Isabel Oyarzábal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Isabel Oyarzábal
Isabel-oyarzabal-kmPD-U501199418567FCC-624x385@Diario Sur.jpg
AlcumeBeatriz Galindo, Isabel de Palencia e Isabel O. de Palencia
Nacemento1878 e 12 de xuño de 1878
 Málaga
Falecemento1974 e 28 de maio de 1974
 Cidade de México
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónxornalista, escritora, diplomática, actriz, sufraxista, tradutora e editora literaria
editar datos en Wikidata ]

Isabel Oyarzábal Smith, nada en Málaga o 12 de xuño de 1878 e finada en Cidade de México o 28 de maio de 1974, foi unha tradutora, xornalista, escritora e actriz española. Foi, ademais, a primeira diplomática do goberno de España.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi a terceira filla de Juan Oyarzábal Bucelli, malagueño de orixe vasca, e da escocesa Ana Smith-Guthrie. Pertenceu a unha familia burguesa, o que lle permitiu acceder a unha formación intelectual profunda. Comezou os seus primeiros estudos no colexio La Asunción e recibiu unha educación católica.[2] Debido á súa orixe británica por parte materna, tivo un contacto continuo cos costumes e a cultura de Gran Bretaña a través das continuas viaxes ao país, tanto na infancia como xa na idade adulta. Estas viaxes fixeron de Oyarzábal unha muller adiantada ao seu tempo, independente e inconformista cos costumes castizos de España, os cales non permitían o avance social e cultural da poboación.

En 1905 trasladouse a Madrid para traballar como actriz de teatro na compañía de María Tubau e Ceferino Palencia co sobrenome de Isabel Aranguren. A través deste traballo coñeceu a Ceferino Palencia Álvarez-Tubau, avogado, pintor e diplomático. Casaron o 6 de xullo de 1909 e tiveron dous fillos, Ceferino (1910) e María Isabel (1914). O matrimonio trasladábase continuamente por motivos laborais. Viviron en Suecia, Finlandia ou nos EUA. En 1939 exiliáronse en México polas súas ideas republicanas.

Isabel nunca chegou a distanciarse totalmente da súa Málaga natal. Porén, a súa estadía en Madrid permitiulle gozar do axitado ambiente cultural da época. Participou en faladoiros e outros actos culturais e relacionouse con persoeiros das artes e as letras, con quen tivo a oportunidade de pór en común os seus intereses culturais, sociais e políticos.

Memorias[editar | editar a fonte]

En 1940, unha editorial estadounidense publicou as súas memorias en inglés. Porén, non foron editadas en castelán até 2011, co título de "Hambre de libertad. Memorias de una embajadora republicana", traducidas por Andrés Arenas y Enrique Girón.[3]

Traxectoria profesional[editar | editar a fonte]

Isabel, unha muller moi culta e formada, traballou en distintos campos. Foi profesora de español en Sussex, Inglaterra, correspondente de publicacións inglesas como Laffan News Bureau ou The Standard, e tradutora de obras literarias como Silas Marner, de George Eliot. Tamén foi escritora, intérprete en organismos como o Instituto Internacional de Estatística e desempeñou postos políticos, entre outras ocupacións.

En 1907 fundou a primeira revista exclusivamente feminina de España, xunto coa súa irmá Ana e a súa amiga Raimunda Avecilla, La Dama y La Vida Ilustrada[4], en activo durante catro anos. A partir desta primeira experiencia, Isabel colaborou en revistas e diarios como Blanco y Negro, El Heraldo, Nuevo Mundo, La Esfera, El Sol, El Día, Elegancias, La Voz de Madrid ou Cosmópolis.[5] Nos artigos trataba, sobre todo, temas relacionados co papel da muller na sociedade, a reivindicación dos seus dereitos (especialmente, o dereito ao sufraxio) ou cuestións sociais, como o estado da sanidade e a educación españolas. Normalmente, asinaba como Beatriz Galindo ou como Isabel de Palencia ou Isabel O. de Palencia.[6] Os seus artigos foron o mellor instrumento que tivo para difundir as súas ideas. Esencialmente, buscaba o avance da sociedade, como sucedía noutros países.

Impartiu numerosas conferencias en España e tamén noutros países, como os EUA, Francia, Suíza, o Reino Unido, Noruega, Suecia, Finlandia ou México. Estas versaban sobre dous temas fundamentais. Por unha banda, analizaba aspectos da cultura española para a súa mellora, mentres que por outra centrábase na defensa dos dereitos da muller e dos sectores sociais máis desfavorecidos. As opinións de Isabel eran moi apreciadas entre os círculos progresistas, mais demasiado avanzadas entre os máis conservadores.

