Jean Bernard Léon Foucault

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jean Bernard Léon Foucault
Jean Bernard Léon Foucault
Datos persoais
Nome completoJean Bernard Léon Foucault
Nacemento18 de setembro de 1819
LugarParís Francia
Falecemento11 de febreiro de 1868 (48 anos)
LugarParís Francia
CausaEsclerose múltiple
SoterradoCemiterio de Montmartre
Residencia Francia
Nacionalidadefrancesa
EtniaPobo francés
Actividade
Campo
  • Física e Astronomía
  • Alma máterCollège Stanislas (París)
    Contribucións e premios
    Coñecido porPéndulo de Foucault
    PremiosMedalla Copley (1855)
    editar datos en Wikidata ]

    Jean Bernard Léon Foucault, nado en París, o 18 de setembro de 1819 e finado na mesma vila o 11 de febreiro de 1868, foi un físico e astrónomo francés.[1]

    É coñecido pola invención do péndulo de Foucault, un dispositivo que demostra o efecto da rotación da Terra. Tamén fixo unha medición inicial da velocidade da luz, descubriu as correntes de Foucault e, malia non o ter inventado, coñécese por nomear o xiroscopio. O cráter Foucault sobre a Lúa e o asteroide 5668 Foucault son chamados deste xeito na súa homenaxe.

    Primeiros anos[editar | editar a fonte]

    Foucault era fillo dun publicitario en París, onde naceu o 18 de setembro de 1819. Logo de recibir a educación básica na súa propia casa, estudou medicina, abandonándoa para se dedicar á física por mor á aversión ao sangue.[2] Primeiro dedicou a súa atención para a melloría das técnicas fotográficas de L. J. M. Daguerre. Durante tres anos foi asistente experimental de Alfred Donné (1801-1878) no seu ciclo de palestras sobre anatomía microscópica.

    Con Hippolyte Fizeau, realizou unha serie de investigacións sobre a intensidade da luz do sol, comparándoa coa de carbono na lámpada de arco e coa de cal na chama do soprete osíxeno-hidróxeno, alén da interferencia da radiación infravermella e de raios luminosos que difiren grandiosamente na lonxitude do camiño óptico e sobre a polarización cromática da luz.

    Traxectoria[editar | editar a fonte]

    En 1850, Foucault fixo un experimento co aparello de Fizeau-Foucault para medir a velocidade da luz, que veu ser coñecida coma experimento de Foucault-Fizeau. Tal experimento foi visto como "o último" na teoría corpuscular da luz, de Newton, pois mostrou que a luz viaxa máis amodo na auga que no ar.[3]

    En 1851, fixo a primeira demostración experimental da rotación da Terra en torno ao seu eixo (ver Rotación da Terra). O experimento foi feito por medio da rotación do plano de oscilación dun péndulo longo e pesado suspenso libremente, no Panteón de París. A experiencia causou sensación en todas as teorías vixentes. No ano seguinte, utilizou (e nomeou) o xiroscopio como a comprobación experimental conceptualmente máis simple. En 1855, recibiu a Medalla Copley[4] da Royal Society por "notábeis investigacións experimentais" Pouco antes, no mesmo ano, foi nomeado physicien (físico) do Observatorio Imperial de París.

    En setembro de 1855, descubriu que a forza necesaria para a rotación dun disco de cobre aumenta cando o disco xira co seu bordo entre os polos dun imán, ao mesmo tempo que o disco se torna quecido polas "correntes de Foucault" inducidas no metal.

    Diagrama dunha variante do experimento de Foucault sobre a velocidade da luz, no que un raio láser moderno é a fonte de luz.

    En 1857, Foucault inventou o polarizador que leva o seu nome, e no ano seguinte creou un método para investigar espellos de telescopios reflectores, co obxectivo de determinar o seu formato.[5][6] O chamado "test de Foucault" permite que o fabricante descubra se o espello é perfectamente esférico ou posúe un desvío non esférico, a través da imaxe formada polo espello. Antes de Foucault publicar as súas descubertas, os tests de reflexión de espellos de telescopios eran só “tentativas".

