Varanus salvadorii

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Varanus salvadorii
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Reptilia
Orde: Squamata
Familia: Varanidae
Xénero: Varanus
Subxénero: Varanus (Papusaurus)
Especie: Varanus salvadorii
(W. Peters & Doria, 1878)[2]
Área de distribución estimada de V. salvadorii en verde.[3]
Área de distribución estimada de V. salvadorii en verde.[3]

Área de distribución estimada de V. salvadorii en verde.[3]
Sinonimia[4]

Varanus salvadorii é unha especie de varano ou lagarto monitor endémico de Nova Guinea. É o maior lagarto monitor de Nova Guinea e é un dos lagartos máis grandes existentes, con lonxitudes verificadas de ata 255 cm. O seu rabo é excepcionalmente longo e díxose que algúns espécimes superan en lonxitude ao dragón de Komodo, aínda que son menos masivos.

V. salvadorii é un lagarto arbóreo cun corpo verde escuro marcado con bandas de puntos amarelados. Ten un característico morro romo e un rabo moi longo. Vive en mangleirais e selvas costeiras do sueste de Nova Guinea, alimentándose oportunistamente de case calquera presa, desde aves e pequenos mamíferos ata ovos, outros réptiles, anfibios e prea. Os seus grandes dentes curvados cara a atrás están mellor adaptados que os da maioría dos varanos para atrapar presas de rápidos movementos. Como todos os lagartos monitores, ten características anatómicas que lle permiten respirar máis facilmente cando corren que outros lagartos e mesmo ten maior resistencia que a maioría das outras especies de lagartos monitores.

A especie está ameazada pola deforestación e o furtivismo e está protexido polo acordo do CITES. Pouco se sabe da súa reprodución e desenvolvemento, xa que é difícil de criar en catividade. Os intentos de crianza en catividade foron principalmente fracasos. En Nova Guinea é ás veces cazado e despelexado polos individuos das tribos para faceren tambores. É descrito como un espírito maligno que "gabea polas árbores, camiña de pé, exhala lume e mata homes", aínda que os pobos locais din que dá aviso cando se achega un crocodilo.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

V. salvadorii foi descrito primeiramente co nome Monitor salvadorii por Wilhelm Peters e Giacomo Doria en 1878 baseándose nun espécime femia cunha lonxitude de morro a ano de 48 cm e un longo rabo de 114 cm.[5] Foi subordinado ao xénero Varanus co nome Varanus salvadorii por George Albert Boulenger en 1885.[6]

Non hai subespecies formalmente recoñecidas de V. salvadorii, pero no mercado dos réptiles en catividade distínguen os de Sorong, Jayapura e Merauke pola cor do seu morro e a brillantez do seu deseño de cores.[7]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome xenérico Varanus deriva da palabra árabe waral (ورل), que significa 'lagarto'. O termo "monitor" que se usa para eles en varios idiomas pénsase que xurdiu dunha confusión entre waral e a palabra alemá warnen, que significa 'advertencia'. O nome específico salvadorii deriva da latinización do apelido de Tommaso Salvadori,[8] un ornitólogo italiano que traballou en Nova Guinea.[2]

Evolución[editar | editar a fonte]

A historia evolutiva de V. salvadorii empezou coa aparición do xénero Varanus, que se orixinou en Asia hai uns 40 millóns de anos. Hai arredor de 15 millóns de anos, unha conexión tectónica entre Australia e sueste asiático permitiu que os varánidos se espallasen no que hoxe é o arquipélago indonesio.[9]

Baseándose en secuencias de ADN de tres xenes nucleares e dous mitocondriais, as análises cladísticas identifican o V. salvadorii como membro dun grupo de especies que inclúe Varanus. varius e o Varanus komodoensis (dragón de Komodo).[10] As consideracións morfolóxicas suxiren que Varanus priscus era tamén membro deste grupo.[11] Os varanos aparentemente colonizaron Australasia desde Asia hai uns 32 millóns de anos; o clado varius orixinouse despois hai uns 17 millóns de anos.[10] O estreito de Torres que separa Nova Guinea de Australia é de menos de 90 km de longo, unha distancia que se podería cubrir doadamente co chamado island hopping (salto entre illas).