As súas ideas progresistas e republicanas permitíronlle desempeñar diversos cargos durante a II República española.[7] Afiliada ao PSOE e a UXT, en 1931 foi candidata socialista ás Cortes constituíntes. Dous anos despois converteuse na primeira muller inspectora de traballo en España, tras aprobar a oposición. Tamén foi representante de España na Sociedade de Nacións en Xenebra, Suíza e embaixadora de España en Suecia e posteriormente en Finlandia.[8]

Ao comezar a Guerra Civil completou un ciclo de conferencias por 42 cidades dos EUA e Canadá solicitando apoio á República. En 1939, rematada a guerra, exiliouse xunto á súa familia na Cidade de México. Alí seguiu escribindo até o seu pasamento o 28 de maio de 1974.[5]

No ámbito artístico, Isabel realizou papeis en obras de teatro, como Mater Dolorosa, Echar la llave, La Vicaría ou Las alegres comadres, entre outras. O contacto con actores e actrices inglesas permitiulle dar varias conferencias en España sobre o teatro en Gran Bretaña. A súa produción literaria inclúe contos, libros folclóricos, biografías, pezas teatrais e novelas. Amais, traduciu numerosas obras inglesas, como as de Jane Austen, Mary Ann Evans ou Arthur Conan Doyle, entre outros.

Loita feminista e social[editar | editar a fonte]

Foi unha muller moi comprometida coa loita feminista. O contacto con feministas británicas como Eunice Murray ou Charlotte French contribuiu para as súas reivindicacións no territorio nacional. Foi membro de numerosas asociacións feministas, como a Asociación Nacional de Mujeres Españolas (ANME), que chegou a presidir; o Consejo Supremo Feminista de España, a Liga Femenina Española por la Paz y la Libertad, a Agrupación Femenina Socialista ou o Comité Nacional da Unión de Mulleres Antifascistas. En 1926, amais, foi cofundadora do Lyceum Club Femenino.

O seu activismo tivo gran sona tanto no plano nacional como internacional. As súas ideas foron difundidas a través de publicacións e conferencias en numerosos países. Loitou por que a sociedade recoñecese o papel da muller, os seus dereitos e liberdades, a súa intelixencia e a súa capacidade para o traballo. Así mesmo, reivindicou intensamente o sufraxio feminino, xunto con figuras como Clara Campoamor.

En 1926, tivo a oportunidade de coñecer un ateneo obreiro cando foi convidada a dar unha conferencia sobre a educación das mulleres na Casa do Pobo. En 1930 converteuse na única muller da Comisión Permanente sobre Escravitude da Sociedade de Nacións. Acudiu ao Congreso da Alianza polo Sufraxio Universal en Xenebra, Suíza, e en 1935 foi delegada sindical de UXT na XIX Conferencia Internacional da Organización Internacional do Traballo.

O activismo de Oyarzábal enmárcase no contexto social da súa idade adulta, rodeada doutras intelectuais feministas como Clara Campoamor, María de Maeztu, Carmen de Burgos ou Margarita Nelken. Isabel, xunto a Julia Peguero e a Benita Asas Manterola, chegou a reclamarlle en persoa a Miguel Primo de Rivera o sufraxio feminino en 1923.[9]

Obra[editar | editar a fonte]

Produción literaria[editar | editar a fonte]

  • El alma del niño. Ensayos de psicología infantil (1921): Carmen Servén, na súa recensión na Revista de Hispanismo, di sobre a obra que "El alma y el niño é produto das inquietudes pedagóxicas dunha muller que vive o ambiente renovador dos anos vinte. Isabel Oyarzábal procurou contribuír á mellora educativa do país e participou na procura de solucións progresistas. A obra describe e enumera desde un punto de vista experimental as calidades e as virtudes, mais tamén os defectos e os vicios infantís desde a máis temperá idade. Ao mesmo tempo, facilita suxestións e consellos aos pais e educadores para que poidan tratalos e canalizalos ao seu debido tempo, todo iso procurando estabelecer a mellor comunicación entre educadores e educandos. O método de análise manexado pola escritora malagueña combina os propios da psicoloxía experimental e naturalista, en auxe neses anos, co que hoxe coñecemos como psicoloxía evolutiva, para a que desempeña un papel de suma importancia no desenvolvemento cognitivo e emocional do neno un ámbito familiar acolledor e estábel, no que se xestionan as emocións e os impulsos mediante a linguaxe. En definitiva, El alma del niño proporciona aos pais e educadores unhas pautas de observación que a propia autora confesa pór en práctica cos seus fillos. En todo momento suxire evitar o castigo, as reprimendas e a violencia ante as mostras infantís dalgúns dos defectos tratados; propugna o razoamento dialogado, a paciencia e a comprensión; admite que é positivo descender ao nivel dos nenos ao falar con eles, e en calquera caso, aconsella mostrarlles amor, seguridade e protección. Así, as propostas pedagóxicas de Isabel Oyarzábal concordan coas premisas dos ideólogos krausistas, que penetraran no país desde finais do século XIX e que conseguirían alcanzar os máximos resultados grazas á Institución Libre de Enseñanza".

