Shahnameh

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Shahnameh3-1.jpg

Shahnameh, tamén coñecido como Shahnama, Shahnameh, Shahname ou Shah-Nama, ademais de como "O Libro dos Reis" ou "A Épica dos Reis", é unha grande obra poética escrita polo poeta persa Ferdowsi contra o ano 1000. Trátase da epopea nacional do mundo de fala persa, e conta a historia e mitoloxía de Irán dende a creación do mundo até a conquista de Irán polas forzas islámicas no século VII.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Ademais da súa importancia literaria, o Shâhnameh, que foi escrito case na súa totalidade en persa, foi clave para revivir a lingua persa logo da influencia exercida polo árabe. Esta obra voluminosa, é considerada polos falantes de persa como unha obra mestra da literatura, que tamén recolle a historia de Irán, os seus valores culturais, as súas relixións ancestrais (zoroastrismo), e un sentido profundo de patria. Ferdowsi conclúe o Shâhnameh nun momento no cal a independencia nacional fora ameazada. Aínda que existen varios heroes e heroínas memorábeis de características clásicas nesta obra, o gran heroe é Irán.

Ibn al-Athir chamouna o "Corán Persa", a pesar de que este título non é de uso corrente entre os falantes de lingua persa, pero nalgunha medida ilustra a importancia que este libro representa para todos os falantes de lingua persa, incluíndo Afganistán e Taxiquistán, para outros falantes de persa de Asia Central, Paquistán e mesmo na China, na India, e para os iranianos que viven fóra do seu país desde a revolución de 1979.

Este libro é tamén importante para os 200 000 zoroastrianos que quedan no mundo, porque o Shâhnameh permite relacionar os comezos do zoroastrismo coa derrota do último rei zoroastriano a mans dos invasores árabes.

Fontes[editar | editar a fonte]

Shâhnameh.

Existe certa controversia entre con respecto ás fontes do Shahnameh. A épica de Ferdousí probablemente está baseada nunha versión en prosa que podería proceder dun compendio de vellas historias persas, feitos históricos e lendas. Non obstante, hai unha forte pegada e influencia da literatura oral, o que se manifesta no estilo narrativo.

Algúns dos personaxes da épica son de orixe indo-iraniana, e existen referencias a eles en fontes tan antigas como o antigo Avesta ou mesmo no Rig Vedá hindú. O Shahnameh foi escrito en persa medio (Pahlavi), que nesa época estaba en remisión.

O Shahnameh de Ferdousí, un poema épico con máis de 60 000 pareados, baséase principalmente nunha obra en prosa do mesmo nome compilada polo poeta nos seus primeiros anos en Tus, a rexión da que era nativo. Este Shahnameh en prosa á súa vez era en gran medida unha tradución dunha obra en Pahlavi, unha compilación da historia dos reis e heroes de Persia desde tempos míticos até o reinado de Khosro II (590-628), pero tamén contén material adicional que continúa a historia coa caída dos Sasánidos a mans dos árabes a mediados do século VII. O primeiro en comezar a versificación desta crónica da Persia lendaria e preislámica foi Daqīqī-e Balkhī, un poeta da corte dos Samánidas, quen completou uns 1000 versos antes de falecer. Estes versos, que contiñan o xurdimento do profeta Zoroastro, foron posteriormente incorporados por Ferdousí, co debido recoñecemento, no seu propio poema.

A obra[editar | editar a fonte]

O Shahnameh relata a historia de Persia, comezando coa creación do mundo e a introdución das artes da civilización (o lume, a cociña, a metalurxia, o dereito) aos Arios - pobos iranios e conclúe coa conquista de Persia polos árabes. A obra non é estritamente cronolóxica, aínda que existe un certo fluxo de acontecementos a través do tempo. Algúns dos personaxes viven por centos de anos (ao igual ca algúns dos personaxes da Biblia), pero a maioría viven vidas de duración normal. Hai moitos shāhs que aparecen e que se eclipsan, ao igual que heroes e viláns, que tamén transcorren polos relatos. As únicas imaxes que subsisten ao longo da obra son as do Grande Irán, e unha sucesión de amenceres e solpores, ningunha das cuales é exactamente igual á outra, e que ilustran o paso do tempo.

