Saltar ao contido

Tipoloxía areal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As linguas faladas ó sur do Sáhara son diversas, como é a xente que vive nesta parte do mundo. Non foi ata 1963 en que Joseph Greenberg propuxo que estas linguas podían agruparse en tres familias. Inda que a clasificación inicialmente atopou unha crítica vehemente, hoxe en día case tódolos lingüistas están de acordo con ela.

Os bosquimáns de Suráfrica e os seus curmáns pastores Khoi-khoi falan o que se denominou linguas khoisán. Estas son as únicas linguas do mundo que se apoian fortemente nunha ampla variedade de sons de complicados chasquidos (clicks). Pódense facer polo menos cinco tipos de chasquidos con distintas partes da lingua, a gorxa ou a boca. Estes chasquidos poden realizarse con ton ascendente ou descendente, e aspirantes ou expirantes. Isto provoca que as linguas khoisan sexan incriblemente difíciles de aprender trala infancia. Polo mesmo motivo, escoitar a un falante de lingua khoisán é unha experiencia única xa que os sons son moi diferentes dos de calquera outra lingua.

Algúns lingüistas especularon con que estes chasquidos indican que as linguas khoisán son as máis antigas do mundo, onde os chasquidos se terían perdido nas linguas que se espallaron polo resto do mundo. Esta teoría correspóndese ben cos antigos haplotipos de Y e de mitocondrias atopados en moitos bosquimáns, pero outra posibilidade é que os chasquidos se introduciron entre os bosquimáns despois de diverxiren procedentes de linguas anteriores e que nunca se tivesen espallado máis amplamente.

As linguas khoisán teñen unha anomalía importante. En Tanzania, a máis dun milleiro de quilómetros dos bosquimáns e dos khoi-khoi, viven dous pequenos grupos de xente (os hadza e os sandawe) que falan linguas que tamén teñen moitos chasquidos. Os antropólogos aínda non saben se estes grupos descenden de surafricanos que emigraron a África oriental ou se representan os restos dos falantes khoisán que noutrora viviron en África do sur e do leste.

A maioría da poboación de do sur, oeste e centro de África falan linguas que pertencen á familia nixercordofana. A inmensa maioría de linguas desta familia pertencen á subfamilia bantú, que comezou a espallarse dende a actual Nixeria hai dous mil cincocentos anos aproximadamente.

As linguas que pertencen á terceira maior familia da África subsahariana, a nilosahariana, fálanse en áreas inconexas ós norte e leste das linguas nixercordofanas. Algúns lingüistas suxeriron que as familias nilosahariana e nixercordofana teñen similitudes dabondo como para xuntarse nunha soa familia, un grupo que uniría a maioría das linguas que falan os africanos subsaharianos.

Oriente Medio

[editar | editar a fonte]

A maioría da poboación do Medio Oriente e do norte de África falan linguas que pertencen á familia afro-asiática. Esta familia consiste en seis subfamilias: a máis grande é a póla semítica, que inclúe o árabe, o hebreo e o arameo (respectivamente, as linguas do Islam, do Vello Testamento e do Novo Testamento).

Como no caso das linguas indoeuropeas, as linguas afroasiáticas semellan descender dunha única lingua orixinalmente falada nunha pequena rexión, pero o protoafroasiático aparenta ser máis vello que o protoindoeuropeo. Este claramente falábase trala invención da agricultura, como testemuñan as súas moitas verbas para plantas cultivadas e animais domesticados na linguaxe reconstruída. O protoafroasiático semella preceder á invención da agricultura. Ninguén o coñece con seguridade, pero quizais a falaban os primeiros homes que estableceron asentamentos estables (os natufios) e, cando se espallou o seu xeito de vida, tamén o fixo a súa lingua.

Asia e Australia

[editar | editar a fonte]

Os continuos movementos e mesturas de poboacións por toda Asia produciu unha distribución de linguas extremamente complexa. Algúns dos debates máis encarnizados sobre as familias lingüísticas céntranse en Asia.

