Igrexas católicas orientais

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Uniata»)

O termo Igrexas católicas orientais, tamén coñecidas como uniatas, refírese colectivamente ás 22 igrexas particulares autónomas en comuñón coa Santa Sé que, xunto coa Igrexa Latina, forman a Igrexa Católica universal. Conservan moitas antigas tradicións teolóxicas, litúrxicas e devocionais que, en moitos casos, comparten co resto das igrexas cristiás orientais coas que estiveron unidas no pasado, como a Igrexa Ortodoxa ou as igrexas ortodoxas orientais.

Aínda que comparten tradicións similares con estas igrexas ortodoxas, afástanse delas en temas doutrinais e teolóxicos, polo que non admiten a participación de membros destas outras igrexas nos sacramentos, agás baixo as circunstancias previstas polo dereito canónico.[1] No caso da Igrexa Ortodoxa isto é consecuencia, de xeito principal mais non exclusivo, de diferenzas conceptuais en canto ao papel e á autoridade do Bispo de Roma.

Historicamente, estás igrexas tiñan o seu ámbito de actuación en Europa do Leste, Oriente Medio, o Norte de África e a India. Por mor da emigración, teñen presenza tamén en Europa Occidental, América e Oceanía, onde teñen creado eparquías de xeito paralelo ás dioceses latinas.

Situación canónica[editar | editar a fonte]

Co termo igrexas católicas orientais abránguese a 23 das 24 igrexas particulares autónomas en comuñón co Papa. Pertencen a diferentes tradicións litúrxicas: alexandrina, antioquense, armenia, bizantina e caldea. Canonicamente, cada unha delas é autónoma respecto do resto de igrexas católicas, aínda que comparte con elas o sometemento á autoridade espiritual e xurídica do papa. Así, un fiel maronita, por exemplo, responde ante un bispo maronita, non ante un bispo latino, agás cando sexa determinado o contrario. Porén, se nunha determinada rexión os membros dunha destas igrexas particulares son moi poucos e, xa que logo, non teñen xerarquía propia, o seu coidado espiritual confíase a un bispo doutra igrexa particular. Isto sucede, por exemplo, cos católicos latinos de Eritrea que están a cargo da Igrexa Católica Eritrea, de rito alexandrino.

Teoloxicamente, todas as igrexas particulares poden ser vistas como "Igrexas irmás".[2] Segundo o Concilio Vaticano Segundo, estas igrexas orientais, xunto coa moito máis grande Igrexa Latina, comparten "igual dignidade, de tal xeito que ningunha delas está por diante das demais por razón do seu rito, e disfrutan dos mesmos dereitos e están suxeitas ás mesmas obrigas, incluso no tocante á predicación do Evanxeo por todo o mundo (cf. Mc 16,15), baixo a dirección do Romano Pontífice."[3]

Estas igrexas están representadas ante a Santa Sé e na Curia Romana a través da Congregación para as Igrexas Orientais, formada por un Cardeal Prefecto, 27 cardeais, un arcebispo e catro bispos, desigandos polo papa para un período de 5 anos. Son membros por dereito os Patriarcas e os Arcebispos Maiores das Igrexas Orientais e o Presidente do Pontificio Consello para a Promoción da Unidade dos Cristiáns.[4]

Xerarquía[editar | editar a fonte]

Papel do Papa[editar | editar a fonte]

Segundo o Código dos Canons das Igrexas Orientais, o Papa é a autoridade suprema da Igrexa Católica e pode exercer dita autoridade cando considere axeitado:

Can. 43 - O Bispo da Igrexa de Roma, en quen reside o encargo conferido polo Señor singularmente a Pedro, primeiro dos Apóstolos, e para ser transmitido aos seus sucesores, é a cabeza do colexio episcopal, o Vigairo de Cristo e Pastor da súa Igrexa universal na terra, e por tanto, en virtude do seu cargo, ten o poder supremo, pleno, inmediato e universal ordinario na Igrexa, que sempre pode exercer con liberdade.[5]

Patriarcas e Arcebispos Maiores[editar | editar a fonte]

Os patriarcas e arcebispos maiores católicos reciben os seus títulos das sés de Alexandría (coptos), Antioquía (siríacos, melquitas, maronitas), Babilonia (caldeos), Cilicia (armenios), Kíiv-Galicia (ucraínos), Ernakulam-Angamaly (siro-malabares), Trivandrum (siro-malankaras), e Făgăraş-Alba Iulia (romaneses). As igrexas orientais gobérnanse polo Código dos Canons das Igrexas Orientais.

