Período dos duques
Con Período dos Duques (tamén chamado da anarquía) indícase o decenio de interregno entre o 574 (morte de Cleph) ao 584 (elección de Autari), durante o cal o reino longobardo e Italia non tivo reis, pero foi gobernado de xeito colexial por varios duques longobardos que se estableceran había pouco e independentes un do outro.
Os historiadores non están seguros da razón deste interregno: algúns consideran que os duques só actuaban como titores colectivos do fillo de Cleph, Autari, que, en efecto, subiu finalmente ao trono; outros falan pola contra "señorío colectivo". En todo caso, neste momento da ocupación os duques non eran máis que os xefes das diversas estirpes do pobo longobardo, aínda non asociados de forma estábel ás cidades, e xa que logo só terán actuado en autonomía, tamén porque deberán ceder ás presións dos guerreiros, teoricamente baixo a súa autoridade, para aproveitárense das aínda grandes oportunidades de botín. Esta situación inestábel, prolongada no tempo, levou ao definitivo afundimento do equilibrio político-administrativo romano-itálico, que ata a invasión se mantivera case intacto, tanto que a mesma aristocracia romano-itálica conservara a responsabilidade da administración civil (basta pensar en Casiodoro).
Os duques non se deron organizado de xeito duradeiro. Cando invadiron a Provenza merovinxia, os reis dos francos Gontrán e Khildeberto II botáronse sobre o territorio dos longobardos, tomaron Trento e abriron unha negociación co Emperador de Oriente Tiberio II, titular tamén do Exarcado de Italia. Ao final, cansos das divisións internas, temendo unha reacción máis forte da parte grega polo sur e franca polo leste e necesitando dun liderado necesario para coordinar as diversas forzas militares, no 584 os duques elixiron rei a Autari. A este foille cedida a nova capital, Pavia e a metade das riquezas ducais, se ben é dubidoso que mantivesen esta última promesa. Autari deu consolidado no seu período de goberno o reino longobardo contra os inimigos en todas as frontes.
Historia
[editar | editar a fonte]Morte de Cleph e disgregación do reino en trinta e cinco ducados (574)
[editar | editar a fonte]Despois do asasinato de Alboíno, os duques longobardos elixiron como o seu novo rei un nobre longobardo de nome Cleph (572): Este, porén, tras ter matado coa espada ou expulsado de Italia a moitos romanos poderosos, morreu coa espada dun servo do seu séquito despois de apenas un ano e seis meses de reinado (574)[1]. Tras a morte de Cleph, non se elixiu un novo rei por máis ou menos dez anos, e o reino fragmentouse a continuación en trinta e cinco ducados independentes un do outro, cada un gobernado por un duque residente na propia cidade.[2] Paulo Diácono cita os nomes de cinco duques:
- Wallari, duque de Bérgamo.
- Alachis I, duque de Brescia.
- Zabano, duque de Pavia.
- Ewin, duque de Trento.
- Xisulfo, duque de Friúl.
Precisa, porén, que, ademais destes, houbo outros trinta duques, cuxos nomes Paulo Diácono evidentemente non coñecía. Os ducados nos que se fragmentou o reino deberon ser, xa que logo, trinta e cinco.
