Saltar ao contido

Pazo de Xelmírez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista do pazo de Xelmírez desde a praza do Obradoiro.
Edificio
Tipopalacio episcopal
Coordenadas42°52′51″N 8°32′43″O / 42.880833333333, -8.545225
Pazo de Xelmírez en A Coruña
Pazo de Xelmírez
Pazo de Xelmírez
Localización do Pazo de Xélmirez na provincia da Coruña
Uso(s)sala de exposicións temporais
Construción
Inicio1120
Remate1136
editar datos en Wikidata ]

O pazo de Xelmírez é o antigo palacio episcopal da catedral de Santiago de Compostela, situado no lado norte da catedral cara á praza do Obradoiro. Foi construído por Diego Xelmírez, arcebispo de Santiago entre 1120 e 1136 pero do edificio orixinal só se conservan as portas de comunicación coa basílica: a Porta de Gramáticos, a porta da Torre e a porta da tribuna.

O bispo Xelmírez, nunha miniatura do Tombo de Toxos Outos.

Xelmírez mandouno construír para substituír o antigo pazo arcebispal situado onda a fachada de Praterías, datado entre os anos 830 e 880, e que fora practicamente destruído [1] nas revoltas acaecidas en Santiago en 1117.

"Xa que aquí aflúen reis, príncipes e magnates... fixo... uns pazos amplos e elevados, dignos e rexios, capaces de hospedar... unha multitude de príncipes e de pobos".
Historia Compostelá

Xa cara a 1180, Pedro Suárez de Deza fixo as primeiras reformas. A mediados do século XIII, o arcebispo Xoán Arias encargou novas modificacións ó mestre Boneth, cara a 1250, para amosar non só o seu poder senón, sobre todo, o señorío sobre a cidade.[2][3] O seu modelo foron os bispados que daquela erguíanse nas principais sés episcopais francesas, compostos por tres compoñentes principais, ademais do propio pazo: unha capela, de uso exclusivo do prelado; unha gran sala de dobre planta, para distintos usos, influenciado polo conxunto palaciano do bispo de París, construído por Maurice de Sully; e, por último, unha torre, símbolo permanente do poder temporal do bispo sobre a cidade.[4] Nos séculos XV e XVI foi reformado de novo por decisión dos arcebispos Lope de Mendoza e Alonso III de Fonseca. Tamén o foi polo arcebispo Maximiliano de Austria.

No século XVIII tamén foi reformado, coa construción dunha nova planta que esixiu levantar unha nova fachada barroca, a modo de contraforte.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

O edificio está aliñado coa fachada occidental románica da catedral, con tres plantas e acceso desde a praza do Obradoiro. Traspasado este acceso pódese ver o pórtico románico orixinal, oculto agora trala nova fachada do século XVIII. Na planta baixa está a Sala de Armas, co vestíbulo a un lado (contiguo á torre da catedral) e o arco do pazo ó norte; esta sala está dividida por columnas compostas por catro máis delgadas en dúas naves con cinco tramos, e con bóvedas de aresta.

Un dos canzorros do salón de cerimonias.

O patio que segue conduce ás escaleiras polas que se sobe ó Salón de Cerimonias ou Sinodial, construído entre 1253 e 1266 polo mestre Pedro Boneth sobre a sala de armas e o arco de palacio. Trátase dun amplo salón diáfano, de planta rectangular (con medidas de 32 x 8,40 metros), dividido en seis tramos rebaixados, con bóvedas de cruzaría tripartita. Uns arcos faixóns cargan sobre os nervios das bóvedas e canzorros, de grande importancia, embutidos nos muros laterais. Son todas historiadas e unha variada e rica decoración aumenta de xeito progresivo dende os tramos do sur cara aos do norte. Representan un banquete coa asistencia de reis, nobres e cregos, acompañados de músicos e nas claves dos últimos tramos do sur inclúense, en medio da follaxe, os seus respectivos anxos que sosteñen nas súas mans un chameante disco solar e un crecente lunar (temas apocalípticos aos que tamén recorreu o mestre Mateu na cripta e o arco exterior do inmediato Pórtico da Gloria). Os distintos autores asumen que se trate das vodas de Afonso IX e dona Berenguela; para outros representarían a peregrinación de Fernando III o Santo e a súa dona, Beatriz de Suabia. Nos capiteis represéntanse os comensais comendo unha empanada. Este elegante salón comedor é a máis acabada obra civil gótica que se conserva en Galicia.[5]

Outras estancias salientables son a cociña medieval, unha sala de garda e a sala do arcebispo Manrique (do século XVI).

Desde os corredores do pazo pódense ver partes da fachada norte da catedral, na que merecen especial atención algúns dos canzorros románicos.