Dentro de cada unha destas igrexas non hai diferenza entre un patriarca e un arcebispo maior. Porén, existen diferenzas en canto á precedencia e en canto ao acceso ao cargo: os arcebispos maiores elixidos teñen que ser confirmados no seu posto polo Papa antes de tomar posesión,[6] mentres que os patriarcas non precisan confirmación papal, senón que se lles require que pidan ao papa no menor tempo a chamada ecclesiastica communio (comuñón eclesiástica).[7][8]

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

Camposanto católico oriental en Pensilvania, onde moitos católicos orientais se estableceron nos séculos XIX e XX.
Sviatoslav Shevchuk, Arcebispo Maior da Igrexa Greco-Católica Ucraína dende o 25 de marzo de 2011.

A comuñón entre as igrexas cristiás crebouse por diferenzas en materias doutrinais, cando as diferentes partes se acusaban entre si de herexía ou de apartarse da ortodoxia. Noutros casos a comuñón rompeuse por desacordos no tocante á autoridade, e as partes acusáronse de cisma, mais non de herexía. As principais divisións no tocante ás Igrexas orientais foron as seguintes:

Dentro destas Igrexas, fóra da comuñón co Papa, xurdiron grupos que consideraban importante a volta á unidade. A Igrexa Católica aceptounos permitíndolles manter o seu "patrimonio litúrxico, teolóxico, espiritual e disciplinar".[11]

Lista de igrexas[editar | editar a fonte]

Países que teñen a sede de igrexas particulares católicas orientais (vermello: rito bizantino, verde: rito alexandrino, amarelo: outros)

O Annuario Pontificio da Santa Sé da a seguinte lista de Igrexas, coa principal de cada unha e os países onde ten xurisdición eclesiástica. Amósase tamén a data de unión ou de fundación entre parénteses e o número de membros entre corchetes, sendo o seu número total de aproximadamente 16 336 000 fieis.

