Luis Marchionni y Hombrón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaLuis Marchionni y Hombrón
Biografía
Nacemento1815 Editar o valor em Wikidata
París, Francia Editar o valor em Wikidata
Morte1894 Editar o valor em Wikidata (78/79 anos)
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióngravador Editar o valor em Wikidata

Luis Marchionni y Hombrón, nado en París en 1815 e finado en Madrid en 1894, foi un deseñador e gravador de moedas e medallas que ocupou o cargo de gravador xeral da Casa da Moeda de Madrid entre 1861 e 1873.

O seu labor na Casa da Moeda abrangueu os derradeiros anos do reinado de Isabel II (1833-1868), a rexencia de Serrano e Prim (1868-1871), o reinado de Amadeu I (1871-1873), a Primeira República (1873-1874) e os primeiros anos de Afonso XII (1875-1885).[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Luis Marchionni naceu en París en 1815 e desde moi novo estudou a técnica do gravado en oco. Segundo consta na súa folla de servizos, en abril de 1839 foi admitida a súa solicitude de admisión na escola do Departamento de Gravado da ceca real madrileña, presentada ao daquela gravador xeral, Mariano González de Sepúlveda, na que Marchionni xuntaba varias probas dos doce anos que empregara "en debuxar, modelar e gravar medallas e selos para lacre e tinta".[2]

Presumiblemente, ao inicio foi adscrito á Ceca de Sevilla, ata que en febreiro de 1844 os seus avances como alumno provocaron a súa promoción como alumno e pasou á Casa da Moeda de Madrid.[2]

Carreira profesional[editar | editar a fonte]

Isabel II. 20 reais. 1862.
Isabel II. 10 escudos. 1868.

Dous anos despois da súa volta a Madrid foi nomeado inicialmente axudante primeiro da sección de talla, e logo tallador principal do Departamento de Gravado. O seu progreso nestes labores fixo que, mediante a real orde do 29 de xullo de 1861, fose nomeado como novo "gravador xeral das casas de moeda do Reino", co rango de xefe de administración de terceira clase, en substitución de Francisco Corominas.

En 1862, unha real orde da Dirección Xeral de Consumos, Casas de Moedas e Minas dispuxo o seu traslado á Ceca de Sevilla, comisionado para o gravado da moeda de cen reais de ouro de Isabel II, e durante este período quedou Gregorio Sellán y González como gravador encargado suplente do Departamento. O delicado estado de saúde de Marchionni fixo que en 1865 pasase oito meses apartado do seu posto como gravador xeral, no que novamente foi suplido por Sellán, e esta situación repetiuse en sucesivas ocasións ata 1872. Finalmente, por petición súa, concedéuselle a xubilación en outubro de 1873.[2]

Luis Marchionni Faleceu en Madrid en 1894.[2]

Obras[editar | editar a fonte]

Medallas[editar | editar a fonte]

Entre as medallas gravadas por Marchionni pódense salientar, entre outras, as seguintes: Academia de Ciencias Morais e Políticas (1857);[3] Medalla do Goberno Provisional (1868);[4] Exposición Castelá de Valladolid (1859);[5] Real Sociedade de Historia de España (1860); inauguración da Casa da Moeda de Manila (1861);[6] inauguración das obras da Ponte Tubular de Manila (1862); visita de Isabel II a Sevilla (1862); visita de Isabel II a Xerez da Fronteira (1862); visita de Isabel II á Casa da Moeda de Madrid (1862); Adhesión de Amadeu I (1870).[7]

Moedas[editar | editar a fonte]

Goberno Provisional. 5 pesetas. 1870.
Amadeu I. 100 pesetas. 1871.

A obra de Marchionni foi abundante. Xa antes do seu nomeamento como gravador xeral participara en varios proxectos de moedas executados polo que fora gravador xeral Remigio Vega, e mesmo figura como gravador principal dos cuños para as series de cobre, de prata e de ouro do real como moeda decimal, coroadas pola peza de 100 reais de ouro en 1856,[8] que mereceron a conformidade da Academia de Belas Artes de San Fernando e a autorización expresa de Isabel II para que estas moedas levasen a marca privada do autor: as súas iniciais L. M., situadas no truncamento do busto da raíña, no anverso.[2][9]

Xa como gravador xeral, entre 1861 e 1869 Marchionni gravou tamén os cuños das moedas isabelinas de prata e de ouro destinadas á súa circulación nas Filipinas, co seu valor expresado en pesos. A súa confección das moedas de ouro e de prata de Isabel II durante o cuadrienio 1865-1868 —xa do sistema do escudo decimal—, fíxoo merecedor do título cabaleiro da Orde de Carlos III.[2][9] A esta mesma época corresponden tamén as moedas fraccionarias de cobre de ½ céntimo, 1 céntimo, 2½ céntimos e 5 céntimos de escudo que, entre outras cecas, foron cuñadas na Real Casa da Moeda de Xuvia.[8][10][11]

Introducido o sistema monetario da peseta en 1868, a Marchionni débense os cuños de todas as moedas emitidas baixo o Goberno Provisional, a primeira República Española e o reinado de Amadeu I de Savoia.[8][9] Unha das súas creacións máis recoñecidas é a representación alegórica de Hispania sedente para os anversos das primeiras moedas de prata do sistema da peseta, en 1869-1870, inspirada na aparecida nun áureo romano de Adriano, no século II.[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Forrer, L. (1907). Páxina 565.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "Marchionni y Hombrón, Luis". Museo del Prado (Museodelprado.es).
  3. "Premio de la Academia de Ciencias Morales y Políticas". Museo del Prado (Museodelprado.es).
  4. "Gobierno Provisional de 1868". Museo del Prado (Museodelprado.es).
  5. "Sanz Platero, D. (2023). "Una colección de medallas conmemorativas depositada en el Museo provincial del Vino de Peñafiel". En Revista Numismática Hécate. Nº 10. Figura 7. Páxina 228.
  6. "Medalla por la inauguración de la Casa de Moneda de Manila". Ruiz Calleja (Blognumismatico.om). 4 de novembro de 2021.
  7. .Forrer, L. (1907). Páxinas 566.
  8. 8,0 8,1 8,2 "Luis Marchionni". Numista.com
  9. 9,0 9,1 9,2 Forrer, L. (1907). Páxinas 565-566.
  10. Pita Fernández, R. L. (1999). Numismática galega. A moeda en Galicia e Galicia na moeda. Santiago de Compostela. Páxinas 151, 157. ISBN 84-605-9958-2
  11. Pita Fernández, Ricardo Luís (1996). A Real Casa da Moeda de Xubia : breve historia e catálogo das súas cuñacións. Tórculo, Santiago de Compostela. Páxinas 40,m 71-74. ISBN 84-89641-37-4
  12. "El conejo de Marchionni". Ruiz Calleja (Blognumismatico.com). 21 de setembro de 2020.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cano Cuesta, M. (2005). Catálogo de Medallas Españolas. Museo Nacional del Prado, Madrid. Páxinas 271-272.
  • Forrer, L. (1907). "Marchionni, Luiz". En Biographical Dictionary of Medallists. Spink and Son, Londres. Vol. 3. Páxinas 565-566.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Francisco Corominas

Gravador xeral da
Real Casa da Moeda de Madrid

1861 - 1873
Sucesor:
Gregorio Sellán y González