O Código dos Canons das Igrexas Orientais (en latín: Codex Canonum Ecclesiarum Orientalium, abreviado como CCEO nos documentos eclesiásticas) é o conxunto organizado de leis e normas que rexen para as Igrexas católicas orientais. Foi promulgado polo papa Xoán Paulo II o 18 de outubro de 1990, con aplicación dende o 1 de outubro de 1991.
Ao mesmo tempo que notábase a necesidade dunha colección da lexislación eclesiástica na Igrexa Latina, comezouse tamén a ver a necesidade dun traballo similar para a lexislación vencellada á liturxia e disciplina nas igrexas orientais. O patriarcamelquita, Gregorio II Yusif solicitou, con motivo da celebración do Concilio Vaticano I, unha revisión do dereito en vigor para esas igrexas, pero non foi posible facer isto pola oposición existente á realización dun código separado daquel da Igrexa Latina. Entón as diferentes igrexas orientais comezaron a organizar as súas propias coleccións: a Igrexa Greco-Católica Romanesa (dende 1872 a 1900), a Igrexa Católica Siria (1888), a Igrexa Católica Bizantina Rutena (1891), a Igrexa Católica Copta (1898) e a Igrexa Católica Armenia (1911).
Dende 1926, logo do pulo dado anteriormente por Bieito XV coa creación da Congregación para as Igrexas Orientais, retomouse a idea e se solicitou ao papa Pío XI a súa realización. El, en 1929, formou un consello para a elaboración de dito código. O mesmo ano o consello foi elevado a "comisión cardinalicia", a Commissio cardinalitia pro studiis praeparatoriis Codificationis Orientalis cun grupo de expertos e consultores. En 1935 mudou o seu nome polo de Pontificia Commissio ad Redigendum Codicem Iuris Canonici Orientalis. Pío XI quen opúxose con firmeza á idea de unificar as normas legais e deixar só a parte litúrxica distinta nas Igrexas orientais, malia desexar os membros da comisión empregar como base o Código de Dereito Canónico de 1917.
A finais da segunda guerra mundial a comisión completara un esquema con 2.666 canons, dos que 1.590 foron promulgados até 1957. Porén, a celebración do Concilio Vaticano II paralizou os traballos. O problema de manter un só código para toda a Igrexa Católica xurdiu novamente e durou até 1972, cando o papa Paulo VI formou unha nova comisión, a Pontificia Commissio C.I.C. Orientali recognoscendo. Esta comisión foi elaborando as diversas partes do código, someténdoas á revisión das mesmas igrexas e das universidades pontificias. Os traballos prolongáronse até 1988, cando a comisión entregou o texto que consideraba definitivo ao papa Xoán Paulo II, quen o aprobou e promulgou en 1990.