Durante o goberno dos duques o tratamento dos italorromanos foi moi duro, segundo o que afirma Paulo Diácono:
|
|
Os duques longobardos, tras teren asasinado ou expulsado a meirande parte dos latifundistas romanos, tomando posesión dos terreos, permitiron aos superviventes conservar as terras; seguindo as lis da hospitalitas, os latifundistas superviventes debían entregar un terzo das colleitas ás faras longobardas; os longobardos apoderáronse así das posicións chave da sociedade, e ben poucos romanos puideron manter unha posición acomodada.[3]
A contraofensiva bizantina: Baduario (575-576)
[editar | editar a fonte]Mentres tanto, Tiberio Constantino, rexente do Imperio de Oriente no nome do tolo de Xustino II, comprara unha tregua na fronte persa, non válida porén para Armenia, e isto permitiulle enviar novas tropas a Italia, comandadas polo xenro de Xustino II, Baduario. Baduario debería chegar a Rávena no 575/576, onde semella que edificou unha igrexa, con novas tropas provenientes do Oriente, cuxa forza e composición étnica non refiren as fontes, pero que algúns estudosos conxecturaron que puidesen conter mesmo mercenarios longobardos. Unha pasaxe da Historia Ecclesiastica de Xoán de Éfeso evidencia de feito que 60.000 longobardos combateran no 575 en Siria ao servizo do Imperio,[4] e non hai que excluír que despois seguisen a Baduario a Italia.[5] Ademais é posíbel que en Benevento e en Spoleto estivesen asentados, desde os tempos da guerra gótica (535-553), grupos de longobardos como foederati do Imperio, aos que Baduario podería ter pedido axuda contra os longobardos hostís ao Imperio. Estas son, porén, só conxecturas, polo tanto a única fonte que describe (nunha soa liña) a expedición de Baduario é a Crónica de Xoán Biclarense:
|
|
A formación dos ducados de Spoleto e Benevento e a ameaza dirixida a Roma (576-580)
[editar | editar a fonte]A derrota de Baduario foi dramática para o Imperio e proveitosa para os longobardos. De feito, tras a batalla, parece que os longobardos ao servizo do Imperio se rebelaron, fundando os ducados de Spoleto e Benevento. Faroaldo, ex foederatus bizantino e primeiro duque de Spoleto, traizoado o Imperio, apoderouse con engano de Classe, o porto de Rávena, despoxándoa de toda a súa riqueza; cando despois Droctulfo, guerreiro longobardo pasado á parte do Imperio, atacou Classe, Faroaldo foi obrigado a abandonala, devolvéndoa ao Imperio e refuxiándose en Spoleto, sede do seu novo ducado.[6] Tamén Zotto, ex foederatus bizantino, se rebelou contra a autoridade imperial, constituíndo un ducado con sede en Benevento que comezou a se expandir polo Samnio a costa do Imperio, ata conquistar en vinte Anos case toda a Italia meridional, agás as zonas costeiras. Ao mesmo tempo, outros duques longobardos se estableceran en Tuscia, en Chiusi e en Lucca, e comezaron a se expandiren na rexión a costa do Imperio.
As fontes da época describen en poucas pero lacónicas palabras a situación dramática na que se atopaba o Imperio. O Liber Pontificalis conta que naqueles anos moitas fortalezas foron forzadas a se erenderen aos longobardos por fame e que a mesma Roma foi asediada por eles no 579.[7] Xoán Biclarense no ano 578 escribiu que "Os romanos sostiñan unha penosa guerra en Italia contra os longobardos", suxerindo unha grave derrota ulterior.[8] Entre tanto os longobardos apoderáronse das fortalezas ao longo da vía Emilia, expandíronse polo Véneto ocupando Altino, Concordia e Mantua, e violentaron aos monxes na Valeria; a expansión en Tuscia dos longobardos obrigou ao bispo de Populonia a fuxir á illa de Elba, mentres o duque beneventano Zotto, ao se apoderar de Aquino, masacrou a poboación, xa decimada polas epidemias, ata o punto de que tras algúns anos a cidade estaba aínda sen bispo.[9] No 579 tamén Roma foi cercada, pero o cerco fracasou.
