Francisco Serrano Domínguez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Serrano»)
Francisco Serrano Domínguez
Nome completoFrancisco Serrano y Domínguez
Nacemento17 de decembro de 1810 e 18 de setembro de 1810
Lugar de nacementoIlha de León
Falecemento26 de novembro de 1885
Lugar de falecementoMadrid
NacionalidadeEspaña
Alma máterSeminary of Bergara
Ocupacióndiplomático, político e militar
CónxuxeAntonia Domínguez y Borrell
FillosFrancisco Serrano y Domínguez, Leopoldo Serrano y Domínguez e Ventura Jacinta Serrano y Domínguez
PremiosCabaleiro da Orde do Vélaro de Ouro, Cruz Laureada de São Fernando, Grã-Cruz da Ordem da Torre e Espada e Gran Cruz de la Orden de San Hermenegildo
editar datos en Wikidata ]

Francisco Serrano Domínguez, nado en Isla de León (Cádiz) o 17 de decembro de 1810 e finado en Madrid o 25 de novembro de 1885, Duque de la Torre, foi un militar e político español. Capitán Xeneral de Cuba (1859-1862), Presidente do Senado (1865-1866 e 1883-1884), Presidente do Consello de Ministros (1868-1868, (1871-1871) e (1872-1872), Rexente (1869-1870) e Presidente do Goberno de España (1874-1874).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Serrano naceu durante o asedio francés de Cádiz, fillo dun militar liberal. Ingresou no exército en 1822, ascendendo por méritos propios durante a Primeira Guerra Carlista (1833-1840). En 1839 se incorporou ao Partido Progresista de Espartero.

Durante a Rexencia de Espartero (1841), foi nomeado por este mariscal e Ministro da Guerra. Despois, porén, virouse contra o excesivo poder do rexente, cooperando con Juan Prim para derrocalo (1843). Entre 1846-1848 sería amante da raíña Isabel II, sobre a cal exerceu unha grande influencia política.

Serrano espertaba receos entre os políticos moderados da época. En 1848, foi nomeado Capitán Xeneral de Granada, para telo afastado da Corte. Decidiu apartarse da política, dimitindo do cargo que ostentaba, casou e dedícouse a viaxar.

Cando en 1854 estala unha revolución progresista, Serrano volta a apoiar a Espartero. Ao longo do Bienio Progresista, que entón comezara, foi director xeneral de Artillaría, aliñándose cos centristas que impulsa O’Donnell a través do partido Unión Liberal.

Sería máis tarde embaixador en París, (1856); Capitán Xeneral de Cuba (1859-1862) e Ministro de Estado (1863). Foi nesa altura que a raíña, Isabel II, o nomea duque de la Torre.

Un ano despois da morte de O’Donnell (5-XI-1867), Serrano sucederao como xefe da Unión Liberal, sumando este partido ás conspiracións antidinásticas de progresistas e demócratas. Participará de contado e decisivamente na Revolución de 1868, que destronaría a Isabel II, vencendo ás tropas gobernamentais na batalla de Alcolea.

Presidente de Goberno e Rexente[editar | editar a fonte]

Triunfante a revolución, de seguido foi nomeado Presidente do Goberno Provisorio (1868-1869) e, vacante a xefatura do Estado, recaeu sobre el, como Presidente do poder executivo (1869-1870). No tempo no que se aceptou a instauración dun réxime monárquico para España e, mentres non chegaba o novo rei, as Cortes nomearon a Serrano como Rexente, con tratamento de Alteza. Unha vez instaurada a monarquía democrática coa coroación de Amadeu de Savoia, Serrano devolveu os poderes de que fora investido. Con Amadeu foi chamado a presidir o goberno en dúas ocasións (1871 e 1872).

Cando estala a Terceira Guerra Carlista, Serrano derrotaría ao pretendente Carlos (VII) en Oroquieta, asinando o Acordo de Amorebieta, coa esperanza de acabar co conflito (1872). O rexeitamento deste convenio polas Cortes, provocaría a caída de Serrano do goberno. Admitiría a proclamación da Primeira República, aínda que tería que exiliarse pola súa implicación nunha conspiración (1873).

Xefe de Estado[editar | editar a fonte]

Logo do golpe de estado do xeneral Pavía, que disolve as Cortes republicanas o 2 de xaneiro de 1874, Serrano será nomeado Presidente do goberno e do poder executivo, instaurando unha sorte de ditadura republicana de talante conservador. A súa ambición era perpetuarse como ditador, aínda que convidou ás tarefas gobernamentais tanto a Emilio Castelar como a Antonio Cánovas del Castillo, que refugaron. Ao tempo a destrución das forzas republicanas, e os conflitos carlista e cubano, que continuaban, abrirán camiño para a restauración dos Borbóns, precipitada a final daquel mesmo ano polo pronunciamento de Martínez Campos en Sagunt, 29 de decembro de 1874. Serrano acepta o novo rei, Afonso XII, pretendendo xogar un papel importante no novo réxime como xefe do Partido Constitucional. Pero as súas aspiracións foran desdeñadas por Cánovas e polo rei, preferindo a Sagasta como líder liberal, razón pola cal se escindirá co grupo da Izquierda Dinástica (1881).

O seu labor de goberno, logo de tantas peripecias, resultou insignificante, amén de que foi un político sen ideais nin proxectos, cunha ambición de poder que o faría mudar frecuentemente de orientación e de lealdades: sería así alcumado o Xudas de Arjonilla, pola súa veleidade e polo lugar onde posuía unha propiedade.


Predecesor:
Emilio Castelar y Ripoll
 
Primeira República española
Presidente do Goberno de España
 
3 de xaneiro - 30 de decembro
1874
Sucesor:
Ninguén
(Reinado de Afonso XII)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]