Estampa Popular Galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Estampa Popular Galega (EPG) foi un grupo de artistas gravadores galegos antifranquistas creado en 1968 e activo ata 1970. Os seus principais organizadores foron Reimundo Patiño, Xavier Pousa e Elvira Martínez, colaborando tamén habitualmente Xaime Quessada e Enrique Ortiz. Outros dos máis de vinte artistas que participaron nas súas exposicións foron Bea Rey, Tino Grandío, Laxeiro, Rivas Briones e Xulio Maside. [1]

A obra de EPG foi fundamentalmente de compromiso político, e buscaba democratizar a arte e establecer novos vínculos artísticos e políticos co pobo galego.[2] Debido a isto, expuxeron en espazos non convencionais como bares e tabernas, itineraron polo país e na súa obra denunciaron repetidamente a situación das clases obreiras e campesiñas e a represión do réxime.[3][4] O grupo finalizou a súa actividade en Galicia debido á represión e encarceramento de varios dos seus membros en 1969, e cesou a súa actividade en 1970 tras dúas exposicións en Montevideo promovidas por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.[1]

Contexto[editar | editar a fonte]

De dereita a esquerda, Luís Seoane, un dos Renovadores, pioneiro do gravado galego; Isaac Díaz Pardo, organizador da derradeira exposición da EPG en Montevideo; Laxeiro, outro dos Renovadores e participante nas mostras da EPG.

A renovación estética na plástica galega impulsada polo grupo dos Novos ou Renovadores (entre eles Manuel Colmeiro, Laxeiro, Seoane, Castelao, Camilo Díaz, Carlos Maside etc.) viuse truncada pola guerra civil, logo de que varios deles fosen represaliados, exiliados ou mesmo asasinados. Diversos grupos de artistas e intelectuais, coma os chamados "Os Artistiñas" ou o "Grupo Brais Pinto", no que tamén estaban integrados algúns membros da EPG, trataron de recuperar e actualizar o espírito de vangarda e á vez conectar coa tradición artística galega de pre-guerra.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Estampa Popular Galega xorde vinculada a unha rede descentralizada de grupos do Estado español chamada Estampa Popular, que iniciara as súas actividades en 1959.[5] A rede contou con grupos autónomos en Sevilla, Córdoba, Biscaia, a Comunidade Valenciana, Cataluña e Galicia.​[6][3] A súa obra centrouse no ámbito do gravado para facilitar a súa produción e divulgación na clandestinidade, no contexto represivo do franquismo.[3]

A agrupación galega é a última en crearse, e inicia as súas actividades en 1968. Malia que o grupo estivo activo unicamente dous anos, debido á censura e represión do réxime, levaron a cabo toda unha serie de actividades de experimentación e dinamización cultural popular. [3] Se ben tivo un antecedente na exposición celebrada na galería Toisón de Madrid en 1967, o grupo constitúese como tal a partir das tertulias no bar Eligio de Vigo entre Reimundo Patiño, Xavier Pousa e Elvira Martínez.[1]

Obxectivos e primeira etapa[editar | editar a fonte]

Os gravadores tiñan como obxectivo a democratización da arte, a innovación e o compromiso político-cultural co país. No ano da súa fundación, no marco da súa primeira exposición, publicaron o Manifesto da Estampa Popular Galega, que dicía:

O pobo galego ten, antre outros dereitos, o de acceder ó arte, polo tanto xurde A Estampa Popular Galega cos anceios e fins de sustituir a dualidade “pintor-espeutador” pola de “pintor-pobo”, espallar o gravado na xente e refrexar nil os seus doores e ledicias, integrando ó pintor no vivo latexar do país.[7]

Esta filosofía, que coincidía coa doutros grupos de Estampa Popular, levounos a formas propias de experimentación coas formas de exposición da obra e organización do traballo artístico. Neste sentido, os lugares de exposición do grupo incluían bares e tabernas, co obxectivo de achegar as súas pezas e a súa mensaxe política ao pobo; algo que sería replicado posteriormente polo grupo Os Urogallos.[1][4] A agrupación tamén distibuíu os custos de produción ao modo dunha cooperativa, e recibiu influencias da obra gráfica de Castelao.[4][8] En 1968 expuxeron en Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, as festas de Parga e Monforte de Lemos.[1]

O Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside conserva obras de membros de EPG.

Tamén en 1968 os membros de Estampa Reimundo Patiño, Xavier Pousa e Beatriz Rey realizaron o cartel do recital de Voces Ceibes e a Nova Canción Galega na sala Capitol de Santiago.[9][10] Continúan expoñendo en A Guarda e Tui, pero esta última exposición, do ano 1969, rematou coa clausura obrigada por “injurias a la Nación, al Ejército y a la Guardia Civil” e a detención de Martínez e Pousa.[1] Debido a isto, interrómpese a actividade itinerante do colectivo por Galicia, e non se volven a realizar exposicións colectivas no territorio nacional.[2]

Etapa final[editar | editar a fonte]

En 1969 e 1970 tiveron lugar en Montevideo as derradeiras exposicións do grupo, grazas á mediación de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, e no marco das Xornadas de Cultura Galega da cidade.[1][11] Posteriormente leváronse a cabo outras retrospectivas.

Actualmente parte da obra de Estampa atópase no Museo Raíña Sofía e o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Balseiro García, Aurelia. "Estampa Popular Galega" (PDF). Museo Provincial de Lugo. 
  2. 2,0 2,1 De Haro García, N. (2010). Grabadores contra el franquismo. CSIC. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Mayayo, Patricia; Marzo, Jorge Luis (2015). Arte en España 1939-2015, ideas, prácticas, políticas (en castelán). Cátedra. pp. 261–263. ISBN 978-84-376-3483-8. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Mayayo, Patricia; Marzo, Jorge Luis (2015). Arte en España 1939-2015, ideas, prácticas, políticas (en castelán). Cátedra. pp. 266–268. ISBN 978-84-376-3483-8. 
  5. "Estampa Popular no Estado español". 
  6. Haro García, Noemí de (2009-12-17). Estampa popular: un arte crítico y social en la España de los años sesenta. Universidad Complutense de Madrid, Servicio de Publicaciones. ISBN 978-84-692-8577-0. 
  7. Balseiro García, Aurelia. "Estampa Popular Galega" (PDF). Museo Provincial de Lugo. 
  8. "Las tradiciones plásticas españolas y el mensaje antifranquista de Estampa Popular". Estudios de Arte. Asociación Aragonesa de Críticos de Arte. 2010. Consultado o 2024-01-05. 
  9. "Estampa de Reimundo Patiño para o recital de Voces Ceibes. Artigo "La ficha policial de la intelectualidad gallega".". 
  10. "Raimundo Patiño Xavier Pousa Beatriz Rey Estampa Popular Galega - Cartel del concierto de «Voces Ceibes»". www.museoreinasofia.es (en castelán). Consultado o 2024-01-03. 
  11. "Folleto de "Eisposición de grabados de estampa popular galega" - Arquivo do Consello da Cultura Galega". arquivo.consellodacultura.gal. Consultado o 2024-01-05. 
  12. "Estampa Popular Galega". Museo Raíña Sofía (en castelán). Consultado o 2024-01-05. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]