Ducado de Tuscia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Ducado de Tuscia o da Tuscia, inicialmente Ducado de Lucca, foi un ducado longobardo da Italia central, que comprendía gran parte da actual Toscana e da provincia de Viterbo. Tras a ocupación dos territorios que pertencían aos bizantinos, os longobardos fundaron este ducado que, entre outros centros, contaba tamén con Florencia. A capital do ducado era Lucca, que estaba situada cabo da Vía Francíxena, onde residía o duque, ao que os documentos chamaban dux et iudex[1]. O ducado, constituído no 574 tras a ocupación longobarda de Tuscia, coñeceu despois unha evolución histórica no período poscarolinxio, coa formación da Marca de Tuscia.

Territorio[editar | editar a fonte]

No momento da súa constitución limitaba ao oeste co mar Tirreno e o resto cos territorios bizantinos do Exarcado de Italia. A Piana de Pisa caerá en mans longobardas só medio século despois.[2].

Historia[editar | editar a fonte]

A ocupación longobarda de Tuscia (574-680)[editar | editar a fonte]

Segundo a historiografía máis recente[2], Lucca e Spoleto foron os primeiros ducados longobardos formados tras a morte do rei Alboíno, durante o período da anarquía ducal (sobre 574), na parte central de Tuscia. Os ducados foron constituídos por grupos longobardos que escapaban ao poder real. O Ducado de Lucca protexía o percorrido final da Vía Aurelia que, á altura de Pisa, desviábase cara a Lucca e, atravesando a Garfagnana e a Lunigiana percorridas pola actual "Scorciatoia Sarzanese", chegaba a Luni (Ortonovo). Desde o principio o ducado debeu afrontar o problema das inundacións do Auserculus (o río Serchio) que circundaba Lucca. A tradición atribúe o saneamento do territorio a san Frediano, bispo de Lucca, que coa apertura dunha nova boca fixo verter o Serchio directamente ao mar.

A finais do século VI renovouse a incesante penetración longobarda de Tuscia, coa conquista de varios castra, fortificacións bizantinas dispostas para conter a ocupación longobarda. A cronoloxía das numerosas correrías longobardas descríbese así[2]: antes do 590 caeu a Garfagnana, ocupada polas milicias de Teodolinda que transformaron o Castrum Aghinolfi (Montignoso) en fortaleza longobarda; tras o 591 Gumarito, duque de Lucca, irrompeu na poboación de Populonia ocupando o castrum de Poggio de Castello e provocando a fuga dos residentes, que se refuxiaron na illa de Elba co bispo, san Cerbone; a finais do 592, se ben as contiveron os bizantinos, Sovana e Roselle convertéronse en longobardas.

No 593 o rei Axilulfo, internándose nos pasos dos Apeninos centrais, co mesmo exército chegou ata o confín do Ducado romano, ocupando Balneus Regis (Bagnoregio) e Urbs Vetus (Orvieto)[3]. No 644 o rei Rotario conquistou Luni, extremo castrum setentrional de Tuscia. A última empresa de Rotario marcou a fin da expansión longobarda na Tuscia Langobardorum, que confina polo sur coa Tuscia Romana de propiedade bizantina, pero dominada pola crecente autoridade pontificia. Os límites entre os dous territorios, negociados no tratado de paz do 680 entre o rei Perctarito e o emperador de Oriente Constantino IV, permaneceron definitivamente estábeis[4].

O Ducado de Tuscia no Reino longobardo (680-774)[editar | editar a fonte]

