Este é un artigo bo da Galipedia

Tā moko

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Tamati Waka Nene, por Gottfried Lindauer

Tā moko é un debuxo permanente no corpo e na face dos maorís, o pobo indíxena de Nova Zelandia. É diferente da tatuaxe tradicional, xa que se corta a pel cun uhi [1] (cicel) no canto de perforarse. Isto deixa a pel cunha fenda en lugar dunha superficie lisa.[Nota 1]

O capitán James Cook escribiu en 1769:

As marcas son en xeral espirais debuxadas con gran sutileza e mesmo elegancia. Un lado correspóndese co outro. As marcas no corpo semellan follaxe que forma ornamentos, xiros de filigranas traballadas, pero nelas hai tal diversidade de formas que, aínda que ao comezo parecía que había unhas exactamente iguais, o certo é que non hai dúas iguais despois de facer un exame minucioso.[3][4]

Os tohunga-tā-moko (ou tatuadores)[Nota 2] considéranse tapu ou, excepcionalmente, inviolábeis e sagrados.[5]

A utilización tradicional destas marcas tiña un significado, por exemplo: a folla do fento de dobre cara adoita indicar que quen leva a marca é un guerreiro.[6]

Historia[editar | editar a fonte]

A lenda de Mataora e Niwareka[editar | editar a fonte]

Xefe maorí, 1784

Unha explicación menos histórica da orixe da tatuaxe maorí pódese atopar nunha lenda local que suxire que o tā moko provén do mundo subterráneo. A lenda di que había un guerreiro chamado Mataora (que significa "cara da vitalidade"), que namorou da princesa Niwareka, do clan Turehu (espíritos) que vivía no mundo subterráneo, o mundo dos espíritos chamado Rarohenga.

Un día, Niwareka subiu ao mundo da superficie (en maorí Te Ao Tūroa, mundo natural) cun grupo de baile e coñeceu a Mataora. Este ficou abraiado por Niwareka e quíxoa como esposa. Casaron e viviron xuntos durante un tempo. Un día, Mataroa púxose celoso e, enfadado, golpeou a súa dona. Niwareka fuxiu inmediatamente para unirse co seu pai, Uetonga, en Rarohenga. Consumido pola culpa e a dor, Mataora cubriu a cara cunha pintura e foi na procura da súa muller no mundo subterráneo para intentar gañar o seu perdón. A súa viaxe foi longa a chea de dificultades e atrancos. Ao chegar, Mataora foi ver a Uetonga, o pai de Niwareka, que estaba tatuando unha persoa. Descubriu que a tatuaxe se facía mediante cortes na pel, e que non era un simple marcado nesta. Uetonga díxolle que era a súa forma de tatuaxe no mundo subterráneo e estendeu a súa man para limpar todos os deseños da face de Mataora para demostrarlle a inutilidade dunha tatuaxe temporal. Todos comezaron a rir ao ver os debuxos esborranchados. Mataora dixo, "arruinaches a miña tatuaxe, agora debes facerma de novo correctamente". A dor do proceso era case insoportábel e, como consecuencia, Mataora comezou a cantarlle a Niwareka, que se compadeceu del polo seu sufrimento e recibiuno con bágoas. Cando curou o seu tā moko, Mataora preguntoulle a Niwareka se quería volver con el á superficie. Prometeulle a Uetonga que non volvería mancar á súa filla, como o tā moko que agora levaba e que non se borraba. Ela aceptou e, antes de volver á superficie, o pai de Niwareka, o rei do mundo subterráneo, ensinoulle a arte do tā moko a Mataora como agasallo de despedida. Mataora levou estas habilidades ao seu pobo e así foi como os maorís chegaron a ter o seu propio tipo de tatuaxe.[2][7][8]

Dise que Mataora desenvolveu o tā moko en Po-ririta, un whare-tuahi (casa de ensino de artes). O seu primeiro intento de facer un tā moko foi a un home chamado Tū-tangata, pero non tivo éxito e o tatuado pasou a ser coñecido como Tū-tangata-kino (Tū-tangata o feo). Non obstante, Mataora perseverou e pola súa obra chegou a estenderse a súa fama. Os deseños que aplicaba son os que lle fixeran en Rarohenga. Estes inclúen a pōngiangia (deseño nas fosas nasais), pīhere (na boca), ngū (no nariz) e tīwhana (nas cellas). Outros deseños de tā moko tamén se desenvolveron a través do whakairo (talla en madeira).[2]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Retrato dunha moza maorí con tā moko, por Louis John Steele

A arte da tatuaxe é común no leste da Polinesia, na terra natal dos maorís, e os instrumentos e métodos utilizados son semellantes aos utilizados noutras partes de Polinesia.[9]

Na cultura maorí pre-europea (período clásico), a maioría das persoas de alto rango, recibían o tā moko, e as que non, eran vistas como persoas de condición social máis baixa. A recepción do tā moko constituía un fito importante entre a infancia e a idade adulta, e acompañábase con moitos ritos e rituais.

