Kira Muratova

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Kira Muratova
Muratova.jpg
Nome completoKira Gueórguievna Korotkova
Nacemento5 de novembro de 1934
 Soroca
Falecemento6 de xuño de 2018
 Odessa
CausaIctus
NacionalidadeReino de Romanía, Unión Soviética e Ucraína
Alma máterInstituto Gerasimov de Cinematografía
Ocupacióndirectora de cine, guionista e actriz
NaiNatalia Isaakovna Scurtu
CónxuxeAleksandr Muratov
PremiosOrden da Amistade, Anniversary medal for the 20 years of independence of Ukraine, Berliner Kunstpreis, People's Artist of the Ukrainian SSR, Order of Prince Yaroslav the Wise, Medal "In Commemoration of the 1500th Anniversary of Kyiv", Alexander Dovzhenko prize, Shevchenko National Prize, honorary citizen of Odessa e People's Artist of Ukraine
editar datos en Wikidata ]

Kira Georgievna Muratova (en ucraíno: Кіра Георгіївна Муратова; en ruso: Кира Георгиевна Муратова), nada en Soroca, Besarabia (actual Moldavia) o 5 de novembro de 1934 e finada en Odesa o 6 de xuño de 2018,[1] foi unha directora, guionista e actriz ucraína de orixe moldava. A súa obra atópase comprendida nas épocas soviética e postsoviética.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Muratova ingresou na carreira de filoloxía da Universidade Estatal de Moscova, mais abandonouna para estudar dirección de cinema na universidade VGIK de devandita cidade.[2] No seu paso por esta universidade tivo a oportunidade de ser discípula de Sergei Gerasimov e outros grandes directores rusos. Licenciouse no ano 1959 e, a partir de 1961, traballou no estudio de cinema de Odesa. Por esa época comezou a definir o que logo foron o seu estilo e os temas máis salientados: a complexidade psicolóxica e emocional das súas personaxes, a coexistencia humana e a vida cotiá da xente común. En 1965 codirixiu o filme Наш честный хлеб co seu esposo Aleksandr Muratov.[3] Durante o réxime soviético foi censurada por considerarse oficialmente que a temática dos seus filmes carecía de «sentido cívico», ata o punto de que as súas dúas primeiras obras, Korotkiye vstrechi (1967) e Dolgie provody (1971), foron prohibidas.[4] A primeira, de escasísima difusión, trata sobre un triángulo amoroso nunha provincia rusa; a segunda, que finalmente viu a luz en 1987, conta a historia dun mozo que abandona a súa nai para saír na procura do seu pai.[5] A pesar da súa sinxeleza e realismo argumental, estas dúas primeiras obras caracterizáronse por unha experimentación inédita para a Rusia dese tempo: exceso na utilización do primeiro plano, existencia de saltos narrativos, independencia entre o audible e o visual, entre outras técnicas pouco habituais no momento. Entre 1971 e a Glasnost, Muratova só rodou dous filmes: Познавая белый свет (1979) e Sredi serykh kamney (1983). En Познавая белый свет, considerada polo crítico de cine ruso Andrei Plakhov como «a obra mestra rusa máis desestimada», Muratova abondonou as técnicas experimentais dos seus filmes previos. A trama trata novamente sobre un triángulo amoroso, limitándose esta vez a acción ao escenario da construción dun novo establecemento, «entre ladrillos, cemento, cemento e roña». Pola súa banda, con Sredi serykh kamney, asinada baixo o pseudónimo de Ivan Sidorov, Muratova continuou a centrarse nunha visión persoal que, se por unha banda, incomodaba os censores soviéticos, por outra, obrigábaos a recoñecer un talento imposible de desestimar. Ofrecéuselle entón a rodaxe dunha adaptación de A princesa Mary de Lermontov, mais o proxecto nunca chegou a realizarse.

Madurez artística[editar | editar a fonte]

Finalizada a censura, en 1987 rodou o filme Перемена участи e, en 1989, unha das súas obras máis transcendentes, Astenicheskiy sindrom.[4] Neste filme, Muratova xoga co contraste branco e negro/cor, atribuíndolle un sentido simbólico na conxuntura política; as súas personaxes, pola súa banda, representan certa narcolepsia colectiva ante esa conxuntura de transición: nese paso ao capitalismo máis salvaxe, a sociedade rusa, segundo Josep Torrell, «non quere deixar pasar o que vén, pero ao mesmo tempo non sabe (ou non pode) facer nada para impedilo». Destácase ademais o coidado extremo polos detalles, unha característica xeral en toda a obra de Muratova, e, especialmente, as escenas —moitas veces mudas— como secuencias cargadas de significados sutís. Muratova tamén inclúe nalgunhas destas escenas homenaxes (como sucede con Lev Tolstoi nunha delas). O filme non estivo exento de controversia, neste caso debido a unha escena secundaria cunha linguaxe que se considerou «obsceno», ata o punto de pedirse á autora (sen éxito) que se suprimise.[6]

O seu seguinte filme, Чувствительный милиционер (1992), non obtivo unha boa crítica, e os seus detractores atopárona demasiado optimista para Muratova; en cambio Uvlechenya, rodada en 1994, gañou o Premio Nika.[5] Este filme, afastado do concepto de «cinema arte» que a autora tentaba desenvolver, é a máis accesible da súa obra. A mesma autora admitiu que, non só se trataba dun «filme superficial», senón que foi feito dese xeito á mantenta.