Distribución[editar | editar a fonte]

É o maior das sete especies de varanos que se encontran na illa de Nova Guinea, vive tanto no estado de Papúa Nova Guinea coma na rexión indonesia de Papúa occidental. Vive nos doseis arbóreos altos e baixos das selvas das terras baixas e os mangleirais costeiros, ás veces aventurándose fóra destas áreas durante as inundacións da estación húmida. Non hai datos detallados de investigación de campo de V. salvadorii, polo que non se coñece ben a extensión completa da súa área de distribución.[3][5] O seu hábitat remoto e xeralmente inaccesible é un obstáculo para o estudo detallado deste varano no seu hábitat natural.[3][5]

Bioloxía e morfoloxía[editar | editar a fonte]

Detalle do morro bulboso tomado no Zoo de Cincinnati

A característica máis distintiva de V. salvadorii é o seu morro bulboso romo, que lle dá unha aparencia diferente á de calquera outro lagarto monitor de Nova Guinea.[5] O corpo do lagarto é verde escuro con aneis de manchas amarelas.[12] O rabo ten bandas amarelas e negras e é extremadamente longo.

Os seus dentes son longos, estreitos e agudos. As garras son prominentes e están fortemente curvadas.[13] Os machos acadan un tamaño maior que as femias tanto en lonxitude coma en peso e tamén adoitan ter unha cabeza máis robusta.[7]

V. salvadorii é único entre os varánidos existentes porque o rabo do animal é moito máis longo que a lonxitude morro-ano tanto en inmaturos coma en adultos. O rabo xeralmente é de 2 a 2,7 veces a lonxitude morro-ano.[5][14][15]

No momento de faceren eclosión, os V. salvadorii son duns 45 cm de longo e acadan a madureza cando teñen uns 170 cm.[14] Os informes de lonxitude máxima varían moito e son suxeito de moita disputa. Posiblemente ten a maior lonxitude de todas as especies de lagartos vivas, aínda que é considerablemente menos masivo que o dragón de Komodo.[16] Está confirmado que V. salvadorii chega aos 255 cm de lonxitude (medidos nun exemplar do Museo Koenig).[14][17] Dalgúns espécimes díxose que eran aínda máis grandes, como un individuo de Konedobu de 323 cm de longo, outro de Kikori de 427 cm e outro de Port Moresby de 475 cm, pero estes tamaños non están verificados.[7][16]

As afirmacións sobre exemplares de V. salvadorii con grandes pesos tampouco están verificadas; a especie é moito máis delgada que un dragón de Komodo de lonxitude comparable.[16][18] Se consideramos un individuo típico de 200 cm de lonxitude, o peso correspondente é duns 20 kg,[19][20] pero ese peso é cuestionable para individuos sans (é dicir, non obesos) desta delgada especie arbórea.[7] Dez espécimes medidos pesaban só de 5 a 6,38 kg cunha lonxitude de 1,16 a 2,25 m,[21] e unha revisión de adultos sans en catividade atopou que un peso típico é 6 kg.[7] O tamaño medio de V. salvadorii capturados nun estudo foi de 99,2 cm cun peso medio de 2,02 kg, pero estes debían ser espécimes xoves.[22]

Varanus salvadorii ten capacidades aeróbicas similares ás dun mamífero; unha presión da bomba gular positiva na gorxa do animal axuda á ventilación pulmonar.[3][23] A diferfenza da maioría dos lagartos que non poden respirar eficientemente mentres corren, debido á restrición de Carrier, a bomba gular dos lagartos monitor permítelles superar o efecto de que un dos pulmóns sexa comprimido alternativamente polo seu modo de correr.[23][24] O desenvolvemento evolutivo da bomba gular é funcionalmente análogo ao do diafragma dos mamíferos, que ventila o pulmón independentemente da locomoción. V. salvadorii pode ser a especie que ten a maior resistencia ao correr como resultado da súa bomba gular.[3][23] As investigacións realizadas apoian a idea de que a respiración gular é un desenvolvemento evolutivo que enmascara o efecto da restrición de Carrier.[23]

Comportamento[editar | editar a fonte]

Un espécime de V. salvadorii no Zoo da cidade de Oklahoma

V. salvadorii é un lagarto moi arbóreo. Pode colgarse das pólas coas súas patas traseiras e ás veces usa o rabo como agarre prénsil. Porén, a función primaria do rabo é equilibrarse cando salta de póla en póla.[3] Como noutras especies de Varanus, o rabo tamén pode usarse para a defensa, xa que os espécimes en catividade poden intentar golpear co rabo aos seus coidadores.[25] Esta especie vese ocasionalmente no comercio de animais de compañía, pero ten reputación de ser agresivo e impredicible.[5] Aínda que se sabe que descansan e déitanse ao sol nas árbores, dormen no chan ou submerxidos na auga durante certo tempo.[3]

Poder erguerse sobre as súas patas traseiras para comprobar aos seus arredores, comportamento que tamén está documentado noutros lagartos monitor, como V. gouldii.[6] Presentan unha postura de advertencia na cal arrastran o rabo ondulantemente tras eles. Segundo cren os pobos nativos, fan unha chamada de advertencia se ven crocodilos.[6] En xeral, V. salvadorii evita o contacto humano, pero a súa trabada pode causar infección, igual que a do dragón de Komodo.[6] Informouse dunha morte resultado dunha destas trabadas en 1983 cando unha muller papúa sufriu unha trabada e despois morreu da infección que lle orixinou.[5]

