Tinta chinesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
書.svg Esta páxina contén texto en xaponés.
Se o seu navegador non está axeitadamente configurado pode ver caracteres estraños.
Caligrafía chinesa

A tinta chinesa é unha tinta de invención chinesa empregada principalmente na caligrafía chinesa e xaponesa, así como na pintura chinesa e xaponesa sumi-e.

Componse de carbón vexetal ou tisne moi finamente moído, que se apelmaza e compacta con algún tipo de pegamento con base acuosa, como resinas vexetais ou algúns extractos animais. Co carbón moído e o pegamento fórmanse unhas barras pequenas con forma de lingote que se prensan e déixanse secar até alcanzar unha consistencia totalmente sólida. Esta tinta en estado sólido pode durar anos ou séculos sen perder as súas propiedades.

A calidade da tinta depende de moitos factores, como a madeira da que provén o carbón, o proceso de prensado, o pegamento empregado, o tempo que ten, etc. e existen dende barras moi baratas até pezas de coleccionista.

A tinta adoita ser negra, aínda que tamén pode mesturarse con colorantes para conseguir tintas doutras cores.

Para preparar tinta líquida a partir destas barras hai que fregalas nunha pedra rugosa especialmente deseñada para tal efecto chamada en xaponés 硯 (すずり suzuri?) . Estas pedras, de diversas formas e aspectos, teñen todas en común que están compostas dun material rugoso e teñen unha cavidade. Xeralmente, as pedras de orixe chinesa teñen forma cóncava coa parte máis baixa no centro, e as xaponesas adoitan ser maiormente planas cun dos extremos cara abaixo.

Sobre estas pedras vértese un pouco de auga e sobre elas fregase a barra, de xeito que sempre estea húmida. O continuo fregue sobre a pedra coa auga vai desfacendo aos poucos a tinta, que se vai quedando disolta na auga que se acumula na cavidade. Este proceso pode continuarse ata que a tinta adquira a densidade requirida, pero xeralmente adoita durar uns minutos.

A tinta líquida xa preparada sécase doadamente, e é conveniente non deixar que se seque sobre a pedra ou sobre o pincel.

Pódense conseguir tamén botes de tinta chinesa xa preparada, moi densa, que pode usarse directamente ou disolver cun chisco de auga.