Biel/Bienne
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2017.) |
Coordenadas: 47°08′N 7°15′L / 47.133, -7.250
Biena | ||
---|---|---|
Biel - Bienne | ||
![]() | ||
Cidade de Biel. | ||
Localización | ||
País | Suíza | |
Cantón | Berna | |
Distrito | Biel/Bienne | |
Xeografía | ||
Altitude | 434 msnm | |
Superficie | 21,19 km² | |
Demografía | ||
Poboación | 55.206 hab. (2020) | |
Densidade | 2.605 hab./km² | |
Outros datos | ||
Código postal | 2500 - 2510 | |
Alcalde | Eirich Fehr |
Biena, oficialmente en alemán: Biel, e en francés Bienne (antigamente en italiano: Bienna, en romanche: Bienna), é unha cidade suíza localizada no cantón de Berna. Está situada no extremo nororiental do lago de Biena, na rexión de Seeland, e, con 55.206 habitantes, ocupa o décimo posto na lista de cidades suízas.
É a segunda cidade máis grande do cantón, despois de Berna, e a maior cidade bilingüe de toda Suíza. Dende 2010, é a capital do distrito administrativo bernés de Biel/Bienne. Segundo a Oficina Federal de Estadística, nas 25 comunas da aglomeración urbana de Biena moran 101.271 persoas,[1] mentres que se estima que na súa zona de influencia, este número pode chegar ata 150.000 persoas.[2]
Biena é o centro rexional e económico da rexión de Seeland, así coma do Xura bernés e partes do cantón de Soleura. A cidade conta con varias escolas universitarias e de estudos superiores. Biena é o centro reloxeiro máis importante de Suíza, por diante de Le Locle, Grenchen e La Chaux-de-Fonds, e é coñecida como a metrópole reloxeira do mundo, en parte pola sede de Swatch Group e a planta de produción de Rolex. A Federación da Industria Reloxeira Suíza ten tamén a súa sede na cidade.
Biel caracterízase por ser unha cidade relativamente nova e homoxénea que, sobre todo no barrio da estación, construíuse a partir dos anos '20 conforme ás reglas de Bauhaus e Neue Bauen, escolas de arquitectura e deseño. O seu casco antigo, de estrutura medieval, está marabillosamente conservado.
Xeografía[editar | editar a fonte]
A cidade descansa aos pés da aba sur da Cordilleira do Xura, na ribeira nordeste do Lago de Biel. Queda, pois, xusto na fronteira lingüística entre o francés e o alemán, o Röstrigaben, motivo polo cal a denominación oficial da cidade é nos dous idiomas, habendo un 40% de francófonos e un 60% de xermanófonos, con tendencia a diminuíren os primeiros en favor dos segundos.
Historia[editar | editar a fonte]
A orixe de Biel hai que procurala no asentamento galo establecido durante a cultura de La Tène. Foi conquistada sucesivamente por romanos e burgundios, chegando estes últimos a incorporala ao seu reino, para pasar posteriormente ao dominio do Sacro Imperio Romano Xermánico.
A cidade propiamente dita foi construída no século XI e o primeiro rexistro escrito do seu topónimo data de 1142. Ata o século XVIII permaneceu oficialmente baixo a xurisdición do bispo de Basilea, mais na práctica integrouse na Antiga Confederación Suíza.
En 1798 foi anexionada pola Primeira República Francesa. Unha vez derrotado Napoleón, tras o Congreso de Viena, integrouse no cantón de Berna, onde aínda permanece.
Ata 2005 denominouse oficialmente Biel, aínda que a forma bilingüe Biel-Bienne tamén era de uso común. A partir dese ano a denominación oficial pasou a ser Biel/Bienne.
Economía[editar | editar a fonte]
A economía de Biel xira en torno á súa industria reloxeira. Marcas coma Festina, Leroy, Swatch ou Rolex están intimamente ligadas coa cidade. A mecánica de precisión e a micromecánica prosperan en toda a vila e nos seus arredores. Rolex estableceuse dende os seus inicios aquí, situando os seus centros de produción. Swatch tamén ten a súa sede central na cidade, ao igual que a Federación da Industria Reloxeira Suíza.
Cultura[editar | editar a fonte]
En 2004 recibiu o Premio Wakker pola conservación e desenvolvemento do seu patrimonio arquitectónico. En efecto, o centro histórico de Biel/Bienne, aínda que cativo, conserva as súas trazas orixinais, presididas por unha igrexa gótica do século XV. Tamén abundan as fontes profusamente decoradas con todo tipo de flores.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "Agglomerationen und Kerne ausserhalb von Agglomerationen". www.bfs.admin.ch. Consultado o 18 de decembro de 2014.
- ↑ "AGGLOMERATION BIEL/BIENNE 2030 – Richtplan Siedlung und Verkehr." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de abril de 2013. Consultado o 26 de abril de 2013.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Biel/Bienne ![]() |