Lois XV de Francia
Lois XV[1] ou Luís XV de Francia, nado no Palacio de Versalles o 15 de febreiro de 1710 e finado no mesmo lugar o 10 de maio de 1774, foi rei de Francia e de Navarra[2] e copríncipe de Andorra entre os anos 1715 e 1774. Ademais, ostentou o título de duque de Anjou.
Herdou o trono do seu bisavó Lois XIV á idade de cinco anos, e pasou os seus primeiros anos de reinado en relativa tranquilidade, rodeado de preceptores que o proveron dunha gran cultura, mentres que o poder efectivo foi entregado a varios rexentes. Ao alcanzar a maioría de idade, confiou o goberno ao cardeal Fleury, o seu antigo preceptor.
A diferenza de Lois XIV non tivo contacto directo coa vida política do seu país: reuníase con pouca frecuencia cos seus ministros e actuou en contra das súas expectativas, tramando unha rede de diplomáticos e espías. O seu desinterese pola política e a constante sucesión de ministros que debilitaban o poder de Francia en Europa contribuíron en sentar as bases para a Revolución Francesa.
Ao inicio do seu reinado foi amado polo pobo, que rapidamente o alcumou como O Ben Amado (en francés, Le Bien-Aimé). Porén, cos anos, a súa debilidade na toma de decisións e a constante e intrigante presenza das súas amantes dinamitou a súa popularidade, producíndose en París algunhas celebracións á súa morte. Por iso tivo que se celebrar en segredo o seu funeral, para evitar que se producisen burlas públicas ante o seu cadaleito, tal e coma ocorrera co seu predecesor.
Baixo o seu reinado, Francia logrou grandes éxitos militares, como a anexión do Ducado de Lorena e Córsega; porén, perdeu gran parte do seu imperio colonial en favor de Gran Bretaña.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Infancia
[editar | editar a fonte]O futuro Lois XV naceu no Palacio de Versalles o 15 de febreiro de 1710, baixo o reinado do seu bisavó, Lois XIV, o Rei Sol. Era o terceiro fillo de Lois, duque de Borgoña e María Adelaida de Savoia, aínda que na realidade era o segundo fillo, porque o primoxénito xa morrera.
O seu avó paterno era o delfín Lois, chamado O Gran Delfín e tamén Monseigneur, fillo máis vello do Rei Sol.
O pequeno Lois, que ostentou o título de Duque de Anjou desde o seu nacemento, obtivo tamén os privilexios e títulos dun Petit-fil de France.
En 1710, o primeiro na liña de sucesión era o Gran Delfín, fillo máis vello e o único varón supervivente de Lois XIV. Monseigneur tivo tres fillos: Lois, duque de Borgoña, logo investido como Delfín; Filipe, duque de Anjou, que máis tarde se convertería en rei de España como Filipe V e Carlos, duque de Berry.
A nai do pequeno Lois, a delfinesa María Adelaida, era unha muller viva e cariñosa, cousa pouco frecuente na Casa Real, parecendo estar verdadeiramente namorada do seu marido. A parella desenvolveu un papel central na corte de Versalles cando o Rei Sol envelleceu. Ambos os esposos, xunto co seu segundo fillo, morreron de sarampelo cando o pequeno Lois tiña 2 anos.
En 1700, Filipe, o duque de Anjou, herda a coroa do país da súa avoa, María Tareixa de Austria, converténdose en Filipe V de España. O traspaso da coroa española da dinastía dos Austrias á dos Borbóns causou a Guerra de Sucesión española (1701–1713). Dábase a particularidade de que o novo soberano de España podería acceder ao trono de Francia (como despois se comprobou) se o Gran Delfín (fillo de Lois XIV) e o duque de Borgoña (neto de Lois XIV) morrían antes que Lois XIV, como así sucedeu de feito. As potencias protestantes unidas aos Habsburgo de Austria opuxéronse a unha posíbel unión dinástica entre Francia e España, o que significaría o nacemento da hexemonía dos Borbóns. Coa sinatura da Paz de Utrecht (1713) Filipe V tivo que renunciar á perspectiva de converterse en monarca francés.