Ademais de sinalar o status social e o rango, outra razón para a práctica da tatuaxe durante o período clásico era facer que unha persoa fose máis atractiva para o sexo oposto. En xeral, os homes facían tatuaxes no seu rostro, nas nádegas (raperape) e nas coxas (puhoro). As mulleres adoitaban tatuarse os beizos (kauwae) e o queixo. Coñécense outras partes do corpo que tiñan tatuaxes, como a testa, as nádegas, as coxas, o pescozo e as costas das mulleres, así como o ventre e a barriga da perna dos homes.

Os cambios[editar | editar a fonte]

A práctica dos pākehā (non-maorí ou neozelandés descendente de europeos) da recollida e o comercio de mokomokai (cabezas tatuadas) cambiou a dinámica do tā moko dende comezos do período colonial. Michael King fala dos cambios que se desenvolveron a finais do século XIX, cando as agullas substituíron os uhi (ciceis) como ferramentas principais. Este era un método máis rápido, menos propenso a posíbeis riscos para a saúde e suavizaba a dor producida pola realización do tā moko.

O tā moko en homes cesou arredor da década de 1860, en liña co cambio da moda e a aceptación por parte dos pākehā. As mulleres seguiron recibindo o tā moko a principios do século XX; [10] Michael King entrevistou a principios de 1970 a máis de 70 mulleres de idade avanzada que recibiran o tā moko.[11] Tradicionalmente, as mulleres só se tatuaban os beizos,[12] arredor do queixo e ás veces as fosas nasais.[13]

O tā moko na actualidade[editar | editar a fonte]

Dende 1990 houbo un rexurdimento na práctica do tā moko tanto en homes como en mulleres, como un signo de identidade cultural e un reflexo da reactivación da lingua e a cultura maorí. A maioría dos tā moko aplicados actualmente realízanse cunha máquina de tatuar, pero tamén houbo un renacer do uso do uhi (cicel).[14] As mulleres tamén se involucraron moito como profesionais, como Christine Harvey nas illas Chatham, Henriata Nicolau en Rotorua e Julie Kipa en Whakatane.

No ano 2000 estableceuse o The Uhi a Mataora, "para preservar, mellorar e desenvolver o tā moko como unha arte viva".[15] En 2019, Oriini Kaipara foi a primeira muller maorí en presentar o telexornal cun moko kauae tā moko,[16][17] e en 2021 converteuse na primeira muller en facelo presentando a edición de telexornal máis importante de Nova Zelandia.[18]

Instrumentos utilizados[editar | editar a fonte]

Unha colección de kōrere (funís de alimentación). Te Papa, Museo de Wellington (Nova Zelandia)

A contorna de Nova Zelandia, coas súas variedades de árbores descoñecidas noutras partes de Polinesia, influíron sen dúbida na aparición de novos deseños e novas tecnoloxías no tā moko.

Orixinalmente, os tohunga-tā-moko (os tatuadores de tā moko) utilizaban un uhi (cicel) feito de óso de albatros, que se golpeaba cun mazo.[19]

Os pigmentos fabricábanse a partir do fungo Ophiocordyceps sinensis para a cor do corpo, e ngarehu (madeira queimada) para escurecer a cara. A feluxe de kauri grum queimado tamén se mestura con graxa para facer pigmentos.[20] A introdución de armas de fogo polos europeos permitiu aos maorís utilizar a pólvora para facer pigmentos, e isto deulle unha tintura azul á pel tatuada. Co tempo, chegou a estar dispoñíbel a tinta chinesa, e algúns tohunga-tā-moko combinaron esta tinta con materiais tradicionais.[2] Os pigmentos almacenábanse en recipientes adornados chamados oko, que adoitaban soterrarse cando non se utilizaban. Un oko pasábase de xeración en xeración.

