Saltar ao contido

Ortiga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Urtica»)

Ortiga[1], estruga[2] ou herba do cego[3][4] (Urtica sp.) é o nome común de varias plantas herbáceas da familia das urticáceas, de talo ergueito e flores verdosas en espiga. Caracterízase polos pelos que cobren as súas follas e que liberan unha substancia que produce proído e inflamación en contacto coa pel. Considérase herba ruín, con todo, é unha das plantas que máis aplicacións medicinais posúen.

Medran en solos ricos, nas proximidades de bosques de arbustos. É moi resistente e pode soportar condicións extremas. Varias especies, especialmente tres, son comúns en Galiza:

  • A estruga maior (Urtica dioica), a máis común. Acada entre 50 e 150 centímetros. A característica máis coñecida desta planta é a presenza de pelos urticantes cuxo líquido cáustico (acetilcolina) produce unha irritación con proído intenso na pel ao tocala. Ten o talo de sección en forma de cadrado, follas con forma de óvalo, co bordo serrado, as súas flores son miúdas unisexuais, inconspicuas e agrupadas en glomérulos.
  • A estruga menor (Urtica urens), anual, adoita medrar á beira da estruga maior, ten uns 60 centímetros e produce maior irritación que a anterior, mais posúe menos virtudes terapéuticas.
  • A estruga membranosa (Urtica membranacea) tamén anual e da mesma altura.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O termo galego ortiga (en portugués urtiga) vén do latín urtīca; coas variedades e pronuncias dialectais ortigha ou urtigha. Os nomes comúns en galego comprenden tamén herba do cego e estruga; esta última do latín: exurticare, a través da forma indocumentada estur(i)care, que pasou a esturgar e estrugar 'ortigar' de onde derivan estruga, esturga e estrugha (dialectais).

Descrición botánica

[editar | editar a fonte]

As estrugas son plantas arbustivas perenne, dioicas, de aspecto xoto e que poden acadar o 1,5 m de altura.

É característico desta planta el posuir unha vilosidade urticante que ten a forma de bóchegas moi miúdas cheas dun zume irritante que co contacto coa pel producen unha lesión e deitan o seu contido (ácido fórmico, resina, histamina e unha substancia proteínica descoñecida) sobre dela, provocando broulla e proído. Este proído débese á acción do ácido fórmico, composto do que é moi rico. Estes pelos son moi duros e febles na punta, polo que é de abondo unha lixeira rozadura para crebaren.

A raíz é moi rica en taninos, que lle confiren unha acción adstrinxente.

Posúe un talo avermellado ou amarelento, ergueito, cuadrangular, ramificado e oco nos entrenós. Está dotado en todos os nós de parellas de follas, e está recuberto de pelos urticantes.

As follas son de figura oval, engurradas, serradas, en punta, e de até 15 cm. Son de cor verde escuras e con pétalos de cor amarela suave. Atópanse opostas e tamén están provistas, o mesmo có talo, dos característicos pelos.

Florea dende o mes de xullo en diante.

As flores son verde amarelentas con estames amarelos, reunidas en panículas pendulares, asilares e terminais. Normalmente son unisexuais, miúdas e dispostas en acios pendurados de até 10 cm. As femininas atópanse en longas candeas penduradas e as masculinas en inflorescencias máis curtas.

Os froitos son aquenios (cápsulas) e secos.

Son cosmopolitas, especialmente a estruga maior, podéndoa atopar en calquera local onde o home ou o gado moren, beiras dos camiños, dos regos, clareiros das fragas etc. medra en solos ricos en nitróxeno e húmidos, en currais, hortas, par dos muros e valados, nas leiras etc.

Principios activos

[editar | editar a fonte]

Uso da planta

[editar | editar a fonte]

Apáñase a planta enteira, dependendo do uso final. Pódese utilizar fresca ou enxugada.

En fitoterapia, os naturistas aconsellan apañar as sumidades floridas ou simplemente as follas dos talos novos. Recoméndase a colleita antes da floración, e o enxugado cómpre realizalo axiña.

Con fins medicinais apañarase nos meses de maio, xuño, xullo e agosto aínda que non é un problema calquera mes do ano. Para alimentación apañarase en calquera período.