No entanto, déronse as condicións que permitirían a Filipe reinar tamén sobre Francia. O 14 de abril de 1711, a pesar de gozar de boa saúde e non ter unha idade avanzada, o Gran Delfín morreu de varíola aos 49 anos de idade durante o reinado do seu pai. O seu fillo, o duque de Borgoña, converteuse entón no Delfín de Francia. Apenas un ano máis tarde, o 12 de febreiro de 1712, a Delfinesa María Adelaida morreu de sarampelo, e unha semana despois, o 18 de febreiro, o sarampelo tamén matou o seu marido, o duque de Borgoña. Ante o temor de que os dous nenos tamén se contaxiasen da enfermidade, os médicos someteron a violentas sangrías ao máis vello, o entón investido Delfín Lois, duque da Bretaña, que morreu o 8 de marzo, debilitado polo tratamento. Só a firme e decidida intervención de Madame de Ventadour, Gobernadora dos Infantes Reais, impediu aos médicos sangrar a Lois. A gobernadora, encerrada e asistida por tres neneiras, coidouno durante toda a súa enfermidade; debido a iso, Lois quíxoa coma a unha nai.[3] Delfín tras a morte do seu avó, do seu pai e do seu irmán máis vello, converteuse en rei de Francia tres anos máis tarde, á morte do seu bisavó Lois XIV.
Rexencia do duque de Orleáns
[editar | editar a fonte]Contra finais de agosto de 1715, Lois XIV estaba morrendo de gangrena. O 26 de agosto chamou ao seu bisneto de cinco anos, Lois, ao seu lado, e díxolle estas palabras que pasarían á historia:
«Meu fillo, vas ser un gran rei. Non imites os meus gustos por construcións e guerras. Pola contra, trata de ter paz cos teus veciños. Devolve a Deus o que lle pertence; recoñécelle as obrigas baixo as que te encontras; fai que os teus súbditos o honren. Segue sempre bos consellos. Trata de remediar o sufrimento do teu pobo, que me aflixe non poder solucionar eu. (...)»
.
Seis días despois, o home que gobernara Francia durante máis de 70 anos morreu, e Lois XV foi proclamado como o novo rei.
En agosto de 1714, un ano antes da súa morte, Lois XIV expresara a súa vontade de conceder un papel prominente na seguinte rexencia a dous fillos naturais que naceran da súa anterior amante, Madame de Montespan, que foran lexitimados; os dous fillos coñecíanse por Lois: Lois, duque de Maine e Lois, conde de Tolosa. Ao lexitimar os seus fillos bastardos, Lois XIV trataba de remediar a morte da maior parte dos seus herdeiros lexítimos varóns nos tres anos anteriores e asegurar o futuro dunha debilitada dinastía. Os seus cálculos pasaban porque se o mozo Lois XV morrese, os fillos bastardos sucederíano no trono. Isto ía en flagrante contravención da tradicional regra de sucesión ao trono de Francia. Este feito foi motivado tamén pola insistencia da segunda esposa de Lois XIV, Madame de Maintenon, quen criara aos dous nenos e os tiña en grande estima (outros fillos bastardos do rei, que non foron criados por Madame de Maintenon, non foran lexitimados). Este desexo buscaba realzar as posicións de Tolosa e, especialmente, as do fillo máis vello, Maine, a expensas do home que se esperaba, por dereito tradicional, que fose rexente e gobernase Francia até que Lois XV alcanzase a maioría de idade, que era Filipe II de Orleáns, fillo do irmán máis novo de Lois XIV.
A vontade do rei estipulaba que até que o novo rei alcanzase a idade adulta, a nación sería conducida por un consello real formado por 14 membros. Filipe de Orleáns foi nomeado presidente do Consello, pero todas as decisións tomábanse por maioría de votos; a composición do Consello, que incluía a Maine, Tolosa e varios membros da administración de Lois XIV, foi tal que Orleáns era normalmente rexeitado.
Varias faccións comezaron a aliñarse tras Maine, Tolosa e Maintenon por un lado e, por outro, Orleáns. Esta última tivo o apoio de moitos persoeiros entre a antiga nobreza de espada (noblesse d'épée), descendente de cabaleiros medievais, en oposición aos da nobreza de toga (noblesse de robe), a nova aristocracia xurdida de persoas que desempeñaran algún cargo público ao servizo do rei. Lois XIV excluíra habitualmente a noblesse d'épée do goberno en favor dos plebeos da burguesía, que adoitaban entrar así na noblesse de robe e aos que podía controlar máis facilmente. Así, na noblesse d'épée anhelaban un cambio político que os favorecese e estaban desgustados coa lexitimación dos "bastardos reais" Maine e Tolosa, aos que consideraban unha afronta ás regras da herdanza tradicionais.
Pronto o duque de Orleáns asumiu a Rexencia. Unha das súas primeiras decisións foi ordenar o traslado da Corte do palacio de Versalles ao Palais Royal, un pequeno palacete no centro de París, onde podería controlar mellor a Rexencia e ao propio príncipe. A pesar da gran responsabilidade que recaeu sobre el, Filipe de Orleáns non abandonou a súa vida licenciosa. Os escándalos tinxiron a rexencia, coa organización de continuas orxías e festas desenfreadas nos salóns do Palacio.