Utilizábase o kōrere (funil) para alimentar os homes que tiñan a boca inflamada por recibir o tā moko.[21]

Os homes eran predominantemente os especialistas do tā moko, aínda que Michael King rexistrou un número de mulleres que durante o século XX tamén o practicaban.

Zonas do tā moko[editar | editar a fonte]

Zonas do tā moko

Nomenclatura das zonas do tā moko:[22]

  • 1. Titi
  • 2. Tiwahana
  • 3. Pukaru
  • 3a. Kape
  • 4. Rewha
  • 5. Kohiti
  • 6. Ngu
  • 7. Whakatara
  • 8. Pongiangia
  • 9. Hupe
  • 10. Kauae (Kauwae)
  • 11. Kumikumi
  • 12. Kowhiri (Kowiri)
  • 13. Paepae
  • 14. Putarinqa
  • 15. Korowaha (Koroaha)
  • 16. Rerepehi
  • 17. Wero
  • 18. Kokiri
  • 19. Waiora

Uso entre non maorís[editar | editar a fonte]

A partir de Moehanga en 1805,[Nota 3][24] e posteriormente con Hongi Hika e Te Pehi Kupe,[25] e seguido por varios pākehā maorís como Barnet Burns, os europeos comezaron a coñecer o tā moko, pero non foi até relativamente pouco tempo que a técnica tivo impacto global.

Porén, nos últimos anos, o uso de deseños maorís por Robbie Williams e Ben Harper, e en 2007 polo deseñador de moda Jean-Paul Gaultier nun desfile de moda, creou polémica.[26][27][28] Os maorís non o toman á lixeira porque consideran sagrado o tā moko, e esta é a razón pola que a apropiación indebida polos non maorís é vista como unha ofensa grave.[29][30] Para conciliar a demanda dos deseños maorís dun xeito culturalmente sensíbel, o grupo Te Uhi a Mataora promove o uso do termo kirituhi, que actualmente gañou unha ampla acceptación:[31][32][33]

... "kirituhi" tradúcese literalmente como "pel debuxada". A diferenza do "tā moko", que require un proceso de consentimento, a xenealoxía e a información histórica, o "kirituhi" non é máis que un deseño cun sabor maorí que se pode aplicar en calquera lugar e por calquera motivo[34]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A tatuaxe é común nas illas do Pacífico. Non obstante, as técnicas practicadas polos maorís difiren significativamente das usadas polos seus homólogos da Polinesia. Os tatau (Tahití e Samoa), tatatau (Illas Cook) e kakau (Hawai) perforan a pel, deixando o pigmento por debaixo da superficie. Os maorís desenvolveron unha técnica con ciceis para cortar a pel profundamente, producindo cicatrices. Esta ténica é aplicábel só á sociedade maorí. Os motivos espirais distintivos na tatuaxe maorí tamén difiren dos outros deseños polinesios.[2]
  2. En maorí, a palabra tohunga significa "experto", e hai diversos termos que se utilizan para diferentes disciplinas como tohunga-whakairo (experto en esculpir) ou tohunga-rongoa (experto na curación con plantas medicinais).
  3. Te Mahanga (Moehanga) foi o primeiro maorí coñecido que visitou Inglaterra. En Londres, reuniuse co rei Xurxo III e a raíña Carlota [23]

Referencias[editar | editar a fonte]