No último período da ocupación longobarda, Lucca chegou á primacía sobre case todas as iudicarias limítrofes. Foi por moito tempo a capital de Tuscia e sede habitual dos reis longobardos, cidade privilexiada pola súa historia pasada, polas comunicacións viarias que se volveron aínda máis convenientes coa apertura da Vía Romea, despois Francíxena[1]. Tras a conversión dos longobardos ao catolicismo, o territorio da diocese e o seu patrimonio eclesiástico incrementáronse notabelmente: o territorio meridional de Luni, entre Massa e Montignoso, foi incluído na diocese de Lucca. En 713 os longobardos, co bispo Balsari, edificaron a igrexa de San Miniato. A finais da ocupación longobarda a diocese, coincidente coa iudicaria dirixida polo duque, comprendía territorios de Valdelsa e da Maremma toscana, con Roselle e Sovana[5]. Tamén as condicións económicas do ducado progresaron notabelmente tanto na agricultura coma no comercio, sobre todo no marítimo e fluvial. Os negotiantes, empresarios navais, efectuaban o transporte de gran e sal de parte do duque Walperto[6]. No último período da dominación longobarda o rei Aistolfo, en previsión dun próximo enfrontamento cos francos, enviou a Desiderio á Tuscia Langobardorum co encargo de efectuar un vasto recrutamento militar. Durante a súa estancia en Tuscia algúns autores atribúen a Desiderio o título de "Duque de Tuscia"; outros, porén[7], rexeitan tales hipóteses evidenciando a absoluta falta de probas seguras, posto que a única fonte dispoñíbel, o Liber Pontificalis[8], describe a Desiderio «directu [...] in Tuscia» co único deber de proceder ao recrutamento militar a petición de Aistolfo. Confirmación de tal tese pode ser tamén a coñecida aversión Aistolfo ao poder ducal, xa manifestada en Spoleto coa asunción daquel ducado. Naquel período, tamén en Tuscia onde estaba operando Desiderio, a ceca de Lucca emitiu tremis (moedas longobardas) non coa inscrición «DUX», senón con «AISTULFU-RE» no anverso e «LUCA FLAVIA» no reverso[9], segundo a denominación asumida por Lucca desde os tempos de Autari, autodefinido como Flavius en recordo da tradición romana[10].

Duques longobardos de Tuscia[editar | editar a fonte]

A Tuscia tras a fin do Reino longobardo[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Regnum Italiae, Marca de Tuscia.

In 774, despois da conquista do reino longobardo, Carlomagno proclamouse Gratia Dei rex Francorum et Langobardorum ("Rey dos francos e longobardos pola graza de Deus") e realizou unha unión persoal dos dous reinos: aínda mantendo as Leges Langobardorum ("Leis longobardas"), reorganizou o reino sobre o modelo franco, con condes no lugar dos duques: así tamén o ducado de Tuscia foi reorganizado con base condal e en 781 foi encadrado xunto cos outros territorios antes longobardos no Regnum Italiae, que confiou a Pipino so a tutela de seu pai Carlos. Posteriormente o feudo converteuse en margraviato.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 A. Mancini, Storia di Lucca, p. 23.
  2. 2,0 2,1 2,2 P. M. Conti, La Tuscia e i suoi ordinamenti territoriali, pp. 102-103.
  3. Paulo Diácono, Historia Langobardorum, IV, 32.
  4. O. Bertolini, Roma de fronte a Bisanzio ed ai Longobardi, p. 378.
  5. Mancini, pp. 28-29.
  6. Mancini, p. 26.
  7. Conti, p. 95
  8. Liber Pontificalis, I, p. 494.
  9. cfr. a reprodución fotográfica do tremis de Lucca en F. Vallecchi, Siena, p. 12.
  10. Paulo Diácono, III, 16.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Liber pontificalis, in Duchesne, Louis (1886-1892): Le Liber pontificalis. Texte, introduction et commentaire. París.
  • Paulo Diácono, Historia Langobardorum (Storia dei Longobardi, cura e commento di Lidia Capo, Lorenzo Valla/Mondadori, Milano 1992).
  • O. Bertolini, Roma di fronte a Bisanzio ed ai Longobardi, Edizioni Bologna, 1941.
  • P. M. Conti, La Tuscia e i suoi ordinamenti territoriali, in Atti del V congresso internazionale di studi sull'Alto Medioevo, Spoleto, 1973.
  • A. Mancini, Storia di Lucca, Pacini Fazzi, 1949.
  • F. Vallecchi, Siena, Fenice, 2000.

Outros artigos[editar | editar a fonte]