Banu Qasi
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Os Banu Qasi ou ibn-Qási (en árabe:بنو قاسي, "fillos ou herdeiros de Casius") foron unha importante familia vascoa-muladí, cuxos dominios se situaron no val do río Ebro entre os séculos VIII até o primeiro cuartel do X, durante a ocupación musulmá.
Descendían do conde Casius ou Casio, un nobre visigodo que, á época da conquista musulmá do reino visigodo, gobernaba a rexión comprendida aproximadamente entre Tudela, Tarazona, Ejea e Nájera e que como a maior parte dos visigodos en Spania se converteu ao islam, tornándose vasalo dos Omíadas para conservar os seus dominios (até o ano 713). De aí o nome da familia, Banu Qasi ou ibn-Qási - "fillos de Casio".
O clan aumentou o seu poder durante o século VIII, grazas ao apoio prestado aos emires de Córdoba nas loitas internas entre árabes e berberes, que foron frecuentes durante os anos que se seguiron á islamización de Spania. Destácase, nesta época, Musa ibn Furtun, neto do conde visigodo, cuxos dominios se estendían polo val do Ebro (Ejea, Tudela, Tarazona, Borja, Arnedo...). Apoiou o emir Hisham I contra a insurrección de Said ibn al-Husayn (na zona de Tortosa) a quen deu combate e derrotou. Máis tarde, marchou sobre a taifa de Zaragoza, da que se apoderou, aínda que fose morto por un liberto de Al-Husayn.
Os Banu Qasi souberon manter as boas relacións cos seus veciños, os vascos cristiáns de Navarra, para o que axudou o matrimonio en segundas núpcias de Oneca (casada anteriormente co vasco Íñigo -ou Eneko- Ximénez, e nai de Íñigo Íñiguez, que máis tarde sería o primeiro rei de Pamplona, coñecido posteriormente como Íñigo Arista) con Musa ibn Fortun, o ano de 784. Desta unión naceu Musa ibn Musa (Musa II), que sería, por tanto, irmán de Íñigo Íñiguez, por parte da nai. Os vínculos familiares mantivéronse reforzados máis adiante, polo matrimonio de Assona (irmá de Íñigo Arista) con Musa ibn Musa.