  1. Tradición alexandrina:
    1. Igrexa católica copta: O Cairo, [163.849], Exipto (1741)
    2. Igrexa católica etíope: Adís Abeba, [208.093], Etiopía, Eritrea (1846)
  2. Tradición antioquense:
    1. Igrexa Católica Maronita: Bkerke, [3 105 278], Líbano, Chipre, Xordania, Israel, Territorios Palestinos, Exipto, Siria, Arxentina, Brasil, Estados Unidos, Australia, Canadá, Francia, México (nunca houbo separación)
    2. Igrexa Católica Siríaca: Beirut, [131.692], Líbano, Iraq, Xordania, Kuvait, Territorios Palestinos, Exipto, Sudán, Siria, Turquía, Estados Unidos, Canadá, Venezuela (1781)
    3. Igrexa Católica Siro-Malankara: Trivandrum, [412.640], India, Estados Unidos (1930)
  3. Tradición armenia:
    1. Igrexa Católica Armenia: Beirut, [375.182], Líbano, Irán, Iraq, Exipto, Siria, Turquía, Xordania, Territorios Palestinos, Ucraína, Francia, Grecia, América Latina, Arxentina, Romanía, Estados Unidos, Canadá, Europa do Leste (1742)
  4. Tradición caldea:
    1. Igrexa Católica Caldea: Bagdad, [418.194], Iraq, Irán, Líbano, Exipto, Siria, Turquía, Estados Unidos (1692)
    2. Igrexa Católica Siro-Malabar: Ernakulam, [3 902 089], India, Oriente Medio, Europa, América
  5. Tradición bizantina:
    1. Igrexa Católica Albanesa: [3.510], Albania (1628)
    2. Igrexa Católica Bielorrusa: [10.000], Belarús (1596)
    3. Igrexa Greco-católica Búlgara: Sofía, [10.107], Bulgaria (1861)
    4. Igrexa Greco-católica Croata: Križevci, [44.133], Croacia, Serbia e Montenegro (1611)
    5. Igrexa Católica Bizantina Grega: Atenas, [2.325], Grecia, Turquía (1829)
    6. Igrexa Greco-católica Húngara: Nyiregyháza, [290.000], Hungría (1646)
    7. Igrexa Católica Italo-albanesa: [63.240], Italia (nunca houbo separación)
    8. Igrexa Católica Macedonia: Skopje, [11.491], Macedonia do Norte (2008)
    9. Igrexa Greco-católica Melquita: Damasco, [1 346 635], Siria, Líbano, Xordania, Israel, Brasil, Estados Unidos, Canadá, México, Iraq, Exipto e Sudán, Kuvait, Australia, Venezuela, Arxentina (1726)
    10. Igrexa Católica Romanesa: Blaj, [776.529], Romanía, Estados Unidos (1697)
    11. Igrexa Católica Rusa: Rusia, China (1905)
    12. Igrexa Católica Rutena: Uzhhorod, Pittsburgh, [594.465], Estados Unidos, Ucraína, República Checa (1646)
    13. Igrexa Católica Eslovaca: Prešov, [243.335], Eslovaquia, Canadá (1646)
    14. Igrexa Católica Ucraína: Kíiv, [4 223 425], Ucraína, Polonia, Estados Unidos, Canadá, Gran Bretaña, Australia, Alemaña e Escandinavia, Francia, Brasil, Arxentina (1595)

Nota 1: Os católicos xeorxianos de rito bizantino, segundo o canon 27 do CCEO, non constitúen unha igrexa particular, e a maioría deles en Xeorxia empregan a liturxia armenia.

Notas e referencias[editar | editar a fonte]

  1. "Item ministri catholici licite sacramenta paenitentiae, Eucharistiae et unctionis infirmorum ministrant christifidelibus Ecclesiarum orientalium, quae plenam communionem cum Ecclesia catholica non habent, si sua sponte id petunt et rite sunt dipositi; quod etiam valet circa christifideles aliarum Ecclesiarum, quae iudicio Sedis Apostolicae, ad sacramenta quod attinet, in pari condicione ac praedictae Ecclesiae orientales versantur." (Código dos Canons das Igrexas Orientais, canon 671 §3 (en latín), cf.Código de Dereito Canónico, canon 844 §3) (en castelán).
  2. Note on the Expression 'sister Churches'", Section 11., Congregación para a Doutrina da Fe, (en inglés)
  3. Decreto sobre as Igrexas Orientais, Sección 3, (en castelán).
  4. Perfil da Congregación, (en inglés).
  5. "Can. 43 - Ecclesiae Romanae Episcopus, in quo permanet munus a Domino singulariter Petro, primo Apostolorum, concessum et successoribus eius transmittendum, Collegii Episcoporum est caput, Vicarius Christi atque universae Ecclesiae his in terris Pastor, qui ideo vi muneris sui suprema, plena, immediata et universali in Ecclesia gaudet potestate ordinaria, quam semper libere exercere potest.", Código dos Canons das Igrexas Orientais, (en latín)
  6. CCEO, Can. 153
  7. CCEO, Can. 76
  8. Exemplo de petición da comuñón eclesiástica: intercambio de cartas entre Bieito XVI e Antonio Naguib, (en inglés).
  9. Theodore Balsamon on the Powers of the Patriarch of Constantinople Arquivado 25 de setembro de 2014 en Wayback Machine., Fordham.edu, (en inglés).
  10. The Great Schism: The Estrangement of Eastern and Western Christendom, Orthodoxinfo.com, (en inglés).
  11. "Patrimonium liturgicum, theologicum, spirituale et disciplinare", Canon 28 §1 do CCEO, (en latín).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]