Congregación para a Doutrina da Fe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Congregación para a Doutrina da Fe (en latín: Congregatio pro Doctrina Fidei, C.D.F.) é a máis antiga das congregacións da Curia Romana. Foi fundada co propósito de defender á Igrexa das herexías, e hoxe é o organismo responsable de promulgar e defender a doutrina católica. Antigamente era coñecida co nome de Suprema Sagrada Congregación da Inquisición Romana e Universal, e a partir de 1904, co de Suprema Sagrada Congregación do Santo Oficio.

Foi fundada polo papa Paulo III en 1542. A súa sé atópase no Palacio do Santo Oficio, fora da Cidade do Vaticano. A congregación está composta por varios membros que inclúen cardeais, bispos, presbíteros, teólogos laicos e canonistas. O actual prefecto é o cardeal Gerhard Ludwig Müller.