Tri istorii, rodada en 1997, presenta simultaneamente unha mirada cínica e comprensiva da sociedade moderna. Consta de tres segmentos. A protagonista do segundo deles, que pode ser vista como o personaxe principal de toda a obra, «Ophelia», enfermeira empregada nunha sala de maternidade, constitúe unha referencia á Ofelia de Shakespeare, mediante a cal se potencia a liña argumental que por momentos se achega á temática «hamletiana» do progresivo parecido dos fillos cos seus pais.[5] Ophelia móstrase como o estereotipo da muller débil e vítima. Esta personaxe representa ademais, por momentos, unha caricatura da imaxe que parte do público ten sobre a propia autora. Devandito aspecto ponse en evidencia, por exemplo, na escena en que Ophelia di a outra personaxe que odia os homes, as mulleres e os nenos, e que só goza dos animais.

Trala rodaxe de Второстепенные люди (2001) (gañadora dos premios Lily de ouro e FIPRESCI), en que se mostra como unha muller envelena o seu mozo abusivo e pasea o seu corpo en plena rúa, Muratova dedicouse a planear o filme que, despois de Astenicheskiy sindrom, foi a súa obra de maior repercusión e coa que gañou o premio ruso Aries de Ouro ao mellor director, Chekhovskie motivy (2002). Trátase dunha adaptación marcada polo absurdo da obra dramática Tatiana Repina de Anton Chekhov.[5] A primeira media hora do filme móstrase un estudante insistindo ao seu pai para que lle dea cartos e a nai repetindo unha mesma frase decenas de veces, mentres a atmosfera se vai facendo cada vez máis tensa e sen sentido. Finalmente o fillo decide abandonar o fogar e termina casualmente nunha voda. A seguinte hora de película mostra o proceso de casamento nunha igrexa ortodoxa rusa. A duración da escena no filme pretende respectar o tempo real do representado e cada un dos seus detalles, xerándose unha peculiar situación que introduce o espectador no tedio e o absurdo reinantes. As personaxes e o público viven unha mesma experiencia: a impaciencia das personaxes é a do público, a conciencia de estar a presenciar algo que non se desexa é tamén a conciencia do público, a estupidez das personaxes ao facer algo que non queren pero que se ven obrigados a facer é a estupidez do público. Segundo Ruslan Khanumyan, por outra banda, ao mostrarse os integrantes da cerimonia, ricos e ignorantes, sufrindo con ela e preocupándose por banalidades, Muratova parece estar a denunciar a trivialización da espiritualidade na sociedade rusa.

En 2004, dirixiu e escribiu xunto aos guionistas Sergeii Chetvyortkov e Yevgeni Golubenko, o filme Nastroyshchik, que trata sobre un mozo afinador de pianos que traba amizade con dúas anciás ricas propóndose estafalas. O filme foi ben recibido pola crítica e gañou o premio Nika á mellor dirección e o Lily de Ouro.

O ano seguinte dirixiu Справка, unha curtametraxe de dez minutos escrito por Boris Hersonski e, en 2007, o filme Два в одном, escrito por Yevgeni Golubenko e Renata Litvinova, que gañou o premio Nika ao mellor filme.

En 2009, escribiu e dirixiu un nova filme, Мелодия для шарманки.

Estilo e temática[editar | editar a fonte]

A obra de Muratova, próxima á liña do denominado «cinema triste» xurdido coa Glasnost soviética, móvese entre un nihilismo extremo e un extremo humanismo, e toma como elementos —tanto de estilo cinematográfico como de contido narrativo mesmo— a fealdade, a crueldade e o absurdo.[5]

A fealdade como estética é para a autora unha obsesión que, a diferenza doutros directores obsesionados tamén con devandita forma, nunca tentou mostrar dun xeito refinado, desafiando a audiencia a esquecer as súas propias concepcións de beleza e a aceptar o recibido sinxelamente como é proposto. Ruslan Khanumyan menciona, neste sentido, as imaxes de persoas espidas pouco atractivas ou de aparencia infrecuente. Muratova non busca embelecer o que mostra en tanto tampouco o considera necesariamente negativo.[5]