Lois XV viviu a súa infancia marcado polas bacanais do duque, pero tamén polo terror á morte. En 1719 a súa tía a duquesa de Berry, célebre protagonista das orxías do rexente, falece aos 23 anos, vítima do exceso de comida e alcohol e dos seus embarazos clandestinos.[4] Debido a que perdera á maioría dos seus parentes con dous anos de idade, o príncipe desenvolveu unha personalidade reservada, tímida, caracterizada por ataques de melancolía e cambios bruscos de humor (personalidade depresiva).
Durante a súa adolescencia viviu naquel Palacio desprovisto do cariño familiar do que dependía. Un dos seus importantes apoios naqueles anos foi a princesa española Mariana Vitoria de Borbón, filla do rei Filipe V de España, levada a Francia cando era unha nena para convertela na futura esposa do rei-neno. A pesar dos desexos de ambos os reinos, a nena era demasiado pequena como para poder pensar nun matrimonio, e non había herdeiros directos que asumisen o trono francés no caso de que Lois XV morrese. Polo propio medo a que os seguintes na liña sucesoria, os Orleáns, asumiran o trono, o Consello de Rexencia meteu presión ao rexente para que devolvese a princesa a España.
Desde os 14 anos, Lois XV comezou a mesturarse con mozos cos que viviu distintas aventuras. O académico Maurice Lever, na súa biografía do rei francés, fai referencia a unha homosexualidade latente no rei: "A súa atracción polos mozos foi moi temperá. Algúns biógrafos benévolos intentaron libralo desta preferencia. Pero está tan amplamente relatada polos memorialistas máis dignos de fe que no poderiamos dubidar diso sen ofender gravemente á verdade".[5]
André de Fleury
[editar | editar a fonte]De acordo co décimo codicilo do testamento de Lois XIV, o duque de Orléans nomeou como preceptor do pequeno Lois a André Hercule de Fleury, quen se mantivo ao lado do monarca até 1726, cando o duque de Borbón morreu e foi substituído polo recentemente nomeado cardeal. Este levou a cabo unha política eficiente no interior. Con el restablecéronse as finanzas, solucionouse en parte o problema dos xansenistas e aumentou o comercio.
Tratou de non levar adiante a guerra e, debido á paz que quería o goberno inglés, estas dúas nacións non se enfrontaron até 1740. Porén, no puido evitar involucrarse na Guerra de Sucesión polaca, que concluíu coa vitoria franco-española. Ambas as potencias vencedoras non lograron, porén, decidir sobre Polonia, pero obtiveron o ducado de Lorena e o reino de Nápoles, respectivamente. Aquel foi un gran logro exterior para Lois XV, quen viviu a súa época máis feliz durante a dirección do ancián cardeal.
Desgraciadamente, a intromisión na Guerra de Sucesión austríaca, en apoio de Prusia, coa intención de desbandar definitivamente o imperio dos habsburgo, custaríalle un golpe do que os franceses gardarían un mal recordo.
O cardeal Fleury sempre mantivo un control sobre Lois XV. Durante a súa infancia, como preceptor seu, influíu enormemente sobre el, inculcándolle o medo e o respecto ao sagrado, mentres aseguraba a súa posición de cara ao futuro.
Fleury nunca se mantivo á marxe dos escándalos que provocaba o rei. Receoso de manterse como o home forte de Francia, Fleury influíu enormemente no monarca para conseguir que se distanciase da raíña, intentando evitar que María se convertese nun contrapeso demasiado forte. Ademais, intentou manter unha vixilancia sobre as amantes que se foron sucedendo no leito real. Ante a ameaza de que unha dama conseguise exercer unha forte influencia sobre Lois XV, o cardeal Fleury actuaba intentando que o rei se alongase deste perigo, incluso, moitas veces, presentándolle novas mulleres.
Até a súa morte, Fleury mantivo un enorme control sobre Lois XV e, só cando o cardeal desapareceu, Lois comezou a exercer os seus poderes con maior independencia, a pesar de que no futuro houbo mulleres que conseguiron influír de forma notábel na política do monarca, destacando entre todas elas a famosa marquesa de Pompadour.
A raíña polaca
[editar | editar a fonte]Cando Lois XV asumiu o poder, a corte pensou que xa eran horas de concertar o matrimonio do rei. Comezou unha carreira contra o reloxo para elixir a candidata máis adecuada entre as mozas casadeiras de Europa. Axiña foron descartándose princesas por seren demasiado maiores ou demasiado novas para un rei de vinte e dous anos. Entre as candidatas estaba a futura emperatriz Isabel I de Rusia, que recibiu un duro golpe ao ser rexeitada.