Na colla, polo seu poder urticante, cómpre levar luvas, apañando só os caules novos e sans. Antes da aparición das flores, a planta é máis tenra. Cómpre non usar as follas vellas, xa que son máis irritantes.

As raíces apañaranse na primavera ou no outono.

Conservación

[editar | editar a fonte]

Enxugar as estrugas á sombra ben espalladas no chan, nun lugar ben ventilado, coma un hórreo. Unha vez enxugada a planta gardaranse só as follas. As follas secas non son urticantes e poden ser esnaquizadas para a conserva. Deste xeito podemos continuar gozando dos beneficios en inverno, cando non as atoparemos frescas.

Partes utilizadas

[editar | editar a fonte]

Utilízase a raíz e a planta enteira. Tamén se usa a planta fresca. Principalmente as follas (Urticae folium/herba), aínda que tamén se poden utilizar as raíces (Urticae radix). As raíces, ademais das da Urtica dioica L., son tamén beneficiosas as da estruga menor (Urtica urens L.), ou especies híbridas de ambas as dúas, obtidas durante o período de floración.

Popularmente tamén se empregan os froitos (Urticae fructus). Antigamente, aplicaban as follas nos xenitais dos rapaces que eran descubertos masturbándose, dando lugar ás crenzas de que se se realizaba a masturbación, aparecían innumerábeis doenzas canceríxenas, cousa que é incerta.

Propiedades

[editar | editar a fonte]

A planta ten moitas propiedades beneficiosas para a saúde.

Na agricultura

[editar | editar a fonte]

Dende hai miles de anos vense utilizando o xurro de estrugas (especialmente de Urtica dioica) para mellorar a saúde das plantas cultivadas. As súas propiedades elicitoras, reconstituíntes, remineralizantes e correctoras compleméntanse cos seus sonados efectos insecticidas e funxicidas, o que fai deste xurro un caldo case indispensábel -e de balde- para manter a sanidade vexetal.

Propiedades nutritivas

[editar | editar a fonte]

Nutricionalmente é de grande importancia pola súa riqueza en sales minerais e vitaminas que benefician a todos incluso ás persoas que fan dietas sen sal. As estrugas conteñen vitaminas A e C, ferro, ácido salicílico e proteínas.

Propiedades medicinais

[editar | editar a fonte]

Ademais de nutritiva, ten gran cantidade de propiedades:

  • Afrodisíacas.
  • Analxésicas.
  • Antialérxicas.
  • Antianémicas.
  • Antigotosas.
  • Antihistamínicas.
  • Antiinflamatorias.
  • Antirreumáticas.
  • Adstrinxentes.
  • Colagogas.
  • Depurativas.
  • Diuréticas.
  • Galactoxenas.
  • Hemostáticas.
  • Hipoglucemiantes.
  • Remineralizantes.
  • Rubefacientes.
  • Tónicas.

Contraindicacións

[editar | editar a fonte]
  • Evitar en caso de edemas orixinados por insuficiencia renal ou cardíaca.
  • Non usar como tintura alcólica en meniños e nenos menores de 2 anos e en persoas en proceso de desintoxicación alcólica.
  • Coma remedio diurético debe ser evitado por persoas con problemas de hipertensión arterial, cardiopatías ou insuficiencia renal, agás por prescrición e baixo control médico.
  • A inxesta de 20 ou 30 sementes produce un efecto purgante drástico.

Efectos secundarios

[editar | editar a fonte]
  • As follas frescas teñen unha acción fortemente irritante sobre a pel (urticante), con produción dunha bóchega e sensación de proído e peladura.
  • A raíz, ocasionalmente pode producir molestias gástricas e reaccións alérxicas cutáneas.
  • A cocedura das raíces pode irritar a mucosa gástrica.

Os preparados de Urtica dioica están exentos de toxicidade tanto aguda coma crónica.

