Ludwig Guttmann

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaLudwig Guttmann

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento3 de xullo de 1899 Editar o valor em Wikidata
Toszek (Reich alemán) Editar o valor em Wikidata
Morte18 de marzo de 1980 Editar o valor em Wikidata (80 anos)
Aylesbury (Reino Unido) Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino Unido
Alemaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Freiburg im Breisgau
Universidade de Würzburg Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoNeuroloxía, Q17325457 Traducir, Neurocirurxía, paraplegia (pt) Traducir e Special Olympics (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónneurólogo , neurocirugião (pt) Traducir , médico Editar o valor em Wikidata
Membro de
LinguaLingua inglesa e lingua alemá Editar o valor em Wikidata
Premios
Ludwig Guttmann nun selo de Rusia de 2013
Guttman nos Xogos Paralímpicos de 1976

Ludwig Guttmann, nado en Tost (Alta Silesia, entón parte do Imperio alemán, hoxe parte de Polonia) o 3 de xullo de 1899 e finado en Aylesbury o 18 de marzo de 1980, foi un neurólogo británico, que fundou os Xogos Paralímpicos en Inglaterra.[1] Médico xudeu, tivo que fuxir da Alemaña nazi xusto antes do inicio da segunda guerra mundial. Considéraselle un dos fundadores das actividades físicas para persoas con discapacidade.[2]

Foi comandante da Orde do Imperio Británico e membro da Royal Society.[1]

Da infancia aos primeiros anos da carreira[editar | editar a fonte]

Ludwig era o maior dos seus irmáns. Naceu nunha pequena poboación altosilesiana de Tost (actualmente Toszek, Polonia). Aos tres anos trasladouse coa súa familia a Königshütte, unha importante cidade mineira próxima.[2]

En 1917 comezou a traballar no hospital de Königshütte, onde Ludwig se atopou por primeira vez con pacientes parapléxicos por lesións medulares. O primeiro deles foi un mineiro do carbón que faleceu de septicemia aos cinco días.[2]

En abril de 1918 iniciou os seus estudos de Medicina na Universidade de Breslau. Guttmann deixou a facultade na primavera de 1919 para continuar os seus estudos na Universidade de Friburgo, onde se doutorou en Medicina en 1924. Nese ano regresou a Breslau para traballar no Departamento de Neuroloxía do profesor Otfrid Foester . En 1928 marchou a traballar como neurocirurxián nunha clínica psiquiátrica de 300 camas da Universidade de Hamburgo, onde estivo un ano. En 1929 Foester ofreceulle un posto de axudante, que Guttman aceptou. En 1930 publicou un texto que o converteu en profesor da Universidade de Breslau.[2][3]

Alemaña nazi[editar | editar a fonte]

Aínda que en 1933 Guttmann era considerado o neurocirurxián máis importante de Alemaña, coa chegada dos nazis ao poder prohibiuse aos xudeus o exercicio profesional da profesión médica.[4] Guttmann foi despedido e inmediatamente pasou a ser director dos departamentos de Neuroloxía e Neurociruxía do Hospital Xudeu de Breslau. En 1937 foi elixido director médico da institución.[5] Desde o inicio da represión nazi contra os xudeus, Guttmann recibiu diversas ofertas para que emigrase. Con todo rexeitounas porque consideraba que aquel réxime non ía durar. Chegou á presidencia da Comunidade Médica Xudía. En setembro de 1938, a Gestapo ordenoulle deixar de atender persoas non xudías no hospital. Tras os ataques antisemitas da Noite dos Cristais Rotos, o 9 de novembro de 1938 Guttmann ordenou ao persoal do hospital, do que xa era director, que admitise calquera persoa sen preguntas. Ao día seguinte tivo que xustificar a súa decisión, caso a caso, ante a Gestapo. De 64 persoas ingresadas, 60 salváronse do arresto e a deportación a campos de concentración.[6] Foi por mor destes feitos que Guttmann admitiu a necesidade de abandonar Alemaña.[2]

Establecemento en Gran Bretaña[editar | editar a fonte]