  1. "Fig. 46.—Uhi, or chisels in the British Museum (actual size). Presented by Sir George Grey, K. C. B., &c". Consultado o 17 de outubro de 2016. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Story: Tā moko – Māori tattooing (en inglés)
  3. Major-General Robley (1896). "Moko and Mokamokai — Chapter I — How Moko First Became Knows to Europeans". Moko; or Maori Tattooing. Chapman and Hall Limited. p. 5. Consultado o 17 de outubro de 2016. 
  4. vanishingtattoo.com (ed.). "Tattoo History Museum". Consultado o 17 de outubro de 2016. 
  5. "The Māori - The Tattoo (Ta Moko)". 
  6. Awekotuku, Ngahuia Te (21 de setembro de 2012). "The rise of the Maori tribal tattoo". BBC Magazine. Consultado o 21 de xaneiro de 2017. 
  7. The Maori tattoo legend. The legend of Mataora Arquivado 2016-04-02 en Wayback Machine., en Zealandtattoo (en inglés)
  8. The Story of Niwareka and Mataora en Te Ao Hou THE MAORI MAGAZINE, (marzo de 1965) (en inglés)
  9. Buck 1974, p. 296.
  10. "A Relic Of Barbarism", Wanganui Herald, 1904
  11. "Moko" by Michael King, July 1973, Te Ao Hou THE MAORI MAGAZINE
  12. "Is Permanent Makeup Worth It?". Pinky Cloud. Consultado o 17 de outubro de 2016. 
  13. "History of Tattoos". Consultado o 17 de outubro de 2016. 
  14. "Revival of Moko", 29 de decembro de 2007, nzherald.co.nz
  15. "Museum of New Zealand: Te Uhi A Mataora". Arquivado dende o orixinal o 21 de decembro de 2014. Consultado o 16 de outubro de 2016. 
  16. "Oriini Kaipara first with moko kauae to read major news bulletin". Stuff. 28 de novembro de 2019. Consultado o 23 de maio de 2020. 
  17. "TVNZ's Oriini Kaipara first with moko tattoo to present mainstream news". The New Zealand Herald. 28 de novembro de 2019. Consultado o 23 de maio de 2020. 
  18. Ravindran, Jeevan (31 de decembro de 2021). CNN, ed. "Māori journalist becomes first person with facial markings to present primetime news". 
  19. Best, Eldson (1904). "The Uhi-Maori, or Native Tattooing Instruments". The Journal of the Polynesian Society 13 (3): 166–172. 
  20. "KAURI GUM". Consultado o 17 de outubro de 2016. 
  21. Landcare Research - Manaaki Whenua (ed.). "Korere - Tasman District". Consultado o 17 de outubro de 2016. 
  22. Moko nomenclature, por Horatio Gordon Robley (en inglés)
  23. Salmond 1997.
  24. "...the first Maori who reached England...had a well tattooed face..."
  25. "Fig. 10.—Tattooing on the face of Te Pehi Kupe, drawn by himself". Consultado o 17 de outubro de 2016. 
  26. "Contemporary Manifestations of the traditional Ta Moko" Arquivado 24 de febreiro de 2011 en Wayback Machine., Mia Kassem, NZArtMonthly, 2003
  27. "Cheeky French steal moko". Stuff.co.nz. 13 de setembro de 2007. Consultado o 17 de outubro de 2016. 
  28. "Sharples: Protected Objects Third Reading Speech". Consultado o 17 de outubro de 2016. 
  29. "Moko". Arquivado dende o orixinal o 1 de xuño de 2012. Consultado o 16 de outubro de 2016. 
  30. "Kirituhi - Moko Inspired". 
  31. "Moko 'exploitation' causes concern". The New Zealand Herald. 3 de novembro de 2003. Consultado o 17 de outubro de 2016. 
  32. Ihaka, James (27 de marzo de 2009). "Ta Moko making its mark on Maori". The New Zealand Herald. Consultado o 17 de outubro de 2016. 
  33. "Myth and the moko". Waikato Times. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 17 de outubro de 2016. 
  34. "Ta Moko - A History On Skin", Christchurch Arts Festival 2005

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Hīroa, Te Rangi (1951). The Coming of the Maori. Wellington: Whitcombe & Tombs. 
  • Jahnke, R. and H. T., "The politics of Māori image and design", Pukenga Korero (Raumati, 2003), vol. 7, no. 1, pp. 5–31.
  • King, M., e Friedlander, M., (1992). Moko: Māori Tattooing in the 20th Century. (2ª ed.) Auckland: David Bateman. ISBN 1-86953-088-8
  • Nikora, L. W., Rua, M., e Te Awekotuku, Ng., "Wearing Moko: Māori Facial Marking in Today's World", en Thomas, N., Cole, A., e Douglas, B. (eds.), Tattoo. Bodies, Art and Exchange in the Pacific and the West, Londres: Reacktion Books, pp. 191–204.
  • Robley, Maj-Gen H. G., (1896). Moko, or Maori Tattooing. edición dixital da New Zealand Electronic Text Centre
  • Te Awekotuku, Ngahuia, "Tā Moko: Māori Tattoo", in Goldie, (1997) catálogo de exhibición, Auckland: Auckland City Art Gallery e David Bateman, pp. 108–114.
  • Te Awekotuku, Ngahuia, "More than Skin Deep", en Barkan, E. e Bush, R. (eds.), Claiming the Stone: Naming the Bones: Cultural Property and the Negotiation of National and Ethnic Identity (2002) Os Ánxeles: Getty Press, pp. 243–254.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]