Sorbeira
Sorbeira | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||
Sorbus domestica L. | |||||||||||||||||||||||
Sinonimia[1] | |||||||||||||||||||||||
A sorbeira[2] (Sorbus domestica), é unha árbore froiteira da familia das rosáceas, nativa do oeste de Europa, noroeste de África (Montes Atlas) e o suroeste de Asia (no leste até o Cáucaso). Posúe follas compostas caedizas e un froito comestíbel denominado sorba.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O termo galego sorbeira (en portugués: sorveira), ao igual que nas linguas achegadas: catalán: servera, castelán: serbal, inglés: service ou sorb; derivaría do latín: sŏrba. Pertence, ao igual que o capudre, ao xénero Sorbus.
Hábitat
[editar | editar a fonte]Medra en altitudes medias e altas. O solo preferibelmente calcario cunha orientación asollada ou en semisombra. Necesita de humidade moderada. A temperatura óptima de crecemento está arredor dos 6 e 10 °C.
Nos solos silíceos, caso de Galicia, necesita da relación con outras especies vexetais para poder asentarse, así na nosa zona asóciase a bosques maduros de cerquiños, pola capacidade creadora e melloradora de solos que ten esta especie[3].
Na Península ibérica atópase, sobre todo no leste: Aragón, Cataluña e levante e leste de Andalucía[3]. En Galicia, atopámolo nas serras orientais, facendo parte dun hábitat que se estende polo oeste de León e Asturias e o norte de Tras os Montes, en Portugal.
Descrición botánica
[editar | editar a fonte]Arboriña rexa e resistente que pode acadar os 20 metros de altura, aínda que adoita chegar só até os 12. Bastante lonxevo, hai censado individuos de máis de 400 anos. A copa é follosa, cunha ramificación regular e forma alongada, arredondada. O toro é de casca fendida e de cor cinsenta, mentres que as pólas novas son verdosas ou alaranxadas e con lanuxe (tomentosas).
As follas son alternas, caedizas, imparipinnadas, con 11-21 folíolos oblongo-lanceolados, aveludados pola face superior e un chisco amarelentos polo anverso. As flores son de cor branca ou do leite, con cinco pétalos e cinco sépalos, reunidas en corimbo duns 1,5 centímetros de diámetro.
O froito, chamado sorba, é unha drupa carnosa, piriforme arrondeada de 2,5 cm, semellante á pera. Rosea na primavera e os froitos apáñanse a finais do verán. A súa cor ao primeiro é verde pero ao madurecer adquiren unha cor acastañada; esta maduración prodúcese ao comezo do outono. Na natureza, a dispersión natural dos froitos e das súas sementes é levada a cabo fundamentalmente polos mamíferos, especialmente teixugos, garduñas, raposos e xabarís, que os comen maduros do chan, e máis raramente pola inxestión das aves.
Os froitos apañados cómpre sobremaduralos en palla para seren comestíbeis. Empréganse para facer marmeladas e algunhas bebidas alcohólicas fermentadas. Nalgunhas partes de Centroeuropa déixanas secar, a xeito de uvas pasas. Tamén se elabora con eles unha fariña que se mestura coa dos cereais para darlle sabor.
A madeira, densa e dura, é de gran calidade, das máis prezadas de Europa, aínda que, debido á forma e tamaño do seu tronco, só se poden obter pezas de tamaño medio e pequeno. A súa cor natural é o branco, que se volve avermellado cun proceso de vaporización[3]. É resistente, en comparación con outras froiteiras, a pestes e doenzas.
Os seus principais usos son: tornería, talla e escultura, instrumentos musicais (violíns, guitarras, teclados), instrumentos de medida, útiles de debuxo, ebanistería, mangos de paraugas, artigos de regalo e de fantasía, cuncas. Tamén se emprega para imitar a madeira de ébano[4].
A sorbeira na cultura
[editar | editar a fonte]José Antonio Labordeta, poeta, cantante, e político aragonés, compuxo unha canción chamada No cojas las acerollas, o nome en aragonés da sorba[5]. A canción, publicada no seu LP de 1975 Tiempo de espera, é unha invitación á utopía.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sorbeira |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Sorbeira |