Ratiño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Tricholoma terreum»)
Ratiño
Clasificación científica
Reino: Fungi
División: Basidiomycota
Clase: Agaricomycetes
Orde: Agaricales
Familia: Tricholomataceae
Xénero: Tricholoma
Especie: T. terreum
Nome binomial
Tricholoma terreum
(Schaeff.) P. Kumm. 1871
Sinonimia
  • Agaricus myomyces Pers. 1794 (tb. subsp. myomyces e var. myomyces)
  • Agaricus pullus Batsch 1783
  • Agaricus terreus Schaeff. 1762
  • Agaricus terreus Schaeff. 1762 var. terreus
  • Gymnopus myomyces (Pers.) Gray 1821
  • Tricholoma bisporigerum J.E. Lange 1933
  • Tricholoma myomyces (Pers.) J.E. Lange 1933
  • Tricholoma myomyces f. bisporigerum (J.E. Lange) Bon 1975
  • Tricholoma myomyces (Pers.) J.E. Lange 1933 (tb. f. myomyces e var. myomyces)

O ratiño[1] (Tricholoma terreum), é un cogomelo comestíbel co chapeu cónico cando é novo e plano convexo na madureza, de cor agrisada, máis clara cara á marxe, pé cilíndrico, branco ou con tonalidades agrisadas e sabor doce.[2] Pertence ao xénero Tricholoma.[3] Tricholoma myomyces é un sinónimo da especie.

Orixinalmente, describiuse como Agaricus terreus en 1762 por parte de Jacob Christian Schäffer e, dous anos despois, como Agaricus myomyces por Christian Hendrik Persoon. O seu nome actual débese a Paul Kummer, que o circunscribiu ao xénero en 1871.

Trátase dun fungo cun corpo de frutificación en forma de cogomelo de cor cinsenta, con escamas agrisadas tamén. O estipe carece de anel ou volva. O himenio é laminado e de cor clara, as lamas dispóñense de xeito libre. As esporas son ovais, de 6–7 μm de lonxitude e 3,5-4,4 μm de largura.[4][5]

Considérase un bo comestíbel, aínda que a súa semellanza con especies tóxicas recomendan moita precaución na súa colla e identificación.[5][6]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

O ratiño atópase en Europa. Os cogomelos abrollan baixo as coníferas, particularmente en piñeirais e formacións de piceas dende finais do verán até finais do outono. Poden tamén aparecer en parques, preto dese tipo de árbores, medrando en grupos bastante densos que forman aneis. Foi introducido en Australia, onde aparece baixo plantacións exóticas de piñeiro insigne (Pinus radiata).[7][8]

Gastronomía[editar | editar a fonte]

Posúe un sabor lene, polo que se considera unha boa especie de cogomelo comestíbel. Adóitase atopar nas feiras das vilas de Francia xunto con funís anubrados (Clitocybe nebularis) e mais cos tortullos (Tricholoma portentosum). Porén, as autoridades recomendan que os afeccionados á micoloxía eviten todas as especies de Tricholoma de cores agrisadas xa que son moi semellantes e algunhas son velenosas.[6] Ensaios químicos recentes amosan que esta especie pode conter toxinas que poderían causar rabdomiólise (creba ou lise rápida de músculo esquelético (rabdomio) debido á lesión no tecido muscular).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome vulgar galego en Dicionario de alimentación e restauración (VVAA, 2012), Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  2. Definición en Dicionario de alimentación e restauración (VVAA, 2012), Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  3. "Tricholoma terreum". Index Fungorum (en inglés). CAB International, CBS e Landcare Research New Zealand Limited. 
  4. Mushrooms. Pan MacMillan. 1947. ISBN 0-330-44237-6. 
  5. 5,0 5,1 The Great Encyclopedia of Mushrooms. Könemann. 2005. ISBN 3-8331-1239-5. 
  6. 6,0 6,1 Zeitlmayr, Linus (1976). Garden City Press, Hertfordshire, ed. Wild Mushrooms: An Illustrated Handbook. pp. 72–73. ISBN 0-584-10324-7. 
  7. Grey, Ed e Pat (2006). Royal Botanic Gardens Melbourne, ed. "FNCV FUNGI GROUP FORAY: LERDEGERG RIVER WALK, JACK CANN RESERVE, BLACKWOOD, 2 xullo 2006" (PDF). Royal Botanic Gardens Melbourne website- fungimap section. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de agosto de 2008. Consultado o 2009-02-21. 
  8. Keane, Philip J.; Kile GA; Podger FD (2000). CSIRO Publishing, ed. Diseases and Pathogens of Eucalypts. Canberra. pp. 84. ISBN 0-643-06523-7.