Dieta[editar | editar a fonte]

Os dentes de V. salvadorii non lembran os doutros varanos, que tipicamente son romos como ganchos e orientados cara a atrás.[3] Os seus dentes superiores son longos, como cairos, dispostos verticalmente na mandíbula, adaptados a enganchar presas de rápidos movementos, como aves, morcegos e roedores. Os seus dentes inferiores están inseridos nuha vaíña carnosa. Na natureza, V. salvadorii é un superdepredador en Nova Guinea, que se alimenta de aves (como Cacatua sp.), ovos, pequenos mamíferos (como ratas e bandicuts), ras, réptiles e prea.[13][26][27] Os nativos informaron que pode comer porcos, cervos e cans de caza e arrastra as súas presas ao dosel para comelas.[3] Os espécimes en catividade comen peixe, ras, roedores, polos e comida para cans.[5][28]

Esta especie observouse cazando presas dunha maneira única entre os varanos.[3] En vez de seguila para emboscala desde detrás, V. salvadorii pode adiantarse á súa presa e e anticipar por onde pasará, atopándose con ela de fronte.[3]

Reprodución[editar | editar a fonte]

A reprodución de V. salvadorii só se observou en catividade, e non se sabe nada da súa reprodución na natureza. Pon 12 ovos de outubro a xaneiro, os cales teñen unha notable diferenza en dimensións, un fenómeno do que non se coñece a explicación. As dimensións poden variar desde 7,5 x 3,4 a 10 x 4,5 cm, mentres que o peso pode variar desde 43,3 a 60,8 g. A maioría das postas feitas en catividade foron infértiles, e só se documentaron ata agora catro que tivesen éxito. As crías que eclosionan son duns 46 cm de longo e pesan 56 g. Igual que as crías doutros varanos, as de V. salvadorii son máis coloridas que os adultos e aliméntanse principalmente de insectos e pequenos réptiles.[3][29]

Conservación[editar | editar a fonte]