Probablemente as linguas máis vellas da rexión sexan as de Australia e Nova Guinea. Cando os europeos chegaron a Australia en 1788 falábanse case 260 linguas aborixes australianas por parte dos habitantes do continente. Máis de 160 destas linguas están agora extintas, e só 20 se falan por un número considerable de persoas. Aínda máis linguas (categorizadas burdamente coma indopacíficas) se falaban en Nova Guinea. Mesmo hoxe en día que varios millóns de persoas viven no interior da illa (que é un chisco máis grande que Texas), falan case 700 linguas. A maioría delas descenden das linguas faladas polos colonizadores iniciais de Nova Guinea, inda que moitas son tan diferentes que algúns lingüistas se preguntan mesmo se están relacionadas entre si.

No sur da India a maioría da xente fala linguas que pertencen á familia dravídica, e tamén podería pertencer a esta familia a lingua falada polos antigos elamitas, que construíron un poderoso estado no sur de Irán contra o terceiro milenio antes de Cristo. Unha posibilidade é que as linguas dravídicas se espallasen entre Medio Oriente e o sur da India, quizais coma resultado dunha expansión cara ó leste dos granxeiros do Oriente Medio. De acordo con esta hipótese, estas linguas dravídicas foron substituídas despois en Irán e norte da India coa expansión das linguas indoeuropeas.

As familias lingüísticas do continente e as illas do sueste asiático son as máis intricadas do planeta.

  • As linguas austroasiáticas, que inclúen ó vietnamita e o camboxano, espalláronse polo sueste asiático.
  • As linguas thai fálanse amplamente en Tailandia e Laos, con proxeccións cara a China e Mianmar.
  • As linguas austronésicas fálanse en máis da metade do mundo, dende Madagascar ata Taiwán e dende as Illas de Pascua ata Hawai, debido ás expansión dos granxeiros polo sueste asiático nos últimos milleiros de anos.

Algúns lingüistas pensan que estas tres familias lingüísticas formarían parte dun grupo chamado aústrico. Se fose así, o protoaústrico podería ter sido unha das primeiras linguas faladas en Asia, xa que os primeiros humanos que chegaron a Australia e Nova Zelandia o fixeron dende o norte. Porén, en xeral as linguas do sueste asiático aínda non recibiron estudo académico de abondo coma para apoiar ou rexeitar esta hipótese.

Máis ó norte, a maioría da poboación da China fala linguas pertencentes á familia sinotibetana. Hai oito grandes dialectos chineses, inda que algúns lingüistas afirman que deberían chamarse linguas xa que non son mutuamente intercomprensibles. Por exemplo, os residentes en Xangai falan nun dialecto que non poden entender os de Beixing, inda que a maioría da xente de Xangai fala amén mandarín, a lingua oficial da China. Porén, a escrita nos distintos dialectos é a mesma, debido a que está baseada en ideogramas e non nun alfabeto. Xa que logo, a xente que fala en dialectos distintos pode ler o mesmo xornal, pero se o lesen en voz alta, a pronuncia resultaría diferente.

No norte de Asia, as linguas máis comúns son as da familia altaica, que inclúe ó turco e o mongol. As linguas turcas está moi esparexidas, falándose dende Turquía ata Asia nororiental, e tamén teñen unha similitude importante, posiblemente debido a que as poboacións nómades que espallaron estas linguas mantiveron unha densa rede de conexións lingüísticas por toda Asia. Outra familia importante, coñecida coma urálica, esténdese polo norte de Asia e Europa: por exemplo, o finés é unha lingua urálica e non indoeuropea.

A clasificación axeitada de xaponés, coreano e as linguas faladas polos Ainu no norte do Xapón aínda é polémica. Algúns lingüistas agrúpanas cas linguas da familia altaica, inda que cunha forte influencia do chinés. Outros din que pertencen a unha categoría propia. Xa que se defende un posicionamento máis converxente ca diverxente, colocaranse na familia altaica.

A familia de linguas paleosiberianas é un valioso recordatorio das complexidads da clasificación lingüística: o agrupamento consiste en vairas linguas con relación pouco obvias entre elas e que se falan por varios milleiros de persoas esparexidas por todo o nordeste de Siberia. A descrición destas linguas coma unha familia é só un produto da tradición e da conveniencia: na súa singularidade, as linguas paleosiberianas lembran a algunhas outras pequenas illadas distribuídas por todo o mundo, coma o buruxaski, unha lingua sen relacións coñecidas falada por máis de 20.000 persoas en Caxemira, India e Paquistán.