Como a todos os xudeus, a Guttmann confiscáraselle o pasaporte e non tiña autorización para viaxar. Con todo, recibiu a orde do ministro de Asuntos Exteriores, Ribbentrop, de viaxar a Portugal para tratar un amigo do ditador Salazar, en decembro de 1938. Para a súa viaxe de regreso autorizóuselle a facer escala en Inglaterra. Aproveitou esta circunstancia para solicitar axuda ao Council for Assisting Refugee Academics (CARA).[5]

O CARA conseguiu visados para Ludwig, a súa muller e os seus dous fillos, e unha bolsa de 250 libras para manter a familia. Tamén se lle proporcionou un posto de investigación na enfermería Radcliffe, en Oxford, e continuou o seu traballo no hospital da facultade militar de St Hugh para feridas na cabeza.[5]

Durante as primeiras semanas tras a súa chegada a Oxford, os Guttmann residiron no Master’s Lodge do Balliol College, até que se instalaron nunha pequena casa acaroada de Lonsdale Road. Aos seus fillos inscribíuselles gratuitamente na escola privada Greycotes, a instancia da súa directora. A familia integrouse na comunidade xudía de Oxford, que estaba a experimentar unha grande expansión pola afluencia de académicos que foran expulsados —ou conseguiran fuxir— da Europa ocupada.[3]

Traballo durante a segunda guerra mundial[editar | editar a fonte]

A taxa de mortalidade por paraplexia traumática nos exércitos británico e americano chegou ata o 80% na primeira guerra mundial. Os poucos sobreviventes tiñan unha calidade de vida moi pobre, normalmente destinados a permanecer en institucións para doentes incurábeis o resto da súa vida. A súa esperanza de vida era de só tres meses desde a lesión.[2]

A petición do Council for Medical Research de Inglaterra, Guttmann presentou en decembro de 1941 un estudo sobre o tratamento e rehabilitación de pacientes con lesións medulares. Como resultado deste estudo, o Consello de Investigacións Médicas decidiu crear un centro para os afectados por lesións medulares. A decisión tamén se tomou en previsión da apertura dunha segunda fronte, unha operación que estaba prevista para a primavera de 1944 e que se esperaba que causase numerosos feridos deste tipo.[2]

En setembro de 1943 o goberno británico nomeou a Guttmann director do centro, que se instalou no Stoke Mandeville Hospital (Buckinghamshire) o 1 de febreiro de 1944, con 26 camas. Aínda que o centro foi deseñado principalmente para persoal militar ferido, tamén se preocupou por algúns civís.[7] Guttmann aceptou coa condición de que o centro fose totalmente independente e que se lle permitise aplicar os seus métodos a todo o tratamento dos pacientes baixo o seu coidado, desde as fases iniciais ata a súa reinserción na sociedade.[2]

O obxectivo de Guttmann era integrar os pacientes na sociedade como membros útiles e respectados a pesar do seu elevado grao de discapacidade. Durante os primeiros dous anos de funcionamento do centro houbo de enfrontarse aos que opinaban que non merecía a pena dedicar tantos recursos a unhas persoas cuns impedimentos tan grandes.[2]

Adquiriu a nacionalidade británica en 1945.[7]

Fundación dos Xogos Paralímpicos[editar | editar a fonte]

O desexo de Guttmann de reintegrar os seus pacientes nunha vida social o máis completa posible estendeuse a todos os aspectos, que no caso da sociedade inglesa incluían o deporte. Por outra banda, Guttmann practicara deporte como membro dunha confraría universitaria xudía, á vez que o valoraba como terapia. Ademais de restaurar a forza, a coordinación, a velocidade e a resistencia da persoa con discapacidade, o deporte representaba unha contribución debido ao seu aspecto recreativo e ao seu valor psicolóxico para contrarrestar actitudes antisociais e psicoloxicamente anormais, como complexos de inferioridade, ansiedade, perda de autoestima ou auto-illamento.[2][7]

Aínda que o deporte non era a única actividade de rehabilitación social realizada en Stoke Mandeville, xa que tamén había obradoiros de carpintería e reloxaría,[8] foi a actividade que máis distinguiu o hospital a longo prazo. Guttmann observara que algúns pacientes adquiriran un disco de hóckey e, empregando bastóns como varas de xogo, dedicábanse a empuxalo mentres movían as cadeiras de rodas. Coñecido como polo en cadeira de rodas, este deporte presentaba riscos para os pacientes e foi substituído por outros como baloncesto, tiro con arco, netball, lanzamento de xavelina e billar.[7] O tiro con arco era popular porque ao contar coa forza da metade superior do corpo permitía aos parapléxicos competir contra persoas sas.

