Asociación Nacional de Mujeres Españolas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Asociación Nacional de Mujeres Españolas (ANME) foi unha asociación en prol dos dereitos das mulleres e do sufraxio feminino en España. Estivo activa durante o primeiro terzo do século XX, desde 1918 até 1936.

Historia[editar | editar a fonte]

Foi fundada por Consuelo González Ramos, María Espinosa de los Monteros e Elisa Soriano Fisher[1][2] en Madrid en novembro de 1918. Malia estar centrada en Madrid, admitía socias de todo o Estado español.

En 1919 contribuíu á formación do Consejo Supremo Feminista de España. Achegou a súa acción á doutros grupos xa constituídos. En total, federáronse cinco agrupacións: Sociedad Progresiva Femenina e La Mujer del Porvenir, de Barcelona, Sociedad Concepción Arenal e Liga para el Progreso de la Mujer, de Valencia, amais da propia ANME.

Nos seus inicios, tanto a ANME como o Consejo foron liderados pola empresaria María Espinosa de los Monteros. En outubro de 1920 foi sucedida pola até entón vicepresidenta Dolores Velasco. Nesa data separáronse a dirección da ANME e a do Consejo Feminista de España. Este último ficou presidido por Isabel Oyarzábal Smith, vogal da ANME. No seu seo naceu a Juventud Universitaria Femenina en 1919.

Nunca contou co apoio de partidos políticos nin de xerarquías eclesiásticas, e sempre se mantivo coas cotas das súas asociadas. As reunións celebrábanse nas casas das dirixentes, xa que tampouco tiña un local de seu. Porén, durante un curto tempo mantivo un local social, compartido coa Juventud Universitaria Femenina, na carreira de San Jerónimo.

O desenvolvemento da asociación está plasmado en Mundo Femenino, revista publicada entre 1921 e 1936. Estaba dirixida pola mestra de escola pública Benita Asas Manterola, presidenta dende 1924 até 1932. Ese ano foi relevada pola tamén mestra Julia Peguero Sanz até 1936, xa que a asociación disolveuse durante a Guerra Civil.

O brazo político: Acción Política Feminista Independiente[editar | editar a fonte]

Dende 1934, a ANME manifestou a intención de que a causa feminista se articulase como partido político. Así, fundou a Acción Política Feminista Independiente, que tentaría sen éxito integrarse na Fronte Popular en 1936. Malia pensaren en presentar unha candidatura propia, finalmente descartárono para non restárenlle votos á esquerda.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. http://mujericolas.blogspot.com.es/2013/09/elisa-soriano-fisheruna-de-las.html Consultado o 20 de xaneiro de 2016
  2. [Ligazón morta] o 20 de xaneiro de 2016

Bibliografía[editar | editar a fonte]