Antiga Confederación Suíza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alte Eidgenossenschaft
Antiga Confederación Suíza

1291–1798
Antiga Confederación Suíza no século XVIII
Capital Zúric
Linguas
Goberno Confederación
Lexislatura Tagsatzung
Historia
 • Establecido 1291
 • Disolución 1798

A Antiga Confederación Suíza foi a precursora da Suíza moderna. A Eidgenossenschaft suíza (confederación) foi unha federación de nexos débiles entre pequenos estados case independentes que existían dende finais do século XIII até 1798, cando foi invadida por Napoleón I, que a transformou na efémera República Helvética.

Historia[editar | editar a fonte]

A Antiga Confederación Suíza dende 1291 até o século XVI.

O núcleo da Antiga Confederación Suíza foi unha alianza entre as comunidades dos vales dos Alpes centrais para facilitar a realización de intereses comúns, como o comercio libre, e para asegurar a paz entre rutas comerciais importantes a través das montañas. A Carta Federal de 1291 asinada polas comunidades rurais de Uri, Schwyz e Unterwalden considérase tradicionalmente o documento fundador da Confederación, aínda que puideron existir alianzas semellantes algunhas décadas antes.[1]

Crecemento da Confederación[editar | editar a fonte]

Este pacto inicial foise aumpliando gradualmente con pactos adicionais entre as cidades de Lucerna, Zúric e Berna. A estraña unión de comunidades rurais e urbanas, todas co status de reichsfreiheit (dependencia directa do Emperador) dentro do Sacro Imperio Romano Xermánico tivo como consecuencia a presión dos duques e reis de Habsburgo, que unha vez controlaron a maior parte desas terrras. No transcurso de moitos combates contra os exércitos de Habsburgo, os suízos saíron vitoriosos e mesmo conquistaron as áreas rurais de Glaris e Zug, que pasaron a ser membros independentes da confederación.[1]

Dende 1351 a 1481, esta Confederación dos Oito cantóns (en alemán Acht Orte), consolidou a súa posición. As cidades membro, estenderon os seus territorios á conta dos condes locais veciños, principalmente comprando dereitos xudiciais, aínda que ás veces tamén pola forza. A Confederación en conxunto expandiuse a través de conquistas militares. Argovia foi conquistada en 1415, Turgovia en 1460. En ambas as ocasións, os suízos aproveitáronse da debilidade dos duques de Habsburgo. No sur, Uri levou a cabo unha expansión territorial que culminaría finalmente, tras un arduo proceso, na conquista do Tesino en 1515. Ningún destes territorios pasou a ser membro da Confederación, senón que se converteron en bailías, rexións administradas comunalmente por moitos cantóns.

Ao mesmo tempo, os oito cantóns incrementaron gradualmente a súa influencia sobre as cidades e rexións veciñas mediante alianzas adicionais. Certo número de cantóns estableceron pactos con Friburgo, Appenzell, Schaffhausen, a abadía e a cidade de San Galo, Biel, Rottweil, Mulhouse e outros. Estes aliados, chamados os Zugewandte Orte, pasaron a estar fortemente asociados á Confederación, pero non foron aceptados como membros plenos.

A Guerra de Borgoña propiciou a expansión con novos membros. Friburgo e Soleura foron aceptados en 1481. Na Guerra Suaba contra o emperador Maximiliano I, os suízos volveron conseguir vitorias e quedaron fóra da lexislación imperial. As cidades previamente asociadas de Basilea e Schaffhausen uníronse á Confederación como resultado directo do conflito. Appenzell sería en 1513 o decimoterceiro membro. Esta Confederación de trece cantóns (Dreizehn Orte) constituíu a Antiga Confederación Suíza até 1798.

A expansión militar da confederación detívose pola derrota na batalla de Marignano de 1515. Só Berna e Friburgo serían capaces de conquistar o Vaud en 1536, que pasou maiormente ao cantón de Berna, aínda que unha pequena parte pasou ao dominio de Friburgo.

Confusións confesionais[editar | editar a fonte]

As forzas de Zúric derrotadas na Segunda Guerra de Kappel.
Carta Federal de 1291.

A Reforma causou en Suíza a división confesional entre os cantóns. Zúric, Berna, Basilea, Schaffhausen, así como os asociados Biel, Mulhouse, Neuchâtel, Xenebra e a cidade de San Galo convertéronse ao protestantismo, mentres que o resto da Confederación e o Valais seguiron sendo católicos. En Glaris, Appenzell, os Grisóns e na maioría de bailías coexistían ambas as relixións. Appenzell dividiuse en 1597 en dous semicantóns: o protestante Appenzell Exterior e o católico Appenzell Interior.

A división confesional levoulles á guerra civil, as Guerras de Kappel, que separaron as alianzas con potencias estranxeiras das dúas faccións, mais a Confederación como conxunto continuou existindo. As políticas exteriores comúns foron bloqueadas. Na Guerra dos Trinta Anos, os profundos desacordos relixiosos entre os cantóns mantivérona neutral e á marxe da devastación. Na Paz de Westfalia, a delegación suíza conseguiu o recoñecemento formal como estado independente separado do Sacro Imperio Romano Xermánico.

A Antiga Confederación Suíza nun mapa de 1637

As diferenzas sociais e o absolutismo crecente nos cantóns urbanos durante o Antigo Réxime de Suíza foron causas de varias revoltas populares. O levantamento de 1653, durante a depresión posterior á Guerra dos Trinta Anos, desencadeou a Guerra dos Campesiños Suízos de 1653 nos territorios de Lucerna, Berna, Basilea, Soleura e Argovia A revolta foi esmagada coa axuda doutros cantóns.

As diferenzas relixiosas fóronse acentuando por discrepancias económicas. Os cantóns suízos centrais, principalmente católicos, estaban rodeados de cantóns protestantes cunha economía florecente, que se foi industrializando paulatinamente. Os cantóns politicamente dominantes eran Zúric e Berna, ambos os protestantes, pero nas axencias da Confederación os cantóns católicos tiñan a supremacía desde a segunda guerra de Kappel de 1531. Un intento de reestruturar a Confederación en 1565 por iniciativa de Zúric foi bloqueado pola oposición católica, o que orixinou a Primeira guerra de Villmergen en 1656, que gañou o bando católico, cimentando o statu quo. Pero os problemas permanecían irresolutos e entraron en erupción novamente en 1712 na Segunda guerra de Villmergen. Esta vez os cantóns protestantes gañaron e pasaron a dominar a Confederación. Con todo, non se puido implantar unha reforma completa: os intereses individuais dos trece membros eran diversos, e os gobernos absolutistas dos cantóns resistían todos os intentos de centralización para introducir unha administración federal ou unha burocracia moderna. A política exterior permaneceu fragmentada.

En 1798 a Confederación foi invadida polas tropas de Napoleón I. Sucumbiu cunha resistencia insignificante ante os exércitos aliados. O antigo réxime da Antiga Confederación Suíza foi substituído pola República Helvética por orde de Napoleón.


Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Schwabe & Co.: Geschichte der Schweiz und der Schweizer, Schwabe & Co 1986/2004. ISBN 3-7965-2067-7. (en alemán)