Maria Sibylla Merian
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 2 de abril de 1647 Frankfurt (Sacro Imperio Romano Xermánico) |
Morte | 13 de xaneiro de 1717 (69 anos) Ámsterdam (Provincias Unidas) |
Actividade | |
Campo de traballo | Entomoloxía |
Lugar de traballo | Suriname (pt) |
Ocupación | entomóloga, ilustradora, ilustradora científica, ilustrador botánico, artista gráfica, pintora, botánica, naturalista, lepidopterólogo, artista |
Obra | |
Obras destacables | |
Familia | |
Cónxuxe | Johann Andreas Graff |
Fillos | Johanna Helena Herold, Dorothea Maria Henriette Merian |
Pai | Matthäus Merian |
Irmáns | Matthaeus Merian Caspar Merian |
Descrito pola fonte | Appletons' Cyclopædia of American Biography, (sec:Merian, Marie Sibylle) The Great Theatre of Dutch Painters (en) , (sec:Maria Sibylla Merian) Women Painters of the World (Pintoras do Mundo) (pt) , (sec:Merian, Maria S.) |
Maria Sibylla Merian, nada en Frankfurt o 2 de abril de 1647 e finada en Ámsterdan o 13 de xaneiro de 1717, foi unha naturalista, exploradora e pintora alemá, de pais suízos.[1] Malia ser ignorada durante longo tempo, é hoxe considerada coma unha das máis importantes iniciadoras da entomoloxía moderna, grazas ás observacións detalladas e á súa descrición, con ilustracións propias, da Metamorfose das bolboretas.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Alemaña
[editar | editar a fonte]María Sibylla Merian, filla de Matthäus Merian o vello, gravador en talla doce e editor que se fixo relativamente famoso grazas ás edicións de Teatro Europeo (‘’Theatrum Europaeum’’) e Topografías (Topographien). Morreu cando María Sibylla tiña tres anos. A nai, Johanna Sibylla Heim, era a segunda esposa de Matthäus Merian. Máis tarde, o seu padrasto, Jakob Marell, coñecido polos seus cadros de flores, aprendeulle a pintar, debuxar e gravar. Aos trece anos xa pintaba as súas primeiras imaxes de insectos e de plantas a partir de modelos que capturaba directamente.
Na miña mocidade dediqueime á procura de insectos. Comecei cos vermes da seda da miña cidade natal de Fráncfort. Despois establecín que a partir de outras eirugas desenvolvíanse moitas das máis belas bolboretas, coma o fan os vermes da seda. Isto levoume a apañar todas a eirugas que podía atopar para ollar a súa transformación.Metamorphosis Insectorum Surinamensium, limiar
Aos 18 anos, en 1665, María Sibylla casou cun pintor especializado en arquitectura, Johann Andreas Graff. Logo de dous anos tivo a súa primeira filla, Johanna Helena, e a familia mudouse a Núremberg. A crenza da época aseguraba que os insectos eran o resultado da "xeración espontánea na lama en putrescencia". Esta opinión remontábase a Aristóteles e levara á Igrexa a designar a estes animais coma "bestas do diaño". Malia existir esta crenza, Maria preguntábase como podían xurdir as máis fermosas bolboretas das eirugas. Estudou a metamorfose, os detalles crisálide e as plantas das cales se alimenta a eiruga. Ilustrou así todos os estadios do desenvolvemento no seu caderno de bosquexos.
Este caderno de bosquexos é a trama do seu primeiro libro, publicado cando tiña 28 anos, en 1675, co nome de Novo libro de flores. Neste só as flores son reproducidas de xeito moi enxeñoso e detallado. Os dous últimos volumes do libro publicáronse en 1677. En 1678 naceu a súa segunda filla, Dorotha Maria, e un ano máis tarde publicou o seu libro A eiruga, marabillosa transformación e estraña alimentación floral que é a súa segunda grande obra. Neste libro presenta os distintos estadios de desenvolvemento das distintas especies de bolboretas sobre as plantas das que se alimentan.
Países Baixos
[editar | editar a fonte]En 1685 Merian separouse do seu home e s mudou ao castelo Waltha (Países Baixos) co seu cuñado para morar nunha comuna pietista. O castelo pertencía a Cornelis van Sommelsdijk, gobernador do Suriname. Neste local estudou a fauna e flora tropical de América do sur e, trala morte do seu cuñado un ano despois, instalouse en Ámsterdan. Púxose alí en contacto cuns outros naturalistas e con varios propietarios particulares de orangeries (pomares de laranxeiras) e paxareiras.