Finalmente, a elixida foi a princesa polaca María Leszczynska, filla do destronado rei de Polonia, Estanislau I Leszczynski. A pesar de que María vivía nunha familia con poucos recursos económicos e de que tampouco non achegaba beneficios estratéxicos, foi escollida principalmente para que cumprise a función esencial das raíñas do momento: dar un herdeiro á coroa.
Así, o 5 de setembro de 1725, o rei e a princesa polaca contraeron matrimonio na catedral de Reims. Nun primeiro momento, a parella gozou de moi bos momentos xuntos. Compenetrábanse ben e o rei empezou a confiar enormemente na súa esposa. Porén, co paso do tempo, Luís comezou a alongarse de María, substituíndoa no gozo por un gran número de amantes.
María viviu até a súa morte atada a continuos embarazos (deulle ao rei 10 fillos) e dedicada á relixión. De carácter xeneroso, foi famosa en París polas súas obras de devoción e axuda cara aos máis desafortunados, e pronto conseguiu o cariño do pobo. A pesar de todo, o rei xa non volveu a apoiarse nela e unicamente visitaba o seu leito para cumprir os deberes matrimoniais.
Despois do décimo parto, María xa non quixo volver a quedar embarazada, considerando que cumprira de sobra os seus deberes cara á coroa. Así, incomodada por ver como o seu esposo se unía ás sucesivas amantes "titulares", que cada vez tiñan máis poder no palacio de Versalles, refuxiouse no cariño dos seus fillos.
Madame de Pompadour
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Madame de Pompadour.
En 1743, cando morreu o cardeal Fleury, pareceu que Lois XV asumiría persoalmente o goberno do seu reino. Porén, certamente, isto estivo lonxe de ser verdade.
En 1740 celebrárase un baile de máscaras polo matrimonio dun fillo de Lois XV; neste, o rei coñeceu a unha burguesa, suposta filla dun decorador do palacio, de nome Jeanne-Antoinette Poisson, a cal de contado foi instalada en Versalles, converténdose en amante do rei. Luís nomeouna marquise de Pompadour e separouna legalmente do seu marido, e foi incluso presentada na Corte o 14 de setembro. Recibiu así mesmo o título de duquesa, con dereito a sentar xunto á raíña; pero, por razóns descoñecidas, xamais fixo uso del.
A pesar de que para 1745 a Pompadour xa deixara de frecuentar a cámara do rei, nunca deixou de ser tratada como a favorita. Inspirou a Luís para que só frecuentase mociñas novas, coas que nunca debería perdurar demasiado. Durante este período, o gusto pola arte agudizouse e o estilo rococó chegou a poñerse de moda en toda Europa. Construíuse un novo palacete, que logo foi chamado o Petit Trianon, e recoñeceuse o país como o centro estético e aristocrático de Europa.
Porén, en política exterior os fracasos foron inevitábeis. A guerra de Sucesión austríaca non deu ningún resultado positivo, aínda máis, acabou coma comezara, máis alá da tremenda irregularidade fiscal que xerara. A crise interna agudizouse debido á oposición dos Estados Xerais á política relixiosa de Luís. O tremendo legado de fames, pestes e mortes que deixara a guerra contribuíu á impopularidade do monarca.
Pero nada diso se compararía co resultado que obtería Francia despois de sete anos dunha guerra moito peor, á que tamén levara aquela cortesá favorita. As xentes de París non deixaban de reunirse para humillala e escribíanse coplas obscenas sobre a súa persoa. As medidas diplomáticas tomadas entón non serviron para nada, fronte ás grandes derrotas. A frota francesa foi aniquilada nos mares, o desinterese levou a que nin Luís nin os seus ministros se preocuparan polas súas colonias. A perda destas foi inevitábel, pero nin sequera no continente europeo houbo ningún triunfo.
A invasión de Hannover non significou de ningunha forma un triunfo. Ao final da guerra, Francia quedara cun saldo de 200.000 soldados mortos, e cunha frota totalmente destruída. O seu lugar como gran potencia viuse ameazado, e comezou entón un déficit fiscal que non se regularía en case un século.
Descendencia
[editar | editar a fonte]Coa súa esposa María Leszczynska
[editar | editar a fonte]O 4 de setembro de 1725 Luís contraeu matrimonio con María Leszczynska, princesa de Polonia (1703–1768). Tiveron once fillos, 8 mulleres e 3 homes, dos cales 7 chegaron á idade adulta:
- Luísa Isabel de Francia, Madame Premiére (1727–1759); duquesa de Parma, casada con Filipe I de Parma. Tivo descendencia.