Pouco tempo antes do cerco da Cidade Eterna, a finais de 578, Tiberio tería recibido no palacio unha embaixada proveniente de Roma e co senador romano Panfronio á fronte: a embaixada, ademais de lle ofrecer un regalo de 3.000 libras de ouro para celebrar a súa ascensión ao trono (que tivera lugar había pouco tempo), solicitou urxentemente ao emperador tropas para enviar a Italia, devastada polos longobardos; o Emperador respondeu ao seu pesar que estaba empeñado na gravosa guerra contra Persia e, xa que logo, estaba imposibilitado de enviar novas tropas, pero en compensación devolveu as 3.000 libras a Panfronio, suxeríndolle que as empregase para corromper os duques longobardos, convencéndoos para poñerse da parte do Imperio en Oriente contra os persas, ou, noutro caso, para convencer aos francos a atacaren os longobardos.[10] Ao ano seguinte o senado romano enviou outra embaixada e desta volta o Emperador resolveu enviar un pequeno exército a Italia.[11] Tal exército resultou, con todo, insuficiente para pechar o avance dos longobardos, que ocuparon entre os anos 578 e 582 Classe, o porto de Rávena, e asediaron Nápoles. O pontífice intentou en 580 dirixirse ao rei dos francos, pero en van.
Aproveitando a desunión dos longobardos, Bizancio deu feito a procurarse o servizo dalgúns duques longobardos, que se puxeron ao servizo do Imperio: o máis famoso foi Droctulfo, que combateu contra a súa mesma xente mantendo por algún tempo Brescello e reconquistando Classe e que despois foi utilizado por Bizancio tamén no Ilírico contra os ávaros.
Fin do período dos duques e consecuencias
[editar | editar a fonte]Longobardos
[editar | editar a fonte]No 582 subiu ao trono de Bizancio Mauricio, o cal, non podendo enviar reforzos a Italia posto que estaba inmerso na fronte oriental e na balcánica, intentou usar a diplomacia para vencer os longobardos: en 583 unha embaixada bizantina chegou á corte do rei franco Khildeberto II dándolle 50.000 sólidos de ouro a cambio dunha intervención franca na Italia setentrional; o rei franco invadiu, xa que logo, a Italia setentrional no 584, pero os duques longobardos conseguiron que se retirasen pagándoo con cartos, e foron en van as protestas do Emperador Mauricio, que pretendía que lle fosen devoltos os 50.000 sólidos de ouro.[12]
En calquera caso o perigo corrido a causa da alianza entre Bizancio e os francos, fixo considerar seriamente aos Duques a posibilidade de poñer fin á anarquía: temendo unha reacción máis forte por parte bizantina polo sur e franca polo oeste e necesitando un liderado necesario para coordinar as diversas forzas militares, elixiron nese mesmo ano un novo rei, Autari, fillo de Cleph, ao que lle cederon a nova capital, Pavia, e a metade das riquezas ducais.[13] Grazas ao liderado de Autari, os longobardos deron rexeitado os ataques dos francos e conseguiron salvagardar o seu reino. Semella entre outras cousas que durante o reinado de Autari as violencias contra os romanos, que existiron durante o período dos duques, terminaron, ou polo menos se atenuaron:
|
|
Bizancio
[editar | editar a fonte]As conquistas dos longobardos durante o período dos duques empuxaran a Bizancio a reorganizar a disposición administrativo-militar da Italia en mans bizantinas. Sobre o 580, segundo a Descriptio orbis romani de Xurxo de Chipre, semella que Tiberio II dividiu en cinco provincias ou eparquías a Italia bizantina:
- Annonaria, comprendendo as posesións que lle quedaban a Bizancio na Flaminia, a parte oriental da Emilia e Venecia.
- Calabria, comprendendo as posesións bizantinas na Lucania e na Apulia meridional.
- Campania, comprendendo as posesións bizantinas na Campania, o Samnio e no norte de Apulia.
- Emilia, comprendendo as posesións bizantinas na parte central da Emilia, aos que se engaden o extremo sur-oriental da Liguria (con Lodi Vecchio) e o extremo sur-occidental de Venecia (Cremona e zonas limítrofes).
- Urbicaria, comprendendo as posesións que lle quedaban aos bizantinos na Liguria, Alpes Cotti, Tuscia, Valeria, Piceno, e o extremo norte de Campania.
