Saltar ao contido

Plancto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Planctoloxía»)
Fotomontaxe de organismos planctónicos.
Diatomeas mariñas, un grupo fundamental dentro do fitoplancto.
Un copépodo (Calanoida), típico integrante do zooplancto.
Tomopteris, xénero de poliquetos planctónicos mariños.

En ecoloxía denomínase plancto[1] ao conxunto de organismos de moi pequeno tamaño, principalmente microscópicos, que viven nas augas salgadas ou doces e que, por seren incapaces de nadar contra a corrente, flotan e son arrastrados polas correntes.[2]

O plancto tipicamente flúe coas correntes de auga. Mentres que algunhas formas son capaces de realizar movementos independentes e poden nadar verticalmente centos de metros nun só día (comportamento denominado migración vertical diaria), a súa posición horizontal está determinada principalmente polas correntes.

Isto fai que se distinga do necto, o conxunto de organismos que son nadadores activos; do bentos, conxunto dos organismos que habitan o fondo dos ecosistemas acuáticos, e do neusto, conxunto dos organismos que viven na interface ou límite da auga co aire, é dicir, na superficie.

Os organismos que forman o plancto comprenden a todos os animais, plantas, archaea, algas, e bacterias que habitan na zona peláxica de océanos, mares, lagos, ríos ou outros corpos de auga. É dicir, o plancto defínese polo seu nicho ecolóxico, non pola clasificación taxonómica ou filoxenética.

Os organismos que o compoñen proporcionan unha fonte crucial de alimentos a moitos outros organismos acuáticos, grandes ou pequenos, como peixes e baleas, entre outros.

Terminoloxía

[editar | editar a fonte]

O científico alemán Johannes Peter Müller está considerado como o fundador da investigación sistemática do plancto, que comezou a partir de 1846 na illa de Helgoland co estudo científico dos microorganismos mariños, e que chamou ao plancto Auftrieb ("forza ascensional", "impulso").[3] O inventor do termo plancto foi o zoólogo alemán Christian Andreas Victor Hensen (1835-1924), quen sentou as bases da oceanografía biolóxica.[4]

O termo plancto deriva do adxectivo grego πλαγκτόν plankton, "errante"[5]

A parte da ecoloxía (e da oceanografía) que estuda o plancto denomínase planctoloxía.

O adxectivo planctónico, usado para cualificar o referente ao plancto, utilízase amplamente tanto na literatura científica como na popular, e é un termo xeralmente aceptado. Porén, desde o punto de vista da gramática formal, o moito menos utilizado plánctico sería máis estritamente correcto.[6]

Características

[editar | editar a fonte]

A maioría das especies son transparentes cunha certa irisación, e presentan cores só visíbeis no microscopio. As especies superficiais son azuladas, e as máis profundas avermelladas. Algunhas emiten bioluminescencia, como a noctiluca.

Case todas as especies do plancto miden menos dun milímetro; porén outras son máis grandes, como os sifonóforos, ctenóforos e medusas acalefas.

Clasificación

[editar | editar a fonte]

Aínda que tradicionalmente subdividiuse o plancto en fitoplancto e zooplancto, segundo as clasificacións máis recentes esta distinción non parece apropiada, xa que entre os organismos autótrofos inclúense as algas e as plantas, pero tamén algúns protistas e bacterias; e, entre os heterótrofos, están os animais, pero tamén outros protistas e bacterias. Porén, esta clasificación segue utilizándose extensamente[Cómpre referencia].

Pódese facer unha primeira división entre:

  • Holoplancto, que está formado por aqueles organismos que pasan todo o seu ciclo vital pertencendo ao plancto,[7] e
  • Meroplancto, constituído por organismos que só durante unha parte da súa vida integran a comunidade planctónica.[8]

Zooplancto

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Zooplancto.

O plancto animal, denominado zooplancto, inclúe grupos animais moi diferentes, como medusas (cnidarios), ctenóforos, salpas (urocordados) e especialmente fases larvarias de esponxas, moluscos, anélidos poliquetos, crustáceos etc.

Fitoplancto

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Fitoplancto.

O plancto vexetal, denominado fitoplancto, voz que deriva do neoloxismo grego φυτοπλάγκτον phytopláncton (de φυτόν phytón, "planta" e πλάγκτον), desenvólvese nas augas costeiras do mar con luz solar e sales minerais abundantes (augas de até 30 m de profundidade), dado que elaboran o seu alimento por fotosíntese.

Constitúen o alimento do zooplacto e producen o 50 % do oxíxeno molecular necesario para a vida terrestre. Os organismos que máis abundan no fitoplancto son as cianobacterias e as diatomeas, unhas algas douradas unicelulares. Tamén encontramos aos dinoflaxelados, responsábeis das mareas vermellas.