Suriname
[editar | editar a fonte]En 1699, con 52 anos, viaxou coa súa filla máis nova ao Suriname. Entusiasmada polas coleccións dos seu amigos escribiu:
Nos Países Baixos, constatei porén abraiada que se deixaban traer cantidade de fermosos animais das Indias orientais e occidentais, concedíaseme a honra de me deixar consultar de xeito particular a cara colección do ben nacido doutor Nicolaas Witsen, alcalde da cidade e director da sociedade das Indias orientais así como a do nobre don Jonás Witsen, secretario desta mesma vila. Ademais, vía tamén as coleccións de don Fredericus Ruysch, doutor en medicina e profesor de anatomía e botánica, de don Livinus Vincent e doutras persoas. Nesas coleccións, encontrei este coma outros innumerábeis insectos, mais ao fin se a súa orixe e reprodución son descoñecidos, leva a preguntarse como se van transformar a partir de eirugas en crisálides e así seguidamente. Todo isto levoume a emprender unha gran viaxe a soñar dende hai tempo e marchar ao Suriname.‘’Metamorphosis Insectorum Surinamensium’’ (Metamorfose dos insectos do Suriname), limiar
Aínda que amigos e coñecidos de María desaconsellárona facer esa viaxe ao Suriname, esta non desleixou o seu proxecto. Para a súa viaxe, Mari obtivo unha bolsa da cidade de Ámsterdan. Dende Paramaribo, a capital do país, as dúas mulleres realizaron numerosas excursións ao interior do Suriname. Maria describiu todo o que foi descubrindo sobre a metamorfose dos insectos tropicais de Suriname e realizou un gran número de debuxos e acuarelas. En 1701 contaxiouse de malaria e tivo que interromper a súa viaxe tornando a Ámsterdan.
Retorno aos Países Baixos
[editar | editar a fonte]Os seus debuxos e bosquexos servíronlle de baseamento para realizar un traballo de importancia sobre a fauna e a flora do Suriname. Coa axuda de varios concidadáns o editor publicou, logo de tres anos de traballo intensivo, a obra máis importante de Maria Sibylla Merian: Metamorphosis Insectorum Surinamensium ( Metamorfose dos insectos do Suriname), publicada en Ámsterdan en 1705.
Escribiu sobre este libro:
Para a realización deste traballo non fun ávida, mais me considerei satisfeita en canto recuperei o que desembolsara. Non reparei en despensas para a execución desta obra. Fixen gravar as placas por un mestre famoso e escollín o mellor papel para achegar ledicia non só aos afeccionados á arte senón tamén aos afeccionados aos insectos; faime moita ledicia cando escoito que acadei o meu obxectivo e que dou felicidade ao tempo.
- ( Metamorphosis Insectorum Surinamensium ( Metamorfose dos insectos do Suriname), limiar)
O libro era para a época bastante caro e había poucos compradores, Maria Sibylla Merian non podía vivir só grazas á súa pintura. Dedicouse a dar cursos de debuxo e á venda de utensilios de pintura e preparacións a base de plantas e animais de todo tipo de especies.
Merian, que contaba cunha gran reputación de naturalista e artista, morreu en 1717 aos 70 anos en Ámsterdan. Había dous anos que tiña que se desprazar en cadeira de rodas logo dun ataque de apoplexía.
Nos derradeiros anos do século XX, o traballo de Maria foi descuberto de novo, restaurado e varias veces honrado. O seu retrato púxose no billete de 500 marcos alemáns e nun selo de 0.40 marcos de 1987. Varias escolas levan o seu nome e en xaneiro de 2005 a vila de Warnamünde botou un barco co seu nome pertencente ao Instituto de Investigación no Mar Báltico.
Traballos
[editar | editar a fonte]O traballo de Merian é considerábel. Na súa época era realmente raro que alguén se interesase de verdade nos insectos. A metamorfose dos animais era case descoñecida. O feito que ela publicase A eiruga, marabillosa transformación e estraña alimentación floral en alemán fíxoa popular na alta sociedade. Por esa mesma razón, era evitada polos científicos do seu tempo, xa que a lingua oficial para a ciencia era o latín.
Paralelamente á metamorfose, Maria Sibylla Merian describiu tamén moitos outros detalles da evolución e vida dos insectos. Mostrou, por exemplo, que cada eiruga depende dun pequeno número de plantas para a súa alimentación e que, polo tanto, os ovos eran postos preto desas plantas. Este traballo fixo dela unha das primeiras naturalistas que observou realmente os insectos, o que lle permitiu descubrir moitas cousas sobre o seu desenvolvemento.
Continuar a súa pescuda no Suriname foi a súa maior orixinalidade. Polo xeral os seus contemporáneos viaxaban ás colonias para atopar exemplares, facer coleccións e traballar sobre estas ou para instalarse. As viaxes científicas eran case descoñecidas na época, polo que o proxecto de Maria era tomado como unha excentricidade.
