sen desenvolver un estilo único. Máis tarde, dixo que estaba no camiño equivocado. Expuxo a súa obra nas galerías de Denise René (1946) e de René Breteau (1947). Escribindo a introdución do catálogo, Jacques Prévert situou a Vasarely entre os surrealistas. Prévert creou o vocábulo imaginoires (images + noir, "imaxes + negro") para describir as pinturas. Autorretrato (1941) e O home cego (1946) están asociadas con este período.
  • 1947-1951. "Desenvolvendo a arte abstracta xeométrica (arte óptica)": Finalmente, Vasarely atopa o seu estilo propio. Os desenvolvementos solapados noméanse pola súa herdanza xeográfica. Denfert refírese ás obras influenciadas polos muros brancos da estación de metro da praza Denfert - Rochereau de París. As pedras e conchas con forma de elipsoides atopadas durante as vacacións de 1947 na costa bretoa de Belle Île inspiráronlle as obras Belles-Isles. Dende 1948, Vasarely adoitaba pasar os meses de verán en Gordes (Provenza-Alpes-Costa Azul). Aló, as casas cúbicas levárono á composición do grupo de obras chamadas Gordes/Cristal. Traballou no problema do baleiro e encheu espazos nunha superficie plana, así como na visión estereoscópica.
  • 1951-1955. "Imaxes cinéticas, fotografías en branco e negro": A partir de Gordes, desenvolveu as imaxes cinemáticas, superimpostas en follas de cristal acrílico que crean impresións dinámicas e de movemento dependendo do punto de vista. No período do branco e negro combinou os cadros nunha única folla transpoñendo fotografías en dúas cores. Tributo a Malevich, muro cerámico de 100 m² que adorna a Universidade de Caracas, e deseñou co arquitecto Carlos Raúl Villanueva, é unha obra fundamental deste período. A arte cinética floreceu coas obras de Vasarely, Calder, Duchamp, Man Ray, Soto e Tinguely que foron expostas na galería de Denise René co título Le Mouvement ("O movemento"). Vasarely publicou o seu Manifesto amarelo. Traballando na investigación dos pioneiros do construtivismo e a Bauhaus, postulou que a cinética visual (plastique cinétique) dependía da percepción do que miraba, que era considerado o único creador, xogando coas ilusións ópticas.
  • 1955-1965: "Folklore planétaire, permutacións e arte en serie": O 2 de marzo de 1959, Vasarely patentou o seu método de unités plastiques. As permutacións de formas xeométricas son cortadas dun cadrado de cor e reordenadas. Traballou cunha paleta de cores e formas estritamente definida (tres vermellos, tres verdes, tres azuis, dous violetas, dous amarelos, negro, branco e gris; tres círculos, dous cadrados, dous romboides, dous rectángulos, un triángulo, dous círculos diseccionados e seis elipses) que logo ampliou e numerou. Á parte do seu "alfabeto plástico", comezou a arte en serie, unha permutación sen fin de formas e cores cadradas polos seus axudantes. O proceso creativo prodúcese con ferramentas estandarizadas e actores impersoais que cuestiona a unicidade da obra de arte. En 1963, Vasarely presentou a súa paleta ao público co nome de Folklore planetaire.
  • A partir de 1965. "Hommage à l'hexagone, Vega": A serie do Tributo ao hexágono consiste en transformacións sen fin de marcas e engadidos de variacións de cor, creando unha "ilusión óptica de movemento perpetuo". En 1965, Vasarely foi incluído na exposición do Museum of Modern Art The Responsive Eye, creada baixo a dirección de William C. Seitz. A súa serie Vega xoga con incrementos de grellas esféricas creando unha ilusión óptica de volume.

Premios[editar | editar a fonte]

Museos[editar | editar a fonte]

En 2012 tivo lugar unha nova exposición sobre Vasarely en París, no museo en Herbe.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. The New York Times obituary https://www.nytimes.com/1997/03/18/arts/victor-vasarely-op-art-patriarch-dies-at-90.html
  2. [Anon.] (1976). "Faenza-Goldmedaille für SUOMI". Artis 29: 8. ISSN 0004-3842. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]