Base da cadea trófica mariña, o fitoplancto experimentou nos últimos tempos un significativo descenso debido, entre outras cousas, ao aumento da radiación ultravioleta. Estudos de 2010 publicados na revista Nature informan que o fitoplancto mariño diminuíra substancialmente nos océanos do mundo durante o século pasado. Calculáronse as concentracións de fitoplancto nas augas superficiais e comprobouse que diminuíran nun 40 % desde 1950, cunha taxa de ao redor do 1 % por ano, posibelmente como consecuencia do quecemento dos océanos.[9] [10]

Outras clasificacións

[editar | editar a fonte]

Diversos autores realizaron unha clasificación do plancto polo tamaño dos organismos que o integran, aínda que é unha división que pode considerarse "artificial", pois en principio baseouse na luz da malla coa que se facían as capturas, e non se chegou a un acordo definitivo[Cómpre referencia]. Unha das clasificacións máis utilizadas é a seguinte:

Tamén se pode clasificar segundo a súa situación nas augas (horizontal ou vertical)

  • Horizontal (ou distancia con respecto á costa):
    • Plancto nerítico: o que se encontra sobre a plataforma continental.
    • Plancto oceánico: o que se encontra fóra da plataforma continental.
  • Vertical (ou profundidade):
    • Epiplancto: 0 - 50 metros.
    • Subplancto: 50 - 200 metros.
    • Infraplancto: 200 - 500 metros.
    • Batiplancto máis de 500 metros baixo a superficie.

Migracións

[editar | editar a fonte]

O plancto vexetal está sempre cerca da superficie da auga, pois necesita luz para realizar a fotosíntese. En cambio o zooplacto está sempre en movemento, de arriba a abaixo, completando un ciclo diario cun percorrido de entre 100 e 400 m. Está cerca da superficie de noite para alimentarse, e máis abaixo durante o día, para escapar das fortes radiacións solares.

O plancto na cadea trófica

[editar | editar a fonte]

O fitoplancto é o alimento do zooplancto. Este, á súa vez, serve ao mesmo tempo como alimento a equinodermos, crustáceos e peixes en estado larvario. Estas larvas ao creceren serven como alimento a bancos de pequenos peixes que, á súa vez, alimentan a grandes planctívoros, como as baleas ou os tiburóns balea, e a peixes maiores que alimentan, ás veces, en varios elos sucesivos, aos grandes depredadores oceánicos, como son os cetáceos carnívoros, os tiburóns, os atúns ou os peixes espada. En proporción, unha tonelada destes últimos requiriría, para a súa existencia e desenvolvemento, cinco mil toneladas de fitoplacto.

Mareas vermellas

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Marea vermella.
Marea vermella na costa de La Jolla, California.

Coñecidas normalmente como "mareas vermellas" son as proliferacións de dinoflaxelados (fitoplancto) que crecen exponencialmente debido ás condicións favorábeis para o seu desenvolvemento (temperatura, calidade e cantidade de luz, nutrientes e pasividade da auga). A súa reprodución non cesa até que as condicións sexan desfavorábeis. Moitas veces estes afloramentos de algas pasan desapercibidos, mais é posíbel que o afloramento sexa dalgún tipo de fitoplancto tóxico, como o de Alexandrium catenella, que provoca a morte de vertebrados como os humanos.

Non todos os afloramentos tornan á auga da cor vermella que lle dá nome a este fenómeno, paradoxalmente os afloramentos máis nocivos son incoloros, polo que os expertos adoita referirse a eles como "Floracións algais nocivas" (FAN).[11]

Analoxía aérea

[editar | editar a fonte]

Por analoxía co plancto, denomínase plancto aéreo ao conxunto de invertebrados que hai no aire e que serven de alimento a aves como as andoriñas ou os cirrios ou birrios.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para plancto.
  2. Lalli, C. e Parsons, T. (1993): Biological Oceanography: An Introduction. Butterworth-Heinemann. ISBN 0 7506 3384 0.
  3. Por primeira vez, en 1846, Johannes Peter Müller utilizou este termo por recomendación do lingüista Jacob Grimm.
  4. Julius Pagel (1901): Hensen, Victor, en Biographisches Lexikon hervorragender Ärzte. Berlín / Viena: Urban & Schwarzenberg, p. 721.
  5. Thurman, H. V. (1997): Introductory Oceanography. New Jersey, USA: Prentice Hall College. ISBN 0-13-262072-3.
  6. Emiliani, C. (1991): "Planktic/Planktonic, Nektic/Nektonic, Benthic/Benthonic". Journal of Paleontology, 65 (2): 329.
  7. Do grego ὅλος hólos, "todo", "enteiro", e plancto.
  8. Do grego μηρός merós, "parte", e plancto.
  9. Boyce, D.; Lewis, M. & Worm, B. (2010): "Global phytoplankton decline over the past century", Nature, 466: 591–596.Resumo
  10. Schiermeier, Quirin "Ocean greenery under warming stress" Nature News, 28 de xullo de 2010.
  11. Pardo, A. e Cámara, N. (2004): "Mareas rojas, la rebelión del plancton". Inmersión, 49: 54-60.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]