Nina Simone

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nina Simone in the sixties.jpg

Eunice Kathleen Waymon, máis coñecida por Nina Simone, nada en Tryon (North Carolina) o 21 de febreiro de 1933 e finada en Carry-le-Rouet (Francia) o 21 de abril de 2003, foi unha cantante, pianista e letrista estadounidense. Aínda que considerada intérprete de jazz, ela rexeitaba esa clasificación. No seu repertorio mesturou o jazz, o blues, o soul, o rhythm and blues e mesmo a música clásica .

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Xuventude[editar | editar a fonte]

Nina Simone naceu nunha familia de oito. Coma moitos outros cantantes afroamericanos foi influída sendo pícara por Marian Anderson e comezou a cantar na igrexa local, demostrando á un tempo un grande talento como pianista. Debutou publicamente cun recital de piano na radio, durante o cal os seus pais, que sentaban na primeira rea de bancos, foron obrigados a se desprazar á parte traseira para lles deixar sitio ós brancos. A lembranza deste incidente foi decisiva para a súa posterior participación no movemento de dereitos civís.

Aos dezasete anos, trasladouse a Philadelphia, Pennsylvania, onde deu clases de piano e fixo de acompañante para cantantes. Conseguiu unha praza para estudar piano na prestixiosa Juilliard School of Music, de Nova York grazas á axuda dalgúns benefactores, pero a falta de cartos impediulle cumprir o seu soño de ser a primeira concertista de piano afroamericana. Máis tarde foille rexeitada unha petición para estudar piano no Curtis Institute. Ela creu sempre que a causa fora a súa cor.

Primeiros éxitos[editar | editar a fonte]

Simone escolleu entón o camiño do blues e o jazz, que inaugurou nun club nocturno de Atlantic City. Tomou o nome de Nina Simone en 1954. "Nina" era o alcume que lle puxera o seu mozo (do español niña), e "Simone" pola actriz francesa Simone Signoret. Deuse a coñecer ó público 1959 cunha descarnada versión de I love you Porgy do Porgy and Bess de George Gershwin, a súa única canción que acadou a listas das corenta cancións máis vendidas nos Estados Unidos. Seguiu có single "My Baby Just Cares for Me", que foi o seu tema máis coñecido en Europa, alcanzando o éxito nos ano 80 despois de ser usada no Reino Unido nun anuncio de televisión do perfume Chanel Nº 5.

Dereitos civís[editar | editar a fonte]

Durante os anos 60 implicouse no movemento de dereitos civís, gravando algunhas cancións de contido político, entre elas To Be Young, Gifted and Black, Backlash Blues,Mississippi Goddam(como resposta o asasinato de Medgar Evers e á bomba que, nunha igrexa de Alabama, matou catro nenos negros, I Wish I Knew How It Would Feel to Be Free e Pirate Jenny de Kurt Weill cunha versión na que se cambia o escenario orixinal por un hotel do sur dos Estados Unidos.

Grandes éxitos[editar | editar a fonte]

En 1961 Simone gravou unha versión da tradicional The House of the Rising Sun, (A casa do sol nacente), que sería despois gravada por Bob Dylan e, con grande éxito, por The Animals. Outras interpretacións que a fixeron famosa foron I Put a Spell on You de Screamin' Jay Hawkins, Here comes the sun dos Beatles,Four Women, I Shall Be Released, de Bob Dylan, 'To Love Somebody" dos Bee Gees, e Ain't Got No (I Got Life). A derradeira, do musical Hair, foi o seu debut nas listas de éxitos do Reino Unido, acadando o número 2 en 1968 e facéndose famosa no ano 2005 por un anuncio de televisión. En 1987 Nina recuperou a popularidade cando My Baby Just Cares for Me, dun álbum editado en 1958, tivo un enorme éxito no Reino Unido e outros países. A súa versatilidade facíase evidente na súa música, que as veces tiña unha sinxeleza semellante á da música popular. Nun só concerto, podía pasar con facilidade de temas con inspiración no gospel ó blues e ó jazz en, en cancións coma For All We Know, xogar coa música clásica e as fugas contrapuntísticas. A súa Sinnerma foi parte da banda sonora das películas The Thomas Crown Affair, e Cellular, e mesmo da do xogo de vídeo Marc Ecko's Getting Up: Contents Under Pressure. O guitarrista e director musical Al Shackman. acompañouna durante a maior parte da súa carreira

Madurez[editar | editar a fonte]

No ano 1971 marchou dos Estados Unidos despois de problemas con axentes de artistas, compañías de discos e a facenda pública, e criticando o racismo da sociedade americana. Volveu o 1978 e foi arrestada por evasión de impostos (non pagara os seus impostos durante uns anos como protesta pola guerra do Vietnam. Viviu en varios países do Caribe, África e Europa, e seguía a súa carreira cando xa pasaba dos 60. Nos anos 80 tocaba regularmente no club de jazz de Ronnie Scott en Londres.

En 1995 foi acusada de disparar e ferir cunha pistola de aire comprimido ó fillo dun veciño que non lle permitía concentrarse. Disparou tamén ó executivo dunha casa de discos, acusándoo de lle roubar os dereitos de autor. Tiña sona na industria do disco de ser de carácter voluble e difícil de manexar, acusacións das que ela se defendeu sempre con forza.

Malia o seu carácter e estilo musical frecuentemente reservados e distantes, nos seus últimos anos gustaba de atraer as audiencias contando anécdotas da súa carreira e mesmo aceptando peticións do público. O seu aspecto nobre e impoñente no escenario gañáronlle o alcume de Alta sacerdotisa do soul.

En 1993, estableceuse preto de Aix-en-Provence no sur de Francia. Despois de varios anos de sufrir un cancro morreu os 70 anos durante a noite na súa casa.

A música de Nina Simone segue a reproducirse en bandas sonoras cinematográficas como as de Point of No Return, The Thomas Crown Affair, The Bourne Identity, e Cellular. Unha emotiva versión de I Got It Bad And That Ain't Good de Duke Ellington figura no filme de 1998 The Big Lebowski.

A biografía de Nina Simone I Put a Spell on You foi publicada en inglés en 1992 (ISBN 0-306-80525-1). A filla, actriz e cantante, coñecida por Simone, traballou en Broadway

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • (ccon Stephen Cleary) I Put a Spell on You: The Autobiography of Nina Simone (New York: Pantheon, 1991). ISBN 0-679-41068-6
  • Feldstein, Ruth. "'I Don't Trust You Anymore': Nina Simone, Culture, and Black Activism in the 1960s", Journal of American History, Vol. 91, No. 4, March 2005.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nina Simone Modificar a ligazón no Wikidata
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Nina Simone

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]