- Ana Henriqueta de Francia, Madame Séconde (1727–1752); xemelga de Luísa Isabel, nunca casou.
- María Luísa de Francia, Madame Troisième (1728–1733). Morreu na infancia.
- Lois de Francia (1729–1765); Delfín de Francia e pai dos tres últimos monarcas da Casa de Borbón en Francia, Lois XVI, Lois XVIII e Carlos X.
- Filipe de Francia (1730–1733); duque de Anjou, morreu na infancia.
- María Adelaida de Francia, Madame Quatrième, logo Madame Troisième (1732–1800). Nunca casou.
- Vitoria de Francia, Madame Quatrième (1733–1799). Nunca casou.
- Sofía de Francia, Madame Cinquième (1734–1782). Nunca casou.
- Neno sen nome (1735), nado morto.
- Teresa Felicita de Francia, Madame Sixième (1736–1744). Morreu na infancia.
- Luísa María de Francia, Madame Septième ou Madame Dernier (1737–1787). Nunca casou. Fíxose relixiosa e afastouse da Corte.
Con Pauline Félicité de Mailly-Nesle
[editar | editar a fonte]Con Pauline Félicité de Mailly-Nesle tivo un fillo:
- Carlos Emanuel de Vintimille (1741–1814), alcumado O medio Luís.
Con Marie-Louise O'Murphy
[editar | editar a fonte]Con Marie-Louise O'Murphy, tivo dúas fillas:
- Agatha Luísa de Saint-Antoine (1754-1774), marquesa de La Charce.
- Margarita Vitoria Le Normant de Flaghac (1768-?).
Con Françoise de Châlus
[editar | editar a fonte]Con Françoise de Châlus especulouse que o rei fose o pai dos seus fillos:
- Filipe Luis (1750-1834), duque de Narbonne-Lara.
- Luís María (1755-1813), conde de Narbonne-Lara.
Con María Tareixa Boisselet
[editar | editar a fonte]Con María Tareixa Boisselet, tivo un fillo:
- Charles Louis Cadet de Gassicourt (1769-1821), cabaleiro do Imperio.
Antepasados
[editar | editar a fonte]Predecesor: Lois XIV |
Rei de Francia e de Navarra 1715 – 1774 |
Sucesor: Lois XVI |
Predecesor: Lois XIV |
Copríncipe de Andorra 1715 – 1774 |
Sucesor: Lois XVI |
Filmografía
[editar | editar a fonte]- María Antonieta, raíña de Francia (Jean Delannoy, 1956), interpretado por Aimé Clariond.
- Marie Antoinette (Sofia Coppola, 2006), interpretado por Rip Torn.
- Luis XV, el sol negro, película de TV dirixida por Thierry Binisti. Francia, 2009. Interpretado por Stanley Weber.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2023-12-07.
- ↑ Benedetta Craveri (2008), p. 261.
- ↑ Benedetta Craveri (2005), p.415.
- ↑ Maurice Lever (2002), p. 46.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Lois XV de Francia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Aimé Richardt (2006): Louis XV le mal-aimé. París: Éditions François-Xavier de Guibert. ISBN 978-2-7554-0098-4. Sinopse (en francés)
- Benedetta Craveri (2005): Madame du Deffand y su mundo. Madrid: Ediciones Siruela. ISBN 978-84-7844-834-0. Sinopse (en castelán)
- Benedetta Craveri (2008): Amanti e regine. Il potere delle donne. Milán: Adelphi Edizioni. Gli Adelphi. ISBN 978-88-459-2302-9. Sinopse (en italiano).
- Maurice Lever (2002): Luis XV. Barcelona: Ariel. ISBN 978-84-344-6646-3. Crítica[Ligazón morta] en: Diario El País (Uruguai). Suplememto Cultural. 5/09/2004. (en castelán)
- Joseph Valynseele (1953): Les enfants naturels de Louis XV. Étude critique, biographie, descendance avec de nombreux documents inédits. París: Centre d’études et de recherches historiques.
- Michel Antoine (2004): Le gouvernement et l'administration sous Louis XV: dictionnaire biographique. 2ª ed. París: Éditions du Centre national de la recherche scientifique. ISBN 978-2-908003-24-6.
- Michel Antoine (2006): Louis XV. París: Hachette Littératures. Collection: Pluriel. ISBN 978-2-01-279313-2. Sinopse (en francés)
- Yves Combeau (2012): Louis XV, l'inconnu bien aimé. París: Éditions Belin. ISBN 978-2-7011-5904-1. Sinopse (en francés)