A edición inicial deste tratado de 1921 incluía un prólogo de José Ortega Munilla e viña avalada por un apartado de xuízos críticos por parte de María de Maeztu, Benita Asas Manterola e José Francos Rodríguez. Hai unha segunda edición do texto publicada en México por Edicións Aztlán (1958). Porén, ambas son dificilmente accesíbeis hoxe en España.

  • El sembrador sembró la semilla. Madrid: Rivadeneyra (1923).
  • El traje regional en España. Su importancia como expresión primitiva de los ideales estéticos del país, Madrid: Voluntad, (1926).
  • I must have liberty, Nova York: Longmans, Green & Co. (1940).
  • Juan, son of the fisherman, Nova York: Longmans, Green & Co. (1940).
  • Saint Anthony´s pig, Nova York, Longmans: Green & Co. (1940).
  • Diálogos con el dolor. Ensayos dramáticos y un cuento, México: Editorial Leyenda, Colección Atalaya (1944).
  • Smouldering Freedom: The Story of Spanish Republicans in Exile, Nova York: Longmans, Green & Co. (1945).
  • Alexandra Kollontay: Ambassadress from Russia, Nova York: Longmans, Green & Co. (1947).
  • Del diario comer. Cocina hogareña, México: Editorial Patria (1951).
  • En mi hambre mando yo, México: Libro Mex Editores (1959).

Obras traducidas[editar | editar a fonte]

  • Irving, H., El teatro tal cual es y el arte de representar, Madrid, R. Velasco (1905).
  • Havelock Ellis, H., Estudios de psicología sexual, Madrid, Ed. Reus (1913).
  • Eliot, G., Silas Marner, Madrid, Calpe (1919).
  • Conan Doyle, A., La nueva revelación, Madrid, Ed. Pueyo (1920).
  • Austen, J., La abadía de Northanger, Madrid, Tip. Renovación (1921).
  • Broughton, R., Como las flores: novela, Madrid, Rivadeneyra, (1922).
  • Merrel, C., Julia aprovecha la ocasión, Madrid, Rivadeneyra, (1929).
  • Hackett, F., El Rey Barba Azul: Enrique VIII y sus seis mujeres, Madrid, Ed. España, Sucesores de Rivadeneyra, (1931).
  • Westermarck, E., Historia del matrimonio, Madrid, Ed. España, (1932).
  • Maupassant, G. de, El buen mozo, México, Ed. Leyenda, (1945).
  • Rossi Lodome, V. e Matricardi, F., La cuchara de plata: libro de cocina, México, Uteha, (1965).
  • Brandon, M., Violeta y la vida por amor, Madrid, V. H. Sanz Calleja, s. f.

Obras inéditas[editar | editar a fonte]

  • Amellany. Obra depositada no Arquivo Nacional de Cataluña.
  • Colibrí. Resumo dunha película por Isabel de Palencia. Obra rexistrada na Unión Nacional de Artistas de México.
  • El gran delito. Obra depositada na Unión Nacional de Artistas de México.
  • El vendedor de humo. Obra rexistrada na Unión Nacional de Artistas de México.
  • Final de mujer. Obra rexistrada na Unión Nacional de Artistas de México.
  • La güera Rodríguez. Argumento cinematográfico inspirado na obra do mesmo nome, orixinal de Artemio de Arizpe, María Ignacia Rodríguez. Obra rexistrada na Unión Nacional de Artistas de México.
  • La historia del ballet. 140 cartillas y un prólogo. Obra rexistrada na Unión Nacional de Artistas de México.
  • La joven América. Obra rexistrada na Unión Nacional de Artistas de México.
  • La mulata de Córdoba. Obra rexistrada na Unión Nacional de Artistas de México.
  • Lo que lleva al mar o sangre del mar. Drama original en tres actos y un cuadro plástico. Obra rexistrada na Unión Nacional de Artistas de México.
  • Los muñecos del señor Desiderio. Obra rexistrada na Unión Nacional de Artistas de México.
  • Mujeres en la historia y en la leyenda. Obra rexistrada na Unión Nacional de Artistas de México.
  • Mujeres mexicanas en la historia… Obra rexistrada na Unión Nacional de Artistas de México.
  • Sor Juana Inés de la Cruz. Obra rexistrada na Unión Nacional de Artistas de México.
  • Un beso a tiempo. Obra rexistrada na Unión Nacional de Artistas de México.
  • Yunque y martillo o semillas de odio. Resumo dunha película por Isabel de Palencia. Obra rexistrada na Unión Nacional de Artistas de México.

