Silurus glanis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Siluro europeo
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Siluriformes
Familia: Siluridae
Xénero: Silurus
Especie: S. glanis
Nome binomial
'Silurus glanis'
Linnaeus, 1758
Área de distribución de S. glanis. En vermello: área nativa; azul: en zonas costeiras; laranxa: introducida
Área de distribución de S. glanis. En vermello: área nativa; azul: en zonas costeiras; laranxa: introducida

Área de distribución de S. glanis. En vermello: área nativa; azul: en zonas costeiras; laranxa: introducida

O Silurus glanis, chamado comunmente siluro[1][2] ou siluro europeo,[3][4] é unha especie de peixes siluros de auga doce nativa da amplas áreas do centro, norte e sur de Europa, nas cuncas do mar Báltico, mar Negro e mar Caspio. Foi introducida na parte occidental de Europa para a pesca deportiva e agora encóntrase dende o Reino Unido ata ao leste de Casaquistán e a China e ao sur de Grecia e Turquía e no val do Ebro. É un peixe de auga doce sen escamas, recoñecible pola ancha e aplanada cabeza e gran boca. Pode vivir polo menos 50 anos e ten un sentido da audición moi bo que compensa a súa mala vista.

Come peixes, vermes anélidos, gasterópodos, insectos e crustáceos; os máis grandes comen tamén ras, ratos, ratas, aves acuáticas como patos e ás veces son caníbales. Recentemente, viuse a individuos desta especie en ambientes fóra do seu hábitat normal impúlsandose fóra da auga para comer pombas.[5]

Siluros europeos saíndo da auga para capturar pombas.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Vive en lagos grandes cálidos e ríos profundos de correntes lentas. Prefire permanecer en lugares protexidos como buratos nas ribeiras, baixo troncos mergullados etc. Come en augas abertas ou nos fondos.

Características físicas[editar | editar a fonte]

Un siluro europeo albino.

A súa boca ten ringleiras de pequenos e numerosos dentes, dúas longas barbas na mandíbula superior e catro máis curtas na inferior. Ten unha longa aleta anal que se estende ata a aleta caudal, e unha pequena aleta dorsal aguda en posicición relativamente adiantada. Para cazar depende principalmente dos sentidos da audición e olfacto, e, aínda que os seus ollos teñen un tapetum lucidum, que lle proporciona vantaxe na visión nocturna, en contra da crenza popular teñen unha vista bastante mala. Coas súas aletas pectorais crea un remuíño para desorientar á súa vítima, á cal o predador succiona coa súa boca e traga enteira. A pel é moi limosa e a súa cor varía coa do ambiente onde vive. Nas augas claras o peixe ten unha cor negra, mentres que nas augas lamacentas adoita ter cor marrón verdosa. As partes inferiores son sempre de amarelas claras a brancas. Tamén existen espécimes albinos. Nada ondulando a súa longa cola muscular, de xeito similar ao que fan os crocodilos. Pode tamén nadar cara a atrás.

Na foto obsérvanse as reflexións do flash da cámara no tapetum lucidum dun siluro europeo.

As femias producen ata 30.000 ovos por quilogramo de peso corporal. O macho vixía o niño ata que eclosionan as crías, o cal, dependendo da temperatura da auga, pode tardar de tres a dez días. Observouse que se o nivel da auga descende moito ou demasiado rápido o macho bótalle auga aos ovos para mantelos húmidos.

Tamaño[editar | editar a fonte]

Silurus glanis no río Syr Darya en Casaquistán, na área de Baikonur.

Cunha lonxitude total de ata 5 m e un peso máximo duns 300 kg,[6] o siluro europeo é o peixe de auga doce (non anádromo ou catádromo) maior nas rexións onde vive de Europa e Asia. Porén, esas lonxitudes máximas son raras e foron difíciles de documentar con probas no pasado século, pero hai informes cribles do século XIX de espéciemes con eses tamaños. Brehms Tierleben cita os vellos informes de Heckl e Kner de espécimes do Danubio duns 3 m de longo e de 200 a 250 kg de peso, e o informe de Vogt de 1894 dun espécime capturado no lago Biel de 2,2 m e 68 kg.[7] En 1856, K. T. Kessler escribiu sobre espécimes do Dniéper de 5 m e 400 kg.[8]

Non obstante, o tamaño máis común da maioría dos siluros europeos está entre 1,3 e 1,6 m; e normalmente os peixes maiores de 2 m son unha rareza. Cando chegan a medir 1,5 m poden pesar de 15 a 20 kg e con 2,2 m pesan uns 65 kg.

Só en circunstancias excepcionalmente boas para o peixe este pode pasar dos 2 m, pero hai récords de 2,49 m en Kiebingen, Alemaña, de 2,61 m. en Polonia, e incluso maiores en Francia, España (Ebro), Italia ou Grecia, onde este peixe foi liberado hai unhas décadas.[9]

Dise que os espécimes extraordinariamente grandes poden atacar os humanos en raras circunstancias. Unha noticia publicada en Austria en 2009 menciona que un siluro intentou arrastrar por unha perna a un pescador preto de Györ, Hungría, cando este o capturou e agarrou, e só con grandes dificultades puido librarse.[10]

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

Preocupa o impacto ecolóxico da introdución deste siluro nas súas áreas non nativas. Despois da introdución do siluro europeo en moitas zonas, o número de peixes autóctonos entran nun rápido e claro declive.