    O test de Foucault determina o formato dun espello a partir das lonxitudes focais das súas áreas, comunmente chamados zonas e medidos a partir do centro do espello. O test concentra a luz dunha fonte puntiforme no centro de curvatura e reflíctea de volta cara a unha fenda. O test permite ao usuario unha análise cuantitativa da sección cónica do espello, permitindo así avaliar o seu formato real, necesario para obter un sistema óptico de boa calidade. O test de Foucault é utilizado até hoxe, principalmente por pequenos fabricantes de telescopios comerciais, porque é barato e utiliza equipamentos simples e manuais.

    Foi co espello rotativo de Charles Wheatstone como Foucault, en 1862, determinou a velocidade da luz, sendo igual a 298,000 km/s (arredor de 185.000 mi/s) – 10.000 km/s menor que a obtida polos investigadores anteriores e só 0,6% menor que o valor actualmente determinado.

    Últimos anos[editar | editar a fonte]

    Nese ano, Foucault foi electo membro do Bureau des Longitudes e membro oficial da Légion d'Honneur. En 1864, foi electo membro da Royal Society de Londres, e no ano seguinte membro da parte mecánica do Instituto. En 1865, apareceron artigos propondo unha modificación no gobernador centrífugo de Watt, que fora estudado hai algún tempo co obxectivo de tornar o seu período de revolución constante, alén dun novo aparello para regular a luz eléctrica. Nese ano (Comptes Rendus LXIII), mostrou que, a través da precipitación dun filme de prata fino e transparente sobre o lado externo do obxectivo de vidro dun telescopio, o Sol pode ser observado sen causar dano aos ollos. Os seus traballos científicos pódense atopar no Comptes Rendus, 1847-1869.

    Morte e homenaxes[editar | editar a fonte]

    Túmulo de Jean Bernard Léon Foucault no cemiterio de Montmartre.

    Probabelmente Foucault morreu de esclerose múltiple axiña desenvovida,[7] no 11 de febreiro de 1868, en París, e foi soterrado no Cemiterio de Montmartre.

    Notas[editar | editar a fonte]

    1. A+E Television Networks, LLC. "Jean Foucault biography". Bio. True Story. Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2012. Consultado o 14 de febreiro de 2013. 
    2. Modelo:CathEncy
    3. David Cassidy, Gerald Holton, James Rutherford (2002). Understanding Physics. Birkhäuser. ISBN 0387987568. 
    4. "Copley Medal". The Royal Society. Consultado o 14 de febreiro de 2013. 
    5. L. Foucault, "Description des procedes employes pour reconnaitre la configuration des surfaces optiques" [Description of the methods used to recognize the configuration of optical surfaces], Comptes rendus hebdomadaires des séances de l'Academie des Sciences, Paris, vol. 47, pages 958-959 (1858).
    6. L. Foucault, "Mémoire sur la construction des télescopes en verre argenté" [Memoir on the construction of reflecting telescopes], Annales de l'Observatoire impériale de Paris, vol. 5, pages 197-237 (1859).
    7. W. Tobin, The Life and Science of Léon Foucault, Cambridge University Press (2003).

    Véxase tamén[editar | editar a fonte]

    Outros artigos[editar | editar a fonte]

    Bibliografía[editar | editar a fonte]

    Lectura adicional[editar | editar a fonte]

    • Amir D. Aczel, Pendulum: Léon Foucault and the Triumph of Science, Washington Square Press, 2003, ISBN 0-7434-6478-8
    • Umberto Eco, Foucault's Pendulum (trans. William Weaver). Secker & Warburg, 1989.
    • William Tobin, Perfecting the Modern Reflector. Sky & Telescope, outubro de 1987.
    • William Tobin, Léon Foucault. Scientific American, xullo de 1998.
    • William Tobin, The Life and Science of Léon Foucault: The Man who Proved the Earth Rotates. Cambridge University Press, 2003. ISBN 0-521-80855-3