A recuperación da súa figura[editar | editar a fonte]

As investigacións sobre a vida e obra de Oyarzábal foron en aumento. Un dos fitos na recuperación da súa figura foi incluír unha páxina dedicada a ela no catálogo de autores da Biblioteca Virtual Cervantes. A cargo dela estivo a profesora de literatura da Universidade de Málaga, Amparo Quiles Face, unha das investigadoras que máis estudou a figura da malagueña. A páxina inclúe ligazóns directas a gran parte das súas obras, unha liña cronolóxica sobre a súa vida persoal e profesional, unha galería de imaxes e unha bibliografía ampla e actualizada sobre os traballos relacionados coa súa figura.

En 2017 a directora teatral Blanca Baltés levou ao escenario do Teatro María Guerrero a obra Beatriz Galindo en Estocolmo. Nela buscaba homenaxear a Isabel Oyarzábal como intelectual feminina da España de inicios do século XX.[10]

En xullo de 2018, a Asociación “Herstóricas. Historia, Mujeres y Género” e o Colectivo “Autoras de Cómic” crearon conxuntamente un proxecto cultural e educativo para visibilizar a achega histórica das mulleres á sociedade e reflexionar sobre a súa ausencia. Este proxecto consistía nun xogo de cartas, unha delas dedicada a Oyarzábal.[11][12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Isabel Oyarzábal Smith en el Cervantes Virtual". 
  2. Quiles Faz (2002), pp. 683-687.
  3. "Rescatadas las memorias de la diplomática Isabel Oyarzábal". El Mundo. 8 de junio de 2011. 
  4. Bados Ciria, C. (2010), pp. 15-44
  5. 5,0 5,1 Bados Ciria, Concepción. "Isabel Oyarzábal de Palencia (1878-1974)". escritorasenlaprensa.es (en castelán). Consultado o 14 de outubro de 2021. 
  6. Quiles Faz, A. (2013). Mujer, voto y libertad: textos periodísticos de Isabel Oyarzábal Smith. Sevilla: Renacimiento. 
  7. "Oyarzábal Smith, Isabel". fpabloiglesias.es (en castelán). 2011. Consultado o 14 de outubro de 2021. 
  8. Paz Torres, O. (noviembre 2008). Isabel Oyarzábal Smith and her role in the league of nations committe of expertos slavery (1934-1938). Ginebra: US Nations. Revue des fonctionnaires internationaux de l´Onug, 678. 
  9. Valdés, Isabel (27 de xaneiro de 2018). "La burguesita indecorosa que se sentó en la ONU y fue embajadora en Finlandia". /elpais.com (en inglés). Consultado o 14 de outubro de 2021. 
  10. García Garzón, Juan Ignacio (12 de febreiro de 2018). "«Beatriz Galindo en Estocolmo»: me quito el sombrero, señoras". abc.es (en castelán). Consultado o 14 de outubro de 2021. 
  11. "Participa en el Crowdfunding "Herstóricas Pioneras" en Verkami" (en castelán). Consultado o 18 de novembro de 2019. 
  12. Madridiario. "Paseos urbanos con historia y mirada feminista" (en castelán). Consultado o 18 de novembro de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bados Ciria, Concepción (2010). "Isabel Oyarzábal, editora y redactora: La Dama y la Vida Ilustrada". En Bernard, Margherita; Rota, Ivana. En prensa. Escritoras y periodistas en España (1900-1939) (en castelán). Bérgamo: University Press. pp. 15–43. ISBN 978-88-96333-65-5. 
  • Quiles Faz, A. (2002). "Isabel Oyarzábal Smith". En Cuevas García, Cristóbal. Diccionario de escritores de Málaga y su provincia (en castelán). Madrid: Castalia. pp. 683–687. ISBN 9788497400367.