Primeira República Española
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2016.) |
Himno | Himno de Riego | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Capital | Madrid | ||||
Poboación | |||||
Lingua oficial | lingua castelá | ||||
Relixión | Igrexa católica | ||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 11 de febreiro de 1873: causado por Abdication of Amadeo I of Spain | ||||
Disolución | 29 de decembro de 1874 | ||||
Sucedido por | España | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | república | ||||
• Presidente | Estanislao Figueras (1873–1873) Francesc Pi i Margall (1873–1873) Nicolás Salmerón y García (pt) (1873–1873) Emilio Castelar (1873–1874) Francisco Serrano Domínguez (1874–1874) | ||||
Órgano lexislativo | Congreso dos Deputados de España , (Escano: 350) | ||||
Moeda | peseta | ||||
A I República Española foi o período político que viviu España dende o 11 de febreiro de 1873 até o 29 de decembro de 1874.
Nacemento da República
[editar | editar a fonte]O rei Amadeu de Savoia renunciou ao trono o 11 de febreiro de 1873 e, a seguir, os madrileños tomaron as rúas en apoio aos deputados republicanos que conseguiron que na reunión das Cortes do 11 de febreiro de 1873, despois de que Emilio Castelar abrise a Cámara, se proclamase a Primeira República Española.
O transcurso desta etapa
[editar | editar a fonte]Os partidos republicanos estaban divididos, entre os que querían un goberno unitario (un único goberno para todo o país) e os que querían unha república federal (estados autónomos que forman un estado de rango superior).
O presidente da Asemblea, Cristino Martos, dá un golpe de Estado o 24 de febreiro e fai que a Garda Civil ocupe o Congreso. As Cortes suspenden as sesións até maio, mes no que se porán en marcha as Cortes Constituíntes despois dunhas eleccións que se celebrarán o 10 dese mesmo mes. Pero antes aproban a abolición da escravitude en Porto Rico.
A Milicia Nacional intenta sublevarse o 23 de abril, co suposto apoio da Garda Civil, e dalgúns militares e políticos. O goberno estaba atento e mobilizou os batallóns. O intento da sublevación dos monárquicos fracasou e rendéronse.
As eleccións do 10 de maio dan a maioría absoluta aos federais (343 escanos de 374). Os republicanos divídense en tres faccións: a dereita de Castelar, o centro constitucionalista e a esquerda.
Dende febreiro até xuño a presidencia da República recae sobre Estanislao Figueras, home relativamente feble. O día 7 de xuño debátese nas Cortes unha proposta subscrita por sete deputados e que di:
"Artigo Único. A forma do goberno da Nación Española é a República democrática federal".[1]
O presidente, facendo cumprir o que ordenaba o Regulamento das Cortes, decide celebrar unha votación nominal ao día seguinte.
O día 8 de xuño procedeuse á votación, que deu un resultado de 219 votos a favor e 2 en contra.
O 8 de xuño dimite o que era presidente, Figueras, formouse polas Cortes -mediante votación- un novo executivo presidido por Francesc Pi i Margall, quen o día 13 pronuncia o discurso para poñer en común o seu programa de goberno e proclama a prioridade de redactar unha Constitución. Para este fin, o 16 de xuño créase unha comisión de 25 membros para redactar a nova constitución, presentando o proxecto de Constitución Federal da República Española ao día seguinte.
Por toda España esténdese un levantamento cantonal, polo que todas as rexións, cidades ou comarcas se declaran repúblicas ou cantóns, e rebélanse con violencia contra o estado. Pi i Margall dimite. Sucédeo Nicolás Salmerón, quen lle encarga ao exército de acabar con estes sucesos. Conségueo en toda España menos en Cartaxena, onde contan co apoio dos militares.
Os republicanos federais vense desacreditados polo levantamento. Tras a dimisión de Salmerón, é nomeado presidente Emilio Castelar, quen consegue o apoio dos monárquicos contra os cantonalistas, os carlistas e os independentistas cubanos.
O 2 de xaneiro de 1874, Castelar queda en minoría nas Cortes, o que implica que os federais volven ao goberno. Para evitar isto, os monárquicos de dereita, conseguen o apoio do capitán xeneral de Madrid, Manuel Pavía y Alburquerque, quen ao día seguinte entra no seu cabalo no Congreso e dá un golpe de Estado. Castelar, que non quería estar no poder por medio de vías non democráticas, dimite.
O xeneral Francisco Serrano forma un novo goberno. Disolve as Cortes e é apoiado polos monárquicos, pese a nomearse Presidente da República.
O 29 de decembro de 1874, o xeneral Arsenio Martínez Campos pronúnciase en Sagunto en favor da restauración do trono da monarquía borbónica na persoa de Afonso XII, fillo de Isabel II.
Esta foi a primeira e última experiencia federal na historia de España.
Presidentes da I República
[editar | editar a fonte]Presidente | Mandato | Tipo de república |
---|---|---|
Estanislao Figueras | febreiro-xuño de 1873 | Rep. unitaria |
Francesc Pi i Margall | xuño-xullo de 1873 | Rep. federal |
Nicolás Salmerón | xuño-setembro de 1873 | Rep. federal |
Emilio Castelar | setembro de 1873-xaneiro de 1874 | Rep. unitaria |
Francisco Serrano | xaneiro 1874 - decembro 1874 | Rep. autoritaria |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Diario de sesiones de las Cortes constituyentes de la República española". Congreso de los Diputados. Diario de sesiones: Legislatura histórica: Legislatura 1873-1874; nº8 (07-06-1873). Consultado o 22-03-2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Primeira República Española |