A estruga é unha planta cuxas follas xa eran citadas nos tratados medievais como remedio nos estados asociados a un déficit na diurese. Porén, dende hai vinte anos as súas partes subterráneas (raíces e rizomas) son obxecto de interese no tratamento da hiperplasia benigna de próstata (HBP), tal e como puxeron de manifesto as numerosas pescudas realizadas sobre elas. Ditas pescudas permitiron acceder ao coñecemento dos seus máis importantes principios activos e a súa actuación sobre algúns dos factores implicados na aparición da HBP. Por outra banda, os ensaios clínicos máis actuais realizados con extractos normalizados de estruga indican un efecto positivo sobre os síntomas urinarios asociados á HBP. A isto cómpre engadir a gran tolerancia cara aos preparados elaborados coas partes subterráneas, xa que en ensaios a seis meses só un 0,7 por cento dos pacientes amosou efectos secundarios, de escasa gravidade en todos os casos.

[editar | editar a fonte]
Escudo do concello de Ortigueira. O nome Orticaria e Ortigaria aparecen na Idade Media, nunha relación de terras incluídas no condado de Montenegro, no reino de Galiza.

Disque que para combater os razaduras de proído coa planta, débese fretar a zona afectada con follas de mentraste, planta que adoita medrar preto das estrugas.

Segundo unha crenza popular, se alguén mexa no mesmo lugar durante certo tempo, medrará unha estruga. Se se aguanta a respiración, a estruga pode tocarse sen que produza proído ou irritación.

Hai quen aplica o extracto no coiro cabeludo para reducir a graxa e a caída dos cabelos. Existen no mercado numerosos xampús a base de estrugas.

Entre os usos da planta para a medicina homeopática cítanse as azoutas con estrugas para tratar as dores dos cadrís e do lombo.[5] Cóntase tamén que na antiga Roma, azoutábse cun ramo de estrugas por baixo do embigo, riles e nádegas aos homes (especialmente os anciáns), para lles tornaren o vigor perdido. Algo semellante facían os antigos gregos.

Moitos campesiños cando queren galiñas chocas azóutanas coa planta fresca no ventre.

O médico e alquimista do século XVI, Paracelso, recomendaba apañala cando a lúa fica na constelación de Scorpius e levala enriba para obter bravura e afouteza. Disque Paracelso tamén podía saber se un doente morrería ou sairía da súa doenza se botaba as follas da estruga nos ouriños do paciente e as deixaba durante 24 horas. Se as follas secaban, o paciente morrería case de seguro, se ficaban verdes, sobreviviría.

Utilízanse tamén coma materia prima para a obtención de clorofila en procesos industriais, para fabricar pasta de papel, coma tintura para tinxir tecidos e coma fonte de fibras téxtiles para confeccionar cordas, redes, velas de barcos e roupas. Este último uso remóntase á segunda guerra mundial, por mor á escaseza das fibras máis habituais.

  • As mulleres que son boas/ Deus lles dea boa fortúa;/ sarna con dor de moas,/ ortigas pola cintura.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ortiga.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para estruga.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para herba.
  4. Nomes vulgares galegos en varias fontes, entre elas: Termos Esenciais de Botánica do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, 2004
  5. "Usos medicinales de la Ortiga". Consultado o 9 de marzo de 2012. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Asociación Española de Médicos Naturistas y Colegio Oficial de Farmacéuticos de Vizcaya (1999). Fitoterapia: Vademécum de prescripción de plantas medicinales. Cita. 
  • Berdonces, Dr. Gran Enciclopedia de las Plantas Medicinales. Ediciones Tikkal. 
  • de Sillé, Jean. Plantas que Curan. Cedel. 
  • di Massa, Scilla (1993). Flores de Bach. Ibis. 
  • Font Quer, Pío (1975). Diccionario de botánica. Labor. 
  • Font Quer, Pío. El Dioscórides Renovado. Labor. 
  • Font Quer, Pío (1961). Plantas medicinales. Labor. 
  • Manta, Daniele; Semolli, Diego (1977). Nuestras amigas las plantas. Editions Ferni-Genève. 
  • Nice, Jill. Hierbas Medicinales y Recetas Caseras. Paidós. 
  • Royal Horicultural Society (1998). Manuel de identificación de plantas perennes. Blume. 
  • Schauenberg, Paul; Paris, Ferdinand (1980). Guía de las plantas medicinales. Omega. 
  • Sullivan, Karen; Norman, C (1996). Guía familiar de remedios caseros naturales. Susaeta. 
  • Volák, Jan (1997). Plantas medicinales. Susaeta.