Canzorros

[editar | editar a fonte]

Adoito iníciase o percorrido polo canzorro situado no centro da ábsida norte na que se ve unha figura de pé, coas mans estendidas en xesto de oración, vestido con amplas ropaxes. Pénsase que representa un sacerdote. Flanquéano dous serventes vestidos con túnica curta: o da esquerda suxeita unha vasilla, en parte velada por un pano que cáelle dende o ombro; o da dereita carga unha especie de sopeira. Os tres están calzados, son lampos e teñen o cabelo curto.

O canzorro do muro occidental, máis preto á ábsida, amosa un personaxe sentado á mesa, cuberta por un mantel, que é atendido por catro serventes: un destapa unha especie de sopeira que sosteñen pola base o señor e o criado; á outra banda da mesa un novo doméstico semella cortar unha fogaza de pan. Nas partes laterais do canzorro, de menor voo que a central, labráronse dous criados de xeonllos: o da esquerda leva unha sopeira maior que a anterior; o outro, coas mans veladas, presenta unha empanada, a xulgar pola ornamentación da súa parte superior. O canzorro situado enfronte, quizais obra do mesmo artista, é a única do salón que repite a empanada coa mesma ornamentación, o destapar a sopeira, e a un servente con pans; tamén a mesa e mantel que a cobre son análogos.[6]

Canzorro con músicos sostendo un organistro.

No segundo canzorro o comensal estase a lavar as mans. Un servente manexa unha fermosa xerra; outro, escabezado, ofrécelle unha toalla que estende sobre a mesa. Nos extremos, outros dous criados de xeonllos levan unhas sopeiras coma as anteriores, ao tempo que a súa vestimenta, cabelo e falla de barba tamén coincide co aspecto dos primeiros serventes. A repisa situada enfronte presenta músicos.

No terceiro canzorro troca a temática, a disposición e mailo autor. No centro, dúas figuras sentadas tocan un organistro; os bordos das súas roupas están ornamentados e cingue as súas cacholas coroas con xemas. Á esquerda un novo músico toca unha fídula oval que apoia nas súas pernas; ao da dereita, fáltanlle os brazos; ambos están acubillados por arcos, disposición que se repite no canzorro que forma parella con ela, sendo as únicas que presentan tal disposición. A seguinte do lado occidental decórase con tres anxos de ás despregadas e cabezas aureoladas que estenden uns letreiros con epígrafes diferentes. A interpretación de López Ferreiro[7] é a seguinte. Nunha le: «VIR FIDELIS/ CORONABITVR IN CELIS», é dicir: o varón fiel será coroado no ceo; noutra: «QVOT TIBI NON VIS FIERI/ ALTERI NE FACIAS», sería: o que non queiras para ti, non llo fagas a outro; finalmente, da terceira inscrición di: «está tan gastada, que apenas puede leerse». As roupas dos anxos teñen os bordos ornamentados, o situado á esquerda bosquexa un leve sorriso, e o seu cabelo é crecho.

No quinto canzorro volven a representarse escenas dun banquete. Unha parella coroada está sentada a unha mesa so a que asoman os seus zapatos, cóllense da man e mentres o personaxe da dereita toma un pan; o seu compañeiro ten diante un prato con viandas e dobraba un brazo, hoxe mutilado, sobre o peito. Ao seu carón, no extremo do canzorro, un anxo lector apoia un libro aberto sobre os seus xeonllos; no outro lado, un soldado con barba, vestido con cotas de malla e casco na cachola, protéxese o peito cun escudo e deféndese cunha espada, crebada, que cravou nun cuadrúpede, posibelmente un oso, co que combate. A besta apóiase sobre as súas patas traseiras e ten unha das dianteiras no escudo do guerreiro.

Os canzorros do muro oriental presentan, de sur a norte, os seguintes temas. A primeira, aparece no centro un personaxe coroado e cunha barba crecha, única figura que xunta o soldado da repisa de enfronte a luce, que suxeita coa súa man esquerda unha redoma cuxo bandullo toca coa destra. Porta unha túnica e manto abotoado cunha fíbula sobre o seu ombro dereito. Seica podería representar un rei, a xulgar pola coroa que cingue a súa cachola. Aos lados, os seus respectivos músicos, tamén coroados, mais imberbes e sen manto. Os músicos con diferentes instrumentos repítense nos tres canzorros seguintes, así no segundo vense catro músicos sentados, os do centro, con coroas nas súas cabezas, levan fídulas entalladas; os dos lados suxeitan unha viola vertical que os musicólogos noméana como «un dos instrumentos máis misteriosos do pazo de Xelmírez» e quizais unha cítara,[8][9] que, coma o anterior, semella que xurdiu no século XIII, polo que teñen aquí unha representación temperá.