O Pai Tempo, unha imaxe símil a Saturno, é un recordatorio da traxedia da morte e a perda, á que sucede un novo amencer, traendo consigo a esperanza dun novo día. No primeiro ciclo da creación, a maldade é externa (o demo). No segundo ciclo obsérvase o comezo do odio familiar, o mal comportamento, e a maldade penetrando a natureza humana. O fillo maior do Shāh Fereydūn sente avaricia e envexa cara ao seu irmán menor, que é inocente, e pensando que o seu pai o favorece a el, mátao. O fillo do príncipe asasinado vinga a morte do seu pai, e todos vense inmersos nun sanguento ciclo de morte e vinganza.

No terceiro ciclo preséntanse unha serie de shahs con debilidades. Hai unha historia como a de Fedra na mitoloxía grega do Shāh Kay Kāūs, a súa esposa Sūdāba, e a súa paixón e rexeitamento polo seu medio fillo, Sīyāvash.

No seguinte ciclo todos os personaxes son egoístas e malvados. Esta épica é a máis escura de todas as épicas, boa parte da cal posúe algún tipo de resolución e catarse. Este ton parecería ser reflexivo de dous temas: a conquista de Persia polos árabes, e os últimos días do zoroastrismo persa. A relixión antiga está pragada de herexías, e de algún xeito a visión optimista de Zoroastro sobre a habilidade do home para elixir deulle as costas á vida e ao mundo. Aquí hai abundancia de mala sorte e destino malfadado.

A visión de Zoroastro sobre a condición humana maniféstase na caracterización das numerosas figuras da obra, tanto masculinas como femininas. Zoroastro destaca o libre albedrío dos humanos. Todos os personaxes de Ferdousí son complexos, pois ningún é un arquetipo ou un monicreque. Os mellores personaxes cometen erros, e os peores teñen momentos de humanidade.

A mensaxe do Shâhnameh[editar | editar a fonte]

Relevos en pedra do Shâhnameh en Tus, onde Ferdowsi está soterrado.

O estilo de Ferdowsi é o dun poeta consumado. A súa linguaxe épica é rica, emotiva e suntuosa. Os trazos persoais que posúe o Shâhnameh evitan que se converta nun árido relato de narrativas históricas. Ningunha historia foi lida en Irán con tanta avidez, crida con tanto convencemento e atesourada ardentemente como esta. É unha historia que influíu enormemente sobre os seus lectores. Ferdowsi triunfou onde tantos líderes militares e relixiosos fracasaran. De feito, Ferdowsi está seguro da inmortalidade e transcendencia da súa obra mestra e así o conta nos seus versos.

Ferdowsi non espera que o seu pase sobre os sucesos históricos de forma indiferente, senón que lle pide que considere os temas con coidado, para así comprender as causas do ascenso e da caída dos homes e as nacións e aprender do pasado para mellorar o presente e formular mellor o futuro.

A mensaxe transmite o Shâhnameh é a idea de que a historia do imperio Sasánida era un todo inmutable e completo: comezou con Keyumars, o primeiro home, e rematou co seu sucesor número cincuenta, Yazdegerd III, seis mil anos de historia de Irán. A tarefa de Ferdowsi foi evitar que esta historia perdese a súa conexión coas futuras xeracións iranianas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Shahnameh Modificar a ligazón no Wikidata

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Abolqasem Ferdowsi, Dick Davis trans. (2006), Shahnameh: The Persian Book of Kings ISBN 0-670-03485-1.
  • Davis, Dick, (translator), The Legend of Seyavash, (Penguin, 2001, Mage Publishers 2004)
  • Levy, Reuben (translator), The Epic of the Kings: Shah-Nama, the National Epic of Persia, (Mazda Publications, 1996)
  • Hassan Anvari, Ancient Iran's Geographical Position in Shah-Nameh (Iran Chamber Society, 2004). [1]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]