Especie invasora na Península Ibérica[editar | editar a fonte]

Desde a súa introdución no encoro de Mequinenza no Ebro en 1974 espallouse a outras partes da cunca do Ebro, especialmente en afluentes como o Segre. Algunhas especies de barbos ibéricos (Barbus) que eran antes moi abondosas, agora case desapareceron na zona media do río. A ecoloxía do río tamén cambiou, xa que se produciu un maior crecemento da vexetación acuática, especialmente algas. Só os barbos de ríos de montaña, onde non chega o siluro, non se viron afectados. Tamén foi obxecto de introducións ilegais levadas a cabo por particulares noutros ríos, encoros e lagos da Península Ibérica. Na prensa publicouse a noticia da pesca dun siluro europeo de 2 metros de lonxitude no río Ebro ao seu paso pola cidade de Zaragoza o 5 de xuño de 2015, así como doutros no río Tietar ao seu paso pola provincia de Cáceres, onde se pescaron exemplares próximos aos 2 metros. Debido ao seu potencial colonizador e constituír unha amenaza grave para as especies autóctonas, os hábitats ou os ecosistemas, esta especie foi incluída no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, aprobado por Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, estando prohibida en España a súa introdución no medio natural, posesión, transporte, tráfico e comercio.

Como alimento e pesca deportiva[editar | editar a fonte]

Só se adoita comer a carne dos espécimes novos. Ten bo sabor ata que o peixe pasa uns 15 kg, pero se son máis grandes son moi graxentos e non se recomenda o seu consumo. Normalmente péscase como deporte máis que para comer, procurando a captura de exemplares de trofeo grandes.

A pesca do siluro é moi popular e adoita ser espectacular. Dada a súa actividade nocturna, a pesca dá resultados notables entre as 20:00 e as 24:00 horas e entre as 03:00 e as 06:00 horas. Coñecido como o 'vasureiro' dos pantanos, o siluro é doadamente atraído pola carne alterada, o fígado de porco e os intestinos das aves, que son os máis utilizados como isco.

O anzó utilizado (simple ou triplo) debe ser grande e forte, en correspondencia coa propia boca do peixe. O siluro é atraído tamén polos tons baixos. Os pescadores do Danubio usan unha ferramenta de madeira, coñecida como clonk, golpeando con ela na auga e producindo un son similar ao que fai un pequeno peixe saltando na auga, unha ra ou unha ave.

Tamén se usan ondas de baixa frecuencia, de baixa intensidade, xa que teñen a propiedade de propagarse a través de longas distancias, obténdose resultados notables. O altofalante que se utiliza debe posuír un diámetro pequeno, pero que poida xerar sons de baixa frecuencia, e debe estar conectado a un xerador electrónico de baixa frecuencia (máximo 150 Hz).

A liña[editar | editar a fonte]

A liña utilizada para a captura do siluro debe ser moi resistente. Para os grandes espécímenes utilízase liña trenzada de 0,4-0,6 mm ou máis; a cana debe ser resistente (de acción 100-300 g) e preferiblemente de dous tramos, e o carrete debe ser do tipo 'masivo' e moi robusto. Adoitan usarse liñas trenzadas de alta resistencia, xa que os siluros posúen unha dentadura cos dentes dirixidos cara a dentro e son tan pequenos que en vez de cortar, desgarran. Unha liña monofilamento, por moita resistencia e anchura que tivese, duraríalle moi pouco na boca, aínda que se a captura non é demasiado grande, pode sacarse o peixe sen problemas. Outra forma máis económica, xa que a liña trenzada é bastante máis cara que a típica de nailon, é colocarle á liña común uns 40 cm de fío de aceiro no extremo. Non fai falta preocuparse polo brillo ou a opacidade do fío de aceiro, xa que o siluro practicamente non ve, senón que se guía polos vibracións captadas polas súas barbas e outros sentidos.

Período de pesca[editar | editar a fonte]

O período óptimo de pesca do siluro é a principios de verán e principios de outono, ata finais deste, e concéntrase especialmente no mes de xuño, no que se adoitan obter os mellores exemplares.

Especies relacionadas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "siluro". DRAG. Consultado o 02/11/2018. 
  2. "siluro". TERGAL. Consultado o 02/11/2018. 
  3. "siluro europeo". TERGAL. Consultado o 02/11/2018. 
  4. Vocabulario multilingüe de acuicultura. Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2002
  5. Cucherousset, J.; Boulêtreau, S. P.; Azémar, F. D. R.; Compin, A.; Guillaume, M.; Santoul, F. D. R. (2012). Steinke, Dirk, ed. ""Freshwater Killer Whales": Beaching Behavior of an Alien Fish to Hunt Land Birds". PLoS ONE 7 (12): e50840. doi:10.1371/journal.pone.0050840. 
  6. Froese, Rainer; Pauly, Daniel, eds. (February de 2016). "Silurus glanis". FishBase (en inglés). 
  7. Brehm, Alfred; Brehms Tierleben II - Fish, Amphibians, Reptiles 1
  8. Mareš, Jaroslav; Legendární příšery a skutečná zvířata, Prague, 1993
  9. Wood, Gerald C. (1982). The Guinness book of animal facts and feats. Enfield, Middlesex: Guinness Superlatives. ISBN 0-85112-235-3. 
  10. Der Standard, 2009-08-05. Waller-Wrestling im ungarischen Fischerteich. Retrieved 2009-08-06.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]