O 29 de xullo de 1948, Guttmann organizou a primeira actividade deportiva máis aló dos residentes no seu hospital, ao convidar un equipo de pacientes dun hospital de Richmond, en Londres, a competir en tiro con arco e lanzamento de xavelina: foron os primeiros Xogos de Stoke Mandeville.[4] Competiron dezaseis pacientes, entre eles dúas mulleres. Coincidiron coa inauguración dos Xogos Olímpicos de Londres de 1948.[7]

A segunda edición dos Xogos de Stoke Mandeville tivo lugar exactamente un ano despois. A competición ampliouse a 37 deportistas de seis hospitais. Foi nesta edición cando Guttmann fixo pública a súa intención de avanzar cara a un movemento equivalente ao olímpico, pero dedicado aos deportistas con discapacidade. En 1951 os xogos comprendían xa catro deportes (arco, netball, xavelina e billar), e 126 participantes de once hospitais de todo o Reino Unido.[7]

A primeira edición con participación internacional foi a de 1952, cando participou unha representación do hospital de veteranos de Aardenburg (Países Baixos). Para 1959 os xogos creceran até 360 competidores de 20 países.[7]

En 1960 os entón denominados International Stoke Mandeville Games celebráronse xunto cos Xogos Olímpicos de Roma de forma oficial, polo que se lles considera os primeiros Xogos Paralímpicos (aínda que o termo só se lle aplicou —de forma retroactiva— desde 1984, catro anos despois do pasamento de L. Guttman).[9]

Vida posterior[editar | editar a fonte]

En 1960 Ludwig Guttmann fundou a British Sport Association for the Disabled e foi presidente fundador da International Medical Society of Paraplegia (posteriormente denominada International Spinal Cord Society) de 1961 a 1970[2][10]

En 1967 deixou a xestión do centro de Stoke Mandeville.[2]

Cando en 1968 a celebración dos Xogos Paralímpicos se viu en perigo polos problemas organizativos de México, apoiou a súa celebración en Israel, de forma que se garantise a continuidade do evento.[2]

Ludwig Guttmann faleceu de trombose coronaria o 18 de marzo de 1980, aos 80 anos.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Whitteridge, David (1983). “Ludwig Guttmann. 3 July 1899-18 March 1980”. Biographical Memoirs of Fellows of the Royal Society
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 "Copia archivada". Arquivado dende o orixinal o 18 de agosto de 2012. Consultado o 20 de febreiro de 2013. 
  3. 3,0 3,1 Growing up in Oxford, pág.52 en Then and Now, A Collection of Recollections, compiled by Freda Silver. 1992. ISBN 0 9519253 1 8
  4. 4,0 4,1 http://www.itv.com/news/2012-08-28/stoke-mandeville-the-village-at-the-heart-of-the-paralympic-games/
  5. 5,0 5,1 5,2 "Ludwig Guttmann". Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2014. Consultado o 09 de marzo de 2014. 
  6. http://www.telegraph.co.uk/lifestyle/9450182/Paralympics-founder-Sir-Ludwig-Guttmanns-legacy-celebrated-in-BBC-drama.html
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 http://books.google.co.uk/books?id=1pAoIZG3-4cC&pg=PT27&lpg=PT27&dq=Ludwig+Guttmann&source=bl&ots=FTIorpIN7w&sig=grpz7Fxu4SWkwVKyVD-UEdToI6o&hl=en&sa=X&ei=yCQ5UOieBoLS0QWYk4GIDA&ved=0CEcQ6AEwAg#v=onepage&q=Ludwig%20Guttmann&f=false
  8. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2021. Consultado o 03 de xullo de 2021. 
  9. http://www.paralympic.org/the-ipc/history-of-the-movement
  10. http://www.iscos.org.uk/iscos-presidents

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]