A maioría das linguas de Europa son indoeuropeas, cunha parella de intrigantes excepcións. Unha destas excepcións é o éuscaro, que se fala nas rexións montañosas da fronteira francoespañola por case un millón de persoas e semella ser un resto das linguas faladas na Europa da Idade de Pedra. O perfil xenético dos euskaldúns tamén é diferente do dos europeos. O que semella ser máis probable é que a xente que espallou as linguas indoeuropeas evitou as montañosas terras euskaldúns, debido a que eran demasiado difíciles de cultivar ou de conquistar. Inda que os euskaldúns están mesturados co resto dos europeos, poderían ser os descendentes máis directos dos homes modernos de Europa orixinarios.

Algunhas outras linguas non indoeuropeas sobreviviron ata a Idade da Escrita en Europa e entón extinguíronse. Por exemplo, o etrusco (unha lingua falada amplamente en Italia antes do xurdimento de Roma) deixou vestixios que aínda non se descifraron completamente. En contraste, o húngaro é unha lingua urálica introducida en Europa cando os maxiares nómades invadiron Hungría dende Rusia no século IX antes de Cristo. Unhas outras cantas linguas non indoeuropeas faladas en Europa central e occidental datan de invasións e conquistas similares.

Outra área rica para as linguas en Europa (realmente a intersección entre Europa, o Medio Oriente e Asia) son as montañas do Cáucaso. Nunha estreita franxa entre o Mar Negro e o Mar Caspio, a xente fala unha sorprendente variedade de linguas. Ademais das linguas indoeuropeas, túrcicas e semíticas que se introduciron na rexión nos últimos milleiros de anos, fálanse case corenta linguas que pertencen á antiga familia coñecida coma caucásica.

Joseph Greenberg defendeu durante varias décadas que tódalas linguas faladas polos indíxenas americanos podian clasificarse en tres amplas familias, unha agrupación que aínda non conta con aceptación maioritaria.

  • Segundo Greenberg, a familia máis recente encadra ás linguas inuitaleutianas faladas pola xente máis ó norte;
  • A segunda familia máis vella consiste nas linguas Ná-Dené faladas sobre todo no noroeste de Norteamérica, inda que o navakho e os apache (no suroeste norteamericano) tamén sexan Ná-Dené.
  • A agrupación de linguas americanas maior, máis vella e máis polémica é a que Greenberg denominou amerindia. Inclúe tódalas outras linguas faladas polos indíxenas de América do sur e do norte, dende as linguas algonquinas do norte ata as linguas andinas de Tierra del Fuego.

Exemplo de estudo tipolóxico

[editar | editar a fonte]

Se comparamos os sistemas numerais do fiyiano, tongano, samoano e tahitiano, linguas da familia austronésica (Pacífico) vemos que os número un a nove se corresponden:

fiyiano tongano samoano tahitiano
1 dua taha tasi tahi
2 rua ua lua piti
3 tolu tolu tolu toru
4 va fa maha
5 lima nima lima pae
6 ono ono ono ono
7 vitu fitu fitu hitu
8 walu valu valu va’u
9 ciwa hiva iva iva

Así a todo, no 10, achamos unha anomalía

fiyiano tongano samoano tahitiano
10 tini hongofulu sefulu hö’e ahuru

É obvio que o “tini “ do fiyiano non ten ningunha correspondencia. Ë máis obvio aínda que é un préstamo do inglés “ten “. Ademais, se nos fixamos nas correspondencias veremos que “tolu “ (3) en fiyiano, tongano e samoano se corresponde con toru en tahitiano. Isto implica que o /l/ intervocálico nas tres primeiras linguas se corresponde a /r/ intervocálico en tahitiano.

Poderiamos deixar aquí a viaxe polo mapa lingüístico, pero trasladémonos a un lugar algo afastado, variando a latitude uns 130o. En Madagascar, fálase o malgaxe. O seu sistema numeral é o seguinte:

1 irai/isa
2 roa
3 telo
4 efatra
5 dimy
6 enina
7 fito
8 valo
9 sivy
10 folo

A coincidencia coas linguas anteriores non pode ser casualidade. Estas linguas teñen que ter unha orixe común e, de feito, este parentesco está fóra de dúbidas: hai máis de 5000 anos o protoaustronésico empezou a diferenciarse e xurdiron as linguas citadas.