A crueldade constitúe outro compoñente do seu estilo. Máis aínda que os corpos mutilados de persoas e animais, o elemento que chama a atención é certa crueldade cara ao espectador, certa intención de molestia sempre presente... personaxes que falan nun ton de voz excesivamente agudo ou rindo continuamente e sen razón algunha, accións ou frases repetidas unha e outra vez sen motivo, alternancia brusca na velocidade dalgúns diálogos, personaxes repentinamente agredidas verbal ou fisicamente etc.[5]

O absurdo, pola súa banda, é constante na obra de Muratova. As tramas, ou algunhas escenas, son ás veces surreais; a forma de actuar das personaxes, por momentos, non obedece a lóxica ningunha e a seriedade de determinados feitos interrómpese moitas veces de xeito humorístico.[5]

No estritamente relacionado co contido da súa obra, varios dos seus elementos característicos, como a crítica ao papel tradicional da muller e ao exacerbado rol da familia como institución básica, a crítica á ríxida burocracia rusa e a presentación de personaxes máis preocupadas por ideais utópicos que polo traballo e o «servizo cívico», foron elementos clave para a censura dos seus primeiros traballos.[7] Son características en Muratova as historias sobre xente común e a exploración, sempre entre a realidade e o sensentido, da psicoloxía das súas personaxes, particularmente das femininas.[8][9]

Dende un punto de vista formal, o enfoque estilístico e temático de Kira Muratova é case bipolar. Por momentos as transicións entre escenas son suaves, sofisticadas e agradables en relación, por exemplo, á técnica do movemento da cámara ou á coordinación de cores; noutros casos, esta suavidade desaparece e deixa lugar a unha explosión de cor, unha edición caótica e un xogo de cámaras case de afeccionados. Por momentos Muratova parece ter total control sobre a trama e as personaxes; noutros, parece deixar o filme completamente ao arbitrio da aleatoriedade, saltando entre personaxes e tramas ou deixando liñas narrativas repentinamente en suspenso para que outras tomen o seu lugar en calquera momento da obra.[5]

En conxunto, a súa obra non dá ao espectador os elementos necesarios para defenderse do continuo ataque; os seus fundamentos son a falta de calquera seguridade ou previsión, un forte impacto emocional, a desorientación do espectador e a ausencia deliberada de calquera formalismo.[5]

Filmografía[editar | editar a fonte]

Ano Título Directora Guionista Actriz Notas
1961 У Крутого Яра Si Si Con Aleksandr Muratov
1964 Наш честный хлеб Si como Agapa Con Aleksandr Muratov
1967 Korotkiye vstrechi Si Si como Valentina Ivanovna
1971 Dolgie provody Si
1972 Россия Documental, con Theodore Holcomb
1978 Познавая белый свет Si Si
1983 Sredi serykh kamney Si Renuciou ao filme pola censura política (acreditado a "Ivan Sidorov")
1987 Перемена участи Si Si
1989 Astenicheskiy sindrom Si Si
1992 Чувствительный милиционер Si Si
1994 Uvlechenya Si
1997 Tri istorii Si
1999 Письмо в Америку Si Curtametraxe
2001 Второстепенные люди Si Si
2002 Chekhovskie motivy Si Si
2004 Nastroyshchik Si Si
2005 Справка Si Curtametraxe
2006 Кукла Si Curtametraxe
2007 Два в одном Si
2009 Мелодия для шарманки Si Si
2012 Вечное возвращение. Кастинг Si Si

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Умерла Кира Муратова.
  2. "Biografía de Kira Murátova" (en italiano). Sky.it. Consultado o 11 de xaneiro de 2010. 
  3. Lawton, Anna (2004). Before the fall: Soviet cinema in the Gorbachev years. New Academia Publishing, p. 118.
  4. 4,0 4,1 Torrell, Josep. "Así que pasen treinta años" (en castelán) (74). Madrid: Universidad Complutense de Madrid. Consultado o 11 de xaneiro de 2010. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 5,8 5,9 Khanumyan, Ruslan (agosto de 2003). "Kira Muratova" (en inglés). Senses of cinema. Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2009. Consultado o 12 de xaneiro de 2010. 
  6. Brennan, Sandra. "Kira Muratova Biography" (en inglés). Fandango. Consultado o 12 de xaneiro de 2010. 
  7. Lawton, Anna (2004). Op. Cit., pp. 119-120.
  8. Lawton, Anna (2004). Op. Cit., p. 119.
  9. Condee, Nancy (2009). "Kira Muratova: Melody for a Barrel Organ (Melodiia dlia sharmanki, 2009)" (en inglés). Kinokultura.com. Consultado o 14 de xaneiro de 2010. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Donin [Донин, К. А.]. Кадр за кадром: Кира Муратова. Хроника одного фильма. К.: ООО «Атлант-ЮЭмСи», 2007. 119 с. ISBN 978-966-8968-11-2. (en ruso)
  • Lawton, Anna (2004). Before the fall: Soviet cinema in the Gorbachev years. New Academia Publishing, Washington DC. ISBN 0-9744934-1-4

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]