No seguinte canzorro reitérase a parella sentada e coroada, aínda que agora sen instrumento musical nas súas mans. O da esquerda ten crebado un brazo e coa man dereita sostén un longo puñal ou espada curta desenvaiñada cuxa punta apoia sobre o peito; o seu compañeiro, tamén mutilado, probabelmente suxeitaba un puñal, e descansa a outra man sobre o xeonllo. Aos lados atópanse un servente sentado nunha cadeira baixa cos pés cruzados, cun obxecto circular nas súas mans, galonado e con botón na súa parte superior; ao outro lado un músico, tamén sentado e coas pernas cruzadas, agarra nas súas mans unha nova cítara.

No penúltimo canzorro do muro oriental represéntanse tres músicos de pé, calzados e con túnicas até media perna. O do centro cobre a súa cachola cun gorro e leva unha arpa; outro, unha fídula; finalmente o terceiro, sopra nunha dobre frauta, instrumento que se ve na porta principal do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro e nos Anciáns do Pórtico do Paraíso na catedral de Ourense. O último canzorro volve a presentar uns comensais semellantes aos do situado enfronte; un dos serventes sostén coas mans unha pía de catro pans; o outro, suxeita un cántaro e disponse a servir a bebida.

É evidente a formación dos autores destas pezas no obradoiro do mestre Mateu, tanto polos motivos decorativos coma no xeito de esculpir as imaxes. Amosan, polo tanto, unha gran semellanza cos elementos do desaparecido claustro medieval da catedral compostelá, da portada da capela da Corticela e mailo claustro da colexiata de Santa María a Real do Sar.

O pazo na actualidade

[editar | editar a fonte]

O pazo de Xelmírez foi a sede provisional do Parlamento de Galicia desde a súa constitución o 19 de decembro de 1981[10] ata que se trasladou ó pazo de Fonseca no verán de 1982 e, finalmente, á actual sede no pazo do Hórreo en 1989. Para conmemorar os 30 anos do Parlamento, o 19 de decembro de 2011 celebrouse no pazo de Xelmírez unha sesión extraordinaria do Parlamento.[11][12]

"O 19 de decembro de 1981 constituíase, entre os centenarios muros do pazo de Xelmírez, a primeira lexislatura do Parlamento de Galicia. Hoxe, transcorridos trinta anos desde a súa creación, e asentada desde hai algo máis de dúas décadas na súa sede definitiva do pazo do Hórreo, a Cámara consolidouse plenamente como alicerce consubstancial da autonomía de Galicia".
Pilar Rojo, presidenta da Cámara[13]

Actualmente, o pazo ten un novo uso museístico, integrado dentro da área do Museo da Catedral. En agosto de 2012 acolleu a primeira exposición pública do Códice Calixtino, acabado de recuperar tralo seu roubo en 2011.[14] En 2013 foi acondicionado como sala de exposicións temporais.[15]

  1. Como tamén a propia fachada de Praterías.
  2. López Ferreiro, Antonio (1895). Fueros municipales de Santiago y de su tierra. Santiago. 
  3. Pérez Rodríguez, Francisco Javier (2010). Los cabildos catedralicios gallegos en la Edad Media (siglos XII-XIV). Universidade de Vigo. 
  4. Erlande-Brandenburg, Alain (1989). La cathédrale. Fayard. ISBN 9782213022406. 
  5. Cegarra Martínez, Basilio (1995). Nigra, Comercial Gráfica Nós, ed. Atlas Arte. Galicia (en castelán). Vigo. p. 45. ISBN 84-87709-43-5. 
  6. Lampérez y Romea, Vicente (1922). Arquitectura civil española de los siglos I al XVIII. Saturnino Calleja. 
  7. López Ferreiro, Antonio (1898-1909). Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela. Seminario Conciliar Central. 
  8. Pérez Díaz, Luciano (1994). Instrumentos de corda medievais: reconstrucción e investigación. Deputación Provincial de Lugo. 
  9. Luengo, Francisco (2000). Instrumentos de corda medievais. Deputación Provincial de Lugo. 
  10. Fotografía dos parlamentarios Arquivado 19 de abril de 2014 en Wayback Machine. achegándose aquel día ó acto de constitución no Pazo de Xelmírez.
  11. "El Parlamento agradece a la USC su hospitalidad durante casi siete años". La Voz de Galicia (en castelán). 2012-06-29. Consultado o 2019-07-25. 
  12. "El Parlamento de Galicia, tres décadas de democracia". www.elcorreogallego.es. Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2019. Consultado o 2019-07-25. 
  13. "Parlamentodegalicia.es". Arquivado dende o orixinal o 08 de setembro de 2013. Consultado o 08 de setembro de 2013. 
  14. Europapress.es
  15. "Santiago da luz verde al acondicionamiento de la Sala de Armas de Xelmírez y de la capilla del Hostal dos Reis Católicos". www.elcorreogallego.es. Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2019. Consultado o 2019-07-25. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Barral Iglesias, Alejandro e Suárez Otero, José: Catedral de Santiago de Compostela y Museo. Edilesa, León 2003.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]