Tal reforma administrativa de Italia semella motivada pola adaptación da administración de Italia ás necesidades militares do momento, visto que gran parte da Península estaba suxeita ás devastacións dos longobardos e que todos os intentos (incluída e expedición de Baduario) para desaloxalos fallaran; recoñecendo as conquistas efectuadas polos longobardos, foi introducido coa reforma o sistema dos tractus fronteirizos anticipando a reforma do Exarcado, que foi realizada algúns anos despois.[14]
Apenas catro anos despois esta nova disposición foi xa abolida, substituída pola do exarcado, subdividido nos seus varios distritos. A fundación do exarcado remóntase ao ano 584, curiosamente o mesmo da elección de Autari. O termo de exarca foi usado por primeira vez nunha epístola que o papa Paio II lle dirixe ao diácono Gregorio, apocrisiario da igrexa de Roma en Constantinopla, o 4 de outubro de 584. Nela dise que o exarca daquela era Decio[15] o na que se declaraba amargamente que o exarca non podía enviar axuda a Roma porque malamente daba defendido Rávena. O novo exarcado foi repartido en sete distritos, estritamente controlados e gobernados polo exarca de Rávena:
- O Exarcado propiamente dito.
- A Pentápole.
- Roma.
- Liguria.
- Venecia.
- Istria.
- O ducado de Nápoles (comprendendo o Bruzio, a Lucania e a Apulia).
A poboación local viuse obrigada a contribuír á defensa do territorio, axudándolle así aos soldados profesionais. Formábase deste xeito unha eficiente máquina defensiva dos territorios que quedaban, principalmente situados nas costas, onde máis se podían facer sentir os poderes imperiais e a frota bizantina. Grazas tamén á nova reforma, o exarcado deu resistido os asaltos dos longobardos ata o 751.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Paulo Diácono, II,31.
- ↑ Paulo Diácono, II,32.
- ↑ Jarnut, Storia dei Longobardi, pp. 47-48.
- ↑ Xoán de Éfeso, Historia Ecclesiastica, VI,14.
- ↑ Bavant, Bernard (1979). "Le duché byzantin de Rome. Origine, durée et extension géographique". Mélanges de l'Ecole française de Rome. Moyen-Age, Temps modernes (91-1): 46. Consultado o 29 de agosto de 2012..
- ↑ Bavant, Bernard (1979). "Le duché byzantin de Rome. Origine, durée et extension géographique". Mélanges de l'Ecole française de Rome. Moyen-Age, Temps modernes (91-1): 47. Consultado o 29 de agosto de 2012.
- ↑ Liber Pontificaîis éd cit. 308. "Eodem tempore gens Langobardorum invaserunt Italiani simulque et famis nimia ut etiam multitude castrorum se tradiderunt Langobardis ut temperare passent inopiae famis"
- ↑ Xoán Biclarense, s.a. 578.
- ↑ Ravegnani, pp. 77-78.
- ↑ Menandro Protector, fragmento 49.
- ↑ Menandro Protector, fragmento 62.
- ↑ Jarnut, p. 35.
- ↑ Jarnut, p. 36.
- ↑ Bavant, Bernard (1979). "Le duché byzantin de Rome. Origine, durée et extension géographique". Mélanges de l'Ecole française de Rome. Moyen-Age, Temps modernes (91-1): 49–50. Consultado o 29 de agosto de 2012.
- ↑ Cf.Bavant, Bernard (1979). "Le duché byzantin de Rome. Origine, durée et extension géographique". Mélanges de l'Ecole française de Rome. Moyen-Age, Temps modernes (91-1): 53–54. Consultado o 29 de agosto de 2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Oman, Charles (1893). The Dark Ages 476-918. Rivingtons, Londres (en inglés)
- Jörg Jarnut. Storia dei Longobardi. Torino, Einaudi, 2002. ISBN 8846440854 (en italiano)