Conseguiu, porén, descubrir nas terras de Suriname toda unha serie de animais e plantas completamente novos, coa súa clasificación, que representaba con todo luxo de detalles. A súa clasificación das bolboretas e avelaíñas (que ela chamaba bolboretas-capelas e bolboretas-curuxas) é válida aínda hoxe. Utilizou para as plantas os nomes dos indios que importou a Europa:
Veño de crear a primeira clasificación de todos os insectos con crisálide, as capelas que voan polo día e as curuxas que voan á noite. A segunda clasificación é para os vermes, eirugas, moscas e abellas. Conservei os nomes de plantas, xa que eran utilizados en América polos habitantes e os indios.
- ( Metamorphosis Insectorum Surinamensium ( Metamorfose dos insectos do Suriname), limiar)
Os debuxos de plantas, serpes, arañas, iguanas e coleópteros tropicais realizados pola súa man son considerados incluso hoxe en día coma obras de arte e coleccionados por afeccionados de todo o mundo. A verba alemá Vogelspinne (migale), literalmente araña-paxaro deriva probabelmente dun dos seus gravados inspirado nun dos bosquexos do Suriname. Este gravado representa unha enorme araña capturando un paxaro (aínda que non se coñecen realmente arañas que cacen paxaros).
Obras
[editar | editar a fonte]- Novo libro de flores [Neues Blumenbuch], volume 1, 1675.[2]
- Novo libro de flores, volume 2, 1677.[2]
- Novo libro de flores, volume 3, 1677.[2]
- A eiruga, marabillosa transformación e estraña alimentación floral [Der Raupen wunderbare Verwandlung und sonderbare Blumennahrung], 1679.[3]
- Metamorfose dos insectos do Suriname [Metamorphosis insectorum Surinamensium], 1705.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Patricia Rodriguez. María Sybilla Merian. La científica de las mariposas Journal of Feelsynapsis (JoF). ISSN: 2254-3651. 2012 (3): 28-32
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Bürger, Thomas (ed.): New Book of Flowers. Múnic: Taschenbuch, 1999. (ISBN 3-7913-2080-7.)
- ↑ Der Raupen wunderbare Verwandlung und sonderbare Blumennahrung. Núremberg: Johann Andreas Graffen. Fráncfort y Leipzig: David Funken y Andreas Knortzen, 1679-1683.
- ↑ Nebel, Gerhard (ed.): Metamorphosis insectorum Surinamensium. Hamburgo: Hoffmann u. Campe, 1964. (ISBN B0000BLI0P.)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Kaiser, Helmut: Maria Sibylla Merian: Eine Biografie, Artemis & Winkler, Düsseldorf, 2001 (ISBN 3-538-07051-2).
- Keppler, Uta: Die Falterfrau: Maria Sibylla Merian, Múnic, 1999 (ISBN 3-423-20256-4).
- Kerner, Charlotte: Seidenraupe, Dschungelblüte: Die Lebensgeschichte der Maria Sibylla Merian, Weinheim: Beltz & Gelberg, 1998 (ISBN 3-407-78778-2).
- Kühn, Dieter: Frau Merian! Eine Lebensgeschichte, S. Fischer, Fráncfort, 2002 (ISBN 3-10-041507-8).
- Van Dullemen, Inez: Die Blumenkönigin: Ein Maria Sybilla Merian Roman, Aufbau Taschenbuch, Berlín, 2002 (ISBN 3-7466-1913-0).
- Merian, Maria Sibylla:
- Irene Cívico e Sergio Parra (2018). Las chicas son de ciencias. 25 científicas que cambiaron el mundo Penguim Random House. ISBN 978-84-9043-882-4.
- De Marchi, Vichi,. (2020). Ellas son de ciencias : Historias, pasiones y sueños de 15 científicas. Madrid: Ediciones del Laberinto. ISBN 978-84-1330-038-2
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- En inglés
- María Sybilla Merian Arquivado 28 de marzo de 2013 en Wayback Machine. Información sobre a súa vida e súa obra.
- Galerie Maria Sibylla Merian (imaxes dos seus traballos):
- Der Raupen wunderbare Verwandlung Arquivado 06 de abril de 2013 en Wayback Machine.
- Neues Blumenbuch Arquivado 06 de abril de 2013 en Wayback Machine.
- Metamorphosis insectorum Surinamensium Arquivado 20 de xaneiro de 2013 en Wayback Machine.
- Women and Nature: Special Collections Memorial Library, Universidade de Wisconsin-Madison.
- Natural History Exhibit Chronological TourArquivado 08 de abril de 2013 en Wayback Machine. Metamorphosis Insectorum Surinamensium (revisión).