Varanus salvadorii está actualmente protexido baixo o Apéndice II do CITES,[30] que require un permiso de exportación para o comercio internacional. Non está na lista de especies ameazadas da Lista Vermella da IUCN.[31] Enfróntase ás ameazas da deforestación e furtivismo, xa que se caza e despelexa polos pobos nativos para facer tambores, os cales o consideran un espírito maligno que "gabea polas árbores, anda de pé, exhala lume e mata homes".[5][13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Shea, G.; Allison, A.; Parker, F.; O'Shea, M.; Tallowin, O. (2016). "Varanus salvadorii". p. e.T42485775A42485784. doi:10.2305/IUCN.UK.2016-1.RLTS.T42485775A42485784.en. Consultado o 19 de novembro de 2021. 
  2. 2,0 2,1 Klipfel, Meghan; Peters, Wilhelm C. H.; Bauer, Aaron M.; Günther, Rainer (1995). The herpetological contributions of Wilhelm C. H. Peters (1815-1883). Ithaca, N.Y., USA: Society for the Study of Amphibians and Reptiles in cooperation with Deutsche Gesellschaft für Herp. ISBN 978-0-916984-35-9. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 Horn, H-G. (2004). "Varanus salvadorii ". En Pianka, E.R.; King, D.; King, R.A. Varanoid Lizards of the World. Indiana University Press. pp. 234–244. ISBN 978-0-253-34366-6. 
  4. "Varanus salvadorii ". The Reptile Database. www.reptile-database.org.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 5,8 Bayless, Mark K. (1 de xuño de 1998). "The Artellia: Dragons of the Trees". Reptiles 6 (6): 32–47. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Netherton, J.; Badger, D. P. (2002). Lizards: A Natural History of Some Uncommon Creatures--Extraordinary Chameleons, Iguanas, Geckos, and More. Stillwater, MN: Voyageur Press. pp. 140–141. ISBN 978-0-7603-2579-7. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Reh, B., ed. (2021). Best Practice Guidelines for the Crocodile Monitor (Varanus salvadorii) (1 ed.). EAZA Reptile Taxon Advisory Group. 
  8. Beolens, Bo; Watkins, Michael; Grayson, Michael (2011). The Eponym Dictionary of Reptiles. Baltimore: Johns Hopkins University Press. xiii + 296 pp. ISBN 978-1-4214-0135-5. (Varanus salvadorii, p. 232).
  9. Ciofi, Claudio (1999). "The Komodo Dragon". Scientific American 280 (3): 84–91. Bibcode:1999SciAm.280c..84C. doi:10.1038/scientificamerican0399-84. Consultado o 2006-12-21. 
  10. 10,0 10,1 Vidal, N.; Marin, J.; Sassi, J.; Battistuzzi, F.U.; Donnellan, S.; Fitch, A.J.; Fry, B.G.; Vonk, F.J.; Rodriguez de la Vega, R.C.; Couloux, A.; Hedges, S.B. (2012). "Molecular evidence for an Asian origin of monitor lizards followed by Tertiary dispersals to Africa and Australasia". Biology Letters 8 (5): 853–855. PMC 3441001. PMID 22809723. doi:10.1098/rsbl.2012.0460. 
  11. Conrad, J.L.; Ast, J.C.; Montanari, S.; Norell, M.A. (2011). "A combined evidence phylogenetic analysis of Anguimorpha (Reptilia: Squamata)". Cladistics 27 (3): 230–277. PMID 34875778. doi:10.1111/j.1096-0031.2010.00330.x. 
  12. "New Guinea Crocodile Monitor". Central Florida Zoo and Botanial Gardens. Arquivado dende o orixinal o May 28, 2008. Consultado o 2008-08-21. 
  13. 13,0 13,1 13,2 "Crocodile Monitor". Leeward Community College's Zoology 101. Honolulu Zoo. Arquivado dende o orixinal o 2008-10-04. Consultado o 2008-08-21. 
  14. 14,0 14,1 14,2 Auliya, M.; Koch, A. (2020). "Visual Identification Guide to the Monitor Lizard Species of the World (Genus Varanus)". BfN-Skripten (Federal Agency for Nature Conservation, IUCN SSC Monitor Lizard Specialist Group) 552. 
  15. Sprackland, R. G. (1992). Giant lizards. Neptune, NJ: T.F.H. Publications. ISBN 978-0-86622-634-9. 
  16. 16,0 16,1 16,2 Wood, G. (1983). The Guinness Book of Animal Facts and Feats. ISBN 978-0-85112-235-9. 
  17. Böhme, W.; Ziegler, T. (1997). "Großwarane im Museum Koenig, mit Bemerkungen zu Afrikas größter Echse". Tier und Museum 5 (3): 65–74. 
  18. "ANIMAL BYTES - Crocodile Monitor". Seaworld.org. Arquivado dende o orixinal o 2007-12-14. Consultado o 2013-04-22. 
  19. Pianka, E., D. King, R. King. 2004. Varanoid Lizards of the World. Bloomington, IN: Indiana University Press.
  20. Turner, F., R. Jennrich, J. Weintraub. 1969. Home ranges and body size of lizards. Ecology, 50: 1076-1081.
  21. "Varanus salvadorii". Memim Encyclopedia. Consultado o 2015-06-09. 
  22. Iyai, D.A., Murwanto, A.G. & Killian, A.M. (2011) Hunting and Ethnozoology Systems of Monitor Lizards (Fam. Varanidae) Utilized by Yaur Tribe at National Park of Cenderawasih Gulf. Biota Vol. 16 (2): 278−286.
  23. 23,0 23,1 23,2 23,3 Owerkowicz, T.; Farmer, C. G.; Hicks, J. W.; Brainerd, E. L. (1999). "Contribution of Gular Pumping to Lung Ventilation in Monitor Lizards". Science 284 (5420): 1661–1663. Bibcode:1999Sci...284.1661O. PMID 10356394. doi:10.1126/science.284.5420.1661. 
  24. Brainerd, E. (1999). "Research by UMass Amherst Biologist Suggests that Lizards Offer Evolutionary Freeze-Frame". UMass Amherst. Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2009. Consultado o 19 de decembro de 2008. 
  25. Stafford, Grey. "Aloha to three crocodile monitors". Wildlife World Zoo. Arquivado dende o orixinal o 1 de xullo de 2009. Consultado o 2008-08-21. 
  26. "Varanus salvadorii (Crocodile Monitor)". Animal Diversity Web. 
  27. "Varanus Salvadorii". 
  28. McDade, Melissa C.; Grzimek, Bernhard; Schlager, Neil; Hutchins, Michael; Trumpey, Joseph E.; Olendorf, Donna (2004). Grzimek's Animal Life Encyclopedia. Detroit: Thomson/Gale. p. 368. ISBN 978-0-7876-5362-0. 
  29. Gressitt, J. Linsley (1982). Biogeography and Ecology of New Guinea 2. Hague: W. Junk. pp. 803–813. ISBN 978-90-6193-094-5. 
  30. "Appendices I, II and III". Consultado o 2008-11-08. 
  31. "Crocodile Monitor". Arquivado dende o orixinal o 2007-12-14. Consultado o 2008-12-07. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]